Novas excavacións no Castro de Santa María de Cervantes

Tal e como explicou a representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, nesta última campaña o equipo de especialistas localizou a existencia de varios elementos murarios superpostos sobre un gran afloramento rochoso. Segundo os primeiros resultados, estes muros forman parte dunha enorme estrutura de delimitación do recinto polo lado sur. “Estes novos achados reflicten a gran envergadura da obra de contención que se fixo durante a construción do castro de Santa María de Cervantes, o que permite aumentar o noso coñecemento sobre este conxunto e mellorar a súa conservación e posta en valor”, subliñou.

Ademais desta escavación, os traballos realizados durante esta última campaña, que contaron cun orzamento de 17.800 euros, tamén incluíron a limpeza manual e a consolidación puntual dos restos arqueolóxicos escavados nos anos 90 nunha superficie aproximada de 700 metros cadrados entre os que se atopan muros, pavimentos e outras estruturas. Ademais, realizáronse traballos de roza na contorna do xacemento.

Características do conxunto

O xacemento do Castro de Santa María de Cervantes é un dos conxuntos máis importantes para a investigación do fenómeno castrexo en Galicia. Corresponde a un poboado mineiro datado nos séculos I-II da nosa era e está integrado, ademais, polos restos de explotacións mineiras na súa contorna inmediata e por unha igrexa e unha necrópole na súa croa que se remonta cando menos ao século XIV.

Os estudos realizados revelaron numerosos datos sobre o período de transición das culturas prerromanas ao mundo romano, que explotaba os xacementos auríferos do río Navia e os seus afluentes. As minas son mostra dunha interesante corta de explotación a ceo aberto de considerables dimensións, para aproveitar o mineral aurífero primario, asociado a mineralizacións de ferro.O conxunto foi declarado Ben de Interese Cultural en novembro do ano 2019.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com