Novas

O PSOE de Antas pide ao Concello que solicite fondos europeos para rehabilitar a Casa da Cultura

Os socialistas de Antas de Ulla instan ao concello a que solicite fondos europeos para rehabilitar a casa da Cultura e a casa da Hermandade, co fin de destinala a usos comunitarios. Así o avanzou onte a voceira Socialista en Antas de Ulla quen defenderá dúas mocións na vindeira sesión plenaria coas que insta ao Goberno Local a que presente estes dous proxectos para conseguir fondos europeos.

A socialista sinala que o Concello de Antas de Ulla non pode permitirse o luxo de pasar esta oportunidade de recibir fondos públicos para mellorar as nosas dotacións públicas. “Temos que aproveitar todas e cada un das oportunidades que nos presentan as diferentes administración publicas, como neste caso a Unión Europea a través dos proxectos de recuperación entre o Ministerio de Dereitos Sociais, ou a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos para Entidades Locais”, incidiu a voceira.

No que se refire ao inmoble municipal coñecido como a “Casa de la Hermandad de Labradores”, leva preto dunha década abandonada, “e sen que se proxecte sobre ela ningunha actuación para a súa conservación, mellora ou rehabilitación dende a súa adquisición fai oito anos”. Hai que lembrar que a compra deste edificio por parte do Concello realizouse a través dun convenio coa Consellería de Facenda, cunha liña de financiación que comezou no 2014, e rematará no 2023, cunha cuota media anual de arredor de 2.600 euros.

Unha oportunidade único a custe cero para o Concello

O edificio conta cunha ubicación facilmente accesible, tanto en vehículo como a pé, e está dentro do casco urbano, permitindo a rehabilitación e recuperación dun edificio senlleiro para a historia da vila. Ademais “entre toda a veciñanza existen moitas peticións para que se creen espacios de lecer e coidados para a poboación maior. E agora preséntasenos unha oportunidade única para poder dotar ao noso pobo dun centro de día, a custe cero para o Concello. Por iso, dende o Grupo Socialista defendemos insistentemente a necesaria creación deste centro para o coidado dos nosos maiores dependentes e autónomos, co fin de facilitar a necesaria conciliación laboral dos seus familiares”.

Ademais, o Grupo Socialista reclama tamén que con cargo ao Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos para Entidades Locais, o Concello de Antas de Ulla rehabilite a Casa da Cultura, o único espazo adicado especificamente ás actividades culturais da nosa vila.

Os socialistas sinalan que este edificio “é compartido por todos os colectivos culturais do concello, e onde ademáis alberga a Biblioteca Municipal e o punto de atención temperá á infancia. Polo tanto os usuarios destas instalacións son numerosos e converteuse nun punto de referencia no eido social, ademais de concentrar un alto número de público e de usuarios”, debido á programación e actos que se representan ao logo de todo o ano neste espacio publico.

Vilalba programa na biblioteca municipal actividades para todas as idades no mes de abril

O Concello de Vilalba presenta a programación para o próximo mes de abril da Biblioteca Municipal, cunha proposta de actividades para as diferentes franxas de idade. O programa está organizado pola Biblioteca Municipal en colaboración coa Escola de Teatro do Concello de Vilalba.

O goberno local busca con esta programación continuar promocionando as diferentes actividades culturais no municipio, cunha oferta que une á lectura con outras propostas culturais.

A primeira actividade será o próximo mércores 6 de abril, dirixida á infancia entre 0 e 3 anos baixo o título Os meus primeiros contos. A iniciativa proporá un contacontos con rimas, historias, cancións e sorpresas con luz coas que os nenos e nenas visitarán o mar e coñecerán a súa fauna. A actividade contará con tres sesións a diferentes  horas: 16:00, 17:00 e 18:00.  Este primeiro obradoiro abrirá as inscricións o próximo luns 28 de marzo ata o 6 de abril.

A rapazada de entre 4 e 11 anos terá a súa actividade o mércores 20 de abril, co xogo de pistas Misterio na biblio. A proposta inclúe un misterio a resolver polos participantes, cunha tarde chea de historias monstruosas, xogos e moitos enigmas. Neste caso, o prazo de inscrición será do 5 ao 20 de abril e haberá dúas quendas, unha ás 17:00 para maiores de 4 anos, e outra ás 18:00 para maiores de 7 anos.

Por último, o público adulto poderá gozar deste programa o mércores 27 de abril coa representación teatral Sin-paghar. Nesta obra, a actual crise económica e social xunta na Biblioteca Municipal ás causantes dunha rebelión no supermercado da vila, corpos de seguridade, “mileuristas” que non chegan a fin de mes, embarazadas por xeración espontánea e maridos escandalosamente honestos e cumpridores das leis. Todo un absurdo que fará as delicias dos espectadores nesta adaptación da obra Aquí no paga nadie de Dario Fo.

As inscricións realízanse do 18 ao 27 de abril. As solicitudes de inscrición das tres actividades realízanse no mail: vilalba.rbgalicia@eidolocal.es ou no teléfono 982512232 ou por WhatsApp no 626399329.

As altas salvan un novo aumento dos casos covid o día no que se notifican 2 novos falecidos

A provincia de Lugo continúa a loitar contra sexta vaga da Covid. Así, na última xornada, descendeu lixeiramente o número de casos, unha boa nova se non fora porque tan só se debe a un aumento das altas e non a un descenso de novos positivos, que se mantén en cifras similares a un día antes.

Así, en cifras, no día de hoxe son 2744 os pacientes cunha infección activa de Covid 19 na provincia. En canto aos positivos detectados, na última xornada situáronse en 243, un menos que un día antes. Con todo, as altas médicas foron quen de baixar a cifra de casos activos por primeira vez na última semana. Así, dende o inicio da pandemia Lugo rexistrou 54.543 pacientes covid curados, polos 54.230 dun día antes.

En canto á presión asistencial, os hospitais da provincia contan cun total de 33 pacientes covid ingresados en planta (5 menos que un día antes) e 2 na UCI do HULA.

Por outro lado, nas últimas horas o SERGAS notificou dous novos falecementos da provincia. Un home e unha muller de 89 e 84 respectivamente. Ambos tiñan patoloxías previas. Con eles son xa 319 os falecidos na área sanitaria dende o inicio da pandemia.

A Xunta adxudicará a terceira Fase do polígono das Gándaras esta semana

A Xunta avanza que o vindeiro mércores, 30 de marzo, celebrarase unha reunión do Consello de Administración de Xestur, onde se adxudicará as obras de urbanización da Fase III do parque empresarial das Gándaras, por 1,5 millóns de euros. Así llo adiantou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, durante a sinatura das escrituras de cesión das zonas verdes, viarios, aparcadoiros e dominio público da Fase II desta área económica.

Esta nova fase implica aumentar o parque nunha superficie bruta de 55.768 m 2 , dos cales
se destinarán a parcelas 35.424 m 2 , é dicir, definiranse 25 novas parcelas que os interesados xa poden adquirir presentando a súa oferta ao concurso convocado para a adquisición de solo empresarial -por Xestur en febreiro-, que tamén se pecha o vindeiro mércores. A conselleira detallou que existen tres parcelas de gran tamaño (dúas de 2.698 m 2 e unha de 5.252 m 2 ) e as restantes teñen entre 992 e 1.200 m 2 , tamén se disporán case 140 prazas de aparcamento.

Asemade, indicou que a proposta que se ratificará o vindeiro mércores fixa un prazo de execución de nove meses; polo que se os traballos avanzan ao ritmo esperando e non se rexistran incidencias, as obras deberán rematarse a finais deste mesmo ano ou principios de 2023. Ángeles Vázquez destacou que esta zona do concello de Lugo ten mudado moito desde o 2008 cando se iniciaron as obras da primeira fase, na que se construíron 118 parcelas que suman unha superficie de 372.845 m 2 . Posteriormente, abordouse a segunda fase, que supuxo habilitar 12 novas parcelas en 45.346 m 2 e 530 prazas de aparcamento.

“Hoxe a Xunta cede ao Concello as zonas verdes, viarios, aparcadoiros e zona de dominio público da fase 2 deste parque empresarial, terreos que suman un valor de case dous millóns de euros”, destacou Vázquez Mejuto.

Aberta a inscrición para un curso sobre preparación de rallys para competición a cargo de Sergio Vallejo

O Servizo de Prevención de Drogodependencias e outras adiccións, adscrito á Concellería de Xuventude, dirixida por Mauricio Repetto, abre a inscrición dun curso sobre preparación de rallys para competición, impartida por Sergio Vallejo e dirixida a veciñanza de Lugo de entre 16 e 40 anos de idade. A actividade está financiada a través dos fondos do Plan Nacional sobre Drogas.

O edil responsable animou á mocidade a apuntarse a esta iniciativa, “xa que é unha ocasión única de aprender dun gran profesional como é Sergio Vallejo, piloto de ralys, que foi campión de España en 2009 e 2014 e subcampión en 2003 e 2008, e que en 2021 terminou segundo na Copa de España de Rallys de Asfalto”.

A actividade, que busca ofrecer alternativas de ocio saudable no marco do programa impulsado polo Goberno de Lara Méndez, consta de tres sesións formativas que se desenvolverán no Polígono do Ceao os sábados durante os meses de abril, maio e xuño.

“Os participantes coñecerán máis a fondo o mundo do motor e, ademais, catro dos participantes de cada sesión, as 12 persoas que máis destaquen polas súas habilidades, poderán participar dentro da asistencia técnica de Sergio Vallejo con todos os gastos pagados no 26 Rally do Cocido de Lalín, no 55 Rally Rías Baixas e no 34 Rally de Narón”, apuntou Mauricio Repetto.

Todos os interesados poderán inscribirse dende hoxe en lugomasxti.com (apartado de inscricións). O total de prazas é de 36.

Curso técnico sobre preparación de un rally para competición

1ª Sesión Formativa (Rally do Cocido de Lalín)

  • Sábado, 2 de abril ,de 09.00h a 14.00h e de 15.30h a 20.00h
  • Sábado. 9 de abril, de 09.00h a 14.00h e de 15.30h a 20.00h

2ª Sesión Formativa (Rally Rías Baixas)

  • Sábado, 14 de maio, de 09.00h a 14.00h e de 15.30h a 20.00h
  • Sábado, 21 de maio, de 09.00h a 14.00h e de 15.30h a 20.00h

3ª Sesión Formativa (Rally de Narón)

  • Sábado, 28 de maio, de 09.00h a 14.00h e de 15.30h a 20.00h
  • Sábado, 4 de xuño, de 09.00h a 14.00h e de 15.30h a 20.00h

Remedios González, presidenta do PP de Rábade

A dirixente provincial, Elena Candia, presidiu o congreso do PP de Rábade, no que Remedios González Cabarcos foi elixida presidenta, comprometéndose con elo a “consolidar o noso Partido con máis afiliados e simpatizantes”. Para elo, deseñou unha executiva que está formada, dixo, “por un gran equipo de colaboradores implicados e comprometidos con Rábade”.

“Conto con grandes compañeiros, leais e con vontade de traballo para acabar a confianza dos veciños. O noso obxectivo é traballar para facer deste concello un pobo de referencia a nivel provincial e desenvolver un proxecto de futuro para reconducir con ilusión a xestión do Concello nas próximas eleccións”, destacou.

A presidenta provincial amosou a súa satisfacción pola renovación orgánica, depositando en todos os integrantes a súa colaboración e apoio para que en 2023 se produza un cambio de goberno en Rábade. “Creo que é posible e, entre todos, temos que ser capaces de ensanchar o Partido e darlle a este concello o prestixio que perdeu cos mandatos independentes”, remarcou.

A nova presidenta estivo arroupada pola dirección provincial que lidera Elena Candia e por outros cargos orgánicos da formación como Javier Nodal, Javier Vázquez Prado ou José Manuel Balseiro.

A xunta directiva fórmana 11 persoas: Remedios González (presidenta), Ángel Carral Ferreiro (secretario xeral), José Luis Novo Teijeiro (secretario); José Manuel Candal Veiga (vicesecretario de Urbanismo e Vivenda), Pilar Dapena González (vicesecretaria de Sanidade e Asuntos Sociais), María José Parga Regueiro (vicesecretaria de Educación e Cultura), Héctor Iglesias Redondo (vicesecretario de Xuventude e Deportes) e como vogais: Sandra Novo Penas, María Delia Basanta Seijo, Manuel Díaz Freire e Francisco Gómez Vázquez.

O Partido Popular da provincia continuará hoxe coa renovación da agrupación de Vilalba e, o domingo, a de Monforte de Lemos. Os dous congresos celebraranse ás 12:00 horas nos restaurantes Montero e Don Manuel, respectivamente.

Rego: “a presenza do BNG no Congreso permite defender os intereses de Galicia”

O Deputado do BNG no Parlamento do Estado, Néstor Rego, participou nun encontro público con veciñas e veciños de Lugo. O deputado do BNG falou da importancia de contar cunha voz galega no Congreso e dar conta do traballo desenvolto polo BNG nos últimos anos. Rego afirmou que “a presenza do BNG no Congreso permítenos defender os intereses de Galicia, ante a parálise dos deputados dos partidos estatais”.

O BNG defendeu medidas no congreso que suporán melloras para Lugo, como a mellora da rede ferroviaria ou os distintos investimentos reclamados para a mellora das infraestruturas e servizos públicos da comarca. O acto contou coas intervencións da Deputada no Parlamento de Galiza, Carme Aira e o Portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo.

Néstor Rego compartiu as propostas da campaña Os prezos soben, os teus cartos baixan. Fagámonos Valer! coa que o BNG vén de lanzar unha ofensiva nas rúas e nas institucións para reclamar aos gobernos da Xunta e do Estado que tomen medidas urxentes para evitar o colapso dos sectores económicos galegos, ante a descontrolada suba de prezos que se vén experimentando nas últimas semanas.

O BNG reclama a posta en marcha dunha serie de medidas xustas e urxentes que se deben aplicar no ámbito estatal para frear a escalada de prezos que provocan o empobrecemento das clases populares. Rego destacou “a necesidade implantar as medidas de maneira inmediata, como as melloras do sector eléctrico e a regulación do prezo dos carburantes”.

Néstor Rego animou á veciñanza a participar na manifestación nacional convocada en Compostela o vindeiro 3 de abril, para reclamar aos gobernos da Xunta e do Estado a solución á actual crise de prezos.

O PSOE pedirá á Xunta un plan que os concellos pequenos poidan desenvolver a rede de telefonía móbil

O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá no vindeiro Pleno ordinario, que terá lugar o martes día 29 de marzo, unha moción para reclamar á Xunta un plan para que os concellos pequenos poidan desenvolver a rede de telefonía móbil.

Concretamente a través desta proposta demandan ao Goberno Autonómico “asumir o custo de levar a acometida eléctrica ás torres de telefonía móbil nos concellos do rural ou ben desenvolver un plan de axudas específicas para evitar o sobrecusto que estes traballos supoñen para as arcas dos pequenos concellos da provincia de Lugo”.

Na iniciativa rexistrada, o PSdeG insta á Xunta de Galicia “a que cumpra os obxectivos fixados na Lei 3/2013 de Impulso e Ordenación das Infraestruturas de Telecomunicacións de Galicia, e especialmente os relativos ao  desenvolvemento de infraestruturas de telecomunicación, garantía de acceso para particulares e empresas, e eliminación da fenda dixital no rural”.

Hai que lembrar que a Xunta presentou un plan de mellora de telefonía rural para o período 2022/2023 como unha acción ambiciosa que pretende mellorar o servizo de telefonía móbil en 290 entidades de poboación, mellorando a cobertura que reciben 7.000 habitantes de 65 concellos galegos. Pola contra, aseguran os socialistas, “despois de ler estes grandes titulares, comprobamos que a realidade do investimento previsto revela a cativa aposta da Xunta pola dixitalización do rural galego e lucense”.

Así as cousas e segundo os datos publicados, “o investimento total desta acción apenas acada os 4,3 millóns de euros, 3,7 deles procedentes de fondos públicos. Ou o que é o mesmo, a Xunta vai dedicar só 15.000 euros á cobertura telefónica de cada núcleo de poboación”.

Polo tanto, “as contas da Xunta evidencian unha vez máis que a administración autonómica é quen convida a este proxecto, pero a quen lle toca pagar é ós concellos, coas súas limitacións orzamentarias. Porque serán os concellos os encargados de atopar as parcelas para instalar as torres de telefonía; serán os concellos os encargados de poñer as parcelas á disposición da Xunta, cos seus correspondentes accesos; e serán os concellos os que teñan que sufragar os gastos de levar a acometida eléctrica a cada unha das torres”.

Tendo en conta que as torres poden estar asentadas en parcelas de titularidade privada, o custo total de cada torre, para os concellos, pode rondar entre os 60.000 e os 90.000 euros. Como se ve, a Xunta, non só incumpre os obxectivos fixados pola súa propia Lei 3/2013 de Impulso e Ordenación das Infraestruturas de Telecomunicacións de Galicia, “senón que pretende botar sobre as arcas municipais a meirande parte do investimento necesario para impulsar a telefonía no rural lucense”, critican os socialistas.

Por todo isto, “o Grupo Provincial Socialista reitera o seu compromiso coa dotación de servizos básicos para o conxunto da poboación e coa necesidade de contar cunha rede de telefonía móbil e datos de calidade que dea servizo ó conxunto do territorio da provincia”, remarcan.

EOI e Xunta inauguran novos espazos coworking en Galicia

Esta semana inauguráronse 4 espazos Coworking en 3 provincias galegas: Lugo, Ourense e Pontevedra. Organizados pola Xunta de Galicia en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), onde os promotores dun total de 72 iniciativas recibirán formación, asesoramento e titoría durante o próximos cinco meses na implementación das súas iniciativas empresariais.

Por unha banda, as actividades dos 75 emprendedores, 42 mulleres e 33 homes, que participan nos diferentes Espazos Coworking, centraranse en diferentes sectores. Así entre as iniciativas, inclúense proxectos de comercio de produtos de proximidade; escaparatismo, realidade aumentada, agricultura sostible, xestión de residuos, fabricación de produtos lácteos, repostería e turismo e agricultura sostible, entre outros.

Nos distintos actos estiveron presentes por parte de IGAPE D. Norberto Penedo, director dá Área de Competitividade, Dna. Fany Suárez Mansilla subdirectora dá Oficina Galicia Emprende e D. Manuel Fidalgo responsable Oficinas Sur; por parte dos distintos concellos estiveron D. Pablo José Taboada Camoiras, alcalde do Concello de Palas de Rei, D. Pablo Durán e D Javier Tourís alcalde e primeiro tenente alcalde do Concello de Vilanova de Arousa, D. Javier Taibo Gallego, Xerente do Parque Tecnolóxico de Galicia e D. Manuel Otero alcalde do Concello de Mondoñedo. Finalmente, por parte da Escola de Organización Industrial estivo Javier Benito, director do Departamento de Aceleración empresarial, e os mentores residentes dos distintos espazos.

Co lema de “Chegamos onde esteas”, 220 novos proxectos emprendedores, principalmente do ámbito rural, poderán participar nunha nova edición dos Coworking de Galicia IGAPE-EOI, axudándolles a desenvolver os seus plans de negocio. Esta sexta edición, que conta cun orzamento de 1.080.000 euros, desenvolverase en once localizacións nas catro provincias galegas, dando así máxima cobertura en todo o territorio: A Mariña Lucense (Mondoñedo); A Costa da Morte (Cabana de Bergantiños); Ferrolterra (Ferrol); Santiago de Compostela; A Ribeira Sacra (Monforte de Lemos); O Salnés (Vilanova de Arousa); O Deza (Lalín); Camiño de Santiago (Palas de Rei); Mancomunidade do Carballiño (O Irixo), Valdeorras (A Rúa) e Tecnópole.

Durante o desenvolvemento dos espazos coworking acelerarase o desenvolvemento dos proxectos empresariais aumentando a probabilidade de éxito das ideas impulsadas en territorios nos que adoita ser difícil atopar este tipo de servizos. Durante o programa, cada proxecto de negocio dispoñerá de 40 horas de titorías individualizadas e máis de 12 talleres específicos de emprendemento en cada un dos Espazos Coworking. Os emprendedores reciben titorías enfocadas ao desenvolvemento de cada unha das súas propostas, da man de máis de 50 profesores especialistas, e terán a oportunidade de mostrar os seus produtos nos demodays que se celebrarán en cada unha das localidades onde se desenvolven. Todo iso de forma totalmente gratuíta grazas ao cofinanciamento da Xunta e do Fondo Social Europeo.

A rede de espazos Coworking promovida pola Xunta a través de Igape e EOI forma parte da rede de incubadoras e aceleradoras especializadas que a Xunta ten activas, como a Business Factory Auto, a Business Factory Aero, a Business Factory Food, a Business Factory Medicines, Turislab ou ViaGalicia. Pola súa banda os Coworking de EOI forman parte do programa Espazo Coworking, implantado a escala nacional pola Escola de Organización Industrial e cofinanciado polo Fondo Social Europeo ( FSE). Na actualidade, a súa rede conta con 50 espazos en toda España, así como o programa internacional European Coworking o cal mediante unha rede de mentores europeos orientan e acompañan a emprendedores españois en distintos países da Unión Europea. Esta iniciativa inclúese no marco de a Estratexia España Nación Emprendedora que articula 50 medidas para transformar as bases produtivas do país facendo do emprendemento innovador o rompehielos para un novo modelo económico.

As inscricións xa están abertas e poden facerse na páxina de EOI www.eoi.es/es/espacios-coworking , ou http://landing.eoi.es/coworking_ igape/

O sector pesqueiro volve faenar o luns

O sector pesqueiro do cerco, logo do seu breve paro, volve faenar este luns. Así o decidiron as principais entidades do cantábrico que aglutinan aos produtores de baixura galegos, euskaldúns ou cántabros.

Segundo recollen diferentes axencias nacionais, o voceiro de Acerga (Asociación de Armadores del Cerco de Galicia), Andrés García, sinalou que os 121 cerqueiros que forman parte da asociación agardan “boas novas” por parte do transporte e que finalmente levante o paro convocado; e chamou a atención sobre as tripulacións, “que teñen que gañar cartos”.

Asemade, o voceiro da plataforma agardaa que “dunha vez por todas” todo o Estado comece a “funcionar “, porque, dixo, “o país o necesita”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com