Novas

Lugo precisa “dun tren digno” que responda ás necesidades da veciñanza

O deputado do BNG no parlamento do Estado participou na concentración convocada polo BNG de Lugo baixo o lema Lugo quere tren!, reclamando uns servizos ferroviarios dignos para a cidade e a comarca. O deputado do BNG afirmou que “seguiremos traballando no congreso e nas distintas institucións para que Lugo conte cun tren digno, o que pasa por cuestións como a actualización da liña Lugo – A Coruña ou a creación dunha conexión directa entre Lugo e Compostela”.

Néstor Rego afirmou que “Galicia sofre unha evidente e histórica discriminación en canto a investimentos, tanto por parte dos gobernos do PP como do PSOE”, e engadiu “isto tradúcese nun déficit en infraestruturas, equipamentos e servizos, particularmente no transporte ferroviario”.

O deputado do BNG afirmou que “a chegada do AVE á Galicia, con case 30 anos de atraso sobre a data anunciada nun primeiro momento polo goberno do estado, só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela”.

“Non existe servizo de proximidade en ningunha das áreas metropolitanas galegas e, no caso de Lugo, mantense unha liña (Lugo – A Coruña), sen electrificar e con menos sistemas de seguridade que os marcados polos actuais estándares internacionais”, criticou o deputado nacionalista.

O PP asegura que a ratio de alumnos por profesor do colexio das Nogais si cumpre coa RPT

O portavoz de Educación do Grupo Popular, Ovidio Rodeiro, afirmou onte no Parlamento galego que o colexio das Nogais conta cunha ratio de 7 alumnos por profesor, co que cumpre co recollido no catálogo de relacións de postos de traballo dos centros de ensino públicos, aprobado polo Goberno bipartito en 2007, para atender as necesidades educativas e de atención á diversidade dos alumnos matriculados neste centro de ensino.

Rodeiro lembrou que Galicia “é a comunidade autónoma de España que máis profesorado ten con respecto ao número de alumnos: 9,3 alumnos por profesor”, polo que destacou que no caso concreto do CEIP de As Nogais “aínda está por baixo desta ratio”.

O CEIP de As Nogais conta con 8 alumnos de educación infantil e 13 alumnos de educación primaria, atendidas cada unha por un mestre diferente. Ademais, neste curso dispón dun especialista de audición e linguaxe, co que se garante debidamente a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

O Courel acolle o Congreso da Sociedade Xeolóxica estatal

A Deputación de Lugo participou onte na 71ª sesión da Sociedade Xeolóxica de España que se está a celebrar na Estación Científica de Seoane do Courel. O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, asistiu á inauguración desta cita que, durante a fin de semana, reunirá a expertos en xeoloxía de toda España.

García Pernas destacou que “o apoio ao estudo e divulgación da riqueza xeolóxica é unha aposta polo coñecemento científico nunha área do saber moi concreta, pero plantexándoos dende a transversalidade convértense nun elemento para lograr novos obxectivos”, como a promoción do territorio e a conservación do medio ambiente, e, a partir deles, o deseño de novos proxectos de desenvolvemento para o rural. O Deputado subliñou tamén o apoio da Deputación ao Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel cunha achega de 25.000€ para a promoción turística deste territorio.

Continúa imparable o aumento de casos Covid na provincia

Lugo suma hoxe 435 casos de covid19, 29 máis que un día antes. Nunha xornada na que tamén soben os contaxios que se sitúan, tralo reconto de 24 horas, en 47 positivos detectados.

Malia o aumento de casos, a presión hospitalaria mantense invariable, cos mesmos ingresados que onte. E é que a provincia conta con 4 ingresados, 3 en planta e un na Uci. Todos eles no HULA. Os hospitais comarcais quedan hoxe libres de casos covid.

Dende o inicio da pandemia, contaxiáronse na provincia 20.535 persoas das que 19.839 xa superaron o virus e 255 faleceron.

A Deputación recibe ao Cónsul de Uruguai en Galicia

O Presidente da Deputación de Lugo ofreceu onte unha recepción institucional ao Cónsul Xeral de Uruguai en Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, Ramiro Rodríguez Bauseiro, co obxectivo de reforzar lazos co país latinoamericano.

O presidente do Executivo subliñou neste sentido que Galicia e Uruguai comparten “lingua, proxectos económicos e culturais e o interese común por manter o Atlántico como un gran protagonista de intercambios humanos e de mercadorías no futuro, como o foi ao longo da Historia”. Así mesmo, lembrou que Uruguai ten 41.000 residentes galegos e este país “sabe que ten en Galicia unha porta de entrada e un aliado nas súas relacións coa Unión Europea”.

O Presidente provincial destacou que o Centro Galego de Montevideo, creado en 1879, é un dos máis antigos dos creados por galegos en América, “unha boa testemuña do dinamismo da colonia galega de Uruguai”, e que entre os seus fundadores atopábanse exiliados da I República, “que buscaban en América o aire de liberdade que temían que se perdese en España”. Ademais, dixo, “moitos galegos contribuíron a impulsar os esforzos de modernización educativa promovidos polo pedagogo uruguaio José Pedro Varela, defensor da educación pública, laica, gratuíta e obrigatoria”.

“Estou convencido”, asegurou o mandatario provincial, “de que os nosos países seguirán colaborando no futuro como o fixeron no pasado, buscando a prosperidade económica e impulsando a igualdade e a carteira de servizos públicos aos que teñen acceso os nosos cidadán e cidadás”.

Durante a visita, o Presidente da Deputación entregou a Rodríguez Bauseiro unha réplica de cristal do Pazo de San Marcos en recordo pola súa primeira visita ao edificio provincial. O representante uruguaio tamén asinou no Libro de Ouro da institución.

Preto de 200 colectivos mobilizaránse en decembro en contra das eólicas

Preto de 200 colectivos entre asociacións, plataformas e outras entidades anunciaron que sairán as rúas de 22 municipios galegos o vindeiro 11 de decembro en defensa das montañas, baixo o lema Eólicas, así non.

Segundo indican no seu manifesto, a situación de “espolio enerxético” na que Galicia, din, “volve ser territorio de sacrifio” diante dun modelo “oportunista e fraudulento” que esquiva a normativa legal para invadir “o noso espazo de vida”.

“Centos de proxectos que devalúan as economías locais, prexudican a calidade de vida das persoas, degradan as comunidades que vivimos no rural, atentan á titularidade da terra e á explotación dos seus recursos polos seus propietarios a título individual ou comunitario deteriorando ademais o medio natural, a paisaxe e o patrimonio”, manifestan os colectivos.

Entre outros motivos, denuncian o desenvolvemento masivo e “sobredimensionado” con falta de planificación das instalacións eólicas a grande escala sen unhas políticas de aforro e eficiencia enerxética que, din, “son irreversibles”.

“Non hai excepcións á súa localización: proximidade ás vivendas, invadindo tanto zonas de interese agrogandeiro como espazos naturais protexidos, e mesmo literalmente colocados enriba de petróglifos, de patrimonio irrecuperábel unha vez asentada a infraestrutura”, din os colectivos asinantes.

No manifesto, presentan un decálogo con 10 demandas para conseguir un novo marco normativo que contemple de cara a un “novo modelo eólico”. Entre outras medidas piden a moratoria das instalacións en tramitación, sexa cal sexa a administración competente, así como a redacción dun novo Plano Sectorial Eólico sometido a avaliación ambiental. 

Ademáis reclaman a  protección dos servizos ecosistémicos que prestan a biodiversidade e a xeodiversidade; así como a ampliación da superficie protexida de Galicia.

Os 173 colectivos asinantes solicitan unha transición ecolóxica ordenada, xusta e ao servizo do país. Así como o fomento do aforro, a eficiencia e a autosuficiencia e soberanía enerxética, o fomento do autoconsumo, a produción á pequena escala e a xestión pública galega. Na opinión deste colectivo, a transición enerxética debe partir dun plan orientado á redución das necesidades da sociedade e medidas de xestión da demanda.

Esixen, asemade, que o deretio á explotación do vento en Galicia, como recurso natural de caracter público, sexa outorgado a través de concesións con data de caducidade. Denuncian tamén que os parques eólicos, considerados por defecto de “utilidade pública”, malia ser de iniciativa privada, e prevalecen por riba de calquera outro dereito e implántanse sen diálogo por iso apoian que propietarios das terras afectadas, prevalecendo por riba de calquera outro dereito e implantándose sen diálogo social.

“Esiximos do Goberno Galego a aprobación urxente dos plans de conservación de especies en perigo e vulnerábeis, e a actualización e catalogación das especies no listado de Réxime de protección especial. O goberno debe esixir Estudos de Impacto Ambiental de calidade, independentes e non fraudulentos”, explican no seu manifesto.

“O actual modelo eólico prevé que aeroxeradores -que hoxe superan os 150 metros de altura- se coloquen a 500 metros das vivendas, unha distancia claramente insuficiente que ten efectos na calidade de vida das persoas, fomentando o empobrecemento da sociedade rural, depreciando os seus bens materiais, culturais e ambientais, constituíndo unha motivación máis para abandonar un rural que nos últimos 30 anos xa perdeu 2000 núcleos de poboación. Este muíños constitúen unha intensa contaminación acústica, risco de incendio, e impactos das infraestruturas auxiliares. Reclamamos ademais a retirada daqueles que aeroxeradores que xa se atopen nesta situación”, conclúen.

As mobilizaciones da nosa provincia realizaránse nos concellos de Becerreá (ás 12 h diante do Concello), Chantada (ás 12 h na Praza de Galicia), Foz (ás 12h diante do Concello), Lugo (ás 12h diante do edificio Multiusos da Xunta), Antas de Ulla (ás 12 h na Praza Nova da que partirá unha andaina), Meira (ás 12h na Praza do Concello) e en Vilalba (ás 12h na Casa da Cultura, un acto no que se realizará tamén un recital poético). Todas serán o 11 de decembro.

Taboada terá unha segunda aula na escola infantil

A Xunta vén de poñer en funcionamento unha segunda aula na escola infantil de Taboada, coa que xa está a dar servizo a familias que quedaron sen praza ao inicio do curso o pasado mes de setembro. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do alcalde taboadés, Ramiro Moure, visitou hoxe este centro para comprobar o resultado dos traballos de reforma levados a cabo para abrir esta nova unidade.

Con esta ampliación, a escola pasou de atender a 19 nenos nunha única unidade aos 24 actuais que ten distribuídos en dúas. Tras estas novas incorporacións, o centro ten ocupadas na actualidade todas as prazas dispoñibles. Así mesmo, a creación desta segunda aula tamén supuxo un incremento do cadro de persoal.

O Consorcio investiu máis de 60.000 euros, con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), en acondicionar e en equipar esta nova aula, para o que se aproveitaron espazos xa existentes no inmoble. Esta dispoñibilidade permitiu acometer de maneira rápida as obras e sen necesidade de alterar o normal funcionamento da actividade na escola, posto que a actuación consistiu, basicamente, nunha redistribución interior de espazos.

O Concello acada financiación estatal para o Plan de Acción da Axenda Urbana: Lugo Cidade Verde

O Goberno local anunciou hoxe que o Plan de Acción da Axenda Urbana Española, que engarza aos programas e proxectos relacionados co deseño e planificación estratéxica do municipio, vén de recibir financiación estatal.

“A Xunta de Goberno aceptou esta semana a achega, de 200.000 euros, que nos permitirá poñer en marcha unha Oficina de Xestión de Proxectos dende a que se artellen todas as accións recollidas baixo o paraugas Lugo Cidade Verde”, sinalou a rexedora.

“Trátase de darlle un enfoque integrador a todas as actuacións que desenvolvemos en prol de atender os impactos do cambio climático dende os fenómenos urbanos, procurando a ordenación do territorio e o seu uso racional, revitalizando a zona rural e urbana para propiciar a súa integración, pulando pola xestión sostible dos recursos, a economía circular e o fomento da proximidade tanto no eido do consumo como da mobilidade co fin de acadar unha maior cohesión e equidade social ao tempo que favorecemos tamén a innovación dixital”, explicou a rexedora.

A alcaldesa indicou que esta Oficina de Xestión de Proxectos se encargará da redacción das propostas técnicas que impulse o Comité Operativo, presidido pola propia alcaldesa e integrado por funcionarios de carreira da Institución con acreditada experiencia ao respecto.

“Ademais, a nosa vontade é favorecer, durante todo o proceso, a participación cidadá como fixemos xa noutras ocasións, a través das iniciativas Sumando Lugo ou Muramiñe Rehabilita, polo que teremos en conta as achegas que nos trasladen os diferentes axentes sociais alén de incorporar un Consello da Mocidade para propiciar a implicación da xuventude”, avanzou a rexedora quen tamén referiu a posta en marcha dun Observatorio Urbano para monitorizar os avances que experimente a cidade.

A primeira edil lembrou que o Concello de Lugo leva traballando dende o ano 2007 na transición verde do municipio, “dixital e socialmente cohesionada”, acelerando o seu impulso a partir de 2015 coa execución de numerosas accións nas que o seu eixo central e transversal é a sustentabilidade – como foron os programas Dusi, Life Lugo + Biodinámico, Smart City e mesmo o Lugo Transforma, para a dinamización e recuperación económica trala pandemia – e que agora poderán acadar maior proxección ao abeiro das axudas europeas Next Generation.

O PP denuncia o “abandono” do Carme despois de inaugurar hai 3 meses o seu arranxo

Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo piden ao goberno local que manteña unha especial vixilancia no barrio do Carme, sobre todo naquelas zonas nas que o pasado 10 de agosto inauguraron por todo o alto a súa renovación, xa que tres meses despois poden verse paseando múltiples desperfectos.

Explican os concelleiros populares que foron varios os veciños que se puxeron en contacto co PP para amosar o seu malestar polo estado no que se atopan agora os camiños arranxados hai poucas semanas, ao igual que os muros. Cun simple paseo dende a igrexa do Carme ata a Ronda do Carme pode verse como os camiños de terra están cheos de fochancas, hai muros caídos e a maleza comeza a apropiarse do camiño, sen esquecer eivas importantes como buratos de grandes dimensións que poden provocar caídas (semella que son accesos a fincas pero non hai chanzos nin unha rampla que faga supoñer que se trata dun acceso) e os valados comezan a caer, poñendo en risco a seguridade.

Dende o Grupo Municipal do PP recordan que estes traballos custaron 204.248 euros, cartos que se investiron na recuperación de camiños, muros e elementos singulares, así como a instalación de varandas, mobiliario urbano e iluminación con balizas. “Tentaron humanizar o Camiño Primitivo ao seu paso polo Carme , pero a realidade é que investiron un diñeiro nesta zona para logo abandonala de novo a súa sorte, polo que instamos a Méndez e Arroxo a que realicen traballos periódicos de mantemento para manter unha boa imaxe do entorno”, apuntan.

Os populares insisten en que o goberno local faga algo nesta zona para que non se repitan os abandonos sistemáticos que xa tiveron lugar noutras zonas da cidade, como os Paseos do Rato e do Miño ou a Fervenza, zonas que tanto PSOE coma BNG recibiron en perfectas condicións e que agora teñen totalmente abandonadas.

O PSdeG considera que os orzamentos do Estado sitúan á provincia “no mapa dos investimentos”

O PSdeG na provincia de Lugo remarcou hoxe que os orzamentos do Estado sitúan á provincia de Lugo no mapa dos investimentos e da recuperación económica, trala súa tramitación no Congreso dos Deputados. En catro anos de Goberno de Pedro Sánchez (2019-2022), Galicia recibirá un 27,1% máis de recursos que no últimos catro anos de Rajoy (2014-2017). Así o valorou hoxe a Secretaria Provincial e Deputada Autonómica, Patricia Otero xunto aos deputados no Congreso, Ana Prieto e Javier Cerqueiro e o senador César Mogo.

Os socialistas sinalan que “estas contas son unha ferramenta fundamental para fortalecer o Estado de Benestar e os servizos públicos que resultaron indispensables durante a pandemia de COVID-19. Por iso, recollen o gasto social máis alto da historia con 240.375 millóns de euros. Recursos que permiten destinar un financiamento récord a pensións, bolsas, sanidade, dependencia ou loita contra a pobreza infantil”.

Mais polo miúdo e atendendo ás partidas para a provincia de Lugo, dende o PSdeG destacan os investimentos en infraestruturas “que sitúan á provincia como a segunda provincia con máis investimento previsto nos Presupostos do Estado para 2022. Concretamente medra un 169,8% respecto a este ano, xa que a provincia disporá de investimento de 298,12 millóns de euros fundamentalmente para a modernización no ferrocarril. Son 187,61 millóns de euros máís que no Presuposto Xeral do Estado do 2021. Antes non aparecíamos no mapa, e agora somo os protagonistas. Estes dias comprobámolo coa posta en marcha do AVE, un fito histórico para as galegas e galegos”, salientan.

Ademais explican que os PXE están enfocados para dar resposta á emerxencia sanitaria, social e económica provocada pola pandemia. “Por iso nestes intres dedica 734 millóns de euros ao escudo social que protexe ás familias lucenses, aos seus autónomos, ás súas empresas e as persoas”.

No que se refire ao apartado social, “a atención á dependencia aumenta, xa que medra un 23,3% acadando o seu nivel máis alto na historia, mellorando as prestacións e ampliando o número de beneficiarios atendidos. Con estas cifras, os usuarios atendidos en Galicia poderán superar as 71.000 persoas grazas á transferencia de máis de 190 millóns para o nivel mínimo e acordado”, sinalan.

No capitulo de Sanidade “son un montante total de 6.606 millóns de euros para reforzar e fortalecer o Sistema Nacional de Saúde. Isto supón un 20,3% máis que nos PXE 2021, que beneficiará ás máis de 2.700.000 persoas que viven na nosa Comunidade. En particular, inclúese unha nova dotación por contía de 44 millóns de euros para a ampliación de servizos de saúde bucodental do SNS. Tamén se inclúen transferencias ás CCAA dentro do plan de saúde mental e COVID-19, dotado con 30 millóns de euros, así como fondos destinados ao marco estratéxico de atención primaria por un importe de 176 millóns de euros”.

Os PXE tamén están centrados nos mozos e nas mozas, con partidas que suman 12.550 millóns de euros, case o dobre que no 2021. Os PXE apostan por mellorar as oportunidades e perspectivas de futuro dun dos colectivos máis prexudicados pola pandemia. “O capítulo de bolsas alcanza a cifra récord de 2.199 millóns a nivel nacional, podendo beneficiar a máis de 49.000 estudantes de Galicia. Como novidade, créanse as bolsas para aspirantes a xuíz, fiscal, avogado do Estado ou letrado da Administración de Xustiza”.

No que se refire ás pensións, as contas do Estado garanten o poder adquisitivo dos nosos maiores e empregados públicos, “cumprindo co acordado cos axentes sociais”. A partida máis importante é a destinada a pensións, que se incrementará un 4,8% ata alcanzar os 171.165 millóns de euros. As pensións non contributivas increméntanse un 3%, que beneficiará a máis de 37.600 maiores da nosa Comunidade, e a máis de 5.000 maiores da provincia de Lugo, cun orzamento total de máis de 227 millóns de euros. Ademais, a revalorización dos 9,6 millóns de pensións contributivas fixarase na lei que se tramita actualmente no Congreso dos Deputados, establecéndose que  aumentarán en función do IPC medio rexistrado en novembro. En Galicia, máis de 724.500 pensionistas beneficiaranse desta revalorización.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com