Novas

Vázquez Portomeñe falará sobre O Camiño de Santiago en Paradela

O avogado e político Victor M. Vázquez Portomeñe participará na programación do Bicentenario de Paradela cunha conferencia sobre O Camiño de Santiago, que se celebrará o próximo 25 de novembro, venres, ás 19,00 h. Presentará ao conferenciante  o profesor Antonio Calvo Varela, estando ambos acompañados por José Manuel Mato Díaz, Alcalde de Paradela.

Non é que Portomeñe redescubrise o Camiño de Santiago, pero si que desde a Xunta de Galicia, como Conselleiro, impulsou o Camiño no que cría e cre decididamente como elemento primordial para a potenciación da imaxe de Galicia no exterior, e como unha fonte practicamente inesgotable de riqueza -material e espiritual- para o país.

O punto de partida da acción conxunta da Xunta de Galicia e concellos na impulsión do Camiño hai que buscalo nunha xuntanza presidida polo conselleiro Portomeñe no Concello de Paradela, hai 29 anos, na que participaron os alcaldes do Camiño, representantes da Igrexa e xente relacionada coa investigación histórica, na que se acordou poñer en marcha unha serie de accións para dar o coñecer o Camiño Francés a Compostela, e difundilo para conseguir que se convertese de novo na gran vía de conexión de Galicia coa Europa occidental. De todos os que aparecen na foto, o único que permanece na política activa é o Alcalde de Paradela.

A conferencia, que terá lugar no Centro sociocultural Manuel Rodríguez López será de entrada libre ata completar o aforo, invitándose especialmente a quen queira coñecer de primeira man a xénese e primeiros tempos da promoción do Camiño de Santiago en Galicia

Fraga, contra reloxio!

De Fraga chamou sempre a atención dos que coincidíamos con el en celebracións e actos de todo tipo, a súa velocidade, como querendo aproveitar – dominar – o reloxio, como se fose consciente en todo momento de que o tempo se nos vai, e hai que aproveitalo ao segundo… E de repente, no seu centenario, lembro tres – para min – especiais “tempos”con el, en Lugo, Begonte e Vilalba.

En Lugo…

Abril de 1990. A Peña de Amigos de San Roque que presidía José Serafín Pena Souto quixo render homenaxe a Xoan Montes, con busto daquela os xardíns do barrio, e eu colaborei como secretario de  organización. Nun dos actos participou Manuel Fraga, Presidente da Xunta, e os membros da organización e autoridades tiñan previsto chegar uns minutos antes do comezo da celebración para recibir ao Presidente. Por se acaso, como teño por costume, adianteime máis de media hora.
Trinta e cinco minutos antes da hora prevista para o comezo, apareceu o Presidente Fraga sen ninguén con máis representación ca min para atendelo. Extrañado de que non houbese ninguén máis, preguntoume que podíamos facer, coa boa sorte de que apareceu un grupo de señoras de idade – menor que a que teño eu hoxe – entusiastas de Fraga, que o rodearon e comezaron a preguntar cousas e facer observacións. Non se me ocorreu outra cousa que trasladar ao grupo, espontáneo pero compacto, a un bar da mesma praza, onde pasaron na mellor das harmonías o tempo que faltaba para a recepción oficial do Presidente.

Pregoeiro en Begonte

A segunda, en 1992, comezo do mes de decembro, Manuel Fraga pregoeiro do Nadal begontino na igrexa parroquial, ás seis da tarde. Da Radio Galega avisaron previamente que ás seis e cinco, despois do informativo, entrarían en directo para transmitir o pregón. Perfecto.
Antes das seis menos cuarto chegou Fraga, e recibímolo o Alcalde, o párroco e máis eu. Presentámoslle aos que estaban para recibilo, e como facía frío, entramos na Igrexa. Eran as seis menos dez e preguntoume cando empezabamos… respondinlle que estaba posto para as seis, e procurarimos ser o más puntuais posible.
Ás seis menos cinco sinaloume repetidamente o seu reloxio co índice esquerdo e eu respondinlle cun xesto de desolación indicando que no meu faltaban cinco minutos, e funcionaba ben.
Ás seis xa lle entendín o sinal de que ou empezábamos ou se levantaba, polo que puntualmente comecei cos prolegómenos, falando dos vinte anos do Belén (Agora son 50), a súa traxectoria, a lembranza do fundador e do creador, a Coral que ía cantar – naturalmente, a Polifónica de Vilalba – e a singular traxectoria do Pregoeiro do Nadal. Nunca souben se a Radio Galega chegou a tempo ou non. Fixen o que puiden.

No Certame de Vilalba

En Vilalba non é unha ocasión determinada senón numerosos 30 de agosto, desde 1975 celebración do pregón das festas e culminación do Certame Literario.
Se a cita era ás sete, había que chegar ás seis e media porque Don Manuel, que viña da súa casa na que os vellos chamamos “A carretera”, chegaba sempre moi cedo. “Hola, presentador”, era o seu saúdo. Non eran as autoridades o que o recibían, senón que na práctica era Fraga, con mando en praza (fose cal quixer o cargo que ostentase) quen recibía a invitados e autoridades. E quería empezar os actos cando aínda non chegaran os principais actuantes, a pesar de que estes contaban con chegar con tempo abondo.
En Vilalba o problema era menor porque nunca faltaban vellos ou novos coñecidos, de todas as clases sociais, que querían aproveitar a ocasión para estreitar a súa man. En Vilalba a súa paciencia era proverbial, e resistía presentacións, actos, saúdos, pregóns… con estoicismo exemplar. Só unha vez abandonou o local mediado o pregón, porque ao pregoeiro, gran amigo del por certo, se lle ocorreu percorrer teoricamente a historia da música, acompañando a oratoria con fragmentos  musicais de todos os tempos que soaban nunha sala ateigada de atónitos asistentes.                                                                               
Cando iban arredor de tres cuartos de hora da conferencia, Don Manuel cansou e deixou ao amigo coa palabra na boca, e como dixo Cervantes “miró al soslayo, fuese y no hubo nada”. O pregón durou tres cuartos de hora máis.
Aínda me parece estar escoitando os firmes pasos dos zapatóns de Fraga no piso de madeira do salón. Hoxe, cumpriría cen anos.

— 

Xulio Xiz

O xoves estrease nos cines Codex o documental “10 de Marzo” do director galego Roi Cagiao

Mañá xoves, estrease nos cines Codex o documental “10 de Marzo” do director galego Roi Cagiao que afonda nos sucesos acontecidos en 1972 no estaleiro ferrolá de Bazán. A raíz da negociación do convenio da Bazán Ferrol os traballadores do estaleiro saen en manifestación o 10 de marzo de 1972. En plena ditadura, a Policía Armada tenta interceptar a marcha, e ante a resistencia dos obreiros dispara sobre a manifestación, co resultado de ducias de feridos e dous traballadores mortos. O filme aborda todo o proceso de penetración das comisións obreiras e do partido comunista dentro do estaleiro Bazán, as tensións na negociación do convenio, os acontecementos dos días 9 e 10 de marzo e a repercusión internacional dos mesmos. Logo da proxección haberá un coloquio con parte do equipo que fixo o documental, no que poderán intervir os espectadores e espectadoras que acudan a proxección.

E a partir do venres os espectadores dos Codex Cinema poderán gozar do filme   “Abrázame Forte”. Unha película francesa que ven precedida de críticas moi favorables, do director  Mathieu Amalric.

O filme describe o mundo de Clarisse que xoga coa súa memoria mentres mira as Polaroids da súa familia. Está soa nunha habitación de hotel. Un día decide marchar, deixando atrás ao seu marido Marc e ós seus fillos. A súa filla segue tocando as súas escalas no piano do salón e o seu marido e fillo seguen xantando xuntos. Aparentemente, a súa vida cotiá segue con normalidade na súa ausencia, como se ela non marchara. Mentres, Clarisse vaga soa por recónditos camiños de Francia.

Arde por completo unha casa abandonada en A Fonsagrada

Os feitos sucederon no lugar da Pedra, na parroquia de Freixo.

O 112 Galicia tivo coñecemento do incendio a través dos voluntarios de Protección Civil da Fonsagrada, ao fío das 10:00 horas. Segundo indicaron, no lugar se atopaban varios operarios do Concello cunha motobomba para extinguir as lapas. Engadían que descoñecían si algunha persoa podía atoparse no interior.

Con estes datos, o persoal do 112 Galicia puxo a situación en coñecemento dos Bombeiros de Sarria,  da Garda Civil e de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Segundo deron conta os membros de Protección Civil ao 112 Galicia, ningunha persoa se atopaba no interior do inmoble e tamén indicaron que o teito da vivenda colapsara.

Pola súa banda, os Bombeiros de Sarria sufocaron o lume e levaron a cabo tarefas de arrefriamento nas zonas afectadas. Ademais, aseguraron a casa ante a posible caída dalgún cascallo.

112 operarios e 64 máquinas compoñen o dispositivo na rede viaria da Deputación este inverno

Este martes presentouse na Fonsagrada o Plan de Vialidade Invernal despregado polo organismo provincial para a temporada 2022-2023.

Xunto cos recursos, a Deputación ten contratadas 8 empresas para labores de conservación e mantemento co fin de facerlle fronte coa maior eficacia e rapidez posibles ás incidencias que poidan provocar as inclemencias meteorolóxicas nos 4.217 quilómetros de estradas provinciais.

O dispositivo está composto por 112 operarios e 48 máquinas, ademais de 12 silos que a institución provincial ten distribuídos por toda a provincia e que dispoñen dun total de 420 toneladas de sal de mina.

O Plan de Vialidade Invernal da Deputación divídese en 8 zonas, todas dotadas con medios suficientes para facer fronte coas maiores garantías posibles ás emerxencias que poidan xurdir. Dos 4.217 quilómetros de estradas, a metade están situados a máis de 600 metros de
altitude sobre o nivel do mar, co que iso supón de maior incidencia das inclemencias meteorolóxicas.

 

Lara Méndez anuncia novos dispositivos de vixilancia contra a ocupación ilegal

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, dispuxo hoxe coa Subdelegación do Goberno o incremento dos dispositivos coordinados de vixilancia para disuadir e atallar as ocupacións ilegais de vivendas na cidade.

A rexedora mantiña un novo encontro esta mañá con Isabel Rodríguez e os responsables da Policía Local e Nacional para planificar os operativos “cos que pretendemos atallar a conflitividade social que algúns destes casos están xerando na capital e nos que a entrada nos inmobles está relacionada directamente co tráfico de drogas”, explicou Méndez.

A alcaldesa referiu que a Administración municipal está actuando xa “con intervencións permanentes, das que cada semana facemos un seguimento nas xuntanzas que manteño todos os martes co Intendente Jesús Piñeiro, como máxima responsable da Policía Local. Trátase de accións que se realizan de forma programada co resto de Corpos e Forzas de Seguridade do Estado para darlles apoio e que abordamos periodicamente con encontros como o mantido esta mañá, alén de que ante circunstancias ou eventos especiais, poidamos convocar ademais á Xunta Local de Seguridade”, apuntou Lara Méndez.

A alcaldesa quixo trasladar tamén unha mensaxe de tranquilidade á poboación, incidindo no feito de que Lugo mantén un dos índices máis baixos de inseguridade de toda Galicia e referiu que a maior parte dos casos de ocupación que se rexistran obedecen a situacións de vulnerabilidade e non de delicuencia como pode ser o caso que afecta actualmente á Milagrosa.

A rexedora reafirmou a súa disposición a reunirse coa veciñanza destes barrios, “á que a Policía Local mantén informada dos pasos que se van dando para frear a problemática que lles afecta”, ao tempo que amosou o seu compromiso de traballar man a man cos coletivos cidadáns para avanzar na reforma lexislativa a través dunha ILP.

Un operario perde a vida nun accidente nunha canteira na Fonsagrada

O operario quedou debaixo da masa de pedras que, ao desprenderse, provocou tamén a caída sobre o lugar onde se atopaba o home dunha cinta transportadora.

Ata o lugar dos feitos, en Vilarín de Riba, acudiron os Bombeiros de Sarria que, nestes momentos, tratan de liberar por completo ao operario. Trátase dun complicado rescate debido á gran cantidade de terra que teñen que mover. Pola súa banda, os servizos sanitarios confirmaron o falecemento do home.

Tamén se desprazaron á canteira os axentes da Garda Civil e os voluntarios de Protección Civil da Fonsagrada, tras ser alertados polo 112 Galicia, que recibiu a alerta do accidente laboral a través dunha persoa particular ás 12:30 horas.

De novo o 25N

A igualdade entre mulleres e homes é un principio xurídico universal recoñecido nas lexislación dos estados democráticos. Agora ben, a distancia entre o recoñecemento formal e legal da desigualdade estrutural entre homes e mulleres e as políticas públicas encargadas de eliminar a opresión da metade da poboación é abismal. Máis alá das declaracións formais e da celebración de efemérides anuais, as mulleres
necesitamos un firme compromiso político Cada 25 de novembro as declaracións institucionais, fachadas, lazos e paraugas morados enchen as rúas fronte ó número insoportable de feminicidios e violencias .
Desde o Foro Feminista de Lugo queremos partillar as nosas inquedanzas e reflexionar qué se leva feito na nosa provincia no último ano desde as administracións máis próximas. Que fixo a Deputación? Os concellos? A Xunta de Galicia?
As entidades locais, Concellos e Deputación, teñen que asumir o compromiso na activación de políticas concretas a prol da igualdade.
De que xeito pode facelo a Deputación
– Desenvolvendo Plans de Igualdade nos Concellos da Provincia -ademais do da propia Deputación- e dotando de servizos que poidan implementar políticas concretas na zona rural da provincia.
– Contando con axentes de igualdade, persoal con formación específica que posibilite tecer unha rede de apoio provincial.
-Implementando a axenda feminista galega consistente en 25 medidas que diferentes organizacións feministas de Galicia elaboramos para presentar aos partidos políticos antes do último proceso electoral.
-Poñendo en marcha unha Escola de Igualdade na provincia de Lugo que sirva para concienciar e promover os cambios sociais necesarios así coma o coñecemento das aportacións das mulleres e do movemento feminista ao longo da historia ao igual que o fan outras Deputacións e Concellos.
Observamos con desacougo como a loita pola igualdade esta sendo ocultada e en ocasións substituída pola axenda da diversidade, mesmo con xornadas museísticas que a promoven. Non todas as reivindicacións do colectivo LGTBI son feministas.
E os Concellos e a Xunta de Galicia?
Na provincia hai 11 Centros de Información á Muller (CIMs) -practicamente todos eles de titularidade municipal, con carencias importantes e falta de persoal-. É inxustificable que en toda a comarca da Montaña non exista ningún centro de atención á vítimas de violencias machistas
deixando sen cobertura ás mulleres de Fonsagrada, Cervantes, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Becerreá, Triacastela agravándose a situación das posibles vítimas pola dispersión poboaciónal, o descoñecemento e a lonxanía da capitalidade de provincia.
Existe algunha avaliación a nivel autonómico de como se invisten os orzamentos do Pacto de Estado contra as violencias machistas para garantir que o seu destino responde aos fins que se pretenden?
De novo este 25 de novembro, máis alá das declaracións formais, reclamamos na nosa provincia políticas públicas por parte da Deputación, dos Concellos e da Xunta de Galicia, accións que poidan supoñer un paso adiante na eliminación da violencia contra as mulleres, atención ás vítimas ademais de impulsar na práctica as demandas que a axenda feminista propón.

Novembro 2022

Foro Feminista de Lugo
Fátima Pérez Calderón

 

 

O PP pide ao Goberno Local que solucione os problemas de filtracións na gardería Gregorio Sanz

A concelleira do Grupo Popular, Macamen lópez Silva, exise ao concello que arranxen o antes posible os problemas da Gardería Municipal Gregorio Sanz xa que cando chove “hai goteiras e filtracións en corredores e nalgunha aula”. Para a popular “o goberno local debe solucionar os problemas que hai nesta gardería municipal e deixarse de parches que non impiden que cada vez que chova se inunde o centro”.

Xa o pasado 15 de xullo de 2022 o PP denunciou problemas de climatización neste edificio pedindo “que se aproveitase o verán para buscar solucións. Pero sorprendentemente pese ao peche non se fixeron obras de mantemento”.
Para Macamen resulta “indecente a solución que lles deron que foi a entrega de dous ventiladores para cando vai calor, e 2 calefactores
verticais para utilizar os días que vai frio”.

López Silva o recriminan que “PSOE e BNG se poñan como exemplo de gobernos que aplican técnicas bioclimáticas e de enerxías renovables
cando en numerosos edificios públicos hai problemas debido a mala climatización”.

Novas excavacións no Castro de Santa María de Cervantes

Tal e como explicou a representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, nesta última campaña o equipo de especialistas localizou a existencia de varios elementos murarios superpostos sobre un gran afloramento rochoso. Segundo os primeiros resultados, estes muros forman parte dunha enorme estrutura de delimitación do recinto polo lado sur. “Estes novos achados reflicten a gran envergadura da obra de contención que se fixo durante a construción do castro de Santa María de Cervantes, o que permite aumentar o noso coñecemento sobre este conxunto e mellorar a súa conservación e posta en valor”, subliñou.

Ademais desta escavación, os traballos realizados durante esta última campaña, que contaron cun orzamento de 17.800 euros, tamén incluíron a limpeza manual e a consolidación puntual dos restos arqueolóxicos escavados nos anos 90 nunha superficie aproximada de 700 metros cadrados entre os que se atopan muros, pavimentos e outras estruturas. Ademais, realizáronse traballos de roza na contorna do xacemento.

Características do conxunto

O xacemento do Castro de Santa María de Cervantes é un dos conxuntos máis importantes para a investigación do fenómeno castrexo en Galicia. Corresponde a un poboado mineiro datado nos séculos I-II da nosa era e está integrado, ademais, polos restos de explotacións mineiras na súa contorna inmediata e por unha igrexa e unha necrópole na súa croa que se remonta cando menos ao século XIV.

Os estudos realizados revelaron numerosos datos sobre o período de transición das culturas prerromanas ao mundo romano, que explotaba os xacementos auríferos do río Navia e os seus afluentes. As minas son mostra dunha interesante corta de explotación a ceo aberto de considerables dimensións, para aproveitar o mineral aurífero primario, asociado a mineralizacións de ferro.O conxunto foi declarado Ben de Interese Cultural en novembro do ano 2019.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com