O Concello renova os parques infantís da cidade

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez continúa avanzando na mellora e renovación dos parques infantís da cidade, atendendo ás peticións que lle traslada a veciñanza.

Lara Méndez optou, así, por arranxar de forma provisional a área de xogos situada entre a Avda. das Américas e a rúa Trapero Pardo, até proceder á súa reforma integral de acordo ás peticións que os residentes na zona lle trasladaron á rexedora a través do tenente de alcaldesa, Miguel Fernández.

O tamén concelleiro de Medio Ambiente supervisaba hoxe os arranxos realizados.

“O Executivo local está levando a cabo un ambicioso Plan de Intervención e Mellora dos parques infantís e biosaudables da cidade co que queremos abordar a renovación destes espazos. Porén, algunhas destas actuacións entrañan maior complexidade ca outras e precisan dunha consignación orzamentaria máis elevada. De maneira que, en tanto non se tramitan os proxectos, a rexedora quere dar igualmente solución ás necesidades que, día a día, nos traslada a cidadanía como resposta ás súas demandas”, sinalou o edil.

“Todas as nosas políticas teñen o mesmo obxectivo: pular por incrementar a calidade de vida dos e das lucenses. E iso pasa tanto por deseñar o horizonte económico e transformar a cidade para que poida afrontar con recursos propios os retos de futuro que se aveciñan, como tamén por traballar de forma constante nos barrios, para que gañen en habitabilidade, dispoñan cada vez de maiores dotacións e servizos e estes sexan de boa calidade e iso, ás veces, acádase instalando novos bancos e papeleiras ou, como neste caso, amañando o pavimento”, destacou Miguel Fernández.

O concelleiro de Medio Ambiente explicou que as tarefas executadas neste enclave “consistiron na reposición do firme, mediante un reenchido de area co que se corrixiron os desniveis, especialmente naqueles puntos nos que presentaba un maior desgaste, redundando así na súa seguridade”.

Fernández lembrou que o 47’5% dos parques de Lugo teñen 15 anos ou máis e que unha porcentaxe destacable dos mesmos foi executada por promotores privados no desenvolvemento de unidades de actuación e, posteriormente, cedidos ao Concello para o seu mantemento sendo, na súa gran maioría, de baixa calidade o que obriga á Administración a acometer continuos labores de coidado e reposición.

O edil indicou que as principais incidencias detectadas gardan relación coas pintadas e coas roturas que se producen no valado perimetral e no firme, froito das inclemencias meteorolóxicas, o paso do tempo ou dos actos vandálicos.

“Todos estes datos, obtidos nun estudo recente, nos axudaron a deseñar unha planificación por fases e barrios para atallar as eivas derivadas do avellentamento destas infraestruturas e no que mesmo se contempla a creación de novas zonas de esparexemento co fin de garantir unha oferta de ocio axeitada pero non só para as crianzas, senón dirixida a todos os públicos”. Neste senso, Fernández aludiu ás obras materializadas nas áreas de Novo Freire e Augas Férreas, “nas que os recintos cumpren unha función moito máis integradora xa que grupos de todas as idades poden desfrutar de espazos propios pero tamén doutros compartidos que predispoñen á convivencia e á solicialización interxeracional”, abondou o responsable de Medio Ambiente.

En total, Lugo conta con 80 parques infantís e biosaudables distribuídos por toda a capital, dos que ao redor dun 20% foron rehabilitados ou construídos durante o mandato de Lara Méndez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com