Novas

A Deputación colabora con Láncara na compra dos terreos e edificios ferroviarios da Pobra

O Presidente da Deputación de Lugo asinou onte co Alcalde de Láncara un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega ao Concello 75.000€ para que poida adquirir os terreos e os edificios ferroviarios que o Adif ten en desuso na Pobra de San Xiao.

Este importe supón practicamente o 66% do financiamento total necesario para a compra desta propiedade, que conta cunha extensión de 21.000 m 2 , mentres que o Concello asumirá os 36.600€ restantes. A sinatura do acordo tivo lugar nas propias instalacións, que se atopan sen actividade tralo desenvolvemento de novos trazados  ferroviarios na provincia.

O presidente provincial subliñou que a creación “dun gran espazo público, cunha ampla zona verde de lecer que unirá co río, e a posta en valor dos edificios ferroviarios, como a antiga estación do tren, terá un impacto moi positivo para o concello a nivel urbanístico, social e económico”.

Neste sentido, o Presidente explicou que o proxecto “suporá un avance importante cara un modelo de urbanismo máis sostible, máis humanizado e cun maior protagonismo para os peóns”. Subliñou que a veciñanza contará con máis e mellores dotacións públicas de ocio, “o que sempre mellora a calidade de vida da xente e axuda a facer comunidade”, pero ademais, “a recuperación destes terreos converterase nun novo atractivo para Láncara, nun elemento que atraerá a persoas doutros municipios para desfrutar dunha oferta de ocio de calidade, familiar e en contacto coa natureza, que é o que máis se valora na saída da pandemia”.

O Presidente puxo en valor a decisión do Alcalde e do equipo de goberno de Láncara de adquirir os terreos para poñer en marcha un proxecto ambicioso para a localidade, ademais se subliñar “a gran capacidade de negociación e de convicción” de Darío Piñeiro á hora de involucrar á Deputación nesta iniciativa. “Os representantes políticos temos a obriga de atender as cuestións do día a día dos nosos veciños e veciñas, pero tamén debemos pensar a longo prazo, ter visión de futuro, e iso é precisamente o que está facendo o Alcalde e o equipo de Goberno de Láncara coa compra destes terreos, impulsar un proxecto de futuro que contribuirá ao desenvolvemento social e económico do concello e a fixar poboación no rural”, manifestou.

Piden eliminar o carril bus da rúa Montevideo para instalar zonas de carga e descarga

Poucos resquicios quedan no casco histórico de Lugo de cando os coches podían atravesar a Muralla de lado a lado case por calquera das portas. Tan só quedan agora dúas entradas en coche ao casco histórico e, unhas delas a rúa do Teatro, sen máis traxectoria que a de chegar a unha rotonda para voltar por onde se veu.

A outra vía de entrada ao interior do monumento por excelencia da capital, é a rúa Montevideo. Unha vía que conta con dous carrís, un deles para o tráfico común  e outro un carril taxi bus que, a partires de certas horas, convírtese nunha zona de aparcamento máis.

O tráfico nesta vía é intenso a certas horas pois da acceso a dous aparcadoiros, ao hospital Nosa Señora dos Ollos Grandes, ao Centro de Sáude da Praza do Ferrol, ao Colexio da Milagrosa e a garaxes privados, entre outros moitos negocios. Ademáis é a vía de entrada para os praceiros e as súas mercadorías, nun momento no que case todo o interior da Muralla é peonil.

Así, o grupo popular do Concello de Lugo propuxo ao Goberno local unha solución “rápida, sinxela e sen un gran custe” que facilitaría, precisamente, rebaixar esas horas caóticas de tráfico ao establecer, no carril taxi-bus, unha zona de carga e descarga. Unha petición trasladada tamén polos principais distribuidores de mercadorías que operan na cidade.

Para os populares, “carece de sentido” a zona reservada para buses e taxis dende a peonalización de Quiroga Ballesteros. A súa idea é respectar as dúas paradas de autobús que hai nesta vía para dar servizo ás catro liñas de autobús que arestora entran no casco histórico e logo habilitar 30 prazas novas para a carga e descarga e
outras tantas para aparcamento lineal. Deste xeito esta rúa Montevideo sería un referente para a distribución de paquetería, alimentación e outros productos que precisen os negocios do centro.

Pola súa banda, o Goberno local, preguntado por este tema,  respostou que traballan para reducir o número de vehículos a motor que circulan no interior do recinto amurallado “e estamos a facer un importante esforzo en aumentar os espazos peonís destinados ao desfrute da veciñanza”.

O edil de Infraestruturas afirmou que “eliminar o carril bus da rúa Montevideo suporía aumentar o tráfico itinerante na zona e dificultar que a veciñanza chegue en bus ao centro da cidade”.

A CIG chama a toda A Mariña a reaxir contra as pretensións de boicotear a folga comarcal

A CIG chama a toda a comarca da Mariña a secundar de xeito masivo a folga xeral convocada para mañá, mércores 17 de novembro, e a participar na manifestación que sairá ás 12 horas do Hospital de Burela, para dar unha resposta contundente ás tentativas da Xunta de Galiza e do Goberno español de boicotear e facer fracasar a folga.

Unha vez máis, e malia as sentenzas que acumula na súa contra, a Xunta de Galiza decretou uns servizos mínimos totalmente abusivos que en sectores como o ensino público, a saúde ou o transporte escolar impiden o exercicio fundamental do dereito á folga. Ademais, a  administración agardou até o último momento para enviar o decreto (remitido ao comité de folga o pasado venres) e non convocou até onte, luns, a reunión para negociar os servizos mínimos, malia que foi telemática.

No ensino público obrígase a que haxa un ou unha docente por aula, mentres que se impoñen un servizos do 100% para o persoal de cociña e de limpeza. Curiosamente, no ensino privado só se establece que se deberá garantir unha persoa para o servizo de cociña/comedor e outra para a limpeza.

Ademais, tamén se impoñen uns mínimos do 100% para o transporte integrado de máis de 4km así como para o transporte de traballadores/as nos servizos realizados antes das 9h e despois das 16h. Nas escolas infantís e nos centros de día ordénase unha actividade como nun día normal e na residencia de maiores de Burela os mínimos superan ao persoal que atende o centro en fins de semana ou festivos.

Diante disto, a CIG chama as familias a desmontar ese boicot da Xunta non enviando as fillas e fillos ás escolas e institutos da comarca e conseguindo a paralización total da actividade laboral que se promove con esta convocatoria.

A Xunta prepara a cesión de vías e outras dotacións na nova área do polígono das Gándaras

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xestiona a cesión de espazos públicos ao Concello de Lugo na nova área urbanizada do polígono das Gándaras. O delegado territorial da Xunta en Lugo abordou esta cuestión coa alcaldesa da capital e persoal técnico no propio parque, toda vez que están practicamente rematadas as obras de ampliación, na que se investiron 2,6 millóns de euros.

O delegado explicou que se cederán ao concello de Lugo os viais, unha praza pública de máis de 6.000 metros cadrados e unha zona de aparcadoiro de 20.000 metros cadrados para dispoñer máis de 380 prazas de aparcadoiro, que ascenden a 530 si se teñen en conta as prazas dispoñibles nos viarios. A Xunta prevé recibir as obras de ampliación neste mes, co que estaría en disposición de ceder estas novas dotacións ao concello antes de fin de ano.

O delegado destacou que estes traballos sumaron 97.691 m2 de solo industrial nas Gándaras, dos que 45.290 corresponden a 12 parcelas, das que 9 teñen unha superficie de 1.000 m2 cada unha e as outras tres dispoñen de 25.000, 8.990 e 2.300 m2, respectivamente. A expansión posibilita a implantación de novas empresas, como Bricomart, que xa está a construír as súas instalacións nunha destas novas parcelas.

Esta terceira fase ocupará unha superficie total de 55.768 m2, dos que 35.434 serán de uso industrial e comercial, repartidos en 27 parcelas con superficies que oscilarán entre 945 e 5.200 m2. A meirande parte das parcelas resultantes terán entre 945 e 1.200 m2, que son as máis demandadas nas Gándaras, e so dúas superarán esa superficie: unha de 2.700 e outra de 5.200 m2.

O Concello impartirá formación deportiva nas instalacións municipais

Executivo Municipal, a través da área de Deportes, mobilizará un total de 1.171.222 euros para impartir formación e actividades deportivas nas instalacións municipais durante o próximo ano. A Xunta de Goberno aprobará mañá a segunda prórroga do contrato co que se pretende ofertar á veciñanza unha ampla programación de ocio saudable.

O prego, renovado a principios de mandato, incluía, entre outras melloras a ampliación do horario das piscinas cubertas de Frigsa que abren as súas portas ás 7 da mañá para que a cidadanía poida facer uso delas, se o desexan, antes de ir traballar. E no caso das Pedreiras, as instalacións non pechan tampouco ao mediodía en días laborais e poden empregarse tamén os domingos pola mañá.

Aspectos, todos eles, que segundo indicou o edil da área “teñen en conta as necesidades e demandas dos usuarios dos centros deportivos da capital, co obxecto de poder ofrecerlles un servizo máis eficaz”.

Políticos e colectivos da provincia reclaman máis tren para Lugo Políticos e colectivos da provincia reclaman máis tren para Lugo

Lugo…non perdas o tren lembra ao Goberno as promesas do Estado para a mellora da rede ferroviaria

A Plataforma Lugo… non perdas tren, mantívose durante os últimos tempos nun compás de espera por ver a execución das promesas recibidas para a mellora da rede ferroviaria e os plans de servizos futuros de viaxeiros e mercadorías, pero chegou o momento de volver facer públicos as nosas formulacións xa que non queremos ambigüidades e queremos transparencia:

LINEA DE ALTA VELOCIDADE. Lugo vén demandando desde a creación da Plataforma, liñas de alta velocidade ao mesmo nivel que calquera capital galega. Non nos conformamos nos próximos anos cuns servizos de tren Alvia a 200 ó 250 km./hora ou con tempos Lugo-Madrid superiores ás catro horas, tan pronto dispoñamos de electrificación de liñas, de eliminación de pasos a nivel, renovación de plataforma de vía, reformas en infraestruturas de pontes, túneles, explanaciones, etc. Pero de todos os xeitos no momento que se inaugure a liña Ourense – Madrid con tempos de 2:15 horas, Lugo equidistante 78 km. de Ourense por vía férrea, debe de contar xa con tempos ao redor de 4 horas a Madrid (2:15 +1:45=4 horas) para iso han de ser adaptadas aos novos tempos as velocidades dos trens, incluso o propio Alvia non pode estar a circular entre Lugo e Ourense a menos de 50 km/hora. Imos reivindicar que a electrificación sexa readaptada para que os trens poidan superar o 200 km/hora e que trens Abril con ancho variable estean en probas a Lugo para finais de 2022.

TRENS MEDIA DISTANCIA. requirimos por parte de Renfe, amplíense os servizos Lugo – Ourense de Media Distancia de 3 diarios en ambos os sentidos a 6 diarios en ambos os sentidos e con ligazón A Coruña a maior parte deles, buscando que estes faciliten ligazóns cos TAV que entran ou saen de Ourense. Que se incrementen tamén os servizos diarios con Monforte de Lemos en ambos os sentidos e que non sexan coincidentes cos que conectan con Ourense, pero facilitando tamén as conexións ferroviarias con León e o Norte deste país. Todos eles han de recortar de forma importante os tempos de viaxe, segundo avanza a mellora das vías e os seus servizos e rebaixando paulatinamente o tempo de 1:45 horas que a día de hoxe esiximos ata Ourense.

TRENS HOTEL A BARCELONA. Lugo non… Perdas ou tren, esixe que de forma inmediata recupérense os servizos con trens Hotel nocturnos eliminados da circulación por Renfe en fase do COVI o que non pode ser motivo para un peche definitivo dun servizo preciso para Lugo e para Galicia, non aceptamos para iso criterios economicistas nin faltas de persoal, xa que calquera destes casos son por razóns continuadas de mala xestión por parte da operadora.

O TREN GALEGO. Vimos desde hai anos requirindo a constitución dun Ente (configurado pola Xunta de Galicia e Renfe entre outros posibles) e que baixo a denominación de TREN GALEGO, configure e explote os servizos  ferroviarios entre as capitais galegas e dalgún modo promovan unha vía que unha Santiago de Compostela – Lugo e A Mariña (pero con paso por Lugo capital, xa que non aceptamos formulacións interesadas que queren levar este viario por Ordenes e Curtis), Lugo ten dereito a unha liña directa con Santiago e coa Mariña sen proxectos chapuza.

TREN METRICO FERROL-OVIEDO. Queremos que tanto Adif como Renfe, deseñen un plan estratéxico de recuperación do Tren Métrico aumentando claramente os servizos prestados en ambos os sentidos polo menos con dous servizos de mañá e dous de tarde. Que se deseñen variantes que acheguen a rede aos núcleos urbanos, aos portos da Mariña e ás grandes empresas como ALCOA.

INTERMODAL. Lugo precisa e esixe que as distintas administracións que compartirán as obras da Intermodal, deixen de poñerse paus nas rodas unhas a outras, que se fagan os traballos administrativos coa maior celeridade e sen encerrar estes en os caixóns dos despachos e que a Conselleria de Infraestruturas deixe de botar balóns fose e involúcrese nas obras que lle conciernen en relación á Estación de Autobuses e facilite o derrube do edificio de Correos, necesario para a execución das obras. Lugo debe dispoñer da Intermodal a medidos de 2023 como data real. Sabemos que Adif ten o proxecto terminado e espera para que se lle facilite o inicio das obras.

VARIANTES. Aceptamos inicialmente as reformas para mellorar o ferrocarril Lugo-Ourense, xa que Lugo tiña que gañar tempo, pero é claro que Lugo non pode renunciar ás melloras previstas inicialmente e que non incluían os proxectos das variantes. Agora cando finalizan as obras do AVE e cando se prevé o Corredor Atlántico, se esiximos que se proxecten e executen as obras das variantes e túneles previstos en Vos Peares, Canabal e Rubián en datas inmediatas.

CORREDOR ATLANTICO -TRANSPORTE DE MERCANCIAS. Queremos que o Goberno impulse de verdade o Corredor Atlántico de Mercadorías que se prevé pase na provincia de Lugo por Monforte de Lemos con destino a  León e onde non pode prolongarse no tempo o ramal A Coruña – Lugo – Monforte de Lemos, que cremos vital como  así o ve o Eixo Atlántico para o transporte ferroviario desde A Coruña e o Norte de Galicia, dado que este roteiro desde A Coruña Ferrol abarataría o custo do transporte pola redución de km. percorridos. O propio Goberno fálanos nos Orzamentos do próximo ano de obra prioritaria ao concluírse o AVE. Pensando no futuro, temos que pensar que o transporte de contedoras ou camións, debe de realizarse en tren, para evitar problemas de trafico e mantemento en estradas, os camións serian a ligazón entre estación e cliente ou provedor.

SISTEMA DE VIAS ENTRE LUGO. E A Coruña, a abandonada liña férrea Lugo – A Coruña en pésimo estado e non apta para velocidades de mais de 250 km/hora, precisa dunha intervención urxente para a que hai un compromiso de mellora requerible tanto para o servizo de viaxeiros como para o Ramal do Corredor Atlántico por  Lugo.

Aprobada a modificación urbanística de Cervo que permitirá ampliar o Museo do Mar

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das Normas subsidiarias de planeamento do concello de Cervo grazas á cal se poderá ampliar o actual Museo do Mar en San Cibrao.

Con esta resolución, o departamento autonómico autoriza os cambios propostos polo Goberno municipal tras analizar o expediente remitido á Xunta o pasado 20 de outubro e concluír que o interese público da actuación que se pretende executar está xustificado pola necesidade de ampliación do referido equipamento.

Grazas á modificación urbanística aprobada, o actual Museo do Mar, un ben incluído no patrimonio cultural e o museo público dedicado a esta materia máis antigo de Galicia, poderá incorporar terreo para desfrute da cidadanía e achegar unha función social e identitaria como centro de exhibición e difusión do patrimonio mariñeiro da  Comunidade.

Para posibilitalo, farase unha recualificación da parcela contigua ás actuais instalacións e que está ocupada por unha vivenda illada. Isto permitirá o uso dotacional de todo o ámbito, que suma unha superficie de 2.568 metros cadrados dos cales tan só 1.101 metros se corresponden coa parcela onde se sitúa nestes momentos o Museo.

En todo caso, cómpre precisar que a orde de aprobación definitiva está suxeita a unha serie de observacións relativas aos informes condicionados dalgúns dos organismos sectoriais consultados durante o procedemento, polo que deberán terse en conta no documento que se remita á Xunta para a súa inscrición no Rexistro de planeamento urbanístico de Galicia.

Deste xeito, a Consellería dá por concluído o seu papel na tramitación da modificación puntual das NSP de Cervo, pendente tan só agora de inscribila no referido rexistro e da súa posterior publicación no Boletín Oficial da Provincia por parte do Concello.

O xuízo pola nena Desirée será en febreiro na Audiencia Provincial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de informar que a sección segunda da Audiencia Provincial xa ten data para a celebración do xuízo polo asasinato da nena Desirée, presuntamente a mans da súa mai, en Muimenta, o 3 de maio de 2019 na vivenda da súa proxenitora.

A Audiencia Provincial sinalou a vista oral para os días entre o 7, 8, 9, 10, 11 e 14 do vindeiro mes de febreiro.

A nena, que tiña 7 anos no momento do seu pasamento, foi atopada sen vida na casa da súa mai, en Muimenta (Cospeito), o 3 de maio de 2019. A presunta autora dos feitos, podería ter urdido un plan para acabar coa vida da filla, pois segundo o auto xudicial asinado pola titular do Xulgado de Instrucción número 1 de Vilalba, as probas realizadas “desprenden indicios” de que a mai da pequena tiña planeado o presunto asasinato.

Segundo o auto, durante a madrugada do 2 ao 3 de maio a muller supostamente asfixiou á nena coas súas mans mentras a pequena durmía na mesma cama que ela. A nena chegou a despertarse e opoñer resistencia, pero pouco puido facer.

A mai, segundo di o Xulgado vivairense, foi diagnosticada dun trastorno de personalidade de tipo mixto e dun trastorno psicótico.

Con todo, a mai da nena atópase nestes momentes en prisión provisional, comunicada e sen fianza como única sospeitosa do crime. Ademáis da Fiscalía, no caso tamén están persoados como acusación particular o pai da nena, José Manuel Leal e, como popular, a Fundación Amigos de Galicia.

Todos eles solicitan a prisión permanente revisable para a mai da nena como autora dun delito de asasinato con aleivosía, concorrendo as agravantes de parentesco, pero con atenuante de alteración psíquica. Asemade, a Fiscalía solicita unha indemnización de 300.000 euros para o pai da pequena, mentres que a acusación particular pide 120.000.

Novo repunte de positivos detectados cun novo aumento dos casos

A xornada de onte supuxo un novo retroceso no que á Covid se refire. E é que nas últimas horas volveu aumentar o número de casos activos, e non só iso, se nón que as altas mantéñense á baixa e os ritmo de contaxios doblou aos da xornada anterior.

En cifras, o SERGAS rexistraba ata as 6 da tarde de onte, un total de 134 casos activos, 10 máis que na xornada do domingo. Un aumento que veu dado, como diciamos, por un freo nas altas médicas, rexistrando tan só 1 nas últimas horas e un aumento moi significativo dos positivos detectados, 14 no día de onte, fronte aos seis que se rexistraban na xornada anterior.

Un aumento que, polo momento, non se ve reflexado na presión asistencial. O Hula continúa a rexistrar 3 pacientes, dos cales un se atopa na UCI e os dous restantes en unidades convencionais.

E todo isto, nun día no que a incidencia da Covid en Galicia volve a aumentar. E é que a Comunidade acada os 1367 casos activos tras detectarse 122 novos positivos nas últimas horas. É dicir, Galicia rexistra hoxe 82 casos máis que no día de onte. Por outra banda, os pacientes hospitalizados por mor do virus ascenden hoxe a 56 na comunidade, tres máis que na xornada anterior. Pola súa banda, a taxa de positividade descende a un 2,4 por cento na Comunidade galega.

Neste senso, e para previr os contaxios, a Xunta avanzou xa que estudará os cambios nos umbrais dos niveis de risco de acordo coa incidencia de novos contaxios por covid19 que plantexa o Ministerio de Sanidade. Así o dixo o vicepresidente primeiro do Executivo, Alfonso Rueda quen, malia que asegurou que “non se ten constancia de ningunha convocatoria” do Ministerio para abordar estes cambios, Galicia será “respetuosa” co “marco” que estableza o Goberno do Estado.

A estrada entre Pedrafita e Seoane, cortada dende mañá por obras

A estrada provincial que une Pedrafita do Cebreiro e Seoane do Courel polo Alto do Hospital, a LU-P-1301, quedará cortada ao tráfico dende mañá debido á realización das obras de mellora que acomete a Deputación de Lugo. A previsión é que este corte se prolongue ata final de mes.

A Deputación realizará estas obras no treito comprendido entre os quilómetros 10 e 12,6 cuns traballos que inclúen a ampliación da estrada dende os 4,7 ata os 6 metros, a pavimentación con aglomerado en quente e as actuacións de drenaxe e sinalización correspondentes.

O corte efectúase dende o quilómetro 0,6 ata o 12,6 co obxectivo de que os traballos se poidan desenvolver con seguridade tanto para os operarios como para a veciñanza que transita pola vía. Haberá desvíos habilitados para causar o menor prexuízo no tráfico. A previsión é que estas obras rematen a final de mes, sempre que as condicións meteorolóxicas non impidan o correcto desenvolvemento das tarefas.

A Deputación de Lugo licitou as obras de ensanche e mellora dun novo treito desta estrada provincial, o comprendido entre os puntos quilométricos 8,6 e 10. A previsión é que a principios do 2022 saque a contratación o terceiro e último, co cal, o vindeiro ano, previsiblemente, estará renovada e ampliada a totalidade desta estrada.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com