Novas

13,00 h.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reunirase cos presidentes das Deputacións da Coruña e Lugo, Valentín González Formoso e Darío Campos, e co deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font. A reunión terá lugar no Gabinete da Vicepresidencia (Bloque V, 3º andar) foto xon crespo 27/07/17

Fin da Emerxencia Sanitaria en Galicia

Onte o aprobaba o Comité Clínico e hoxe xa é definitivo. Galicia xa non está en estado de Emerxencia Sanitaria logo de ser aprobado onte no Consello da Xunta, que tamén  autorizou recuperar o 100% dos aforos, ampliar os horarios en hostalería e lecer nocturno, e as medidas de visitas e saídas das residencias de maiores.

Un debate que tamén se abriu onte é sobre a obriga do uso da máscara en espazos pechados e entre os escolares. Se ben, xusto onte se coñecía que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitaba o recurso interposto por unha asociación contra o protocolo aprobado pola Xunta para o curso 2020-2021 que obrigaba ao estudantado de centros non universitarios de Galicia a utilizar máscara debido á crise sanitaria, era a propia Xunta quen retiraba, en certos contextos o uso da máscara. 

A asociación que recorría o protocolo galego solicitaba aos maxistrados que declarasen que se produciu unha vulneración do dereito á vida, integridade física e moral polos “danos e prexuízos” ocasionados aos menores, fillos dos socios, debido ao uso continuado da máscara nos centros escolares. 

O colectivo, no seu recurso contra a resolución do 4 de novembro de 2020, pola que a Consellería de Sanidade e a de Cultura, Educación e Universidade aprobaron a actualización do protocolo COVID-19 para o curso 2020-2021, asegura que a medida do uso de máscara xerou “danos irreversibles e irreparables na saúde dos menores”.

Na sentenza, os xuíces salientan que o TSXG, desde agosto de 2020, “vén reiterando que o uso da máscara é unha medida adoptada nun contexto de emerxencia sanitaria e de eficacia demostrada para a prevención da propagación do virus e para a protección das persoas sas”. 

Por iso, tal e como indicou nun auto anterior, considera que “non pode prevalecer o interese particular de quen sofre unha incomodidade no uso da máscara fronte ao interese público, cuxa salvagarda subxace na obriga do seu uso”. Así, considera que a “intervención estatal na liberdade individual” resulta “proporcionada aos fins buscados”, que son “a protección da saúde dos cidadáns e unha protección terapéutica non especialmente invasiva”. O TSXG conclúe na resolución, contra a que cabe presentar recurso, que debe prevalecer “o obxectivo constitucional de protección da saúde de todos”.

Este protocolo, do que vimos falando e que foi recorrido polo colectivo, foi aprobado a mediados de 2020 pola Xunta, amparado polo Estado e o Comité Clínico, para facer fronte ao curso 2020/2021 do que non se sabía moi ben que agardar. 

Novas medidas

Así, pouco menos dun ano despois, a Xunta abre o debate no seu seo interno sobre o uso da máscara. Onte, dábanse pasos de mellora. E é que a máscara deixa de ser obrigatoria no deporte federado para os maiores de 12 anos. Cabe destacar que a poboación menor de 12 anos non ten autorizada a vacina contra a  covid e, por tanto, non recibiu este medicamento para a  imnunización.  Así pois, este grupo de idade queda nas pavías no levantamento de medidas que se promoven para os vacinados –por exemplo, o lecer nocturno, con medidas máis flexibles con este certificado–.

A través dun comunicado, a Secretaría Xeral para o Deporte apunta que deberán ser as propias federacións deportivas de Galicia ou os organizadores das probas deportivas os que envíen a proposta de modificación dos seus respectivos protocolos baseados no Fisiocovid- DXTGalego, polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo covid-19.

Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte lembra que desde o acordo do 12 de xuño de 2020, sobre as medidas de prevención, a actividade deportiva federada en Galicia estivo permitida e a que a incidencia do covid-19 “é inferior no deporte federado que na poboación en xeral”, como se observou nun estudo realizado en colaboración coas federacións deportivas e a Xunta.

E, neste senso, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, ratificou onte que o Goberno galego ten pendente a decisión sobre a posible retirada da máscara nos recreos dos centros educativos, un paso que en Madrid –segundo anunciou tamén onte a presidenta, Isabel Díaz Ayuso– darase xa desde este luns 25.

No caso galego, Rueda revelou que se realizará unha consulta, a través dos servizos xurídicos da Xunta, para determinar se retirar a máscara nos recreos é “viable xuridicamente”. “Se é viable xuridicamente, someteríase a decisión do comité clínico”, insistiu Rueda, quen concluíu que serán os expertos sanitarios os que teñan a última palabra.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, tamén se pronunciou sobre o tema, e ve posible retirar a máscara no recreo dos colexios se os datos de  contagios e a lexislación permíteno.

“Está claro que en interiores non o permite e estamos a ver se legalmente hai algunha posibilidade. No caso de que houbese algunha posibilidade legal –entendo que si porque Madrid fíxoo– pasariámolo ao comité clínico de saúde para que nos diga se o considera prudente ou non”, afirmou Feijóo tras o encontro mantido este xoves en Madrid coa vicepresidenta terceira do Goberno, Teresa Ribeira. 

Máis alivio

E, ademáis da máscara no deporte federado, que outras cousas cambian a partires de mañá co levantamento da emerxencia sanitaria? Pois ben, a Xunta decidiu recuperar os aforos ao 100% en todas as actividades que aínda non o fixeron, principalmente hostalería e lecer nocturno, nas que se vai a ampliar entre media e unha hora o horario de peche. 

Deste xeito, as cafeterías e restaurantes poderán abrir ata as 1:30 as noites dos venres e os sábados; os pubs poderán pechar ás 4:30, tamén as fins de semana, e as discotecas e salas de festa amplían o seu horario ata as 5 horas todos os días da semana, informou o vicepresidente primeiro da Xunta. 

Rueda comunicou as novas medidas tras a reunión do Consello de la Xunta, na que tamén se deu o visto e prace a levantar algunhas restricións que quedaban pendentes nas residencias sociosanitarias, de modo que os usuarios poderán saír como antes da pandemia e tamén recibir visitas, aínda que continuará a cita previa. 

Alcaldes socialistas denuncian “opacidade” na nova planta de Sogama en Riotorto

Os Alcaldes Socialistas da Pontenova, Darío Campos; Meira, Antonio de Dios; Pastoriza, Primitivo Iglesias; Pol, Lino Rodríguez e Ribeira de Piquín, Roberto Fernández denunciaron a falla de transparencia e a opacidade coa que esta actuando SOGAMA e o Concello de Riotorto, en relación á nova ubicación da planta de transferencia de residuos.

Por iso anuncian que enviarán un escrito á este ente, dependente da Consellería de Medio Ambiente, “para amosar a nosa desconformidade co xeito de proceder deste organismo público xa que non se nos facilitou ningunha información sobre este proxecto. E tamén queremos deixar claro que estamos en desacordo con que Riotorto sexa o núcleo elixido para esta nova planta”.

Os socialistas remarcan que “o mellor emprazamento para esta nova dotación, que ten que dar servizo a todos estes concellos, é o Punto Limpio Serra de Meira en Xuncás (concello de Pastoriza), que xa conta con dotacións de auga, luz e accesos, polo tanto só habería que ampliar as instalacións. E por suposto non afectaría nin as explotacións gandeiras nin a veciñanza da contorna”, sinalan.

“Entendemos que esta nova planta de residuos que dará servizo aos concellos da Pontenova, Meira, Pastoriza, Pol, Ribeira de Piquín e Riotorto, ten que ser máis eficiente, pero segundo comprobamos SOGAMA só busca rédito electoral co emprazamento no Concello de Riotorto. Xa que ao resto de concellos implicados afectaríanos máis este emprazamento de recollida, por mor da distancia e o quilometraxe existente entre os concellos. Ademais hai que lembrar que esta nova construción encarecería considerablemente os custes económicos desta nova dotación, xa que a de Xuncás conta con infraestrutura, e non se parte de cero como en Riotorto”, advirten os rexedores socialistas.

O pasado 27 de setembro a Consellería de Medio Ambiente anunciou na parroquia de Aldurfe en Riotorto, acompañada do Alcalde, Clemente Iglesias, que neste núcleo se ía instalar a nova planta de residuos que dará servizo aos concellos da contorna. Pero trala presión veciñal, que viron como afectaba as súas explotacións gandeiras e incluso as súas vivendas, o Concello de Riotorto e a Xunta recuaron con esta ubicación, e nestes intres están buscando un novo emprazamento para esta nova dotación.


Imaxe de arquivo: Dario Campos e Lino Rodríguez (rexedores da Pontenova e Pol, respectivamente)

Lugo retomará este mes a celebración dos Plenos de xeito presencial

O executivo de Lara Méndez retomará neste vindeiro mes de outubro a celebración presencial dos Plenos logo de que a Xunta de Galicia anunciase a suspensión, este próximo sábado, do estado de emerxencia sanitaria ante a evolución dos contaxios de coronavirus, polo que toda a Comunidade galega quedará en mínimos de restricións.

“Trátase de ir gañando espazos á pandemia, recuperando, pouco a pouco, a normalidade e de ir avanzando naqueles aspectos cotiás do funcionamento do Concello que, podendo desenvolverse con tódalas garantías de seguridade, resultan prioritarios para a cidade. Non debemos esquecer que o Pleno é o máximo órgano de representación política da veciñanza lucense no Goberno local e, polo tanto, sempre que sexa factible, debe favorecerse a súa continuidade”, sinala a rexedora.

Méndez aclarou que a partir de novembro tamén pasarán a realizarse presencialmente as Comisións e Xuntas de Voceiros correspondentes a cada Sesión, “non así este mes, por estar xa convocadas de xeito telemático” e recordou que o Concello de Lugo mantivo, dende abril de 2020, toda a súa actividade orgánica “grazas ao esforzo realizado polo persoal de informática para habilitar os mecanismos necesarios tanto para permitir a realización e retransmisión dos Plenos como para que os empregados do Concello puideran teletraballar dende o minuto un do Estado de Alarma”.

Así pois, o seguinte Pleno ordinario do Concello de Lugo celebrarse o vindeiro 28 de outubro, xa en modalidade presencial aínda que poderá seguirse tamén en streaming a través do enlace que se habilita na páxina web municipal.

Xuventude oferta programas de prevención das drogodependencias en ámbitos escolares e familiares

O Goberno de Lara Méndez, a través da Concellería de Xuventude, que dirixe Mauricio Repetto, está a remitir xa aos centros educativos o programa de actividades do Servizo de Prevención de Drogas e outras Adiccións para o curso 2021-2022, accións que buscan educar e concienciar á mocidade lucense e ás familias sobre os efectos negativos do consumo de drogas.

Con este programa, o Concello quere traballar cos mozos, mozas, a contorna educativa e as familias cuestións como ás adiccións no século XXI e a responsabilidade persoal. Ensinará, ademais, como efectuar unha comunicación efectiva e como manexar habilidades sociais e emocionais para a resolución de conflitos. Tamén falarase sobre as ferramentas de prevención de adiccións.

“Dende este mes de outubro estamos a enviar aos as propostas de obradoiros para o curso escolar 2021-2022, que tamén está dispoñible nas redes sociais da concellería e na web www.lugomasxti.org, con contidos adaptados segundo as idades” destacou o edil.

Os obradoiros, cuxo enfoque e material está adaptado en función dos cursos, “convidan á participación e reflexión dos asistentes e serán impartidos por profesionais con ampla experiencia e formación no ámbito das adiccións”, aseverou Mauricio Repetto.

O número de sesións mínimo para cada un de estes obradoiros é de 3, cunha duración de entre 50-60 minutos.

Ámbito Escolar (Primaria):

Saúde na Escola: Dirixido ao alumnado de primaria de 5º e 6º curso.

Prevención no abuso das novas tecnoloxías (móbil, xogos e redes sociais) – Desconecta: Dirixido ao alumnado de primaria de 5º e 6º curso.

Ámbito Escolar (Secundaria)

Programa de Prevención Órdago: Dirixido ao alumnado de 1º e 2º da ESO. Esta taller está composto dunha guía para o alumnado para traballar contidos como a presión de grupo, a toma de decisións, o consumo e a publicidade, crenzas, actitudes ou autoestima.

Obradoiro Monográfico sobre o Cannabis: A verdade desta droga: Dirixido ao alumnado de 3º da ESO.

Dobre Check“: Dirixido ao alumnado de 4º da ESO.

Ámbito Escolar (Secundaria)

Pensa en ti decide por ti: Dirixido ao alumnado de FP básica. Obradoiro composto de actividades de elaboración propia que pretende traballar de xeito eficaz na intervención e abordaxe integral dos problemas relacionados co uso das drogas e outras adiccións, a través de intervencións dinámicas.

Ámbito familiar

Talleres de prevención de adiccións para as familias: Dirixidos a pais e nais de alumnado de todas as idades.

Charlas para pais e nais: Prevención de adiccións a substancias psicoactivas e prevención de adiccións tecnolóxicas.

Os obradoiros pódense solicitar a través dos diferentes centros educativos ou AMPAS. Para iso, é preciso poñerse en contacto co Servizo de Prevención de Drogas e outras Adiccións do Concello de Lugo, a través do correo prevenciondrogas@lugo.gal ou nos teléfonos: 982297498, 982297837.

O TSXG rexeita un recurso contra a obriga do uso da máscara nos centros escolares

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou o recurso interposto por unha asociación contra o protocolo aprobado pola Xunta para o curso 2020-2021 que obrigaba ao estudantado de centros non universitarios de Galicia a utilizar máscara debido á crise sanitaria.

A entidade solicitaba aos maxistrados que declarasen que se produciu unha vulneración do dereito á vida, integridade física e moral polos “danos e prexuízos” ocasionados aos menores, fillos dos socios, debido ao uso continuado da máscara nos centros escolares.

A asociación, no seu recurso contra a resolución do 4 de novembro de 2020, pola que a Consellería de Sanidade e a de Cultura, Educación e Universidade aprobaron a actualización do protocolo COVID-19 para o curso 2020-2021, asegura que a medida do uso de máscara xerou “danos irreversibles e irreparables na saúde dos menores”.

Na sentenza, os xuíces salientan que o TSXG, desde agosto de 2020, “vén reiterando que o uso da máscara é unha medida adoptada nun contexto de emerxencia sanitaria e de eficacia demostrada para a prevención da propagación do virus e para a protección das persoas sas”.

Por iso, tal e como indicou nun auto anterior, considera que “non pode prevalecer o interese particular de quen sofre unha incomodidade no uso da máscara fronte ao interese público, cuxa salvagarda subxace na obriga do seu uso”. Así, considera que a “intervención estatal na liberdade individual” resulta “proporcionada aos fins buscados”, que son “a protección da saúde dos cidadáns e unha protección terapéutica non especialmente invasiva”.

O TSXG conclúe na resolución, contra a que cabe presentar recurso, que debe prevalecer “o obxectivo constitucional de protección da saúde de todos”.

Arranca en Lugo a Exfilna 2021

Desde a Sociedade Filatélica Lucense, promotora e coorganizadora da EXFILNA 2021 xunto á Federación de Sociedades Filatélicas ( FESOF), queremos convidar á cidadanía para achegarse ás tres sedes da Exposición mesmo aínda que non sexan afeccionados á filatelia.

Falar deste tema é falar de historia, de cultura, de arte. Cada selo é reflexo dunha época, un estilo ou unha forma de transmitir que ten o seu propio proceso e nesta exposición, que reúne máis de 80.000 pezas e en que se dan cita as mellores coleccións nacionais, poderemos aprecialas.

Poderán ver coleccións temáticas, históricas mesmo xuvenís… a filatelia é un campo aberto, limitado unicamente pola vontade e a capacidade do coleccionista que dá forma á súa achega. Durante estes últimos días o traballo foi frenético, coa instalación das vitrinas e a colocación das coleccións. Tamén se constituíu onte o xurado da Exposición, que valorará as diferentes propostas dos coleccionistas e que dará a coñecer o seu fallo mañá venres.

Horarios e sedes

A EXFILNA pódese visitar de forma libre e gratuíta nas súas tres sede:

*Carpa da Praza de Santa María

*Salón Rexio do Círculo das Artes

*Salga de Exposicións da Deputación Provincial

Os horarios son de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 de luns a sábado e o domingo de 10:00 a 14:00 horas.

Presentación das emisións
Ademais da Exposición, que se inaugura hoxe, tamén se presentarán nun acto que terá lugar no Concello de Lugo, as emisións que Correos fai neste ano 2021 dedicadas a Lugo. Unha folla bloque da cidade e outra emisión dedicada ao Conde de Lemos serán as pezas centrais destas emisións.

Esta presentación será protagonizada pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Director de Filatelia de Correos Jordi Escruela, o presidente de FESOFI (Federación de Sociedades Filatélicas) Miguel Ángel García e o Presidente da  Deputación José Tomé.

ADEGA presenta o programa de roteiros 21/22 ‘As nosas sagradas montañas’

Este domingo ADEGA Lugo da comezo ao programa de roteiros do curso 2021/22 “As nosas Sagradas Montañas”.

A Terra seria totalmente diferente se non houbese montañas, non seria habitábel. As montañas son sagradas porque elas condicionan o clima da Terra, cortan os ventos e provocan a precipitación das chuvias, nelas están as nacentes dos rios que iran regar a terra enteira. O manto das turbeiras garda a reserva de auga do inverno para que poda ser deitada ao val no estío, no Xistral agora ultraxada pola destrución provocada polos parques eólicos que alteraran o ciclo hidrolóxico de xeito irreversíbel.

Nas montañas gárdanse as pegadas mais antigas e senlleiras da historia da humanidade: campos de mámoas, castros defensivos controlando os camiños, petróglifos que fornecen o substrato das lendas que conforman a nosa mais autentica mitoloxía.

As montañas son lugares sagrados porque nos achegan ao ceo e nos permiten imitar a deuses e deusas deixándonos ter vista ao lonxe, e deixa-me ir ao alto que do alto vexo ben…Alí aínda viven as mouras, meigas e fadas que gardan as terras coa súa maxia ancestral.

As nosas montañas hoxe son menosprezadas e son obxectivo de megaparques eólicos, que fragmentan hábitats e esquilman os recursos, deixando de lado ás poboacións locais. Por iso tocaremos a rebato durante 9 saídas nas que visitaremos diferentes puntos do país, e descubriremos xunto con colectivos locais os valores ambientais, culturais e patrimoniais acubillados no seo destes lugares.

Deputación e EOI darán apoio gratuíto a pemes e autónomos para que melloren o seu negocio

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este mércores xunto co director do departamento de Aceleración Empresarial da Escola de Organización Industrial (EOI), Javier Benito, o programa Reiníciate: dixitaliza a túa empresa, unha nova iniciativa dotada con máis de 1M€ de orzamento que prestará apoio gratuíto a pemes e autónomos da provincia para mellorar o seu negocio a través da dixitalización.

José Tomé, que estivo acompañado tamén polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, explicou que o programa Reiníciate: dixitaliza a túa empresa forma parte do Plan de Impulso da Economía da Provincia lanzado pola Deputación para favorecer a recuperación do tecido produtivo fronte ao impacto da pandemia. “Trátase dun programa de formación e de asesoramento personalizado que ofrecemos de maneira totalmente gratuíta ás empresas para axudarlles a aproveitar os recursos das novas tecnoloxías para modernizar e mellorar o seu negocio”, subliñou o Presidente.

O programa está promovido pola Deputación e a EOI cun orzamento de 1.080.000€, achegados nun 85,9% pola Escola de Organización Industrial a través do Fondo Social Europeo, que supón 927.720€. A Deputación asume o 14,1% restante, o que supón 152.279€. Esta nova iniciativa nace co obxectivo de que as empresas “gañen en competitividade, en produtividade, en eficiencia, para que abran novas oportunidades de negocio e, polo tanto, para que teñan ferramentas que lles sirvan, por un lado, para recuperarse antes e de maneira máis sostible no tempo dos efectos da crise da Covid e, ao mesmo tempo, para que poidan incluso estar mellor preparadas de cara a futuras situacións adversas”.

O Presidente explicou que o programa Reiníciate: dixitaliza a túa empresa está dirixido a 500 empresas de calquera sector ou actividade, e de calquera dos 67 concellos da provincia de Lugo. “Non hai límite en canto ao tamaño das empresas, pero dirixímonos sobre todo ás pequenas e medianas empresas e aos autónomos, que son o verdadeiro músculo da nosa economía, o motor da creación do emprego, e os que máis están a sufrir os efectos da crise da Covid”, recalcou.

“Reiníciate: dixitaliza a túa empresa non é unha formación máis das moitas que xa existen en materia de dixitalización, senón que imos máis alá”, subliñou o Presidente. Explicou que o programa inclúe un acompañamento real, individualizado e personalizado para cada unha das empresas que decidan beneficiarse desta iniciativa, facilitando que cada unha delas teña o seu propio ritmo e un plan para dar resposta ás súas necesidades específicas da mellor maneira posible.

A formación partirá dende o punto no que estea cada negocio participante en materia dixital. Tomé Roca puxo como exemplo que algunhas empresas terán que empezar por implantar as redes sociais e outras porán en marcha o comercio en liña. O obxectivo é lograr que as persoas participantes adquiran os coñecementos, as habilidades e as ferramentas necesarias para desenvolver a transformación dixital da súa empresa. En concreto, levaranse a cabo accións prácticas como a realización ou actualización da páxina web, a creación ou mellora das redes sociais, o posicionamento na rede, o márketing dixital ou a implantación de programas de xestión ou facturación, entre outras.

Inscricións e desenvolvemento

O prazo de inscrición xa está aberto e pódese formalizar na web: lugoformaciondigital.es Habilítase o teléfono 982 26 02 04 para resolver dúbidas que poidan xurdir. A previsión é que o programa arranque xa na primeira semana de novembro.

Haberá sesións online e presenciais, destinando tempo á titorización individualizada, á formación e ao acompañamento. A cada empresa asinaráselle un profesional que será o seu mentor durante todo o programa. Esta persoa será a encargada de facer a avaliación inicial e de establecer o plan de traballo en función das necesidades detectadas. Para a formación haberá 80 horas que se impartirán en horario de mañá e de tarde durante tres días á semana, e 85 horas para a mentorización personalizada e adaptada a dispoñibilidade de cada empresa. Establécense sete sesións presenciais, que se impartirán nas diferentes comarcas, co obxectivo de chegar ao maior número de persoas posible. As temáticas previstas son: Xestión de dixitalización (Lugo), Desenvolvemento de negocio dixital (A Mariña), Reto en dixitalización (Ribeira Sacra), Reto en comunicación dixital (A Terra Chá), Reto de competencias directivas (Lugo), Reto de transición enerxética (A Mariña), e Covid, a oportunidade do cambio (A Ulloa).

Un acto aberto ao tecido económico

Ao acto de presentación do programa Reiníciate: Dixitaliza a túa empresa asistiu unha ampla representación do tecido de asociacións empresariais e de profesionais da provincia, “porque quixemos que coñezan de primeira man esta medida que lles afecta directamente”, indicou Tomé Roca.

Participaron responsables de colectivos vencellados ao agro e á produción de leite e crianza de animais, tamén representantes de autónomos, electricistas, do sector do moble, do sector da automoción, da fontanería, dos taxis, entre outros, ademais da Confederación de Empresarios da Provincia, a Federación Galega de Comercio, que aglutinan a un gran número de socios da provincia.

Ademais, unha vez rematado o acto, os representantes das asociacións de empresas e profesionais participaron no Pazo de San Marcos nun encontro técnico para intercambiar posturas e coñecer polo miúdo o desenvolvemento deste programa, así como resolver dúbidas ao respecto.

O PP pide ao goberno local a apertura dos pavillóns dos CEIPs ante a falta de instalacións deportivas a disposición dos clubs

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Óscar Poy, amosa a súa preocupación pola falta de instalacións deportivas que hai na cidade, unha eiva que dificulta o día a día de moitos clubs que teñen que aproveitar ao extremo cada minuto que poden empregar unha instalación pública, instalacións xa de por si saturadas ata o punto de que pode ser moi complicado a práctica do deporte por libre de calquera veciño. Unha situación ante a que o concelleiro popular quere realizar unha proposta: que o Concello de Lugo abra aqueles pavillóns de centros educativos de titularidade municipal, para facilitar a práctica deportiva na nosa cidade, toda vez que o goberno local desbotou a posibilidade de solicitar aos IES o uso das instalacións deportivas destes centros.

Explica Óscar Poy que Mauricio Repetto debe de estar satisfeito co xeito que ten de dirixir a concellería de Deportes, mantendo saturadas as escasas instalacións deportivas que hai en Lugo, polo que optou por non acollerse ao acordo asinado entre a Fegamp e a Xunta de Galicia para que os concellos soliciten o uso das instalacións deportivas dos centros de ensino secundario. Segundo este acordo “o concello que teña a intención de usar as instalacións deportivas do/os IES situado/s dentro do seu ámbito territorial deberá presentar, ante a dirección do centro educativo que se trate, durante o mes de setembro, unha solicitude”, algo que o Concello de Lugo non fixo.

Ante esta situación, Óscar Poy realiza ao goberno local esta proposta en positivo, pensando en aproveitar todos os recursos dos que dispón o goberno local para poder dar resposta ás necesidades dos deportistas da cidade, toda vez que o goberno local xa desaproveitou a ocasión de solicitar aos centros educativos un bo número de instalacións deportivas existentes nestas instalacións.

Entende o concelleiro popular que ante a demanda popular existente o lóxico sería ter solicitado máis instalacións pero, como non o fixeron, será o goberno local o que deberá dar o paso e dar resposta a esa demanda social poñendo a disposición instalacións existentes en Ceips, como pode ser, por exemplo, o pavillón do CEIP Luis Pimentel, o do CEIP A Ponte, o do CEIP Paradai ou o do CEIP Manuel Mallo Mallo, entre outros que hai no municipio e que poden ser moi útiles para desconxestionar as instalacións actualmente abertas e saturadas.

As mellores da seguridade viaria en 36 puntos do Camiño estarán listas para 2022

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse hoxe con representantes de asociacións dos Camiños de Santiago da provincia de Lugo para informalos da marcha das obras de mellora da seguridade viaria que está a executar a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade en puntos da ruta que conflúen con estradas autonómicas.

Arias incidiu en que as 36 actuacións programadas en 13 estradas de Lugo estarán listas a finais deste ano, para atender a maior afluencia de peregrinos que se espera en 2022. “Con esta medida contribuímos a reducir a perigosidade en zonas conflitivas e tamén melloramos a estética do Camiño nestes tramos, que serán máis agradables e cómodos para transitar a pé”, dixo o delegado.

Apuntou que desde o mes de xullo trabállase con intensidade para acometer as obras programadas nos trazados Francés, Primitivo, de Inverno e Norte no seu percorrido por 16 municipios da provincia de Lugo, cun investimento total de 466.800 euros.

As estradas LU-633 e LU-530 concentran o 55% das intervencións previstas. Na primeira estanse a acondicionar 11 tramos que coinciden co Camiño Francés en Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos e Portomarín; mentres que na segunda estase a reducir a perigosidade en 9 puntos que conflúen coa ruta Primitiva no seu percorrido pola Fonsagrada, Baleira, Castroverde e Lugo.

Entre as obras máis relevantes xa iniciadas ou completadas, Arias referiuse ás realizadas no pq 35+300 da LU-530 na Fontaneira (Baleira), cun investimento de 137.500 euros para mellorar a seguridade nun cruce mediante o reforzo da sinalización, a construción dunha pasarela de madeira e a instalación de barreiras de seguridade.

Reducir os riscos en cruces
En canto ao resto das actuacións, a maioría delas en cruces, afectan a dúas vías máis do percorrido Francés -a LU-637 en Triacastela e a LU-613 en Portomarín-; outras catro do Primitivo -a LU-701 e a LU-740 na Fonsagrada; a LU-232 en Lugo e a LU-231 en Palas de Rei; tres vías do Camiño de Inverno, onde se actuará en catro puntos da LU-933 ao seu paso por Quiroga e en senllos cruces da LU-652 na A Pobra do Brollón e da LU-213 en Chantada; e dúas estradas do Camiño Norte: a LU-133 ao seu paso por Ribadeo e Trabada e a LU-132 en Lourenzá.

As intervencións son acordes ás necesidades de cada treito e contemplan medidas como o reforzo da sinalización; a construción de sendas, muros, gabias transitables e pasarelas; a instalación de barreiras e varandas ou novos encamiñamentos e a pavimentación da ruta con pedra, entre outras.

Por último, Arias referiuse ás diferentes medidas impulsadas pola Xunta para ofrecer aos peregrinos a mellor imaxe de Galicia neste Xacobeo 21-22. Así, ademais de levar tempo traballando no acondicionamento, a sinalización e o embelecemento do Camiño, estanse a realizar melloras nos albergues da rede pública e púxose en marcha o seguro coronavirus, que contribuíu a recuperar a confianza de turistas e peregrinos ao ofrecer de maneira pioneira a tranquilidade de ter cubertos os gastos sanitarios e de aloxamento ante unha infección por covid-19.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com