Novas

Un constructor de Sarria condeado a dous anos e medio de prisión por estafa á Seguridade Social

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a un administrador dunha empresa de construcións de Sarria a dous anos e medio de prisión por un delito contra a Seguridade Social. Segundo o tribunal, a compañía contraeu unha débeda de 134.353 euros entre os anos 2014 e 2018 ao non “pagar as cotas a que viña obrigada por Seguridade Social, patronal e obreira” e considera que o acusado actuou “de forma consciente e coa intención deliberada de defraudar á Seguridade Social”. Os maxistrados tamén lle impoñen unha multa de 268.707 euros e deberá indemnizar á Tesourería Xeral da Seguridade Social.

Ademais, o tribunal absolve á outra administradora da empresa ao considerar que “non realizou actos típicos nin tampouco de participación no feito alleo. Só tivo participacións da entidade mercantil”. Contra a sentenza cabe presentar recurso.

 

O TSXG autoriza prorrogar ata o 4 de xuño a esixencia do certificado COVID-19 en hospitais

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta a prorrogar en toda a comunidade, ata o próximo 4 de xuño, a obriga de presentar o certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para visitar aos pacientes ingresados en centros hospitalarios e sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional. A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo advirte que, de acordo co informe presentado pola Xunta, “continuamos nunha situación epidemiolóxica que determina un risco de transmisión do virus estable en grao medio”, o cal, “ademais do dano intrínseco que causa á poboación afectada, segue ocupando significativos recursos do sistema público de saúde de Galicia, cun empeoramento no último reconto”.

Os maxistrados destacan que a existencia dese risco “xustifica xenericamente a adopción de medidas que se poidan reputar idóneas para conter a transmisión do virus”. Ademais, inciden na “idoneidade” de requirir o certificado COVID-19 en contornas nas que están expostas ao virus “persoas especialmente vulnerables”. O tribunal tamén afirma no auto que é a “forma menos lesiva de compatibilizar a salvagarda da vida e a saúde co exercicio doutros dereitos como os de reunión ou acceso a determinados espazos pechados e o dereito á intimidade persoal e á vida familiar, propios da visita a seres queridos internados nos centros” aos que se refire a orde.

A Sala salienta na resolución que “todas as persoas que quixeron vacinarse tiveron a oportunidade de facelo” e, respecto a aquelas que “optan libremente por non vacinarse”, indica que a medida de prevención consistente na esixencia do certificado para o acceso a determinados espazos “permite a adopción de alternativas (certificado de recuperación ou de proba negativa) de obtención sinxela”. Así, sinala que “calquera das alternativas están facilmente dispoñibles para o cidadán/a, de maneira que o sacrificio de acudir a calquera delas para a realización das actividades condicionadas parece razoable”. Contra o auto cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

O Concello habilita os anexos telemáticos para comunicar a lectura da auga

Os anexos para cursar telematicamente varios procedementos de forma específica e directa coa área municipal da que dependen están dispoñibles na sede electrónica do Concello de Lugo.

O Executivo local facilitará a dación en conta, por parte do seu titular, das lecturas do contador da auga, habilitando un mecanismo moito máis sinxelo e eficaz para notificar os consumos.

De xeito similar, a veciñanza que precise dun certificado de empadroamento poderá solicitalo a través da Plataforma dixital. Unha petición que chegará ao Padrón, dende onde se emitirá o documento correspondente que lle será notificado á persoa interesada no mesmo expediente.

Xunto a estes dous procedementos, os e as lucenses, poderán tramitar tamén un duplicado dos recibos municipais, así como o xustificante que acredite que están pagos. Sen ben, nestes dous casos, as súas solicitudes serán remitidas ás áreas correspondentes para a posterior emisión dos mesmos.

Publícanse as listaxes provisionais de adxudicación de prazas nas escolas infantís municipais

No día de hoxe se publicaron as listaxes provisionais de adxudicación de prazas nas escolas infantís xestionadas Concello de Lugo.

O período de alegacións estará aberto ata o 2 de xuño, e o procedemento continuará a partir desa data coa publicación definitiva das listaxes e a apertura do período de matrícula. As listas poden consultarse nos taboleiros de anuncios das distintas escolas e do Concello de Lugo, ademais de nas oficinas da Concellería de Educación.

A rede de escolas infantís municipais está formada por catro escolas distribuidas por toda a cidade. Neste ano, como novidade, aplícase a gratuidade da atención de todas as crianzas, sen importar se teñen ou non irmáns/ás.

Conexión Lugo-Sicilia polas Letras Galegas

Anualmente, a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na provincia de Lugo efectúa unha viaxe cultural internacional para os seus asociadose coincidindo coa “ponte” das Letras Galegas, tendo celebrado actos de exaltación  das Letras con tal motivo en destinos tan lonxanos como Rumanía, Grecia ou Xordania.

Este ano a viaxe (aplazada dous anos polas restriccións derivadas da pandemia), foi á illa de Sicilia, e alí se encontran desde o pasado venres medio cento de membros desta Asociación que preside Ángel Trabada, e alí celebraron o Día das Letras cunha breve intervención do xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación, e o canto colectivo do Himno Galego.

Como o Covid impedíu que Xulio Xiz acompañara a expedición, a súa intervención – telemática,  aparte dunha orixinal celebración da Festa da Lingua entre dous paises, constituíu unha especial homenaxe aos autores “alófonos”, como define Alonso Montero aos ue, non sendo galegos, escriben en galego por amor a esta terra e o seu idioma, entre os que ten especial papel Federico García Lorca, cos seus “Seis poemas galegos”.

Os viaxeiros do Camiño voltarán a Lugo na noite do próximo venres.

O Campus de Verán XuvenCiencia ofrece 16 proxectos e 13 obradoiros para 95 estudantes

A cita terá lugar do 3 ao 9 de xullo no Campus de Lugo da USC. A preinscrición abre este venres, 20 de maio, para alumnado de 4º de ESO, 1º e 2º de BAC e ciclos medios de FP. A aventura do Campus de Verán XuvenCiencia naceu en 2013 inspirada polas universidades para a infancia e adolescencia de Centroeuropa e chega este ano á súa décima edición. A cita celebrarase no Campus de Lugo da USC do 3 ao 9 de xullo de 2022 e ofreceralle 16 proxectos e 13 obradoiros e actividades a 95 estudantes. Este venres, 20 de maio, ás 15:30 horas, abre na páxina web xuvenciencia.org/campus a preinscrición para o Campus, dirixida a alumnado de 4º de ESO, BAC e ciclos medios de FP.

Logo de dúas edicións condicionadas pola pandemia, a organización do Campus de Verán XuvenCiencia 2022, o Grupo de Innovación Docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC, decidiu artellar este ano un campamento con 16 proxectos científico-tecnolóxicos, biosanitarios, de ciencias sociais e de humanidades, nos que poderán participar entre cinco e seis personas por proxecto. A escolma de proxectos que compón o Campus de Verán XuvenCiencia 2022 está inspirada nalgunhas das investigacións máis punteiras que se desenvolven no Campus de Lugo da USC, como as de peixe cebra para o tratamento do cancro e doenzas raras ou a procura de novas fontes de enerxía mediante fotosíntese artificial. Ademais de desenvolverse nas facultades da USC, nos proxectos tamén se realizará traballo de campo o Museo Provincial de Lugo e no Arquivo Histórico Provincial.

Se o verán pasado foron ofertadas 65 prazas e contempláronse os grupos burbulla, para o décimo XuvenCiencia saen 95 prazas, unha cifra que case que recupera os números prepandémicos, e prevese que as circunstancias sanitarias permitan unha interacción e convivencia total entre as/os xuvencientíficos.

O alumnado poderá escoller para participar no Campus de Verán XuvenCiencia 2022 entre 16 proxectos. Asemade, o programa recupera obradoiros e actividades como a Xincana XuvenCiencia, unha das actividades favoritas edición tras edición e que nesta ocasión servirá como proba de apertura, co propósito de que as e os xuvencientíficos se coñezan cunha proposta pensada para confraternizar e tecer alianzas.

De igual modo, prográmanse visitas a empresas e centros científicos e tecnolóxicos, que nesta ocasión serán Larsa, Finsa, Norvento, Xenética Fontao o CIAR de Rozas, o edificio bioclimático do proxecto Life Lugo + Biodinámico, o Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) e o Hospital Veterinario Rof Codina. Tras o éxito acadado o ano pasado, regresa tamén a XuvenFeira, a Feira de Ciencia do Campus de Lugo, que percorrerá a Aula de Habilidades Clínicas da facultade de Veterinaria, demostracións de Robótica e Realidade Aumentada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e obradoiros na Aula de Produtos Lácteos e nos laboratorios do CACTUS.

O alumnado do Campus de Verán XuvenCiencia 2022 terá tamén a oportunidade de participar en visitas guiadas polo casco histórico de Lugo –coa colaboración do Concello–, así como de asistir a clases maxistrais impartidas desde o Espazo de Danza e a Aula de Teatro do Campus da USC en Lugo. Haberá, ao igual que en edicións anteriores, obradoiros de edición de videocreación –a cargo de Merenda Dixital– e de edición de vídeo divulgativo, onde cada grupo encargarase da produción, gravación e elaboración da súa propia peza audiovisual, que participarán a concurso no Festival de Vídeos XuvenCiencia, nos que se entregarán os premios Proxéctate en Galego e Aresa Júnior.

Da man da doutora en Veterinaria e divulgadora Eva Cabanelas e do proxecto Ciencia Calidade desenvolverase para a sesión de despedida do venres un evento de monólogos científicos que precederá a entrega de diplomas e a xa habitual XuvenFesta.

O Campus XuvenCiencia ofértase en réxime de aloxamento e pensión completa en residencias e comedores universitarios do Campus de Lugo. O estudantado estará acompañado en todo momento por monitorado cualificado e para os seráns e as noitiñas está previsto o programa Lumieira Acompaña. As entradas e saídas dos e das alumnas realizaranse o domingo 3 de xullo e o sábado 9 de xullo, respectivamente.

Reserva de praza

O Campus XuvenCiencia de Verán adoita esgotar as súas prazas en cuestión de minutos. Para aumentar as opcións daqueles/as aspirantes a xuvencientíficos que viven en áreas con peor cobertura de internet ou que o día no que abre a preinscrición, polo que sexa, non teñen acceso, nesta edición mantense a novidade incorporada o ano pasado. “Adxudicaremos a metade das prazas na orde da recepción da preinscrición e a outra metade por sorteo entre todo o alumnado inscrito. Asignamos os proxectos seguindo as preferencias de cada un/unha seguindo unha orde aleatoria, non por orde de inscrición. Deste xeito aseguramos a todo o alumnado as mesmas oportunidades de optar aos seus proxectos preferidos”, explica Mercedes Novo, a coordinadora do Grupo XuvenCiencia.

Proxectos dispoñibles no Campus XuvenCiencia 2022

5W Obradoiro de xornalismo. Coñeceranse os segredos da comunicación científica, crearanse contidos exclusivos para o Magacine XuvenCiencia. Os/as alumnos deste obradoiro serán os correspondentes oficiais do Campus de Verán XuvenCiencia 2022.

Análises clínicas: que me pasa, doutora? Coñecerase o valor das análises clínicas como ferramentas para valorar o estado de saúde dos animais e o diagnóstico das enfermidades. Como sabemos se un can ten unha anemia? En que se diferencian o sangue dos mamíferos e o das aves?

Animal CSI: realidade ou ficción? Aproximación a algunhas das técnicas empregadas nos laboratorios para determinar a causa de morte en animais, que ás veces causa grande interese social ou mediático: foi envelenamento? Falta de coidados? Hai risco para a saúde humana ou/e animal?

AquaLab. Sistema de monitorización ambiental con arduino. Mediante hardware de fonte aberta arduino, e tamén sensores ambientais de baixo custe, as e os estudantes rexistrarán parámetros do noso medio ambiente: temperatura, humidade do aire, etc.

Árbores en tubos de ensaio. Como clonar unha árbore a partir dun fragmento minúsculo? Semella maxia, pero é ciencia. O cultivo in vitro permite obter copias de árbores xeneticamente idénticas en grandes cantidades nun tempo moi curto e nun espazo reducido.

Controla e constrúe robots! Ensamblaranse pequenos robots e sistemas automatizados e o alumnado aprenderá a programar un microcontrolador para manexar os sensores destes pequenos robots.

Impresión 3D. Converte unha idea en realidade. O alumnado converterá unha idea nun obxecto real a través de modelado tridimensional mediante software de uso cotián no mundo da enxeñaría. Posteriormente procederase ao seu tratamento para a impresión 3D e obterase o produto imaxinado.

Estratexias para o desenvolvemento dunha idea. Traballarse en equipo para a creación dun produto innovador e a súa promoción a partir de estratexias de márketing e publicidade, como a elaboración dun anuncio.

Cociña molecular: ciencia e gastronomía nunha soa disciplina. Esferificación? Destilación a presión reducida? Nitróxeno líquido? Os mecanismos químicos permiten a creación de pratos extraordinarios chamados non só a satisfacer o sentido do gusto, senón tamén da vista, o olfacto e o tacto.

Fotosíntese artificial. Na procura de novas fontes enerxéticas. O obxectivo deste proxecto reside en descompoñer auga tanto por vía fotoquímica como electrolítica. Desde xeito procurarase remedar nun laboratorio un proceso natural como é a fotosíntese.

Supera este reto! Educando con ciencia: outras maneiras de ensinar e aprender. Pensas dedicarte á docencia? Neste proxecto experimentarás con distintos recursos e metodoloxías: dramatizacións contra os estereotipos de xénero, retos motores para a cooperación e a estratexia colaborativa, prácticas para sacar a ciencia dos libros de texto e resolución de problemas.

Cultura accesible a golpe de clic. Como lles contarías a outras persoas o interesantes que son os teus libros favoritos? Sábelo todo desa serie de televisión e daquel artista e desa cantante, pero de que xeito llo farías entender a outros/as? Este proxecto levarate ao Museo Provincial de Lugo para convertirte nunha experta/o en divulgación cultural grazas ás ferramentas narrativas ao noso dispor.

Facer ciencia coas letras. Os arquivos lévanlle moitos séculos de anticipo ao big data como fonte de coñecemento. Como se da sección de libros prohibidos de Hogwarts se tratase, aprenderás a abordar documentación antiga para facer unha investigación histórica e bucear nos rexistros criminais dos séculos pasado para reconstruír casos sen resolver.

Patóxenos animais: na procura dos malos. Bacterias e virus causan moitas doenzas. Neste proxecto aprenderanse algunhas das técnicas para o diagnóstico de enfermidades infecciosas: cultivo de bacterias, observación baixo o microscopio, antibiogramas e bioloxía molecular.

Ferramentas ADN: unha cebra na auga e DNI xenético. O peixe cebra converteuse nun organismo modelo para a experiemntación en áreas como a biomedicina. O alumnado deste proxecto realizará as técnicas moleculares e as análises necesarias par resolver casos reais de probas de paternidade en animais.

Fai tremer os teus cimentos. É posible que unha construción estea feita a proba de terremotos? En XuvenCiencia poderás deseñar e construír unha mesa vibratoria 1D controlada por hardware libre e que permita aplicar sobre maquetas ondas de diferentes tipos, para ver como responde, e analizar o seu comportamento en caso de que se producise un sismo.

Letras Galegas 2022 dedicadas a Florencio Delgado Gurriarán

Florencio Manuel nace en Córgomo, Concello de Vilamartín de Valdeorras, en agosto de 1903. Os continuos traslados do pai por mor do seu traballo levouno a mudar de residencia moitas vecese. Non sería ata asúa estadía en Valladolid, onde comeza os seus estudos de derito que en Gurriarán esperta a súa querencia polo nacionalismo, ao comezar a ler o xornal A Nosa Terra, voceiro das Irmandades da Fala. Estamos a falar do treito temporal entre 1918 e 1924. Anteriormente lera a Rosalía, Curros e Cabanillas na biblioteca familiar de Córgomo, onde tan só acudía os veráns. Estas lecturas espertaran a súa vocación poética.

No ano 1928 retorna a Valdeorras, cando seu pai asentara na Coruña. Entre lecturas de clásicos galegos e franceses, paseos e reflexións, Delgado Gurriarán buscou conseguir un sitio na profesión a través da preparación de oposicións para Rexistros, cousa que xamais acadou. Nesta volta comeza a súa obra poética e vai ver a luz en diferentes xornais e revistas como Heraldo de GaliciaA Nosa Terra… Tamén participa nas estruturas asociativas de Córgomo: organizaba festas, promovía actividades culturais…; e levaba preitos dos veciños, pois traballaba de pasante nun bufete do Barco.

Gurriarán comezaría a actividade política organizada unha vez que o galeguismo cultural mudara cara á acción política, por medio das Irmandades. Daquela botou a andar a Irmandade Galeguista Valdeorresa, da que Delgado Gurriarán formaba parte como representante de Córgomo. Naquel 1930 tamén comezaría a celebrarse en Valdeorras a «Diada de Galiza», como festexo nacionalista, e editaron un manifesto en defensa da lingua. A Irmandade Galeguista Valdeorresa, mantén un contacto directo co nacionalismo ourensán e Otero Pedrayo, quen visitou Valdeorras en varias ocasións desde 1931. O propio Floencio significa que eran preto de 60 ou 70 os galeguistas que había daquela na Irmandade, segundo manifesta na imprescindible entrevista que lle fixera Dolores Pla (México, 1979).

Florencio Delgado enviara unha nota de adhesión á Asemblea Galeguista de Pontevedra, na que xurdiría o Partido Galeguista (PG). Naquel final de 1931, xa tiña escrito poemas de interese sociolingüístico e político, mais algún traballo en prosa coa agulla crítica posta na política caciquil e centralista, e avogando por «unha Confederación Ibérica dentro da Confederación Europea». A loita que por medio da pluma levou a cabo 0Gurriarán foi unha constante en todo o período republicano: unha manchea de poemas publicados. Logo dun ano en Madrid para preparar as nunca consumadas oposicións, retorna a Valdeorras. Á volta, afíliase ao PG, logo da derrota gobernamental nas eleccións de novembro de 1933, que deixara o partido sen presenza parlamentaria. Os galeguistas valdeorreses participaran activamente na campaña.

Delgado Gurriarán acode á asemblea anual do PG en Ourense, en 1934. Neste escenario, onde coñece a Castelao, comezan as disensións no partido entre esquerdas e dereitas. Os valdeorreses asumen a liña de esquerdas que abandeiraba Castelao. Sería esta unha etapa de expansión do partido en Valdeorras. Logo dos acontecementos de outubro en Asturias, Castelao e Bóveda foron desterrados fóra de Galicia. Gurriarán e outros galeguistas valdeorreses acompañaron os represaliados no tren que viaxaban, desde Monforte ata o Barco. Logo, con motivo das penas de morte impostas, encetaríase en Valdeorras unha campaña de recollida de sinaturas pedindo o indulto.

Nese 1934, chega o primeiro éxito literario de FDG coa publicación da súa escolma de poesías Bebedeira, editado por Nós, tivo unha notable acollida da crítica. Carballo Calero, Otero Pedrayo, Xohán L. Ramos e Antón Vilar Ponte deixaron positivas palabras do poemario.

Ata o golpe de Estado de 1936, publicacións galegas e bonaerenses recolleron poemas de FDG en defensa da lingua e a terra. Deseguida, as atrocidades dos primeiros momentos do golpe aconsellaron agacharse, pois a proximidade da campaña do Estatuto e a mobilización do primeiro de maio delataban os que despois sería perseguido. Gurriarán andou dun lado para outro. En outubro puido pasar A Raia por Tourém. Despois de pasar tempo en Porto, foi de polisón nun barco noruegués ata Bordeos, debaixo dunha cama. Logo foi a París, ata que, a comezos de 1938, pasou a Barcelona. Alá alístase no Exército, na Subsecretaría de Armamento. Ao pouco, xa como tenente, entra no Servizo de Información Periférico, dependente do Estado Maior, onde coñece a Guerra da Cal e a Líster, e se reencontra con Castelao, Santiago Álvarez e outros valdeorreses. No ámbito político, Delgado Gurriarán entra na Executiva do PG, como Secretario de Propaganda; e colabora en Nueva Galicia con poemas de combate, baixo o pseudónimo Nadel, que en alemán significa “agulla”. En ocasións foi á fronte do Ebro, mais deseguida cambiaron os cometidos, cando comezaba a se osmar o desenlace final da guerra. Primeiramente deseñaron unha operación de rescate dos que resistían en zonas ocupadas, a través de Portugal; logo outra, para preparar o exilio dos galegos con destino a América. Para este labor creouse un comité de representación política de galegos, a Solidaridad Gallega Antifascista, que actuaba en coordinación co Frente Popular Antifascista Gallego (1937), liderado por Ramón Mosteiro.

Delgado Gurriarán entre outros poucos galegos, principiando 1939, pasou a Francia con pasaporte republicano, visado polo goberno francés, o que lle permitiu mobilidade para preparar a evacuación ante a inminente derrota do Exército republicano. Alá, entre París e a franxa sur, con Valenzuela, que tamén pertencía ao Servizo de Información Periférico, Pla e Ramiro Isla, en coordinación cos organismos citados, sacaron galegos dos campos de concentración do sur de Francia. Finalmente, entre outras axudas, as SHC financiaron o Ipanema, barco onde moitos galegos puideron recalar en Veracruz o día de San Fermín, con Gurriarán entre os mil pasaxeiros.

Xa en México, traballou un tempo de organizador de explotacións agrarias colectivas, como delegado do SERE en Toluca. Despois, xa na capital, pasou por múltiples ocupacións. Canto ao labor político, o primeiro sexenio foi moi pródigo. Os galeguistas, no plano asociativo e político, crearon o Ateneo de Galicia, o Fogar Galego e a Irmandade Galeguista; no ámbito publicístico, puxeron en marcha o grupo Saudade (1942). En 1943, cun fondo significado político, destaca a saída do prelo do Cancioneiro de loita galega, baixo a responsabilidade do PG e o coidado editorial de Gurriarán Un mollo de poemas homenaxeando os galeguistas asasinados pola barbarie franquista. En 1946, FDG preséntase a un concurso de traducións de poemas ingleses e franceses ao galego, organizado pola Federación de Sociedades Galegas de Buenos Aires. Gaña o certame xunto a Luís Tobío e Plácido R. Castro, e van ver publicados os seus poemas en 1949. Tamén no plano da unidade política significamos a constitución da Alianza Nazonal-Galega (1943) e o seu órgano de expresión Galicia. Nesta iniciativa estaban o PG e todos os partidos estatais con presenza en Galicia.

En 1944 casou con Celia, filla de emigrantes galegos. Tamén foi delegado do Consello de Galiza de México e participou nas reunións previas á sesión parlamentaria citada. Logo de estabilizarse laboralmente como representante de medicamentos, FDG pasou a residir en Guadalajara (Nueva Galicia, Jalisco) en 1951.

Desde a súa forzada marcha, o primeiro traballo publicado en Galicia foi o poema «Bocarribeira valdeorresa», que aparece na revista Peña Trevinca-Montañeros de Galicia, en 1948. Nos anos cincuenta puxeron a andar o Padroado da Cultura Galega (1953). Unha entidade que xorde «co gallo d-afincar a irmandade dos galegos», e berce da revista Vieiros (1959), exemplo de edición, codirixida por FDG, entre outras iniciativas literarias e radiofónicas. Neste tempo, desde Guadalajara dirixe unha segunda andaina da revista Saudade e ten contacto directo cos galegos da capital. Froito do contacto con Galaxia, edita o seu segundo poemario, Galicia infinda (1963).

Logo de verse pechada a súa causa política en 1959. Sen agachar a cabeza, tres veces veu a Valdeorras: en 1968, 1976 e 1981. Para ver os seus maiores a primeira, logo de trinta e dous anos de exilio; a segunda para contemplar como era o escenario posfranquista e albiscar as posibilidades de revitalizar o vello PG, logo de visitar aquí os seus principais «axentes»; na última quixo contemplar a publicación compilada dos seus poemas de loita e combate, que xa tardaban; marchou para non volver, cunha doenza cardíaca. As cousas do destino: estivo hospitalizado na Residencia Francisco Franco. Polo medio, o seu correlixionario no tempo atrás, Xosé Gayoso, foi quen de introducilo na sociedade valdeorresa e galega como exiliado e poeta, coa axuda de Paz Andrade. Foi nomeado académico correspondente na RAG, pregoeiro na capital valdeorresa e membro de mérito do Instituto de Estudos Valdeorreses. Publicou Cantarenas (1981) baixo o patrocinio do IEV e Isaac Díaz Pardo. Este último, foi tamén quen pulou por O soño do guieiro (1986), derradeira obra deste poeta valdeorrés, republicano e galeguista, non sen problemas de edición coa «censura». A súa «manda testamentaria» quedou plasmada no artigo que fixo para o Congreso de Castelao de 1986, ao que non puido concorrer. Faleceu en Fair Oaks (California) o 14 e maio de 1987.

Este poeta moderno, bailón, «musiqueiro», cantador de tangos, fados, milongas, rancheiras, repeniqueador, namoreiro… e sobre todo sensible e agradecido, sendo republicano, matárono as coronarias. Naquela primavera que se foi, levou no peto un itinerario vital de compromiso coa terra, preñado de ética e dignidade persoal.

Texto: Sacado dun artígo de Ricardo Gurriarán editado na web da Real Academia Galega.

Foto: Real Academaia Galega

Na defensa dos dereitos lingüisticos

Desde o Colectivo Berro Seco na Defensa dos Dereitos e Liberdades, aproveitamos este Día das Letras para denunciar a reiterada vulneración dos dereitos que sofren as persoas galegofalantes en Galicia e nos territorios estremeiros onde se fala o noso idioma. Ser galegofalante habitual na nosa comunidade segue tendo unha fonda carga pexorativa social e na práctica a acción de se expresar en galego como algo habitual segue véndose como un acto de atraso e incultura ou a expresión de ideoloxía política. A situación das persoas galegofalantes nos territorios estremeiros como o Eo-Navia, o Bierzo, As Portelas e Calabor é aínda moito peor ao non ter o idioma galego ningún recoñecemento oficial.

En Galicia aínda se seguen dando casos de persoas que non son contratadas por ser galegofalantes, son despedidas ou forzadas a cambiar a lingua de seu para conservar o emprego. Estas prácticas tan estendida de vulneración sistemática dos Dereitos das persoas galegofalantes  incumprindo as leis que protexen o uso do noso idioma é tamén unha práctica habitual de moitos concellos, Xunta de Galicia e mesmo tribunais de xustiza. Por poñer un exemplo chega con dicir que a presentación de expedientes, reclamacións, solicitudes, recursos, … en lingua galega non garante que a resposta administrativa sexa no mesmo idioma. Fora das fronteiras administrativas da CAG nin sequera está permitido presentar escritos en galego. A discriminación lingüística, tamén acontece nos altos tribunais galegos como o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Somos coñecedores que distintas salas do TSXG non só fan unha vulneración sistemática dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes negándose a resolver os expedientes en lingua galega aínda que os escritos sexan remitidos en galego senón que teñen chegado a facer prácticas humillantes como a tradución ao castelá dos lexítimos nomes de persoas galegofalantes que presentaron documentación en galego. Tamén teñen usado a práctica detestable de  deturpar o nome co fin de reducir a galeguidade dos mesmos.

Desde Berro Seco RECLAMAMOSLLE ao Sr. Rueda que como o novo Presidente da Xunta de Galicia actúen de xeito decidido con medidas concretas para erradicar dunha vez por todas a galegofobia existente na sociedade, empezando pola que está instalada nas institucións públicas, que co seu comportamento ao tempo que nos negan o noso dereito a sermos atendidas en galego contribúen ao desprestixio da nosa lingua e, se esforce na defensa dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes no conxunto da sociedade galega. Debe tamén -ao noso entender- velar polos dereitos lingüísticos das persoas que usan o noso idioma nos territorios do Eo-Navia, O Bierzo e As Portelas e Calabor.

Colectivo Berro Seco na Defensa dos Dereitos e Liberdades

Santiago, 17 de Maio de 2022.

O PP “acusa de nepotismo ao goberno municipal de Psoe e Bng”

O Partido Popular de Lugo denunciou nun comunicado que “a raíz da apertura das instalacións do Vello Cárcere, dito centro cultural contaba cunha dotación de dous traballadores de seguridade para o  edificio, pero no momento que traspasa o servizo de vixilancia do Vello Cárcere só se incorpora para a subrogación a un dos dous vixilantes que estaban no cadro de persoal que “curiosamente” coincide coa mesma persoa que se presenta como candidato do PSOE ás municipais de 2019 polo concello de As Nogais deixando ao seu compañeiro fóra”.

Basicamente, reflexionan os populares “o PSOE e o BNG só deron o nome dun traballador, o que quedou fóra recorreu ao xulgado para que o subrogasen. Finalmente os xuíces déronlle a razón e a empresa a actual empresa (Seyvi Seguridad) incorpórao ao seu cadro de persoal”.

Para os populares este tipo de manobras “están fóra lugar e consideran que hai que cambiar o modelo cortijo do bipartito de Lugo no que só crean emprego para os seus amigos”.

.

 

Os cines Codex celebran o Día das Letras Galegas con dous filmes en galego

Co gallo do Día das Letras Galegas, Codex propón unha xornada de cinema galego cun pase adicional ás 18:30 do filme Eles transportan a morte, a visual e experimental cinta de Helena Girón e Samuel M. Delgado. Ademais rescata Malencolía, a recente película de intriga sobrenatural escrita e dirixida por Alfonso Zarauza e interpretada por Melania Cruz, Xúlio Abonjo, Iolanda Muíños e Diego Anido, que se poderá ver ás 20:30h.

Asemade continúa proxectando nas súas pantallas o filme Alcarrás,  a película de Carla Simón que vén de gañar o Oso de Ouro no Festival de Berlín, todo un acontecemento histórico ao tratarse da primeira muller española en logralo. Alcarrás contará con dous pases maña 17 de maio, ás 18:00h e ás 20:15h.

 

 

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com