O Goberno lamenta que Feijóo “esquecera a consignación orzamentaria para os anuncios que fixo en Lugo”

A alcaldesa de Lugo cualificou a celebración, onte, do Consello da Xunta na capital como unha “mera escenificación, que trae moito ruído pero a penas deixará noces” e lamentou que “unha vez máis Núñez Feijóo visite a cidade sen compromisos formais, só cunha declaración de intencións superficial”.

“O que fixo onte foi aproveitar o seu paso pola capital, de camiño a Oviedo, dentro da súa xira de promoción persoal, para deixar no aire simples informes porque nada do aprobado onte polo órgano galego aquí tiña a Lugo como protagonista”, asegurou a rexedora.

A primeira edil afeou que os anuncios do presidente galego non viñesen apoiados cunha consignación oficial, “a única garantía, tendo en conta a cantidade de promesas incumpridas que mantén co noso municipio, de que se vaian executar”, afirmou.

E así, a rexedora, enumerou algúns dos proxectos que o Executivo autonómico “mantén pendentes” con Lugo, “onde o balance de feitos e haberes da Xunta pode equipararse ao esforzo inversor realizado, por exemplo, polo fundador de Inditex”.

“Dígoo con preocupación porque merecemos un presidente de Galicia que cumpra coa palabra dada á veciñanza e que pague a débeda, xa histórica, cos e coas lucenses. Un presidente que sexa capaz non só de finalizar eses proxectos que levan décadas inconclusos, senón tamén de iniciar aqueloutros que se fan imprescindibles tendo en conta o actual contexto socioeconómico derivado da pandemia”, sostivo.

Deste xeito, dentro do deber da Xunta, a alcaldesa, lembrou que, “se ben, non é a primeira vez que Feijóo presume dos investimentos desenvolvidos na capital, entre eles a creación de 1.000 prazas públicas de gardería – e unha competencia propia da Xunta – a realidade é que a oferta de prazas en escolas infantís é de medio millar, repartidas en 7 escolas infantís públicas, 4 municipais, 2 da Xunta e a única que se creou neste tempo, foi costeada por Amancio Ortega, en chan do Concello e mantida entrámbalas dúas administracións”.

“Esquécese igualmente o futuro líder do Partido Popular, que se temos Radioterapia en Lugo é porque, tamén, a financiou Amancio Ortega, o mesmo que ocorre co xeriátrico que se está construíndo na Residencia. Un barrio para o que, por exemplo, xa desapareceu a partida de 1’5 millóns de euros prevista para o edificio de aeronáutica, reducindo a 13 os 21 millóns prometidos”.

“En Lugo, señor Feijóo, acumulamos 20 anos de paralización do Plan Paradai e vai camiño de cumprilos – se non fora pola mobilización que estamos realizando dende a Institución local, tratando de acadar vías alternativas de financiamento- os que levamos agardando tamén polo Museo da Romanización de Galicia no Cuartel de San Fernando, que ía contar con 10 millóns da Xunta e, logo de gastar 221.607 euros en 2009 para elaborar o proxecto, non recibimos un euro máis”.

Segundo a rexedora, “dificilmente pode o Goberno galego defender o seu apoio a este concello se non somos capaces de superar con anuncios no DOG os agravios xa enquistados que mantén coa cidade, como para poder anunciar novas obras e proxectos que, dito sexa de paso, parecen – cousa que agradecemos – sumarse ao modelo transformador do municipio que eu mesma iniciei vai facer agora sete anos. Nese sentido, benvidos!”, sinalou a alcaldesa.

A alcaldesa lucense falou, alén, da Rolda Leste, “máis de dez anos paralizada, porque foi o propio Feijóo quen meteu a licitación nun caixón, no 2009. As partidas que se lle foron asignando a esta infraestrutura – vital para a mobilidade na cidade – parecían o Guadiana, entrando e saíndo dos orzamentos con cantidades pírricas de 300.000 euros para unha obra para a que se anunciaron 22 millóns – agora xa 19 – e cuxa finalización se adía máis alá do 2025”.

“É dicir, engadiu a rexedora, se sumamos só os 21 millóns de euros prometidos para a Residencia, os 23 para a Rolda Leste e os 10 para o Museo (54 millóns) e o comparamos co investimento real neses tres conceptos, que non chegan nin aos 13, sáenos que as intencións de Núñez Feijóo para con Lugo teñen unha fiabilidade do 25%”.

“E con estes vimbios, que se poden contrastar só dando un paseo pola capital para comprobar canto do anunciado hai feito, non podemos outra cousa máis que cualificar de ciencia ficción, dun hipotético futurible ou dunha fantasía, o que onte, antes da súa despedida de Galicia, nos veu contar o señor Feijóo a Lugo”, concluíu a rexedora.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com