Novas

Lixeiro aumento dos casos activos de Covid na provincia

Logo de varios días consecutivos descendendo os casos activos por coronavirus na área sanitaria de Lugo aumentan lixeiramente sumando dous casos máis, e facendo un total de 121.

O total de casos activos de coronavirus en Galicia é de 715 deles 179 son da área da Coruña, 121 da de Lugo, 117 da de Ourense, 61 da de Pontevedra, 132 da área de Vigo, 85 da de Santiago e 20 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 13 están en UCI, 38 en unidades de hospitalización e 661 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 179.085 persoas curadas, rexistrándose 2.639 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 2.847.033.

Tramitados 440 expedientes para instar aos propietarios de parcelas urbanas e rurais a mantelas limpas

O Goberno de Lara Méndez, a través da concellería de Medio Ambiente que dirixe o tenente de alcaldesa Miguel Fernández, leva iniciados 440 expedientes por acumulación de maleza en predios particulares, tanto urbanos como rurais, para instar aos seus propietarios a mantelos limpos.

Do conxunto das ordes de execución emitidas, 82 delas afectan a parcelas rurais e as demais se corresponden coa zona urbana, sendo as máis numerosas as que se notificaron en San Fiz (43), O Carme (27), Piringalla (23), Fontiñas (17), ou na Abella (16).

De todos eles, 146 soares xa foron debidamente acondicionados e no caso dos restantes atópanse nalgunha das fases da tramitación (notificación, comprobación, alegacións, etc) – segundo informou o concelleiro – que explicou que o procedemento se inicia coa comunicación á ou ao titular dos terreos en desleixo e continúa co trámite de audiencia polo prazo de 15 días, “ben para que formulen as alegacións que estimen oportunas e presenten os documentos e xustificacións que consideren pertinentes, ben para que executen as actuacións sinaladas para o que disporán doutros 15 días”, engadiu.

A Xunta recibe ata 67 solicitudes de axudas para rehabilitar vivendas na ARI da Ribeira Sacra

A Xunta de Galicia recibiu este ano un total de 67 solicitudes de axudas para rehabilitar ou construír vivendas para uso residencial nalgún dos 25 concellos que conforman a Área de rehabilitación integral (ARI) da Ribeira Sacra, unha figura de carácter supramunicipal declarada en febreiro do ano pasado.

Durante unha visita a Pantón para coñecer os traballos executados nunha das vivendas que resultaron beneficiarias destas subvencións, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que, ata o momento, xa se concederon 24 axudas pero que o Instituto Galego da Vivenda e Solo aínda está a analizar parte das solicitudes recibidas, xa que o prazo de presentación rematou o pasado 30 de setembro.

Cómpre lembrar que é o segundo ano que a Xunta convoca esta liña de subvencións dirixida a particulares, comunidades, agrupacións de propietarios e administracións públicas con inmobles localizados dentro da ARI da Ribeira Sacra para realizar traballos de mantemento e rehabilitación,tanto no exterior como no interior. Entre as actuacións subvencionables tamén se inclúen as obras de demolición de vivendas unifamiliares e edificios co fin de promover outras de nova construción.

O importe máximo das axudas ás que poden aspirar os solicitantes é de 25.000 euros, unha contía prevista para aqueles casos nos que as obras se adapten ás recomendacións da Guía de cor e materiais.

No caso da vivenda que visitou hoxe a conselleira, os propietarios recibiron unha subvención de 22.200 euros coa que sufragar as melloras executadas en materia de eficiencia enerxética, intervindo sobre a fachada e a cuberta, pero tamén no seu interior.

Co seu apoio económico a actuacións de rehabilitación como esta, subliñou, a Xunta promove a recuperación do patrimonio xa construído e, á vez, pon en valor o potencial das vilas e aldeas da Ribeira Sacra como lugares atractivos para vivir, un recoñecemento avalado tamén pola Unesco coa súa declaración oficial, o pasado 15 de setembro, como sétima reserva da biosfera de Galicia.

Lara Méndez enxalza a traxectoria de Marisol Bravos, pregoeira do San Froilán, na loita pola igualdade de dereitos sociais

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu esta tarde na Casa Consistorial á pregoeira das Festas de San Froilán 2021, Marisol Bravos.

Nunha breve cerimonia, que antecedeu á lectura do pregón co que arrancan as celebracións patronais, a rexedora entregou a Marisol Bravos unha “parella lendo” de Cerámica Sargadelos como agasallo institucional en agradecemento á súa intervención.

Durante o acto, Méndez enxalzou a traxectoria vital de Marisol Bravos á que definiu como “unha muller valente, forte e combativa, tal e como demostra a súa propia biografía”.

“Cunha experiencia marcada polas dificultades que ela soubo converter en retos, e polos que traballou con perseveranza, Marisol foi, é unha auténtica defensora dos dereitos… Das persoas con diversidade funcional, das mulleres. Contra as discriminacións, as violencias e a brecha salarial. En prol da igualdade real de oportunidades, dunha sociedade xusta, considerada e consciente de que as diferenzas son, sobre todo, oportunidades”, continuou a alcaldesa.

“Marisol Bravos é, sen dúbida, unha loitadora nata, exemplo de superación, como muller, como persoa, que coa súa afouteza, coa súa calidade persoal e profesional, leva 66 anos facendo deste Lugo unha cidade mellor. Máis integradora e inclusiva, máis solidaria… dende un punto de vista físico – porque foi promotora da supresión de moitas barreiras arquitectónicas – pero tamén emocionais, culturais e sociais”.

“Foi quen de cambiar o noso futuro, contribuíndo a unha nova lexislación; de remover conciencias. As súas ferramentas: a palabra, a formación -como excelente mestra -, a constancia, a unión. Valores, salientou a rexedora lucense, nos que se vertebra a xustiza social, que hoxe deben ser cabeceira de todas e todos como individuos, como sociedade. Que a propia vida, as circunstancias actuais, esta pandemia, recoñecen hoxe, igual ca onte, como esenciais”.

Continúan a baixar os casos activos de Covid aínda que suben lixeiramente os hospitalizados

Un día máis continúa a baixar o número de casos activos por coronavirus na área sanitaria de Lugo. Segundo os datos facilitados polo Sergas son 24 casos menos que onte, o que fai que a provincia baixe dos 150 casos activos por covid. Aínda que suben lixeiramente os hospitalizados, 1 máis en planta, en total catro,  e 1 máis en UCi, en total dous

No total de Galicia o número de casos activos de coronavirus  é de 847 deles 196 son da área da Coruña, 145 da de Lugo, 144 da de Ourense, 65 da de Pontevedra, 167 da área de Vigo, 106 da de Santiago e 24 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 12 están en UCI, 38 en unidades de hospitalización e 797 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 178.867 persoas curadas, rexistrándose 2.638 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 2.840.408.

O Concello activa un plan de tráfico con motivo do San Froilán

O Concello de Lugo activará un plan de tráfico para a celebración do San Froilán co obxecto de manter a seguridade da cidadanía e crear alternativas de tráfico ás rúas que se pecharán durante as festas con motivo do Feiral,  que se desenvolverá desde o día 4 ata o 12 deste mes de outubro.

O feiral celebrarase, como ven sendo tradicional, nas vías inmediatas ao Parque Rosalía de Castro (lugar de localización do recinto feiral). Ademais, a Horta do Seminario acollerá os distintos concertos, o patio do Edificio Administrativo do concello destinarase para actividades e espectáculos e o cantiño Nemesio Cobreros e a explanada contigua á rúa Soto Freire estarán dedicadas a diferentes exposicións.

As vías incluídas dentro do recinto feiral serán a explanada do Pazo Municipal dos Deportes, costas do Parque, paseo Vila de Foz, Avenida García Portela, Praza de Avilés e Avenida Rodríguez Mourelo. En canto o asentamento das caravanas das e dos feirantes realizarase igual que o ano 2019, nas rúas incluídas dentro das Unidades de Actuación Norte 1 e Norte 2 (inmediacións do centro comercial As Termas).

Este plan de tráfico consta de dous procedementos, e aplicarase dende onte ata as 08:00 horas do xoves día 14 de outubro.

A Ronda da Muralla, o tramo comprendido entre Porta de Santiago e Rúa Vilalba quedará aberto esta tarde a partires das 19.00h.

Procedemento A:

Será o que se manteña mentres permaneza pechado o recinto feiral e se permita a circulación pola Ronda da Muralla, Rúa Vilalba, Avenida de Ramón Ferreiro. Durante este procedemento, as vías incluídas dentro do recinto feiral cortaranse ao tráfico os días que permaneza en funcionamento este, e irá en función da afluencia de persoas. A hora de referencia as 18:00 horas.

 Procedemento B:

Este dispositivo aplicarase se é necesario cortar a ronda da Muralla á altura da rúa Santiago. Aplicarase aos días festivos, ás fins de semana e as tarde do venres 8 de outubro e vésperas de festivo, coincidindo cunha maior afluencia de público. En principio estará vixente dende o as 18:00 h do luns, 4 de outubro ata a 01:00 h do mércores, 6 de outubro, así como dende as 18:00 h do venres, 8 de outubro ata a 01:00 h do luns, 11 de outubro. Finalmente, se voltará a activar dende as 18:00 h do luns 11 de outubro ata a 01:00 h do mércores, 13 de outubro. En todo caso, os horarios ou datas deste procedemento poderán ser modificados tendo en conta a afluencia de persoas ao recinto feiral.

As vías afectadas pola instalación de atraccións de feira, cando se poña en marcha algún dos dous procedementos soamente poderán ser empregadas por vehículos que teñan xustificada e acreditada a necesidade de circular por elas, sendo potestade da Policía Local a verificación destes extremos.

 Ordenación das distintas rúas afectadas e que sofren variación pola montaxe e funcionamento do recinto feiral.

 Avenida Rodríguez Mourelo:

A calzada situada na marxe da Audiencia Provincial permanece invariable encanto ao sentido de circulación. Prohibirase o estacionamento en ambas as dúas marxes dende as 00:00 horas do venres 1 de outubro. A calzada da marxe dos institutos cortarase totalmente ao tráfico rodado para a instalación dos carruseis.

Praza de Avilés:

Cortarase parcialmente ao tráfico e permitirase o paso dos vehículos cara a Avenida Doctor García Portela e a Rúa Armando Durán.

Avenida Doutor García Portela:

A calzada adxacente ao Parque Rosalía de Castro cortarase ao tráfico para a instalación das atraccións de feira. A do lado dos edificios habilitarase en dobre sentido de circulación para o acceso de residentes e servizos. Fronte ao número 15 habilitarase unha zona de carga e descarga en horario das 09:00 ás 13:00 horas, e das 16:00 ás 19:00 horas.

Rúa Puro Cora:

Nesta rúa que estará cortada ao tráfico, permitíndose só o paso de residentes a garaxes, habilitaranse no lado do Parque de Rosalía de forma provisional catro prazas para realizar operacións de carga e descarga, dúas prazas para os medios de comunicación, seis prazas para persoas con diversidade funcional, seis prazas para xulgados e outras seis prazas para as actividades programadas polo Concello.

Rúa Cidade de Viveiro.

Esta rúa será de dobre sentido de circulación dende Rúa Santiago permitindo soamente o acceso a residentes, ata Rúa Isaac Díaz Pardo, limitando o estacionamento na marxe dereita en todo este tramo.

Rúa Isaac Díaz Pardo.

Esta Rúa entre Rúa Cidade de Viveiro ata Rúa Avelino Pousa Antelo mudará o sentido de circulación para facilitar a saída de residentes tanto da Rúa Vilalba, Carril dos Loureiros e zonas de influencia pola Rúa Cidade de Viveiro.

Rúa Avelino Pousa Antelo.

Esta Rúa mudará de sentido de circulación para facilitar a saída de residentes tanto da Rúa Pascual Veiga como de Rúa Puro Cora.

Rúa Santiago:

Esta vía pasará a ser en todo momento de sentido único de baixada, no tramo comprendido entre a ronda da Muralla e a avenida da República Argentina. Así daráselle maior fluidez ao tráfico da Ronda da Muralla, que permitirá (procedemento A) ou non (procedemento B) o paso de vehículos no tramo que viña estando cortado entre a Porta de Santiago e a Rúa Vilalba en función da situación de funcionamento do Recinto Feiral.

Rúa Armando Durán:

Sinalizarase para que o acceso dos residentes se realice pola rúa Pintor Corredoira. O primeiro treito dende a praza de Avilés ata a rúa Xácobe III de Inglaterra estará reservado para o Xulgado, e a continuación prohibirase o estacionamento no resto da vía para facilitar a circulación en ambos os dous sentidos.

Rúa Alcalde Anxo López Pérez:

Esta vía se pechará ao tráfico rodado excepto para autobuses interurbanos dende Praza da Constitución e Rúa Cidade de Vigo. O resto de tráficos xerados dende a Praza da Constitución terá como opción prioritaria de saída a Rúa Cidade de Vigo que será de dobre sentido de circulación.

Rúa Cidade de Vigo:

Establécese en dobre sentido de circulación durante as festas para facilitar o acceso de vehículos con destino ao aparcadoiro da praza da Constitución, residentes con praza de garaxe, vehículos auto-taxi e carga-descarga da Estación de Autobuses. Para iso prohibirase o estacionamento do lado dos inmobles e seguirase permitindo en batería fronte ao muro da Estación de Autobuses.

Praza da Constitución:

Sufrirá cambios no seu ordenamento para facilitar a entrada e saída de vehículos despois dos cambios realizados na rúa Cidade de Vigo. Vías afectadas e medidas para adoptar durante a aplicación do procedemento B:

Ronda da Muralla:

Terá un corte de tráfico á altura da rúa Santiago. Desviarase todo o tráfico da Ronda pola Rúa Santiago a excepción dos residentes de Ronda da Muralla, Rúa Vilalba e Avenida Rodríguez Mourelo e permitirase o acceso de vehículos autorizados e de residentes das vías das inmediacións do Parque de Rosalía de Castro por Rúa Cidade de Viveiro.

Carril dos Loureiros:

Terá un cortada o acceso de tráfico rodado, soamente permitido a residentes. Tendo que derivarse o resto de usuarios por Rúa Isaac Díaz Pardo.

Avenida de Ramón Ferreiro:

A calzada que discorre fronte aos centros educativos habilitarase no sentido habitual. A oposta sufrirá corte do tráfico rodado á altura da súa confluencia coa Rúa Salvador de Madariaga.

Avenida de Ramón Ferreiro confluencia con Rúa Pintor Corredoira:

Prevese ter que cortar o tráfico que saia de Rúa Pintor Corredoira en dirección á Rúa Celso Emilio Ferreiro en momentos puntuais ou días concretos, desvíándoo cara á praza do Reí para dar fluidez á circulación nese punto.

Residentes e usuarios de zonas con mobilidade restrinxida:

As e os residentes e usuarios con praza de garaxe afectados polos cortes de tráfico, as e os condutores dos vehículos que utilizan as áreas de estacionamento interiores dos distintos centros escolares que se atopan no interior do recinto feiral e a súa área de influencia, quen realice operacións de carga e descarga, incluidas/os feirantes, poderán desenvolver a súa actividade sen prexuízo do pertinente control policial.

Zonas de carga e descarga sinalizadas do recinto feiral:

Avenida Doctor García Portela e Rúa Puro Cora.

Taxis:

Co motivo das festas patronais, o servizo de auto-taxi reforzará o servizo do numero de taxis dispoñibles, concretamente nas paradas da praza de Santo Domingo e praza da Constitución. Para dar un mellor servizo ás persoas usuarias do taxi, permitírase o acceso destes vehículos á zona acoutada do recinto feiral e á súa área de influencia, sempre que as condicións do tránsito peonil así o permitan.

Patio do edificio administrativo do Concello:

Dende as 08:00 h do xoves 30 de Setembro ata as 00:00 h do sábado 16 de outubro, prohibirase o estacionamento de vehículos no recinto debido á montaxe, desmontaxe e celebración das distintas actividades de San Froilán Miudo.

A Deputación adxudica equipamento do centro de maiores de Navia de Suarna por 186.000€

A Deputación de Lugo aprobou na Xunta de Goberno deste venres a adxudicación de 3 dos 5 lotes que conforman o contrato para dotar de equipamento ao Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna. En concreto, adxudicáronse por un total de 186.000€ os lotes correspondentes ao mobiliario xeral; equipos médicos, xogos e material pedagóxico e axudas técnicas; e pequenos electrodomésticos e material de limpeza.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, informou de que coa adxudicación destes tres lotes, quedan dous pendentes: o de lavandería, que está pendente de que a empresa proposta como adxudicataria presente a documentación necesaria; e o de cortinaxe, que se volverá a sacar a contratación tras quedar deserto. “A nosa previsión é abrir a residencia de Navia de Suarna a finais deste ano”, lembrou Porto.

Seguindo o modelo residencial da institución provincial, o de Navia de Suarna será un centro de pequeno tamaño que contará con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día. A día de hoxe a Deputación de Lugo ten en marcha centros en Trabada, Ribadeo, Pol, Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro e prevé abrir o de Meira nas vindeiras semanas.

O TSXG autoriza a Xunta a esixir o certificado COVID-19 para acceder aos locais que abran ata as catro da mañá

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou a Xunta a esixir a presentación do certificado COVID-19 para acceder aos locais de lecer nocturno que abran ata as catro da mañá e conten con capacidade de ocupación do 75 %, en interior, e do 100 %, en exterior. Os maxistrados indican no auto, notificado hoxe, que a medida está xustificada porque se aplicará en zonas en que aumenta o risco de transmisión do virus, pois se trata de “espazos pechados, onde se establecen contactos próximos e prolongados, con escasa renovación de aire, nalgúns casos, e realización de actividades nas cales é necesaria a retirada da máscara e de accións que ocasionan unha maior xeración de aerosois, como falar, en ocasións, cun ton de voz maior do normal ou cantar”.

Ademais, destacan que se trata de “espazos de socialización, que favorecen a relaxación da atención necesaria para manter as medidas individuais de prevención —uso de máscara e mantemento da distancia de seguridade—, ao que pode contribuír o consumo de alcol”. Por outra banda, indican que o plan elaborado pola Xunta para o lecer nocturno establece dous niveis, con diferentes requisitos, aos que se poden acoller os locais, de maneira que ningún establecemento se verá obrigado a pedir o certificado, pois só deberán requirilo aqueles “favorecidos por unha ampliación de capacidade e de horario”.

“Non se pode falar dun sacrificio desproporcionado cando a exhibición do certificado se esixe para o desenvolvemento dunha actividade de lecer onde a entrada ou o acceso ao establecemento é voluntaria para calquera persoa e onde a medida cumpre unha función que non só é a de evitar contaxios, senón tamén minimizar os riscos”, subliña a sección terceira da Sala do contencioso-administrativo do TSXG, á vez que recalca que a medida pretende “evitar ou limitar a  transmisión da infección, truncar a propagación da COVID-19 e interromper a cadea de  contaxios”. Así, lembra que é unha “evidencia científica” que a transmisión do virus entre os vacinados é “moito menor á dos non vacinados”. Os maxistrados, por tanto, entenden que a medida é idónea.

O TSXG tamén destaca que a presentación do certificado cumpre o requisito da temporalidade esixido polo Tribunal Supremo, pois entrará en vigor desde as 00:00 horas do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata ás 00:00 horas do 23 de outubro. En canto a limitación xeográfica, o feito de que a implantación da medida non se limite por territorios ou zonas xeográficas e se aplique a toda Galicia, non impide, segundo a Sala, considerar a medida “proporcionada, necesaria e idónea”. Así, subliña que toda a documentación achegada pola Xunta “pon de manifesto que a situación epidemiolóxica actual é diferente á de hai un mes”.

Os xuíces tamén se refiren ao “contexto estacional” en que nos atopamos, pois advirten que a tempada de inverno limitará o uso de terrazas e espazos ao aire libre. “As actividades nos locais deberán desenvolverse no seu interior, o que reforza a necesidade de arbitrar mecanismos de control de acceso de persoas nos establecementos que pretendan incrementan os niveis de ocupación e capacidade”.

O TSXG sinala na resolución que acolle o criterio do Tribunal Supremo, que considera que a exhibición de determinada documentación para o acceso ao interior dalgúns establecementos en que se produce unha gran afluencia de persoas resulta “adecuada e acorde coas esixencias derivadas de protección da saúde, porque se refire a locais onde a entrada é voluntaria e onde non se realizan actividades esenciais, ás que se teña obriga de acudir”.

Foz presenta alegacións ao parque eólico Borrasca

O Concello de Foz presentou hoxe, venres, alegacións ao parque eólico Borrasca, promovido pola industrial Greenalia e que afecta de forma moi significativa ao municipio. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, está satisfeito do traballo técnico que realizou a consultora contratada, Nergetia, e no que traballaron dous físicos e un enxeñeiro industrial especializados no sector eólico.

“Son algo máis de 70 páxinas nas que se revisa o anteproxecto do parque eólico e o estudo de impacto ambiental que presentou Greenalia. Os técnicos fixeron fincapé naquelas zonas de vivendas que podían verse máis afectadas, como as casas do Furco, no barrio da Hermida, e o barrio de Vilela, en San Martiño. Facendo un novo cálculo de ruídos puideron comprobar que dous aeroxeradores superarían o nivel de 45 decibelios permitidos en horario nocturno para unha zona de vivendas. Isto é moi importante, xa que estamos a falar de que non se respecta a lexislación actual e a presión sonora sería moi superior á legal”.

Nas alegacións tamén se consideraron impactos ao patrimonio natural de Foz e concretamente á Zona de Especial Protección de Aves Ría de Foz, que se podería ver especialmente afectada. “Non ten sentido constituír unha zona de protección ás aves e dispoñer un aeroxenerador próximo, nun espazo de tanta relevancia para o descanso das aves migratorias como é a Ría de Foz. Isto é incompatible e así se reflicte da documentación que aportan os técnicos”, engade o rexedor municipal.

Nas alegacións trátanse tamén outras cuestións, como as liñas de evacuación ou as infraestruturas asociadas ao parque. O alcalde de Foz afirma que é o segundo proxecto de gran calado ao que presenta alegacións o Concello, despois do referido ao espigón da praia do Altar. “Actuamos sempre da mesma maneira: informándonos, contactando con técnicos solventes para estudar a documentación e presentando alegacións en todos aqueles puntos que podan ser prexudiciais para as veciñas e veciños e o patrimonio do noso concello”.

23 artesáns e artesás galegas participan desde hoxe ata o 12 de outubro na Mostra Arte San Froilán

O deputado de Artesanía e Deseño vén de presentar na Praza Anxo Fernández Gómez de Lugo a vixésimo quinta Mostra Arte San Froilán organizada por Vicepresidencia, a través do CENTRAD. A feira de artesanía contará desde hoxe e ata o 12 de outubro coa participación de 23 artesás e artesáns de toda Galicia, presentes no acto de inauguración.

Ao abeiro das festas patronais de Lugo, despregaranse de novo os expositores na rúa como un activo cultural xa consolidado na cidade, “que adquire un valor especial nesta edición que vén marcada pola recuperación e reactivación da economía despois do parón a causa da pandemia”, afirmou o deputado Efrén Castro. Neste senso, convidou a “lucenses e visitantes a se achegar a esta praza para comprobar de primeira man a calidade da artesanía galega, nomeadamente a da provincia, con elementos únicos que visibilizan o importante labor dos oficios artesanais”.

Os profesionais participantes na mostra exporán pezas de creación e produción propia, con materias primas de noso como a madeira, ferro, coiro ou cerámica. Estará aberta ao público en horario de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas, con acceso de balde.

Máis de medio millar de artesáns xa pasaron pola Mostra Arte San Froilán nas súas 24 edicións, “poñendo en valor a cultura nas rúas mediante a artesanía, e dinamizando uns días especiais para os lucenses con propostas que recuperan e poñen en valor as nosas orixes e a evolución das técnicas empregadas”, subliñou Castro.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com