Novas

A Policía Local levanta nunha noite 19 denuncias por ouriñar na rúa

A Policía Local levantou na noite do sábado ao domingo, ata 19 actas de denuncia por infraccións á Lei de Residuos de Galicia, tras sorprender aos mozos ouriñando na vía pública en distintas rúas e prazas do casco histórico, mentres realizaban un dispositivo especial para combater condutas incívicas, propoñendo sanción para cada un deles de ata 900 euros.

Destes 19 mozos denunciados, 15 eran homes e 4 mulleres e as idades oscilan entre 20 anos, o máis novo e 37 anos a persoa de máis idade denunciada por estes actos incívicos.

Os lugares onde foron sorprendidas estas persoas foron, principalmente, a praciña da Universidade, a praza Pío XII, Clérigos, rúa Deán Fernández Varela (todas elas na contorna da Catedral) e na Travesía do Miño, nas inmediacións da fonte da Porta do Carmen.

Así mesmo foi denunciado un mozo de 28 anos por lanzar un vaso de cristal fronte á Catedral, rompéndose e quedando os cristais esparexidos polo chan, levantándose acta por infracción á Lei de Residuos de Galicia, propoñéndose sanción de ata 900 euros.

Cs Lugo censura á rexedora por “ser incapaz” de abrir o centro social da Piringalla

A voceira de Cs no Concello de Lugo, Olga Louzao, instou esta mañá ao Goberno local a abrir “sen máis demora” o novo centro social construído no barrio da Piringalla e comprometido “desde hai máis dunha década”.

A edil da formación laranxa criticaba, tras esta petición o que tildou de “incapacidade” do PSOE local para, na súa opinión, xestionar os asuntos máis elementais da cidade e asegurou que “o bipartito constitúe un goberno fracasado cuxas desavenencias impiden poñer en funcionamento servizos fundamentais” para mellorar a calidade de vida da veciñanza.

“A alcaldesa, Lara Méndez, anunciara en xuño de 2020 que o novo centro social da Piringalla comezaría a funcionar en agosto de 2021, sen embargo medio ano despois da data anunciada esta infraestructura municipal atópase na práctica sen actividade. A súa incapacidade para realizar un xestión eficaz é o único motivo deste peche”, asegurou  Louzao.

A portavoz municipal considera que o Goberno local evidencia semana tras semana e mes tras mes que non está capacitado para xestionar a cidade. «Os veciños xa non confían na política do anuncio baleiro de Méndez cuxos compromisos coa cidadanía chegan con anos de atraso ou caen en saco roto. O único capaz de executar en tempo son os proxectos europeos porque, doutro xeito, perdería o financiamento. O centro de convivencia interxeracional da Piringalla é un servicio necesario para os veciños e veciñas da zona norte da cidade, que sofren desde fai décadas o abandono por parte dos sucesivos gobernos socialistas. Estamos a falar de que o complexo debe cubrir carencias desatendidas desde 2006 como a necesidade dunha biblioteca e outros servizos básicos para o barrio na actualidade como a bebeteca para menores de 3 anos. Así mesmo debe dotar a zona de áreas infantís e xuvenís e salas de lecturas e de reunións para adultos que axuden a corrixir o déficit de salas de estudo municipais na cidade», dixo.

Louzao acusou ao Goberno de improvisación constante e de ser incapaz de cadrar as contas. «Este é o caso do centro social da Piringalla, rematado desde hai máis de medio ano pero baleiro. Descoñecemos cales son os gastos anuais asociados ao funcionamento e mantemento deste novo espazo municipal; con que se equipará e que contratacións de persoal prevense como esixencia do funcionamento pleno desta infraestructura», concluíu Louzao.


Imaxe de arquivo: Centro Social da Piringalla, obras rematadas

Flee chega a Codex Cinema tras facer historia nos Oscar

Esta fin de semana terá lugar nos Codex a estrea do filme danés de Jonas Poher Rasmussen que conseguiu acadar tres candidaturas ben dispares nos premios da academia de Hollywood: mellor película internacional, mellor filme de animación e mellor documental.

A historia dun refuxiado político afgán que non quere revelar a súa identidade por medio a represalias sirve ao cineasta danés Jonas Poher Rasmussen para tecer unha emotiva trama sobre os movementos migratorios en Europa e a discriminación, tanto racial como de xénero. Para conseguir que o seu protagonista falase abertamente sen medo ante a cámara, o director optou por un método moi orixinal: capturar todo o movemento dos actores e converter o filme documental nunha película de animación. Así este dispositivo se converte nunha forma de imaxinar futuros posibles e de reflectir realidades que por desgraza moitas cámaras no mundo nunca retratan.

O filme converteuse nun éxito inmediato desde a súa presentación no festival de Sundance 2021 e alí iniciou unha prestixiosa carreira nos Estados Unidos que rematou a pasada semana cun éxito sen precedentes: tres candidaturas aos próximos Oscar, nas que se inclúen a de Mellor película internacional (onde competirá contra Drive My Car e A peor persoa do mundo, esta última de próxima estrea en Codex), Mellor documental e mellor filme de animación, tres categorías aparentemente sen relación e que o traballo de Rasmussen reúne con naturalidade.

Destacada pola súa visión humanista e a reivindicación das minorías, nun momento histórico no que Afganistán volveu a ser tomada polo movemento talibán, Flee foi recoñecida como unha das grandes películas de autor da tempada.

A casa das pantasmas de Fernando Fernán Gómez e Emma Cohen
En 2021 conmemorouse o centenario dun dos máis importantes creadores da cultura española do século XX. Escritor, dramaturgo, actor e cineasta, Fernando Fernán Gómez foi unha figura inmensa se cadra nunca suficientemente ponderada debido a súa poderosa imaxe, primeiro na comedia e despois en grandes papeis nas producións españolas máis importantes. Pero en Fernán Gómez atopamos a un cineasta reivindicativo, sempre a contracorrente, capaz de realizar as películas máis comerciais e as máis persoais.

Dentro desta lembranza, houbo un pequeno lugar para a reivindicación de Emma Cohen, a súa parella desde os anos 80. Compañeira inseparable e actriz de moitas das súas películas, Cohen foi ela mesma unha creadora, posiblemente eclipsada (a pesar de ambos) pola inmensa figura de Fernán Gómez. Agora é a neta do actor, Helena de Llanos, quen reflexiona sobre ambos en Viaje a alguna parte, título que parafrasea unha das máis coñecidas películas de Fernán Gómez para reflexionar sobre a herdanza dos seus avós, os vestixios que quedan daqueles que xa non están e a
reivindicación das figuras ocultas polo tempo e a historia.

A modo dun fermoso, persoal e vibrante ensaio fílmico, de formas sempre sorprendentes e imaxinativas, Helena de Llanos compón a máis emocionante das homenaxes, ao tempo que o seu filme se erixe como autorretrato da propia cineasta, do seu lugar no mundo, do peso que dúas figuras tan importantes como os seus avós teñen na súa propia  carreira como creadora. Viaje a alguna parte se constrúe a partir da visita á casa familiar, onde a través dos obxectos que posuíron e das estancias nas que viviron Fernando e Emma, se aparecen como pantasmas que guían o camiño do espectador.

Viaje a alguna parte estreouse como parte das conmemoracións polo centenario de Fernando Fernán Gómez e chega agora a Codex Cinema en dous pases limitados, o xoves 17 e o domingo 20, en ambos casos no horario das 20:30.

A hostalería sarriá aborda o impacto económico do paso do ‘Gran Camiño’ pola vila

O deputado de Deportes mantivo esta tarde un encontro con representantes da hostelería de Sarria para dar conta da repercusión económica estimada da volta ciclista profesional O Gran Camiño, que chegará o vindeiro 27 de febreiro á vila.

O responsable provincial compartiu coas persoas asistentes os datos relativos ao impacto económico estimado da cuarta etapa da proba, tendo en conta tanto a actividade ligada á presenza na vila de equipos, organizadores e afeccionados e afeccionadas, como a difusión mediática do evento.

O Gran Camiño mobilizará máis de 700 persoas entre deportistas, técnicos, árbitros, persoal federativo e persoal da organización, o que se traducirá en pernoctacións e demanda de servizos de restauración, ademais doutros gastos relacionados coa loxística coma os carburantes.

Ademais das persoas directamente vinculadas ao desenvolvemento da competición, dacordo cos datos doutras probas ciclistas deste nivel competitivo, a etapa podería traer ata Sarria arredor de 5.000 afeccionados e afeccionadas.

O deputado de Deportes valorou “a actividade que xerará a presenza na vila de centenares de persoas, que demandarán hostelería e restauración, fóra da tempada alta” e incidiu “na contribución deste evento e do deporte vinculado á natureza como un elemento de desestacionalizacion do turismo, unha materia pendente para o sector”.

O responsábel provincial sinalou o caso de Dumbría como exemplo do impacto que os eventos deportivos destas características teñen na visibilización e na promoción turística das localidades que o acollen, explicando, coa consolidación e a internacionalización do Gran Fondo do Ézaro, pasou de rexistrar 2.000 a 60.000 consultas na súa oficina turística.

Nesa liña, na estimación da repercusión económica de O Gran Camiño, valórase tamén a proxección proxección da proba. A retransmisión a través de Eurosport e de plataformas e canles asociadas noutros continentes (Eurosport Asia, Jsports en Xapón, Sky en Nova Zelanda, Fox Sports en países de África ou Claro Sport en países de América do Sur) permitirá que as imaxes de Sarria e dos recursos patrimoniais, culturais e naturais cheguen a audiencia de 180 países, un impacto valorado en 1.4 millóns de euros.

A este respecto, o deputado provincial sinalou que “o Camiño de Santiago é, en si mesmo, un reclamo de tal magnitude que podemos caer no conformismo de  esperar a que as persoas cheguen. Nos cremos que as administracións temos que ter un papel máis activo, seguir apostando na promoción de Sarria como punto de referencia do Camiño e buscando novos mercados para todo o que temos que ofrecer. As imaxes de Sarria chegarán a 180 países coa retransmisión desta proba, unha difusión moi difícil de alcanzar co nningún outro evento ou campaña de promoción turística”. A proba tamén será retransmitida tamén por TVG, Canal Sur, ETB e TV3.

Sarria acollerá a cuarta e última etapa do Gran Camiño, unha contrarreloxo de 15,9 quilómetros que trascorrerá integramente polo concello, cuns primeiros quilómetros por estradas secundarias, coindicindo durante algúns tramos co Camiño de Santiago, e final no casco antigo da vila, na Rúa do Castelo.

A Xunta pide á Fonsagrada a solicitude do informe de viabilidade da conexión ao futuro polígono

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, vén de pedir ao Concello da Fonsagrada que axilice a solicitude do informe de viabilidade para avanzar no proxecto de construción do futuro parque empresarial. Segundo denunciou esta mañá o delegado, a Axencia Galega de Infraestruturas leva preto dun mes á espera de que o Concellosolicite de xeito oficial este documento e, en concreto, no relativo ao enlace á estrada autonómica mediante unha rotonda de acceso.

Arias lembra que o pasado 18 de xaneiro, tivo lugar unha reunión entre o alcalde da Fonsagrada, un técnico deste Concello e o xefe de servizo da Axencia Galega de Infraestruturas, na que se lles explicou que tiñan que presentar, previo ao proxecto construtivo, unha solicitude ó departamento autonómico para que emita un informe de viabilidade, para que o proxecto se axuste á normativa, evitando así futuros retrasos na autorización do proxecto e na execución da obra.

Neste informe previo de viabilidade recolleríanse os datos técnicos relativos a aspectos como o diámetro, pendentes, ángulos de entrada e saída e trazado, entre outros, para que o proxecto se axuste a estes criterios e a autorización se poida conceder o máis pronto posible, evitando dilacións no tempo e ter que repetir o documento técnico.

Porén, desde que o pasado día 18 cando os representantes municipais acudiron á reunión con representantes da Axencia Galega de Infraestruturas unicamente cun plano do PXOM, non fixeron formalmente esta solicitude nin ningunha outra xestión, polo que dificilmente poden pedir dilixencia e axilidade a outras administracións, cando é o propio Concello da Fonsagrada o que non cumpre coa tramitación necesaria.

No caso da Xunta, ademais, comunicáronlle ao Concello que de pedir ese informe de viabilidade se lles contestaría no prazo dun mes coa máxima dilixencia posible, para avanzar neste proxecto e favorecer a construción do polígono industrial.

Resulta sorprendente que o Concello da Fonsagrada e a Deputación de Lugo participen en coloquios sobre o futuro parque, pedindo á Xunta axilidade, cando a día de hoxe aínda non realizaron os trámites iniciais.

O Concello de Monterroso evita o impacto da Covid nas súas contas

O Concello de Monterroso afronta o ano 2022 cunha política de xestión económica rigurosa e responsable, mantendo as súas contas saneadas e a amortización de débeda prevista, a pesares das dificultades derivadas da pandemia da coronavirus.

“Cumprimos o obxectivo que tiñamos desde o comezo do mandato. Entramos no goberno en plena pandemia, nun momento moi delicado, pero mantivemos e melloramos os servizos para os nosos veciñas e veciñas, sen cambiar para elo a nosa política de contas saneadas e pagando as facturas o antes posible para darlles liquidez a pemes e autónomos”, explica a alcaldesa, Rocío Seijas.

A Alcaldesa, destaca “na nosa política temos a prioridade por apostar por empresas e autónomos monterrosinos, dándolles tamén a oportunidade a profesionais que nunca antes traballaran e facturaran ao Concello”. Asemesmo fai un chamamento para todo aquel que teña unha proposta de mellora na que poda traballar para o Concello que se achegue a falar directamente para poder analizala, buscar financiación e traballar para poñela en valor”.

Entre outros indicadores, o concello informa que, tras a execución orzamentaria correspondente ao cuarto trimestre de 2021, constátase un estrito cumprimento do período medio de pago (PMP) e o cumprimento dos prazos para o pago segundo a normativa de morosidade.

Atendendo aos cálculos realizados con arranxo ao disposto na lexislación vixente para determinar este valor, os técnicos constatan que o PMP do Concello de Monterroso é de 9,7 días, cando o límite máximo establecido por lei se sitúa en 30 días.

Respecto ao cumprimento dos prazos de pago a provedores, en todo o ano 2021, cúmprense os prazos establecidos na normativa sobre morosidade, que, entre outras, son a Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen as medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais; a Lei 15/2010, de 5 de xullo, de modificación da lei anterior; e a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

O Concello de Monterroso continúa con esta rigorosidade a pesar de estar amortizando unha débeda que actualmente se sitúa nos 300.000 euros pero que se iniciou no ano 2001 con preto dun millón de euros.

Á súa vez o Concello de Monterroso cumpre co PMP Global e, polo tanto, non figura no listado remitido polo Ministerio de Facenda, que inclúe as entidades incumpridoras e consecuentemente obrigadas a aplicar a medida recollida na Disposición Adicional 94 da Lei de Presupostos Xerais do Estado de 2022.

O PP di que o enorme volume de reclamacións patrimoniais son “a proba do abandono do mantemento da cidade”

As reclamacións por responsabilidade patrimonial realizadas por lucenses diante o Concello de Lugo seguen a ser un tema recorrente e no ano 2021 o goberno local resolveu 41 reclamacións de lucenses, a maioría delas desestimadas ou desistidas polos propios interesados.

Unha situación que non se escapou á concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Mar Carballas, que sinala que “vendo o estado de abandono de Lugo é, como mínimo curioso, que non se estimou nin unha soa reclamación realizada por caídas na cidade”. As reclamacións presentadas polos lucenses son de todo tipo, por caídas na rúa, danos en vehículos ocasionados por fochancas, caídas de árbores ou inundacións. Neste sentido, apunta Mar Carballas, que nin unha das reclamacións presentadas por caídas na rúa estimouse, alegando o goberno local que o feito de que unha baldosa, tapa de rexistro ou outro elemento “sobresaia uns centímetros do nivel da beirarrúa supón un desnivel de moi escasa entidade, polo que non se trata dun defecto oculto que entrañase un risco imprevisible e inevitable para a deambulación”.

Unha postura que contrasta totalmente polos danos ocasionados en vehículos derivados de introducir unha roda dun vehículo nunha fochanca si se teña en consideración, tendo en conta que unha fochanca é un elemento de maiores dimensións, que si se pode ver e, nalgúns casos, evitar.

“Con isto non queremos dicir que non se teñan que pagar os danos derivados de fochancas, o que dicimos é que moitas veces, o resalto dunha baldosa ou tapa de rexistro mal colocadas é algo que non se ve e non se percibe, polo que non se pode evitar e, neses casos, as caídas son moi perigosas e provocan danos físicos e secuelas que a administración ten que asumir, en lugar de derivar a responsabilidade ao afectado”, apuntou.

Outro dos aspectos que chama a atención á concelleira popular é o feito de que na situación na que se atopa a administración local, moitos dos interesados desisten das súas reclamacións xa que non poden achegar a documentación requirida polo goberno local no prazo que lles marcan. “É imposible que unha persoa poida achegar nova documentación ou emendar erros no prazo de 10 días, cando o propio Concello de Lugo dálles cita para rexistro nun prazo maior”, indicou.

Tras realizar un repaso a todas as reclamacións resoltas en 2021 (tanto as estimadas, como desestimadas, non admitidas ou desistidas), Mar Carballas saca unha conclusión moi clara: “é necesario mellorar o mantemento xeral da cidade, xa que case todas as reclamacións débense a problemas de mantemento”.

Entre as reclamacións estimadas, sobresaen as realizadas por dous afectados polas caídas dos tilos de Ramón Ferreiro, en novembro de 2019, danos que ascenderon a 8.022,88€ en total ou danos en vehículos derivados das numerosas fochancas que hai nas rúas da cidade.

O resto de reclamacións estimadas débense a inundacións provocadas por roturas nas canalizacións municipais de auga, o que certifica as denuncias realizadas en numerosas ocasións polos concelleiros populares, que en Lugo urxe unha renovación da rede de auga para mellorar o servizo e evitar este tipo de situacións, xa que a maior parte das roturas débense á antigüidade das tubaxes.

Por último, apunta Mar Carballas que o custo para as arcas municipais das reclamacións estimadas foi de 38.410,78€, un custo que podería ser maior en caso de estimar o goberno local as caídas na vía pública provocadas polo nulo mantemento realizado na cidade.

Chega ao Vello Cárcere a exposición ‘Ánxel Casal 125 anos con nós’

A concelleira de Cultura do Concello de Lugo presentou a nova exposición que se achega á oferta expositiva do Vello Cárcere. A mostra Ánxel Casal, 125 anos con nós, chega a Lugo para mostrar a vida e o traballo do editor.

A mostra forma parte da campaña que a Asociación Cultural Ánxel Casal está a levar a cabo para que Casal sexa homenaxeado no día das Letras Galegas e darlle o recoñecemento que se merece como a persoa impulsora do libro galego de seu. Como editor, impresor, administrador e distribuidor do libro galego moderno.

Casal, traballador incansábel da cultura galega, creou a editorial onde a creación literaria e gráfica galega puido expresarse moderna e mostrar orgullosa ao mundo o seu potencial. Sen o traballo de Casal dificilmente coñeceriamos moitas das obras de Wenceslao Fernández Flórez, Otero Pedrayo, Blanco Amor, Ramón Cabanillas, Castelao, Carvalho Calero, Ramón e Antón Vilar Ponte, Vicente Risco, Maside ou Seoane entre outros moitos.

Esta nova mostra poderá ser visitada no Vello Cárcere entre o 12 de febreiro e o 15 de marzo.

Residentes do CAM da Fonsagrada celebran cunha obra de teatro o 2º aniversario do centro

Residentes e traballadores do Centro de Atención a Maiores (CAM) da Fonsagrada celebran esta fin de semana o segundo aniversario desta residencia da Deputación de Lugo. Entre as diferentes actividades organizadas, as persoas usuarias desta dotación social participaron nunha obra teatral escrita pola terapeuta ocupacional do centro, na que representan como organizan unha comida ás agachadas co butelo como principal protagonista.

Todo o persoal do centro quedou implicado na preparación da obra A Feira do Butelo, axudando de diferentes maneiras na súa montaxe. Os decorados foron realizados cos mellores produtos gastronómicos da comarca: butelo, queixos, mel, cachola ou chourizos; e a música da obra pertence ao músico fonsagradino César Fernández, actualmente usuario do centro.

Música, baile e unha entrega de premios para recoñecer o labor levado a cabo polas persoas usuarias na obra serán algunhas das actividades celebradas esta fin de semana para conmemorar este aniversario e os residentes tamén desfrutarán dun menú especial a base de butelo. Para protexer a saúde dos usuarios e das usuarias, nas actividades organizadas participarán unicamente os convivintes e o cadro de persoal, aínda que familiares e amigos recibirán a gravación da representación teatral.

A Deputación ten en funcionamento 7 residencias na provincia: Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada e Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira. A institución conta cun modelo baseado na esencia de que as persoas poidan permanecer no concello ou comarca na que pasaron toda a súa vida, rodeadas de caras coñecidas e residindo con veciños e veciñas. Un feito que mantén o arraigo á súa terra, nun centro público no que reciben unha atención próxima e de calidade, tendo en consideración que estas características intrínsecas do modelo afectan moi positivamente ao seu benestar físico e emocional.

O PP de Castroverde insta ao alcalde a resolver de inmediato os problemas que impiden dende hai días que algúns usuarios do SAF reciban o servizo

O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) é fundamental para o benestar de moitos veciños do municipio de Castroverde, como de outros moitos do rural. A “deficiente xestión” do goberno local, presidido polo socialista José María Arias, fixo que o cambio, o relevo, da empresa que o desempeña non se levara a cabo coa precisión necesaria, de tal maneira que hai usuarios que levan varios días sen recibir esta prestación, segundo pon de manifesto o portavoz popular, Rubén Otero, que pide explicacións ao alcalde.

“O Partido Popular, coñecedor dos problemas que se dan ao fío do cambio de empresa que atende o SAF, esixe ao alcalde que adopte de inmediato as medidas necesarias para resolver o problema”, sinala Otero. O portavoz popular di que “segundo se recolle nun medio de comunicación, o alcalde admitiu que non tiña información sobre as deficiencias que están a afectar o servizo e polo tanto aos seus usuarios; é incompresible que o alcalde non teña coñecemento dende o minuto cero dos problemas que se dan nos servizos municipais”.

Rubén Otero sinala: “Os veciños de Castroverde teñen no PP unha vía para canalizar as queixas e reclamacións que teñan con respecto á administración municipal, tanto neste caso como en calquera outro”. Explica que “os populares xa presentamos ao pleno numerosas iniciativas en relación co SAF, para intentar que foran remediadas as carencias que presentaba”.

O mesmo representante do PP di que “unha vez máis queda de manifesto o escurantismo co que opera o goberno municipal de Castroverde; se hai problemas, e máis se se trata dun servizo da importancia que ten o SAF, hai que informar debidamente aos interesados e aclarar como se van resolver e cando”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com