Novas

Monterroso perde unha subvención de 40.000 euros para construir a terceira pista de pádel

Os socialistas de Monterroso veñen de denunciar que a alcaldesa da localidade “volveu unha vez máis a tratar de enganar aos veciños de Monterroso”, tralo anuncio feito en días pasados de que as obras da terceira pista de padel foron financiadas pola Consellería de de Infraestruturas e Mobilidade que tiveron un custe de 77.000 euros.

“Lonxe da realidade expresada pola Alcaldía a verdade desta cuestión é que o Concello perdeu unha subvención da Dirección Xeral da Administración Local por un importe de 40.000 € que o organismo autonómico concedeu ao Concello de Monterroso”, explican nunha nota os socialistas.

A “mala xestión” do equipo de Goberno foi o que motivou a perda desta axuda “e que agora temos que pagar do peto de tódolos veciños de Monterroso por mor de non xustificar en prazo as obras” que eran obxecto da subvención.

Segundo explican os socialistas, o 31 de maio de 2021 a alcadía recibe unha comunicación da Dirección Xeral da Administración Local, notificándolle a resolución da concesión de subvención para instalación dunha pista de padel cuberta por un importe de 40.000 €. Na mesma resolución tamén se facía a advertencia de que as obras deberían de estar executadas e xustificadas a 31 de outubro de 2021.

Tras isto, o 14 de setembro o concello anuncia a licitación da obra para o 25 de outubro anunciar a súa adxudicación despois de dúas reunións da mesa de contratación.

Por último, o 27 de outubro de 2021, o Diario Oficial de Galicia recolle unha prórroga para a xustificación destas obras ata o 15 de novembro de 2021.

Fóra xa dos prazos establecidos pola Xunta para a obtención desta axuda, o pasado sábado,  12 de marzo, a alcaldía anunciou diante dos medios que a obra fora obxecto dunha subvención; un feito que os socialistas desminten “non sendo certa tal afirmación tal e como demostramos”.

Aseguran, ademáis, que “foi tal a desidia” deste procedemento que “dende que o Concello recibiu a notificación da subvención a 31 de maio, dende o equipo de goberno non se fixo nada ata mediados de setembro que se sacou a licitación da obra, adxudicando a mesma o 25 de outubro, tendo a empresa adxudicataria un prazo de 23 días para a execución das obras, contando xa coa prorroga concedida por Vicepresidencia Primeira. Unha verdadeira temeridade para as arcas municipais, sabendo que era imposible cumprir cos prazos establecidos”.

“Monterroso e os seus veciños non se merecen unha Alcaldesa que lles minta novamente, cuestión que xa ten por hábito a Alcaldía e que unha vez máis queda retratada polas súas propias palabras. De feito xa non nos sorprende este comportamento da Alcaldesa, xa que cando minte en sede xudicial tal como quedou demostrado nunha sentenza xudicial por o despido dun traballador municipal con menos pudor o fai cos veciños de Monterroso”.

Dende o Grupo Socialista, esixen á Alcaldía e ao seu equipo de goberno máis dilixencia na xestión dos recursos públicos e que ademáis teñen a obriga de facelo en defensa dos intereses do Concello, que para eso están e non só para ingresar as súas abultadas nóminas a finais de mes.

O PP da Fonsagrada considera “contraditorio” que o goberno diga impulsar iniciativas empresariais “cando é o que máis emprego destrúe”

O voceiro do Grupo Municipal Popular da Fonsagrada, Jose Regueiro, considera “contraditorio” que “o goberno local diga que vai crear unha sala polifuncional para impulsar iniciativas empresariais e de creación de emprego na Casa da Cultura cando o goberno local do PSOE é o maior destrutor de emprego no noso municipio”. O voceiro popular refírese á praza da Policía Local, así coma ao desmantelamento do GES.

Ante este anuncio, o popular esíxelle explicacións ao goberno municipal sobre este proxecto para dar a coñecer aos veciños “as accións e medidas concretas que ten previsto levar a cabo” de cara ao impulso de iniciativas empresariais no municipio.

Regueiro dubida que o goberno local logre impulsar iniciativas empresariais nese espazo tal e como o anunciaron porque “se lles da moi ben anunciar, pero non fan o que prometen”, condena. Nese sentido, pon como exemplos de proxectos aínda sen executar ao cuartel da Garda Civil, a estrada de Navia ou o Museo de Forges.

Museo de Forges
O popular lembra, en relación a este último, que “o goberno local anunciou a creación dun museo na memoria do debuxante e humorista con raíces fonsagradinas na antiga Casa do Concello; pero máis de tres anos despois aínda non está en funcionamento”. Os populares amosan tamén a súa preocupación polo estado no que se atopa o material doado pola familia de Forges e que recibiu o Concello a finais do 2018”.

Lugo acolle a presentación de ‘Vivas e Libres, lexislación e violencia machista’

O Vello Cárcere acolleu hoxe a presentación do novo caderno da Fundación Galiza Sempre. O texto Vivas e Libres. Lexislación e violencia machista: Contribucións do nacionalismo galego, escrito por Carme Adán, únese á serie Ideas Impresas, que consta xa de 13 cadernos de análise da situación política actual.

O acto de presentación do caderno contou coas intervencións da autora, Carme Adán, que estivo acompañada pola Concelleira de Cultura e Branca Rodríguez Pazos, activista no eido do feminismo.

A través deste novo caderno de formación e análise, a autora, a catedrática en filosofía e pensadora feminista, Carme Adán, fai un pequeno percorrido polas contribucións do nacionalismo galego ás políticas públicas feministas de Galicia. Ao longo da obra pon o foco en todo aquilo que atinxe á violencia machista dende unha dimensión lexislativa.

O Goberno lamenta que Feijóo “esquecera a consignación orzamentaria para os anuncios que fixo en Lugo”

A alcaldesa de Lugo cualificou a celebración, onte, do Consello da Xunta na capital como unha “mera escenificación, que trae moito ruído pero a penas deixará noces” e lamentou que “unha vez máis Núñez Feijóo visite a cidade sen compromisos formais, só cunha declaración de intencións superficial”.

“O que fixo onte foi aproveitar o seu paso pola capital, de camiño a Oviedo, dentro da súa xira de promoción persoal, para deixar no aire simples informes porque nada do aprobado onte polo órgano galego aquí tiña a Lugo como protagonista”, asegurou a rexedora.

A primeira edil afeou que os anuncios do presidente galego non viñesen apoiados cunha consignación oficial, “a única garantía, tendo en conta a cantidade de promesas incumpridas que mantén co noso municipio, de que se vaian executar”, afirmou.

E así, a rexedora, enumerou algúns dos proxectos que o Executivo autonómico “mantén pendentes” con Lugo, “onde o balance de feitos e haberes da Xunta pode equipararse ao esforzo inversor realizado, por exemplo, polo fundador de Inditex”.

“Dígoo con preocupación porque merecemos un presidente de Galicia que cumpra coa palabra dada á veciñanza e que pague a débeda, xa histórica, cos e coas lucenses. Un presidente que sexa capaz non só de finalizar eses proxectos que levan décadas inconclusos, senón tamén de iniciar aqueloutros que se fan imprescindibles tendo en conta o actual contexto socioeconómico derivado da pandemia”, sostivo.

Deste xeito, dentro do deber da Xunta, a alcaldesa, lembrou que, “se ben, non é a primeira vez que Feijóo presume dos investimentos desenvolvidos na capital, entre eles a creación de 1.000 prazas públicas de gardería – e unha competencia propia da Xunta – a realidade é que a oferta de prazas en escolas infantís é de medio millar, repartidas en 7 escolas infantís públicas, 4 municipais, 2 da Xunta e a única que se creou neste tempo, foi costeada por Amancio Ortega, en chan do Concello e mantida entrámbalas dúas administracións”.

“Esquécese igualmente o futuro líder do Partido Popular, que se temos Radioterapia en Lugo é porque, tamén, a financiou Amancio Ortega, o mesmo que ocorre co xeriátrico que se está construíndo na Residencia. Un barrio para o que, por exemplo, xa desapareceu a partida de 1’5 millóns de euros prevista para o edificio de aeronáutica, reducindo a 13 os 21 millóns prometidos”.

“En Lugo, señor Feijóo, acumulamos 20 anos de paralización do Plan Paradai e vai camiño de cumprilos – se non fora pola mobilización que estamos realizando dende a Institución local, tratando de acadar vías alternativas de financiamento- os que levamos agardando tamén polo Museo da Romanización de Galicia no Cuartel de San Fernando, que ía contar con 10 millóns da Xunta e, logo de gastar 221.607 euros en 2009 para elaborar o proxecto, non recibimos un euro máis”.

Segundo a rexedora, “dificilmente pode o Goberno galego defender o seu apoio a este concello se non somos capaces de superar con anuncios no DOG os agravios xa enquistados que mantén coa cidade, como para poder anunciar novas obras e proxectos que, dito sexa de paso, parecen – cousa que agradecemos – sumarse ao modelo transformador do municipio que eu mesma iniciei vai facer agora sete anos. Nese sentido, benvidos!”, sinalou a alcaldesa.

A alcaldesa lucense falou, alén, da Rolda Leste, “máis de dez anos paralizada, porque foi o propio Feijóo quen meteu a licitación nun caixón, no 2009. As partidas que se lle foron asignando a esta infraestrutura – vital para a mobilidade na cidade – parecían o Guadiana, entrando e saíndo dos orzamentos con cantidades pírricas de 300.000 euros para unha obra para a que se anunciaron 22 millóns – agora xa 19 – e cuxa finalización se adía máis alá do 2025”.

“É dicir, engadiu a rexedora, se sumamos só os 21 millóns de euros prometidos para a Residencia, os 23 para a Rolda Leste e os 10 para o Museo (54 millóns) e o comparamos co investimento real neses tres conceptos, que non chegan nin aos 13, sáenos que as intencións de Núñez Feijóo para con Lugo teñen unha fiabilidade do 25%”.

“E con estes vimbios, que se poden contrastar só dando un paseo pola capital para comprobar canto do anunciado hai feito, non podemos outra cousa máis que cualificar de ciencia ficción, dun hipotético futurible ou dunha fantasía, o que onte, antes da súa despedida de Galicia, nos veu contar o señor Feijóo a Lugo”, concluíu a rexedora.

A Deputación defende as posibilidades laborais das novas tecnoloxías no sector da automoción

O Deputado de Promoción Económica e Social participou hoxe na conferencia Small Talk: Vehículo conectado e o impacto das novas tecnoloxías no sector de automoción e as súas saídas laborais, organizada pola UNED de Lugo.

Rivera Capón defendeu as posibilidades laborais das novas tecnoloxías tanto na automoción como noutros sectores produtivos. De feito, lembrou que a Deputación de Lugo ofrece, a través do programa Reiníciate: Dixitaliza a túa empresa, formación e asesoramento gratuíto ás PEMES e autónomos para que melloren o seu negocio aproveitando as posibilidades que ofrece a dixitalización, e tamén ten en marcha un plan formativo e laboral para a mocidade, o programa Reiníciate: Enfoca o teu futuro, para mellorar as posibilidades de inserción laboral dos mozos e
mozas da provincia en profesións de alta demanda vinculadas coas novas tecnoloxías.

A Confederación Miño – Sil mellorará saneamento e depuración do Concello de Guitiriz

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e Marisol Morandeira, alcaldesa de Guitiriz, rubricaron hoxe o Convenio de colaboración a través do que se executarán novas actuacións na rede de saneamento e na EDAR do municipio lucense de Guitiriz.

O presente convenio ten por obxecto determinar as condicións que rexerán a execución das obras e instalacións necesarias, a posta ao dispor dos terreos e o réxime da posterior entrega ao concello para o seu mantemento e conservación.

O Proxecto

As obras consistirán na mellora do tramo final do saneamento do río Veiga na súa conexión coa EDAR de Guitiriz para evitar o seu desbordamento, así como a remodelación da obra de chegada á mesma para incorporar un pozo de grosos e un desarenador.

A CHMS será a encargada a licitación, adxudicación e xestión dos contratos da obra, servizos e calquera outros necesarios para a execución das actuacións contidas no Convenio, para ser entregadas ao Concello, encargado da súa explotación, mantemento e conservación de maneira provisional, ata a tramitación da mutación demanial.

Estas actuacións complementarán e mellorarán as xa executadas pola CHMS no ano 2018, a través das que se eliminou o colector do río Veiga, que discorría polo propio leito, e construíuse un novo colector fóra de DPH e un tanque de tormentas á entrada da EDAR existente.

O investimento estimado superará os 240.000 euros, que serán sufragados polo Estado, a través da CHMS, nun 80% e o 20% restante pola Administración local.

Marisol Morandeira agradeceu a José Antonio Quiroga “a predisposición que sempre mostrou a Confederación Hidrográfica cada vez que chamamos á súa porta” e explicou que “este proxecto incidirá directamente na calidade de vida dos veciños e veciñas de Guitiriz, mellorando un servizo tan importante como o saneamento”.

“A colaboración institucional é a clave para conseguir proxectos importantes para preservar e mellorar a calidade das augas dos nosos leitos fluviais, sendo fundamental a implicación dos gobernos locais como canle de comunicación máis directo e claro, polo coñecemento que posúen das necesidades reais das zonas ás que representan” concluíu o presidente.

A Xunta deixa de recomendar o uso da máscara nos patios dos colexios

O subcomité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia pola covid-19, ven de acordar na súa xuntanza de onte, deixar de recomendar o uso das máscaras nos espazos ao aire libre dos centros educativos da comunidade.

O grupo de expertos adoptou esta decisión tras avaliar a situación epidemiolóxica de Galicia así como a grande porcentaxe de poboación pediátrica e xuvenil vacinada. Neste senso, Galicia é a primeira comunidade en porcentaxe de poboación infantil vacinada cun 73,5% dos nenos con alomenos unha dose, o que significa 21 puntos por riba da media do Sistema Nacional de Saúde. Así mesmo, o 41,1% dos menores de 12 anos contan coa pauta completa, 13 puntos por riba da media de España.

No transcurso da reunión, informouse tamén que Galicia está a elaborar un novo protocolo para a vixilancia dos casos de covid-19  para a nova etapa de transición. As directrices desta nova vixilancia consensúanse a nivel nacional, entre todas as comunidades autónomas, precisando a  aprobación da Comisión de Saúde Pública. Aínda que tras a aprobación, débese deixar un período de adaptación, Galicia xa está a preparar a implementación da nova estratexia na nosa comunidade para axilizar os cambios, que se producirán atendendo á evolución da situación epidemiolóxica.

Outro tema que se abordou onte foi o do conflito ucraíno e a atención aos refuxiados que chegan á nosa comunidade. Para iso, estase a establecer un documento que recolla os procesos máis importantes a ter en conta nesta poboación a nivel sanitario, tales como a atención en procesos agudos, a vacinación contra a covid-19 e doutras enfermidades transmisibles como por exemplo a  tuberculose ou sarampelo, ademáis de vixilancia de enfermidades de interese, entre outros procesos.

Aumentan máis dun 40% as denuncias por violencia de xénero no último ano na provincia

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, alertou hoxe do aumento nas denuncias por violencia de xénero na provincia no que vai de ano, segundo reflicten os rexistros da Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno. Isabel Rodríguez advertiu de que no número de denuncias recollidas polas forzas e corpos de seguridade na provincia obsérvase unha tendencia á alza despois dun ano no que se producira unha baixada.

A subdelegada informou de que nos meses de xaneiro e febreiro rexistráronse 83 denuncias, o que supón un incremento do 40,6% respecto aos mesmos meses do ano 2021, nos que foran 59. En todo ao ano pasado o número de denuncias fora de 489.

Isabel Rodríguez asegurou que os datos son preocupantes, demostran que a violencia de xénero é un dos problemas sociais máis graves, e criticou os intentos de banalizalo.

“Vai contra a ética calquera intento de minimizalo, as cifras demostran a gravidade dunha lacra ante a que non debemos permanecer insensibles, que destroza vidas e causa un enorme sufrimento ás vítimas”, manifestou a subdelegada.

A situación da violencia de xénero na provincia analizouse hoxe nunha xuntanza que celebrou a Comisión técnica de coordinación en materia de violencia de xénero da Subdelegación do Goberno. Na reunión participaron, ademais da xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller, María Luis Castro, representantes da Policía Nacional, a Garda Civil, a Policía Autonómica e de Institucións Penitenciarias.

Segundo se informou na xuntanza, a data 16 de marzo, estaban rexistrados 607 casos activos no sistema Viogen correspondentes á provincia de Lugo dos que 1 ten a valoración de risco extremo 1 de risco alto, 76 medio, 263 baixo e 266 non apreciado.

En canto a recursos para a protección das vítimas, actualmente, 28 dispoñen do servizo de atención telefónica Atempro e 23 do dispositivo de protección COMETA.

O Concello tramita os permisos para acondicionar un aparcadoiro na contorna do HULA

A alcaldesa de Lugo creará un novo aparcadoiro na contorna do Hula. A rexedora local anunciaba hoxe que o Concello está a tramitar os permisos pertinentes para poder rozar e acondicionar a tal efecto un novo soar, nas proximidades do Hospital Universitario Lucus Augusti “co obxectivo de incrementar o número de estacionamentos a disposición da cidadanía, todas elas – remarcou – de carácter gratuíto”.

“Trátase de dúas parcelas, sitas na mesma marxe da entrada principal ao edificio, entrando pola Rolda Norte, que conxuntamente suman 11.500 m² e sobre as que, logo da súa limpeza, a área de Enxeñería realizará o estudo topográfico pertinente para avaliar a capacidade que ofrecen aínda que, de non resultar viables, dispoñemos doutro predio alternativo ao seu carón que tamén se pode destinar a este fin”, explicou a alcaldesa.

Así, a alcaldesa lembrou que, actualmente, nas inmediacións do centro sanitario hai xa máis de medio milleiro de aparcamentos de balde, “logo de que repintásemos en batería as marcas viarias que circundan o HULA para gañar 150 espazos, aos que cómpre sumar as 363 prazas que se habilitaron no parking creado xusto diante das instalacións”.

“A nosa intención é, ademais, que cando se aprobe o 5% restante do PXOM, toda vez que a nova catalogación do chan – que actualmente é rústico, de especial protección – pase a clasificalos como zona de equipamentos, estes dous recintos se convertan dun xeito definitivo en dotacións pavimentadas, perimetradas e coa sinalización correspondente”.

A rexedora enmarcou esta medida na vontade do Executivo local de dar resposta ás demandas cidadás, atendendo ao que xa é un clamor similar ao que, no seu día, propiciou que Lugo conte cun servizo de hemodinámica 24 horas.

Os lucenses levan anos denunciando as altas tarifas do parking soterrado do Hospital e reclamando a súa gratuidade. Unha reivindicación á que, tamén dende o equipo de Goberno, nos sumamos en varias ocasións, mesmo a través de proposicións plenarias que lle fixemos chegar á Xunta sen que, até o de agora, obtivéramos unha resposta”, sinalou a rexedora.

A alcaldesa lucense cualificou, nunha nova ocasión, de “inxusto” que os e as usuarias do complexo médico, centro de referencia para toda a provincia, teñan que pagar por aparcar na contornarecordou que o propio inmoble foi construído sobre terreos que eran propiedade do Concello e que a Institución cedeu de xeito gratuíto ao Goberno galego para tal fin. “É dicir, se lle esixe á cidadanía de Lugo un repago, sacrificando o interese público para darlle beneficio a unha empresa privada”, subliñou.

Antes de rematar, a rexedora adiantou, así mesmo, que o Executivo local solicitará unha autorización para colocar cámaras de vixilancia tanto no actual aparcadoiro como no que se proxecta construír, co obxectivo de incrementar a seguridade que actualmente desenvolven co seu labor Policía Local e o resto de Corpos con competencias en materia de orde pública.

Vilalba e Culturalia Gz organiza unha nova edición do Concurso de Microrrelatos

O Concello de Vilalba e Culturalia Gz organiza a cuarta edición do seu concurso de microrrelatos, que ten como obxectivo conmemorar o Día do Libro 2022 e fomentar na poboación o achegamento á lectura literaria.

Poden concursar todas as persoas que o desexen. Os relatos deberán estar escritos en lingua galega, ser orixinais e inéditos. O tema é libre e deberá conter, polo menos unha vez, a palabra ‘libro’ no corpo do microrrelato. Cada participante poderá presentar un máximo dun microrrelato e as obras terán como máximo 100 palabras (título incluído).

Os microrrelatos enviaranse por correo electrónico ao seguinte enderezo do Concello de Vilalba: comunicacion@vilalba.es . O prazo para a presentación de textos estará aberto ata as 23:59 horas do 22 de abril. Establécense tres categorías: Infantil (ata 11 anos); Xuvenil (de 12 a 17 anos), e Adultos/as (a partir dos 18 anos).

Haberá premios para os tres mellores microrrelatos nas tres categorías. Na de adultos, 300, 200 e 100 euros; libros e material escolar na categoría Infantil, e unha tablet e libros na Xuvenil. A decisión do xurado darase a coñecer o durante o mes de maio de 2022 a través das páxinas web das entidades convocantes, www.vilalba.org e www.culturaliagz.com, e nas súas redes sociais.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com