Novas

A Xunta inviste máis de 500.000 euros na modernización de 16 cines

A Consellería de Cultura ven de  facer pública a resolución de concesión de máis de 500.000 euros en axudas para a modernización de 16 espazos de exhibición cinematográfica situados en 15 localidades galegas. Con este investimento, a Xunta cofinanciará ata o 80% dos proxectos de innovación, funcionamento dixitalizado e sustentable, captación e fidelización de públicos, e adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual destas salas de cinema, que suman 86 pantallas e unha capacidade próxima ás 16.500 butacas.

Atendéronse a través desta nova liña de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a totalidade das solicitudes que reunían os requisitos especificados na convocatoria, de xeito que a listaxe de espazos subvencionados está conformada por: Cinesa Marineda City da Coruña, Minicines Central da Estrada, Cine Avenida de Caldas de Reis, Multicines Bergantiños de Carballo, Duplex Cinema de Ferrol, Codex Cinema de Lugo, Cines Hollywood de Monforte de Lemos, Odeón Multicines de Narón, Multicines Ponte Vella de Ourense, Cinexpo Vialia de Pontevedra, Multicines Barbanza de Ribeira, Cinesa As Cancelas e Numax de Santiago de Compostela, Cines Plaza Elíptica de Vigo, Multicines Gran Arousa de Vilagarcía de Arousa e Cines Viveiro.

Axudas de ata 48.000 euros

Os adxudicatarios percibirán contías que se sitúan entre os 21.600 e os 48.000 euros, en función do seu número de pantallas, para desenvolver os seus proxectos antes do 20 de abril de 2023 en relación cun ou varios dos tres eixos preestablecidos: dixitalización e aplicación de novas tecnoloxías, medidas de desenvolvemento sustentable e impacto ambiental positivo, e captación e fidelización de públicos, así como innovación tanto na programación como na circulación de producións europeas e en linguas oficiais de España.

Con esta nova adxudicación, a Xunta reforza o seu investimento no ámbito da exhibición cinematográfica respecto a 2021, ano no que 18 cinemas de 13 localidades foron destinatarios dunha convocatoria dotada con 350.000 euros para contribuír á súa viabilidade. Recoñecíase así o papel fundamental destes establecementos para o conxunto do sector audiovisual, nun momento no que a crise sanitaria supuxo unha forte diminución dos seus ingresos directos, non só polas restricións aplicadas, senón tamén polos cambios de hábitos no consumo audiovisual derivados do crecemento das plataformas dixitais.

Preto de 4,4M€ en infraestruturas e equipamentos

Ademais, a convocatoria de 2022, xestionada ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU, entronca nos seus obxectivos con outras tres canles de axudas xestionadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para contribuír á modernización e xestión sustentable dos espazos e as empresas culturais de Galicia cun investimento conxunto de preto de 4,4 millóns de euros.

Neste sentido, os 500.000 euros adxudicados ás salas de cinema veñen sumarse aos máis de 2 millóns de euros da liña destinada a espazos de exhibición escénica e musical, tamén no marco dos Fondos Next Generation. O pasado mes de maio resolveuse a súa primeira quenda coa concesión de 1,2 millóns de euros a 46 teatros, auditorios e salas de toda Galicia, mentres que o pasado 4 de novembro publicouse a segunda convocatoria cunha nova achega de 880.000 euros. Ao tempo, atópanse en tramitación as axudas para a adquisición de equipamento por parte de empresas privadas e de persoas autónomas do sector cultural galego, dotadas con 1,3 millóns de euros a través do Hub Audiovisual da Industria Cultural.

 

O XXII Arde Lvcvs celebrarase do 22 ao 25 de xuño

O Arde Lvcvs do ano 2023 celebrarase do 22 ao 25 de xuño. Así llo comunicou onte, persoalmente, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ás asociacións que fan posible esta festa de recreación histórica.

A rexedora destacou o momento tan importante no que se atopa a cidade, xa que o Concello presentará este mesmo mes a súa candidatura para obter o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional, logo de ostentar xa o Galego e o Nacional.

A alcaldesa sinalou que este ano seguiranse a potenciar novas actividades “para continuar atraendo a milleiros de persoas e convidalas a gozar cos e coas lucenses da transformación que experimenta a capital que, con fidelidade, retrocede no tempo para pór en valor o legado cultural e histórico que posuímos”.

Imputado por delito de desobediencia grave a axentes da autoridade o gorrilla atropelado no “leiraparking”

A policia imputa por delito de desobediencia grave a axentes da autoridade ao gorrilla que na mañá do pasado mércores día 9 de novembro, fora atropelado no “leiraparking” do Hula.

Na maña do mércores os axentes estableceron un dispositivo especial na contorna do HULA para combater a actividade ilegal de aparcacohes, onde efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo empregaron vehículos policiais rotulados e camuflados, detectando a CATRO persoas de 47, 42, 26 e 23 anos de idade, ocupando a calzada para indicar ás e aos condutores prazas libres de estacionamento, co consecuente risco para a súa integridade física e para o resto de usuarios, causando molestias innecesarias.

Os axentes proceden á súa identificación e formulan denuncias por infracción á Ordenanza de Circulación, ordenándolles que cesen nesta conduta. Momentos máis tarde detéctanse outra vez a estas persoas realizando os mesmos labores, polo que se levanta acta de denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá por desobediencia aos axentes da autoridade, apercibíndolles que de persistir podería ter consecuencias máis graves.

A media mañá un equipo de Atestados do Corpo trasládase ao aparcamento coñecido como “leiraparking”, situado na rúa Doutor Ulises Romero, xa que se produciu un atropelo, comprobando os axentes que no devandito lugar áchanse as catro persoas anteriormente identificadas, realizando a mencionada actividade ilegal e que, como consecuencia de realizar tal conduta, un deles fora atropelado, xa que coas súas accións poñen en grave risco a seguridade viaria e ás persoas usuarias da vía.

Así mesmo compróbase que a persoa atropelada foi denunciada no que vai de ano en 10 ocasións, evidenciando un desprezo total polas ordes que se lle dan para que cesamento na actividade ilegal de aparcacoches, quedando acreditado que esa conduta que desenvolven na calzada ponos en grave risco e tamén ao resto de persoas usuarias da vía, motivo polo cal se instrúen dilixencias para o Xulgado de Garda por un presunto delito de desobediencia grave a axentes da autoridade, non só á persoa que foi atropelada, senón tamén aos tres compañeiros que o acompañaban e que reincidían nesta conduta.

A CIG recorre por inconstitucionais as bases de selección de persoal do Concello de Monterroso

A CIG vén de presentar recurso contencioso-administrativo contra as bases de selección de persoal temporal do Concello de Monterroso por entender “que son discriminatorias e que conteñen criterios de valoración totalmente subxectivos, que non respectan os principios propios da administración pública, facilitando así unha selección “a dedo”.

A CIG de Lugo-A Mariña considera que “as bases para crear as bolsas de emprego no centro de día, a escola infantil e a ocioteca de Monterroso (ás que recorre o Concello para cubrir as ausencias do persoal destes centros) son inconstitucionais por canto unha parte do concurso de selección se realiza en función da idade das persoas aspirantes”.

Sinalan que “os puntos de valoración son maiores canto máis novas son as persoas: 5 puntos para as menores de 30, 3 puntos para as que teñan entre 31 e 45 anos e 1 punto para as persoas con máis de 45 anos. Este tipo de baremo constitúe unha clara discriminación por razón de idade, que non responde a ningunha necesidade obxectiva para a prestación dos servizos no ámbito municipal. De feito, valórase máis a idade que a experiencia laboral, que se valora cun máximo de 4 puntos”.

Pero ademais sinalan que “o Concello circunscribe o 25% do total de puntos a sumar a unha entrevista persoal na que se valorará “principalmente a aptitude e actitude”;. É dicir, estabelécese un criterio absolutamente discrecional, imposíbel de obxectivar e facilmente adaptábel para cribar e prexudicar determinadas persoas segundo o interese do Goberno municipal”.

Para a CIG, “estes dous baremos teñen como obxectivo discriminar (nomeadamente no caso das substitucións no centro de día) as traballadoras que prestaban servizos na vivenda comunitaria e que foron despedidas o pasado mes de xuño. Coincide que estas traballadoras,
pola súa experiencia e formación, eran as que até agora ocupaban os primeiros postos nas listas de substitución para o centro de día”.

Nova viaxe cultural enmarcada na Programación de Animación Sociocultural

A Concellería de Benestar Social, Inclusión e Persoas Maiores, oferta unha nova viaxe cultural enmarcada na Programación de Animación Sociocultural, neste caso a Monforte de Lemos. Esta excursión municipal terá lugar o venres 25 de novembro e fará parada no Museo do Ferrocarril e posteriormente na vila de Monforte de Lemos. A proposta está pensada como actividade recreativa para a socialización das persoas maiores, pero está aberta a toda a veciñanza. Nesta liña, a Concelleira, Olga López, aproveitou tamén para informar que se están programando outras dúas viaxes, unha no mes de decembro e outra en xaneiro a distintos puntos de Galicia, e das que se irá informando nos vindeiros días.

As e os interesados nesta viaxe poderán apuntarse a partir do 16 de novembro nos centros de convivencia Maruja Mallo, Milagrosa ou Uxío Novoneyra, en horario das 10.00 ás 13.00 horas. As inscricións realizaranse por rigorosa orde ata o 22 de novembro ou ata cubrir as prazas, un total de 55. A excursión arrincará ás 09.30 horas dende a Praza de Bretaña, regresando ao mesmo punto sobre as 20.00 horas.

O TSXG rexeita o recurso de “Hablamos Español” contra a ordenanza lingüística da Coruña

 Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou que a ordenanza municipal de uso da lingua galega no Concello da Coruña é conforme a dereito e, polo tanto, rexeitou o recurso interposto contra a mesma pola asociación Hablamos Español. A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo destaca na sentenza que o texto “recoñece expresamente o castelán como lingua oficial no Concello”, á vez que salienta que non impide á administración dirixirse en castelán aos cidadáns/a que así o desexen. “Empregar e promover o uso do galego por parte da administración non nega a cada cidadán/a o seu dereito de elección lingüística relacional se así o desexa, simplemente establece un uso normal do galego por parte do Concello, o cal deriva directamente de mandatos de carácter estatutario e legal, que apuntan a esta solución como política de normalización lingüística dunha lingua historicamente sometida a un proceso sociolingüístico de diglosia”.

Os maxistrados inciden en que na ordenanza hai “unha invocación de primeira orde, constitucional e estatutaria, do carácter cooficial do castelán”. Ademais, recalcan no fallo que o texto ten por obxecto regular o uso do galego no Concello, polo que aseguran que é “normal que, na súa técnica normativa, se poña o acento nos aspectos da vida municipal nos que se quere proxectar a súa presenza e a forma ou os medios cos que se quere concretar”. O tribunal tamén subliña que así o establece “o propio Estatuto de Autonomía de Galicia e o resto das normas legais de desenvolvemento sectorial”. A achega ao ordenamento xurídico da ordenanza, segundo indica o alto tribunal, “consiste en explicar e desenvolver en que consistirá a promoción e normalización do uso do galego no campo municipal, de maneira que o resto dos aspectos relativos ao castelán, logo dunha primeira cita de recoñecemento do seu status de oficialidade, poderán ser sobreentendidos pola vixencia do principio de xerarquía normativa”.

“O uso normal do galego ao que se convida na ordenanza é perfectamente coherente co modelo constitucional de cooficialidade e, tal e como está redactado, de ningunha maneira admite a interpretación de que se prohiba aos destinatarios da norma expresarse en castelán”, explican os maxistrados, os cales destacan que “unicamente afirma como política de normalización do uso do galego a invitación para telo como centro de gravidade do hábito lingüístico (collendo prestada a expresión do Tribunal Constitucional) en determinados ámbitos municipais”, explica a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo na resolución.

Por outra banda, os xuíces inciden “na lexitimidade constitucional e legal” de que os pregos dos contratos administrativos conten coas denominadas “cláusulas de contratación pública lingüisticamente responsable”, entendidas como “a facultade de incluír nos procesos de contratación, e no marco da estratexia da normalización lingüística, a mención á necesidade de que as prestacións ofertadas inclúan o galego como lingua normal na que se vehicule a prestación (sen exclusión da opción lingüística polo castelán de forma igualmente normal, cando así sexa demandada sen especiais formalidades)”. O TSXG tamén avala que esas cláusulas funcionen “como elementos de mellora das condicións da prestación ofertada, co límite de non excluír do proceso a quen non as incorpore, de maneira que funcionarán como mérito a ter en conta á hora de tomar a decisión, posto que unha prestación que incorpora ambas linguas é de mellor calidade en termos de dereitos cidadáns que aqueloutra que exclúe unha de elas”.

“A ordenanza de que a prestación contratada deba ser desenvolta de maneira normal en galego, coa previsión de dispoñibilidade lingüística en castelán derivada da natureza da mesma, ten un carácter instrumental ou medial para dar cumprimento aos dereitos recollidos na Carta galega dos servizos públicos, que recoñece á cidadanía o dereito de elección lingüística”, indican. Contra a sentenza cabe presentar recurso.

A campaña Nadalmente Lucense, ofrecerá formación e asesoramento in situ sobre escaparatismo e iluminación

No marco da campaña Nadalmente Lucense, ofrecerase formación e asesoramento in situ sobre escaparatismo, iluminación e packaging (envoltorios dos productos) aos establecementos comerciais e hosteleiros de Lugo, adheridos ao movemento Localmente Lucense.

Así o avanzou a alcaldesa de Lugo que explicou que “un equipo de profesionais poñerase a dispor dos comercios ou establecementos que así o desexen para asesorar, formar e sacar o maior proveito dos seus escaparates e locais; tamén se lles facilitará información e trucos para o aforro enerxético e a distribución dos seus produtos dunha forma sostible e creativa”.

Esta iniciativa enmárcase no Plan de dinamización do pequeno comercio e da hostalería posto en marcha dende a área de Desenvolvemento Local e Emprego que dirixe a edil Ana Abelleira. En total haberá 500 prazas dispoñibles e os interesados deberán inscribirse a través da páxina web http://localmentelucense.gal/escaparatismo/ para solicitar a formación.

O PP esixe o arranxo inmediato do Camiño do Tronzo

A rúa Camiño do Tronzo está na Tolda de Meilán, unha vía que, segundo os populares “o goberno local se nega a arranxar a pesar de que figura no inventario municipal como de titularidade do Concello de Lugo”.
Os concelleiros populares que se achegaron ata a zona para escoitar as reclamacións dos veciños comprobaron como “o enfado é máis que
fundamentado xa que unha vía de 400 metros non ten nin asfalto e as vivendas non teñen nin abastecemento de auga corrente nin saneamento a pesar de que os negocios que hai na zona si que teñen estes servizos municipais e, as vivendas que hai na outra beira da N-VI, tamén contan con abastecemento e saneamento”.

O primeiro problema que teñen nestas vivendas é a ausencia de servizos básicos como abastecemento e saneamento. Na actualidade, os veciños desta rúa abastécense de pozos propios, pese a que a menos de 10 metros hai industrias que teñen auga potable da traída municipal. “Non se pode entender como estas catro vivendas están rodeadas de industrias e outras vivendas que teñen os servizos básicos e deixan a estas casas sen eles”, lamentan.

Outra das peticións é o asfaltado da rúa. Na actualidade está en terra, cemento e pedras, o que dificulta a circulación. “Esta rúa comunica a N-VI (á altura do serradoiro Forestal Peninsular) co polígono de O Ceao (rotonda de Muebles Ceao), “unha vía de 400 metros que está en tan mal estado que se tardan máis de dous minutos en recorrela en coche”.
“A falta dun asfaltado axeitado é un problema serio ata o punto de que os sumidoiros están completamente tupidos, polo que non desaugan
correctamente a auga provocando que entre nas vivendas. “, explican.

Para os populares “outras eivas a corrixir na zona son mellorar a accesibilidade da rampla que dá acceso ao paso elevado na N-VI (á altura do serradoiro) xa que presenta un desnivel demasiado pronunciado como para poder ser usado por persoas en cadeira de rodas ou por maiores”. “Tamén se pide unha solución á colocación do colector do lixo que hai ao carón deste paso elevado xa que se colocou ao outro lado da cuneta o que impide que, por exemplo, a xente maior poida levar o lixo, sen esquecer que non hai colectores para realizar unha recollida selectiva”, conclúen.

O documental de “Emilia” chega este venres a Codex Cinema

Esta semana, a partir do venres 11, a programación dos cines Codex inclúen tres estreas: “Emilia” que combina ficción e documental e os filmes “Vasil” e “Os pasaxeiros do tempo”.

Emilia, está dirixido por Miguel Ángel Calvo Buttini, é unha longametraxe que reivindica a unha das máis grandes personalidades da literatura española. Pardo Bazán, firme defensora dos dereitos da muller nunha época, finais do século XIX e principios do XX, nada permeable á equidade de xénero. A ficción parte do monólogo homónimo de Noelia Adánez e Anna R. Costa que se representa con grande éxito no Teatro do Barrio dende o 2016 e polo que a súa protagonista, Pilar Gómez, conseguira o premio Max á mellor actriz.

Asemade tamén chega a Codex Vasil unha comedia que conta coa interpretación de dous grandes: Karra Elejalde e Iván Barnev. Vasil é intelixente, carismático e un número un xogando ao bridge e xadrez, pero durme na rúa dende que chegou a Bulgaria. Alfredo, un arquitecto xubilado, acólleo na súa casa durante un tempo ante a mirada atónita da súa filla Luisa. Os dous homes non teñen nada en común, excepto a súa paixón polo xadrez. A pesar das súas diferencias, pouco a pouco, Vasil conseguirá romper todas as barreiras construídas por Alfredo. E é que Vasil ten un don: transformar para sempre a aquelas persoas coas que se relaciona.

E Finalmente o filme Os pasaxeiros da noite dirixida polo cineasta francés Mikhael Hers e galardoada co premio o mellor guión na 67ª edición da Seminci de Valladolid. O filme comeza co ascenso ao poder de François Mitterrand en 1981. Esa noite os franceses toman as rúas, eufóricos. Pero a Elisabeth, a protagonista, cústalle compartir o ambiente xeral de optimismo. O seu matrimonio está chegando ao seu fin e agora terá que manter a súa familia. Está angustiada e ao seu pai e aos seus fillos adolescentes preocúpalles que non consiga superar a súa pena. E se escoitar as súas propias emocións lle axudara a levar pouco a pouco esa páxina en branco na que se converteu o seu futuro?.

Asemade, Codex Cinema proxectará maña xoves os últimos pases de “Girasoles Silvestres” e “Un ano, unha noite”.

Poden consultar toda a programación en: www.caldiae.gal


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com