Novas

Os Feirantes doan ao concello 500 entradas para regalar a nenas e nenos de familias vulnerables

Unha representación dos feirantes do recinto feiral do San Froilán fixeron entrega á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, de preto de medio millar de entradas para regalar aos nenos das familias máis vulnerables, así como ao persoal municipal que fixo posible co seu esforzo que este ano se puidesen instalar en Lugo, “nun tempo récord desde que a rexedora nos comunicou a súa vontade de que puidésemos traballar nas festas patronais”. O persoal municipal, pola súa parte, cedeu tamén as súas entradas para os máis pequenos.

O obxectivo é que “ningún neno de Lugo se quede sen subir ás atraccións da feira”, segundo manifestaron os barraquistas, que quixeron con este detalle “agradecer ao Concello a súa implicación co noso sector”. Así mesmo, anunciaron que doarían máis se fose necesario.

Lara Méndez asegurou sentirse moi honrada polo xesto dos feirantes, “ao cedernos todos estes pases para os carruseis e tómbolas e, como non podía ser doutra maneira, a nosa vontade é que ese aceno de cariño, esa solidariedade e xenerosidade, chegue directamente a aquelas persoas ás que a crise sanitaria e económica que nos trouxo a pandemia afectou con maior impacto”, afirmou a rexedora. “Para estas familias en situación de dificultade, poder levar aos seus fillos e fillas ás barracas significa moito máis que o propio valor da entrada”, subliñou.

 

A edil de Benestar, Olga López, tamén presente na entrega, avanzou que os tíckets se entregarán ás familias que están dadas de alta no programa de Educación Familiar, “ás que xa comezaron a chamar as educadoras municipais”.

Esta iniciativa súmase á redución de prezos das atraccións, compromiso que acadou a rexedora por parte dos feirantes a cambio de non cobrarlles este ano as taxas.

 

 

Cervo programa o ciclo de música “O son do nordeste”  

O Concello de Cervo, a través da delegación de Cultura, ven de presentar o programa “O son do nordeste” que  traerá ao concello mariñán musicas de diferentes estilos  neste último trimestre.

O ciclo de música  desenvolverase en diferentes emprazamentos do Concello de Cervo durante as noites dos meses de outubro, novembro e decembro.

O programa inaugurarase o vindeiro luns 11 de outubro co concerto de The Show Bass ás 21:00H na Praza dos Campos de San Ciprián. O grupo compostelán tocará cancións con ritmos rocksteady, rythm & blues e soul xamaicano.

Segundo a Concelleira de Cultura, Dolores García Caramés “trátase dunha continuación do extenso programa de concertos que vimos celebrando durante todo o verán e que tiveron unha grande acollida. Agardamos que agora, coa mellora da situación derivada da pandemia, podamos celebrar os concertos acollendo a normalidade pouco a pouco, pero sen perderlle o respecto ao virus”. Engade tamén que se trata “de aquí ata final de ano gozaremos dunha oferta musical variada e para os amantes de todos os estilos”.

 

 

#Parganonsedivide solicita a reapertura do centro médico de Parga

Dende a asociación #PARGANONSEDIVIDE solicitan da Xerencia da Área integrada de Lugo- Mariña que, unha vez superado o peor da pandemia da Covid 19, se proceda á reapertura total do centro médico de Parga, pechado dende marzo do ano pasado. “Tiñamos o compromiso reiterado tanto da dirección de primaria coma da xerencia de que o consultorio reabriría as súas portas unha vez superada a pandemia. Ese momento xa chegou, non pode haber mais escusas” din dende #PARGANONSEDIVIDE.

Para a Plataforma veciñal, que a reapertura coincidise co comezo da campaña de vacinación da gripe, prevista para os vindeiros días sería unha fenomenal noticia para as 1700 persoas que teñen cartilla en Parga e dos cales, unha parte fundamental son persoas de idade avanzada, prioritarios na vacina da gripe e que evitarían ter que desprazarse a Guitiriz.

Dende a plataforma lembran que a situación evolucionou moi positivamente nos últimos meses, coa poboación diana practicamente vacinada na súa totalidade, cunha incidencia mínima e coa reapertura practicamente total e volta á normalidade na maioría dos ámbitos, dende o lecer de masas ata a mellora substancial das condicións na hostalería, por poñer dous exemplos. “Non se sostén que dende o Sergas manteñan centros de saúde coma o de Parga pechados mentres nos campos de fútbol poden xuntarse ducias de milleiros de persoas ou o feiral do San Froilán está ateigado de cidadáns desfrutando de novo das súas festas. Recuperar o lecer é moi importante, mais recuperar a atención sanitaria para nós, é vital” inciden dende a plataforma veciñal.

A plataforma veciñal lamenta ademais que dende a dimisión do Director de Primaria Rafael Sánchez, non volveron a ter ningunha nova da Xerencia a pesar de ter concertada con el unha reunión para uns días despois da súa dimisión. “Solicitamos por escrito unha nova reunión sen que teñamos resposta. Lamentamos que Parga non figure na axenda da Xerencia, mais agardamos que se impoña o sentido común e que se cumpran os compromisos. De non ser así, algunhas persoas terán que responder diante da cidadanía” advirten.

Rubal, 90 anos

Hogano valórase especialmente á mocidade, pola ilusión, formación e futuro, en detrimento da experiencia dos maiores. E se a vida laboral se amplía no futuro, non é para aproveitar a veteranía senón para incrementar cotizacións e reducir pensións. E o tempo laboral deberá depender do estado do traballador, porque mesmo as excepcións poñen de manifesto que a actividade ten que reducirse a unha certa idade.

Participei en Alfoz na homenaxe a un nonaxenario profesor e escritor, en plenitude de facultades, que publica un libro cos seus artigos dos últimos dez anos, e ven de doar a súa Biblioteca á biblioteca municipal, da que unha sección leva o seu nome.

Pedro Rubal Pardeiro, Fillo Predilecto de Alfoz, xubilado hai 25 anos, cada semana publica en Galicia Digital luminosos artigos nos que, en base ao pensar filosófico, analiza a actualidade, obtendo conclusións válidas para a vida.

Nesta homenaxe, Marcelino Agís, Decano de Filosofía da USC, afirmou que Pedro supera a clasificación de Ortega das etapas humanas -mocidade, iniciación, predominio, transformación e vellez- que remataba aos 75 anos, comprobando que é posible unha nova etapa, de plena actividade, lucidez e coñecemento.

Pedro Rubal é un exemplo de formación, percepción do que acontece ao arredor e de difusión do seu labor para especialistas ou preocupados por entender o que acontece no mundo. Vai presentar aos futuros filósofos o seu libro FUXINDO DA SAUDADE e, sen dúbida, será un acontecemento na vida deste filósofo nonaxenario, pero tamén experiencia inesquecible para os que o escoiten, que poderán comprobar que aos 90 anos hai aínda moito que facer e que dicir.

Monforte inaugura ‘A memoria do son’, con instrumentos e arquivos do Centrad

Monforte acolleu onte a inauguración da mostra A memoria do son, con fondos instrumentais e do arquivo documental do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad). O deputado provincial, Efrén Castro, e o director da Colección de Instrumentos e comisario da exposición, Luciano Pérez, realizaron a presentación na Casa da Cultura
Poeta Lois Pereiro.

Tras o seu paso polo Museo da Catedral de Compostela, onde recibiu máis de 55.000 visitantes, e o Antigo Cárcere de Sarria, a mostra chega á localidade monfortina co fin de dar a coñecer pezas únicas que se poñen
a disposición do público grazas aos traballos de investigación  e recuperación desenvolvidos desde o centro provincial a partir da iconografía medieval.

A exposición, que reúne parte destes fondos nun formato adaptado á itinerancia e á experimentación por parte das persoas que a visiten, está concibida para ampliar o coñecemento do patrimonio musical, incluíndo unha giga, unha rota, unha cítola, unha viola de perna, unha viola de brazo, unha zanfona e un organistro, construídos a partir de representacións escultóricas destes instrumentos en lugares emblemáticos como o Pórtico da Gloria ou o Pazo de Xelmírez, ou dos datos recollidos en documentos literarios e históricos.

Os fondos instrumentais complétanse con melodías accesibles, a través de códigos QR, proporcionando a oportunidade de escoitar o son de cada un deles. Tamén inclúe propostas interactivas, como unha salterio no que as persoas visitantes poderán interpretar melodías de cantigas de Afondo X e  Martín Códax. De cara ao público máis novo, ofrécense dous pasatempos -un crebacabezas e un encrucillado-  que incorporan os contidos da exposición de forma lúcida.

No acto de presentación, o deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, puxo de relevo “a grande proxección dunha mostra itinerante que pasará por varios destinos da provincia despois da súa inauguración en Compostela, lugar onde a colección e o traballo do Centrad foi recoñecido internacionalmente”. Neste senso, augurou “unha grande aceptación nun lugar como Monforte, achegando á veciñanza pezas únicas que integran un traballo documental de investigación cunha clara vontade divulgadora e didáctica, que sitúa ao Centro de Artesanía unha vez máis como un referente no estudo e reprodución de instrumentos medievais”.

Pola súa banda, o director da Colección de Instrumentos Musicais do Centrad e comisario do proxecto “A memoria do son”, Luciano Pérez, incidiu na democratización da cultura e desta mostra en concreto, “accesible a todo tipo de públicos: non especialista, universitario, músicos, artesáns e investigadores. Ás persoas docentes permítelles traballar diferentes competencias, desenvolvendo a un tempo valores e sentimentos de pertenza, e ao alumnado proporciónalle unha serie de ferramentas moi útiles desde primaria ata a universidade, espertando, por outra parte, o pequeno investigador que todos levamos dentro”.

Ademais, a exposición conta cun catálogo traducido en catro idiomas, editado en papel pero tamén dispoñible para descargar, en formato pdf, na páxina web do Centro de Artesanía e Deseño.

O PP non entende o “tiro no pé” de Méndez e Arroxo ao xudicialiar o concurso do lixo

O viceportavoz do Grupo Popular pregúntase cal é o motivo polo que PSOE e BNG actúan “no seu propio prexuízo e o dos lucenses e danse un tiro no pé ao levar a decisión do Tacgal sobre o contrato do lixo ao TSXG”.

Os populares afirman que “Méndez e Arroxo están a boicotear o concurso que eles mesmos sacaron a licitación e arríscanse a posibles indemnizacións millonarias no caso de que se resolva que a postura do Tacgal é a correcta”. Ameijide pregúntase “que intereses ocultos teñen socialistas e nacionalistas para xudicializar o pronunciamento do Tacgal.

Para os populares “con esta decisión o único que conseguen é dilatar a posta en marcha do servizo e conseguir unha mellora da limpeza na nosa cidade”. Os populares explican que o atraso da adxudicación frea a reposición de contedores deteriorados, con tapas e pedais rotos; demora a reposición  de unidades nalgúns puntos que carecen de lestes dispositivos así como a ausencia do servizo para depositar aceite usado, entre outros aspectos.

O contrado de recollida de lixo é xunto co de transporte uno dos máis custosos para o concello de Lugo, leva caducado desde o ano 2017 e polo estamos a pagar mensualmente 570.000€ con reparos  de legalidade”. Con manobras como estas “moito temémonos que acabará o segundo mandato de Lara Méndez sen conseguir readjudicar este contrato”.

O Concello renova os parques infantís da cidade

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez continúa avanzando na mellora e renovación dos parques infantís da cidade, atendendo ás peticións que lle traslada a veciñanza.

Lara Méndez optou, así, por arranxar de forma provisional a área de xogos situada entre a Avda. das Américas e a rúa Trapero Pardo, até proceder á súa reforma integral de acordo ás peticións que os residentes na zona lle trasladaron á rexedora a través do tenente de alcaldesa, Miguel Fernández.

O tamén concelleiro de Medio Ambiente supervisaba hoxe os arranxos realizados.

“O Executivo local está levando a cabo un ambicioso Plan de Intervención e Mellora dos parques infantís e biosaudables da cidade co que queremos abordar a renovación destes espazos. Porén, algunhas destas actuacións entrañan maior complexidade ca outras e precisan dunha consignación orzamentaria máis elevada. De maneira que, en tanto non se tramitan os proxectos, a rexedora quere dar igualmente solución ás necesidades que, día a día, nos traslada a cidadanía como resposta ás súas demandas”, sinalou o edil.

“Todas as nosas políticas teñen o mesmo obxectivo: pular por incrementar a calidade de vida dos e das lucenses. E iso pasa tanto por deseñar o horizonte económico e transformar a cidade para que poida afrontar con recursos propios os retos de futuro que se aveciñan, como tamén por traballar de forma constante nos barrios, para que gañen en habitabilidade, dispoñan cada vez de maiores dotacións e servizos e estes sexan de boa calidade e iso, ás veces, acádase instalando novos bancos e papeleiras ou, como neste caso, amañando o pavimento”, destacou Miguel Fernández.

O concelleiro de Medio Ambiente explicou que as tarefas executadas neste enclave “consistiron na reposición do firme, mediante un reenchido de area co que se corrixiron os desniveis, especialmente naqueles puntos nos que presentaba un maior desgaste, redundando así na súa seguridade”.

Fernández lembrou que o 47’5% dos parques de Lugo teñen 15 anos ou máis e que unha porcentaxe destacable dos mesmos foi executada por promotores privados no desenvolvemento de unidades de actuación e, posteriormente, cedidos ao Concello para o seu mantemento sendo, na súa gran maioría, de baixa calidade o que obriga á Administración a acometer continuos labores de coidado e reposición.

O edil indicou que as principais incidencias detectadas gardan relación coas pintadas e coas roturas que se producen no valado perimetral e no firme, froito das inclemencias meteorolóxicas, o paso do tempo ou dos actos vandálicos.

“Todos estes datos, obtidos nun estudo recente, nos axudaron a deseñar unha planificación por fases e barrios para atallar as eivas derivadas do avellentamento destas infraestruturas e no que mesmo se contempla a creación de novas zonas de esparexemento co fin de garantir unha oferta de ocio axeitada pero non só para as crianzas, senón dirixida a todos os públicos”. Neste senso, Fernández aludiu ás obras materializadas nas áreas de Novo Freire e Augas Férreas, “nas que os recintos cumpren unha función moito máis integradora xa que grupos de todas as idades poden desfrutar de espazos propios pero tamén doutros compartidos que predispoñen á convivencia e á solicialización interxeracional”, abondou o responsable de Medio Ambiente.

En total, Lugo conta con 80 parques infantís e biosaudables distribuídos por toda a capital, dos que ao redor dun 20% foron rehabilitados ou construídos durante o mandato de Lara Méndez.

O Concello promove que Lugo sexa capital mundial do turismo de aventura co AR World Championship 2021

Lugo acolleu os días 4, 5 e 6 de outubro o Campionato do Mundo de Carreiras de Aventura, unha proba deportiva que combina kaiak, trekking e bicicleta de montaña, e na que participaron preto de 100 equipos de 27 países de toda Europa e América. O executivo de Lara Méndez fixo posible que a cidade amurallada sexa unha das sedes desta edición do campionato mundial, denominado Adventure Racing World Championship, que contará cun percorrido de 620 quilómetros polas provincias de Lugo, Ourense e A Coruña.

Neste senso, a alcaldesa explicou que “durante tres días, Lugo foi capital mundial do turismo de aventura, reunindo a máis de 600 persoas de todo o continente – entre participantes na proba, uns 400, e persoal de apoio – no noso municipio, o que suporá un importante impacto económico e de visibilidade a nivel global”.

Neste senso, Lara Méndez apuntou que “co apoio a este evento buscamos, por un lado, dinamizar o sector servizos, a hostalería e o comercio local, fomentando o consumo e as pernoctas no noso municipio; e, por outro, dar a coñecer e promover a imaxe de Lugo a nivel internacional, pois o evento terá unha audiencia estimada de máis de 7,5 millóns de persoas a través de medios de comunicación e redes sociais”.

Durante os tres días, instalouse na praza de Augas Férreas unha carpa para o seguimento da carreira por parte dos xuíces e o persoal voluntario, así como unha pantalla xigante, dende a que o público puido ver imaxes da carreira en tempo real, ademais dun photocall.

A proba contou cun percorrido urbano de 5 quilómetros na modalidade de orientación. Deste xeito, os participantes, que ían chegando escalonadamente á cidade, deberán pasar por diferentes puntos de control que estiveron situados en lugares emblemáticos no centro de Lugo, dentro do conxunto amurallado.

Con motivo desta proba deportiva, a organización elaborará contidos especiais con imaxes de Lugo para a súa difusión a nivel nacional e internacional.

O campionato reuniu aos 11 dos 12 primeiros clasificados mundiais das Adventure Racing World Series (ARWS) 2021 entre os 100 inscritos, unha cifra récord na historia das carreiras de aventura.

Esta proba outorga o título de campión do mundo entre os 24 países participantes: España (36 equipos), Francia (14), Suecia (8), Estados Unidos (6), Gran Bretaña (5), Polonia (4), Dinamarca, Colombia (3), Ecuador, Estonia, Finlandia, República Checa e Rusia (2), Alemaña, Bélxica, Brasil, Croacia, Guatemala, Irlanda, Israel, Italia, Letonia, México e Países Baixos (1).

A Palma de Ouro de Cannes chega a Codex Cinema

O controvertido filme de Julia Ducournau, Titane, chega este venres aos cines coa súa provocativa historia de redención e superación humana.

O pasado mes de maio regresou o festival de Cannes tras un ano de ausencia debido ás restricións do coronavirus. Na última década, este festival da Costa Azul francesa converteuse no centro do cinema mundial, alí onde as películas máis famosas queren facer a súa presentación e onde os autores máis importantes do mundo proxectan por primeira vez os seus filmes. Cineastas consagrados como Leos Carax, Paul Verhoeven, François Ozon, Wes Anderson, Nani Moretti ou Apichatpong Weerasethakul presentaron en Cannes os seus filmes, mais foi unha directora francesa coa súa segunda película quen conseguiu o premio ao mellor filme. Titane, de Julia Ducournau foi a gañadora do certame, convencendo á crítica e ao xurado para facerse coa ansiada Palma de Ouro.

Julia Ducournau debutou hai cinco anos con Raw, un filme de terror sobre canibalismo que sorprendeu en canto a que convertía un relato de xénero nunha defensa dos comportamentos non normativos, da singularidade de todos os seres humanos, a medio camiño entre o filme social, o horror e a parodia. Titane é un proxecto moito máis ambicioso. Unha reflexión sobre o noso tempo, sobre os cambios espectaculares que se produciron nas relacións humanas nos últimos anos, sobre o impacto que produciu nas nosas vidas a tecnoloxía e os dramas asociados a este proceso revolucionario. A través da historia dun pai desesperado que se encontra co seu fillo tras dez anos desaparecido e dunha muller que vive un proceso traumático que provoca un cambio radical no seu corpo, Ducournau ofrece un filme eléctrico e sen concesións, que aposta por unha ambientación nocturna chea de luces artificiais e a descrición minuciosa dos submundos nocturnos.

Estamos ante un filme de estética poderosa que non deixa un segundo de respiro ao espectador. Unha celebración das novas formas de relación nun mundo tecnolóxico, celebrando a vida e a carne, a humanidade e o contacto con outros corpos, fronte a frialdade da comunicación que ofrece internet e as redes sociais. Titane recupera a política do corpo e aínda que moitas veces se define como filme feminista, vai máis alá: é unha defensa dunha sexualidade líquida e cambiante, dun mundo de incertezas onde o amor triunfa por encima de cuestións de xénero, de sexo ou de adscrición social e política.

Convertido nunha icona da arte trans, o filme de Julia Ducournau é por encima de todo un retrato humanista e compasivo, sedutor e erótico, sobre o século XXI. Despois de gañar a Palma de Ouro, o maior recoñecemento para un filme de autor, a película presentouse con igual éxito no Festival de Toronto, a antesala dos Óscar, onde a película gañou o premio do público, ademais de participar tamén na sección Zabaltegui do Festival de San Sebastián. Celebrada unanimemente como un dous filmes máis importantes dos últimos anos, Titane agarda repetir o éxito de Párasitos de Bong Joon-ho, a anterior gañadora do festival de Cannes.

As traballadoras do servizo de limpeza do centro de Bonxe levan tres meses sen cobrar

A CIG-Servizos denuncia a crítica situación de tres traballadoras da empresa Edifica Vías e Infraestructuras SL que levan tres meses sen cobrar os seus salarios. Esta compañía, que ten adxudicado o servizo de limpeza do Centro Penitenciario de Bonxe (en Outeiro de Rei) e dunha oficina de Institucións Penitenciarias na cidade de Lugo, débelle as traballadoras as nóminas de xullo, agosto e setembro.

A empresa, que ten a sede en Alicante, pretende xustificar o impago alegando que Institucións Penitenciarias non lle ingresa a cantidade correspondente polo servizo e, ao tempo, a administración estatal asegura que non abona os cartos á empresa, porque esta non lle paga ás traballadoras. “É dicir, empresa e Administración bótanse as culpas mutuamente e mentres tanto quen sofre as consecuencias son as traballadoras, que non cobran pero teñen que seguir realizando o servizo e facendo fronte ás facturas e recibos”, advirte Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo.

Esta non é a primeira vez que se dá unha situación de impago neste empresa, pois xa en abril e maio as traballadoras tiveron que esperar dous meses para cobrar estas mensualidades.

A CIG fixo un requirimento á Institucións Penitenciarias para que actuara ante este flagrante incumprimento e lle rescindira o contrato a Edifica Vías e Infraestructuras por non respectar os pregos de condicións. Porén, o director do centro de Bonxe botou balóns fóra limitándose a dicir que se trata dun conflito entre empresa e traballadoras.

A central sindical tamén presentou a correspondente denuncia na Inspección de Traballo e á espera do que resolva este organismo “esixímoslle á empresa que abone de inmediato os salarios e á Administración que interveña para garantir os dereitos das traballadoras e que esta situación non se volva repetir”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com