Letras Galegas 2022 dedicadas a Florencio Delgado Gurriarán

Florencio Manuel nace en Córgomo, Concello de Vilamartín de Valdeorras, en agosto de 1903. Os continuos traslados do pai por mor do seu traballo levouno a mudar de residencia moitas vecese. Non sería ata asúa estadía en Valladolid, onde comeza os seus estudos de derito que en Gurriarán esperta a súa querencia polo nacionalismo, ao comezar a ler o xornal A Nosa Terra, voceiro das Irmandades da Fala. Estamos a falar do treito temporal entre 1918 e 1924. Anteriormente lera a Rosalía, Curros e Cabanillas na biblioteca familiar de Córgomo, onde tan só acudía os veráns. Estas lecturas espertaran a súa vocación poética.

No ano 1928 retorna a Valdeorras, cando seu pai asentara na Coruña. Entre lecturas de clásicos galegos e franceses, paseos e reflexións, Delgado Gurriarán buscou conseguir un sitio na profesión a través da preparación de oposicións para Rexistros, cousa que xamais acadou. Nesta volta comeza a súa obra poética e vai ver a luz en diferentes xornais e revistas como Heraldo de GaliciaA Nosa Terra… Tamén participa nas estruturas asociativas de Córgomo: organizaba festas, promovía actividades culturais…; e levaba preitos dos veciños, pois traballaba de pasante nun bufete do Barco.

Gurriarán comezaría a actividade política organizada unha vez que o galeguismo cultural mudara cara á acción política, por medio das Irmandades. Daquela botou a andar a Irmandade Galeguista Valdeorresa, da que Delgado Gurriarán formaba parte como representante de Córgomo. Naquel 1930 tamén comezaría a celebrarse en Valdeorras a «Diada de Galiza», como festexo nacionalista, e editaron un manifesto en defensa da lingua. A Irmandade Galeguista Valdeorresa, mantén un contacto directo co nacionalismo ourensán e Otero Pedrayo, quen visitou Valdeorras en varias ocasións desde 1931. O propio Floencio significa que eran preto de 60 ou 70 os galeguistas que había daquela na Irmandade, segundo manifesta na imprescindible entrevista que lle fixera Dolores Pla (México, 1979).

Florencio Delgado enviara unha nota de adhesión á Asemblea Galeguista de Pontevedra, na que xurdiría o Partido Galeguista (PG). Naquel final de 1931, xa tiña escrito poemas de interese sociolingüístico e político, mais algún traballo en prosa coa agulla crítica posta na política caciquil e centralista, e avogando por «unha Confederación Ibérica dentro da Confederación Europea». A loita que por medio da pluma levou a cabo 0Gurriarán foi unha constante en todo o período republicano: unha manchea de poemas publicados. Logo dun ano en Madrid para preparar as nunca consumadas oposicións, retorna a Valdeorras. Á volta, afíliase ao PG, logo da derrota gobernamental nas eleccións de novembro de 1933, que deixara o partido sen presenza parlamentaria. Os galeguistas valdeorreses participaran activamente na campaña.

Delgado Gurriarán acode á asemblea anual do PG en Ourense, en 1934. Neste escenario, onde coñece a Castelao, comezan as disensións no partido entre esquerdas e dereitas. Os valdeorreses asumen a liña de esquerdas que abandeiraba Castelao. Sería esta unha etapa de expansión do partido en Valdeorras. Logo dos acontecementos de outubro en Asturias, Castelao e Bóveda foron desterrados fóra de Galicia. Gurriarán e outros galeguistas valdeorreses acompañaron os represaliados no tren que viaxaban, desde Monforte ata o Barco. Logo, con motivo das penas de morte impostas, encetaríase en Valdeorras unha campaña de recollida de sinaturas pedindo o indulto.

Nese 1934, chega o primeiro éxito literario de FDG coa publicación da súa escolma de poesías Bebedeira, editado por Nós, tivo unha notable acollida da crítica. Carballo Calero, Otero Pedrayo, Xohán L. Ramos e Antón Vilar Ponte deixaron positivas palabras do poemario.

Ata o golpe de Estado de 1936, publicacións galegas e bonaerenses recolleron poemas de FDG en defensa da lingua e a terra. Deseguida, as atrocidades dos primeiros momentos do golpe aconsellaron agacharse, pois a proximidade da campaña do Estatuto e a mobilización do primeiro de maio delataban os que despois sería perseguido. Gurriarán andou dun lado para outro. En outubro puido pasar A Raia por Tourém. Despois de pasar tempo en Porto, foi de polisón nun barco noruegués ata Bordeos, debaixo dunha cama. Logo foi a París, ata que, a comezos de 1938, pasou a Barcelona. Alá alístase no Exército, na Subsecretaría de Armamento. Ao pouco, xa como tenente, entra no Servizo de Información Periférico, dependente do Estado Maior, onde coñece a Guerra da Cal e a Líster, e se reencontra con Castelao, Santiago Álvarez e outros valdeorreses. No ámbito político, Delgado Gurriarán entra na Executiva do PG, como Secretario de Propaganda; e colabora en Nueva Galicia con poemas de combate, baixo o pseudónimo Nadel, que en alemán significa “agulla”. En ocasións foi á fronte do Ebro, mais deseguida cambiaron os cometidos, cando comezaba a se osmar o desenlace final da guerra. Primeiramente deseñaron unha operación de rescate dos que resistían en zonas ocupadas, a través de Portugal; logo outra, para preparar o exilio dos galegos con destino a América. Para este labor creouse un comité de representación política de galegos, a Solidaridad Gallega Antifascista, que actuaba en coordinación co Frente Popular Antifascista Gallego (1937), liderado por Ramón Mosteiro.

Delgado Gurriarán entre outros poucos galegos, principiando 1939, pasou a Francia con pasaporte republicano, visado polo goberno francés, o que lle permitiu mobilidade para preparar a evacuación ante a inminente derrota do Exército republicano. Alá, entre París e a franxa sur, con Valenzuela, que tamén pertencía ao Servizo de Información Periférico, Pla e Ramiro Isla, en coordinación cos organismos citados, sacaron galegos dos campos de concentración do sur de Francia. Finalmente, entre outras axudas, as SHC financiaron o Ipanema, barco onde moitos galegos puideron recalar en Veracruz o día de San Fermín, con Gurriarán entre os mil pasaxeiros.

Xa en México, traballou un tempo de organizador de explotacións agrarias colectivas, como delegado do SERE en Toluca. Despois, xa na capital, pasou por múltiples ocupacións. Canto ao labor político, o primeiro sexenio foi moi pródigo. Os galeguistas, no plano asociativo e político, crearon o Ateneo de Galicia, o Fogar Galego e a Irmandade Galeguista; no ámbito publicístico, puxeron en marcha o grupo Saudade (1942). En 1943, cun fondo significado político, destaca a saída do prelo do Cancioneiro de loita galega, baixo a responsabilidade do PG e o coidado editorial de Gurriarán Un mollo de poemas homenaxeando os galeguistas asasinados pola barbarie franquista. En 1946, FDG preséntase a un concurso de traducións de poemas ingleses e franceses ao galego, organizado pola Federación de Sociedades Galegas de Buenos Aires. Gaña o certame xunto a Luís Tobío e Plácido R. Castro, e van ver publicados os seus poemas en 1949. Tamén no plano da unidade política significamos a constitución da Alianza Nazonal-Galega (1943) e o seu órgano de expresión Galicia. Nesta iniciativa estaban o PG e todos os partidos estatais con presenza en Galicia.

En 1944 casou con Celia, filla de emigrantes galegos. Tamén foi delegado do Consello de Galiza de México e participou nas reunións previas á sesión parlamentaria citada. Logo de estabilizarse laboralmente como representante de medicamentos, FDG pasou a residir en Guadalajara (Nueva Galicia, Jalisco) en 1951.

Desde a súa forzada marcha, o primeiro traballo publicado en Galicia foi o poema «Bocarribeira valdeorresa», que aparece na revista Peña Trevinca-Montañeros de Galicia, en 1948. Nos anos cincuenta puxeron a andar o Padroado da Cultura Galega (1953). Unha entidade que xorde «co gallo d-afincar a irmandade dos galegos», e berce da revista Vieiros (1959), exemplo de edición, codirixida por FDG, entre outras iniciativas literarias e radiofónicas. Neste tempo, desde Guadalajara dirixe unha segunda andaina da revista Saudade e ten contacto directo cos galegos da capital. Froito do contacto con Galaxia, edita o seu segundo poemario, Galicia infinda (1963).

Logo de verse pechada a súa causa política en 1959. Sen agachar a cabeza, tres veces veu a Valdeorras: en 1968, 1976 e 1981. Para ver os seus maiores a primeira, logo de trinta e dous anos de exilio; a segunda para contemplar como era o escenario posfranquista e albiscar as posibilidades de revitalizar o vello PG, logo de visitar aquí os seus principais «axentes»; na última quixo contemplar a publicación compilada dos seus poemas de loita e combate, que xa tardaban; marchou para non volver, cunha doenza cardíaca. As cousas do destino: estivo hospitalizado na Residencia Francisco Franco. Polo medio, o seu correlixionario no tempo atrás, Xosé Gayoso, foi quen de introducilo na sociedade valdeorresa e galega como exiliado e poeta, coa axuda de Paz Andrade. Foi nomeado académico correspondente na RAG, pregoeiro na capital valdeorresa e membro de mérito do Instituto de Estudos Valdeorreses. Publicou Cantarenas (1981) baixo o patrocinio do IEV e Isaac Díaz Pardo. Este último, foi tamén quen pulou por O soño do guieiro (1986), derradeira obra deste poeta valdeorrés, republicano e galeguista, non sen problemas de edición coa «censura». A súa «manda testamentaria» quedou plasmada no artigo que fixo para o Congreso de Castelao de 1986, ao que non puido concorrer. Faleceu en Fair Oaks (California) o 14 e maio de 1987.

Este poeta moderno, bailón, «musiqueiro», cantador de tangos, fados, milongas, rancheiras, repeniqueador, namoreiro… e sobre todo sensible e agradecido, sendo republicano, matárono as coronarias. Naquela primavera que se foi, levou no peto un itinerario vital de compromiso coa terra, preñado de ética e dignidade persoal.

Texto: Sacado dun artígo de Ricardo Gurriarán editado na web da Real Academia Galega.

Foto: Real Academaia Galega

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com