Novas

Dobre de positivos nunha xornada na que continúan os casos en descenso

A Covid 19 continúa a deixar positivos na nosa provincia, eso si, en moita menos medida, e cun descenso diario do número de casos activos. Tanto é así que no último informe do SERGAS, con datos recompilados ata as 6 da tarde de onte, contabilizanse un total de 226 infeccións activas, 15 menos anterior.

Dende logo boas novas con respecto ao avance da quinta vaga. Se ben é certo que houbo unha baixada significativa deste baremo a pasada semana que se alonga no tempo, tamén o é que os positivos detectados continúan estancados en torno á decena diaria malia o baixón do día de onte. Así, hoxe Lugo dobra o número de positivos detectados pasando dos 4 casos onte, aos 8 de hoxe.

Mantense tamén a presión asistencial nas cifras de onte. Un total de 9 persoas permanecen hoxe ingresadas nos diferentes centros hospitalarios da provincia, deles 2 están na UCI do HULA, a única que conta nestes intres con pacientes covid.

En plantas de hospitalización, hai un total de 7 pacientes con infección polo virus da Covid. No HULA, nas últimas horas, rexistráronse un total de 3 pacientes, en Monforte 3 e un está no Hospital da Mariña.

Dende o comezo da pandemia, o SERGAS notificou 249 falecementos na provincia. Con todo, non podemos deixar de celebrar as 19.410  persoas que xa superaron a enfermidade dende o inicio da pandemia.

O Concello de Mondoñedo concederá a Susana Rodríguez Gacio a distinción de filla adoptiva predilecta

A corporación municipal do Concello de Mondoñedo aprobou na sesión plenaria deste venres por unanimidade de tódalas forzas políticas iniciar o expediente para concederlle a Susana Rodríguez Gacio a distinción de filla adoptiva predilecta.

O alcalde, Manolo Otero, comunicoulle directamente á médica e deportista con raíces mindonienses o acordo adoptado polo pleno ante o que se amosou “moi contenta e ilusionada”, segundo explica o rexedor. Durante a conversa tamén lle trasladou o desexo do Concello de organizar un acto, unha vez rematado o procedemento administrativo, “coincidindo cunha data que se adapte ao seu calendario de compromisos e ocupacións”.

Susana Rodríguez Gacio vén de lograr a medalla de ouro en triatlón na clase PTVI e a quinta praza na proba de 1.500 metros da clase T11 nos Xogos Paralímpicos de Tokio; sendo, ademais, a primeira española en competir en dous deportes distintos. Tres veces campioa mundial de triatlón, rematou en setembro do 2020 a especialidade de Medicina Física e Rehabilitación no Centro Hospitalario de Santiago e a partir de entón dedicouse exclusivamente a preparar os Xogos de Tokio despois de obter Diploma Olímpico xa en Río.

Recentemente, foi protagonista da portada da revista Time que destacou tamén a faceta profesional da atleta con diversidade funcional como médica en recoñecemento ao seu traballo dende a primeira liña durante a pandemia.

O goberno municipal amósase satisfeito polo “apoio unánime” para o inicio do expediente para concederlle esta distinción a Susana Rodríguez Gacio. “Os nosos veciños séntense moi orgullosos das súas raíces. É un exemplo para todos”, engaden.

O Concello quere recoñecer, polo tanto, a Susana Rodríguez Gacio polos éxitos deportivos; pero, especialmente, polos valores que representa: “enerxía, esforzo, constancia e superación”. O goberno local sinala que “é unha figura de proxección internacional moi vinculada a Mondoñedo” porque “os seus pais e toda a súa familia son da parroquia de Argomoso e comparte con nós moitos momentos”. Recordan dende o consistorio que “foi pregoeira das San Lucas no ano 2016, despois de participar nos Xogos Paralímpicos e Río”.

Carballo lamenta o “desinterese” de PSOE e BNG por recuperar os plenos presenciais

O Grupo Popular presentará un rogo no próximo pleno para recuperar a presencialidad do pleno municipal así como das distintas comisións que se celebran no Concello de Lugo. Os populares queren que se recuperen as  sesións no salón de plenos tal e como está a suceder en todos os concellos das grandes cidades de Galicia remarcando como “mesmo, nalgún deles, utilizan desde o principio da pandemia a fórmula de sesións onde só asisten os concelleiros que interveñen para presentar e defender as súas proposicións”.

En Coruña: Pleno presencial asisten toda a corporación.

En Ferrol: Pleno semipresencial. Van a metade de concelleiras, os que interveñen no pleno, e os outros de maneira telemática.

En Ourense: Pleno presencial, celébrase no auditorio.

En Pontevedra: Pleno presencial. Ofrécese asistir de forma telemática

En Vigo: Pleno semipresencial. Só van ao salón de plenos os portavoces.

En Santiago: Pleno semipresencial só un concelleiro por cada grupo no salón de plenos.

Ramón Carballo conclúe que o salón de sesións ten unhas dimensións e características que cumpren as medidas sanitarias esixidas neste momento por Sanidade para acoller as sesións presenciais dos plenos.

Cs Lugo propón crear un programa para o retorno do talento

A portavoz municipal de Cs Lugo, Olga Louzao, anunciou esta mañá que o seu grupo municipal propoñerá no próximo pleno desenvolver un programa para o retorno de talento. O obxetivo de esta iniciativa é establecer canles que permitan facilitar o retorno de profesionais formados que estean a desenvolver a súa vida profesional fora de Galicia. “Atraer investimentos e emprendemento son piares fundamentais para dinamizar a actividade económica lucense, e, como consecuencia, crear riqueza e oportunidades de emprego. Pero non é menos importante, poñer en marcha estratexias efectivas para o retorno do talento lucense emigrado ao exterior, tanto da nosa comunidade como do noso país”, sinalou a concelleira da formación laranxa.

“Desde o noso grupo municipal apostamos pola posta en marcha dun Programa de Retorno, que conste, entre outros puntos, con liñas de axudas dirixidas ás empresas ou entidades que contraten a traballadores nados en Lugo, pero residindo fora; outras axudas para as persoas que regresen para iniciar unha nova iniciativa empresarial na nosa cidade, que contarán tanto no primeiro caso como no segundo, con axudas para a mudanza, o aluguer, desprazamento para facer o seu regreso máis doado. Todo isto dirixido a crear un entorno propicio para a xeración de novas empresas e tamén novas oportunidades de emprego, aproveitando os coñecementos e experiencia da poboación lucense residente no exterior”, informou.

“Cremos que é necesario poñer en marcha estratexias efectivas que favorezan o retorno do talento emigrado. Son moitas as familias lucenses que contan con algún dos seus membros fóra da nosa cidade, sobre todo mozos e mozas con alta formación que non conseguiron atopar un traballo acorde a súa cualificación, e que tiveron dentro e tamén fora das nosas fronteiras, as oportunidades para iniciar carreiras profesionais e tamén empresariais en sectores de alto valor engadido ou en importantes proxectos de investigación”, sinalou Louzao, quen afea a actitude do PSOE por votar en contra das iniciativas de Cs para meses depois poñelas en marcha.

Comezan os traballos de acondicionamento e mellora dunha estrada municipal no núcleo de Seivane, en Tirimol

O tenente de alcaldesa responsable da área de Medio Rural, Miguel Fernández, supervisou este luns o inicio dos traballos de acondicionamento dunha estrada municipal na parroquia de Tirimol, no núcleo de Seivane, concretamente a que discorre xunto á Igrexa.

Estas tarefas consisten na reposición do firme con aglomerado en quente, a limpeza de cunetas para facilitar a circulación das augas e a adaptación dos rexistros existentes á nova rasante do camiño.

A maiores destas obras, tamén se melloraron dúas estradas municipais en Pías, que parten da intersección da Estrada Provincial  LU-P-3907 e discorren polos núcleos de Fafián e O Corral de Abaixo. Esta mesma semana realizaranse obras noutra situada no núcleo de As Tabernas, en Piugos.

“Todas estas obras, que contan cun orzamento de 72.794,49 euros, achegados a través das baixas obtidas nas licitacións das actuacións realizadas co cargo ao Plan Único do ano 2020, realízanse para mellorar a seguridade viaria e dar resposta así ás peticións que realizou a veciñanza destas parroquias” salientou Miguel Fernández, quen deixou manifesto o compromiso do Goberno de Lara Méndez coa veciñanza do rural.

“Un compromiso que concretamos non só na atención ás demandas que nos fai á cidadanía, senón tamén na procura de que, pouco a pouco, as parroquias e a cidade se equiparen en canto a dotacións e servizos públicos”, concluíu o tenente de alcaldesa.

A Reserva dos Ancares, primeiro premio na Copa de España Creativa 2020

A Deputación de Lugo alzouse coa Copa España Creativa 2020 nun evento celebrado na noite de onte, sábado, en Orihuela, o VII Foro de Ciudades y Territorios Creativos de España. O xurado seleccionou o proxecto da institución provincial para recuperar, conservar e poñer en valor os soutos da Reserva dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá de entre a vintena de candidaturas que concorreron como finalistas a este certame de ámbito nacional, no que participan autonomías, concellos, deputacións, colectivos profesionais, universidades ou asociacións sen ánimo de lucro de todo o país con proxectos innovadores para o desenvolvemento sostible do territorio.

A institución provincial xa gañou na primeira fase do concurso, a votación popular, onde recibiu preto do 40% dos votos, moi por diante do segundo clasificado. Esta posición de liderado foi ratificada onte polo xurado experto, despois da defensa do proxecto que realizou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto ao xefe do servizo provincial de Medio Ambiente, Luis Fernández Reija.

O xurado estivo presidido por Darío Villanueva, académico e exdirector da Real Academia Española (RAE), catedrático de Literatura Española e ex reitor da Universidade de Santiago de Compostela, e do mesmo formaron parte persoeiros como Luis García Montero, director xeral do Instituto Cervantes, catedrático de Literatura Española, e poeta, narrador e ensaísta; Rafael Monzó, presidente do centro UNESCO Valencia Mediterráneo; ou Juan José Ruíz, reitor da Universidade Miguel Hernández. No evento de Orihuela tamén estiveron presentes figuras como a escritora Espido Freire.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, expresou este domingo a súa “enorme satisfacción” polo premio, que supón “un importante recoñecemento ás políticas e á estratexia que promovemos para apoiar ao rural e ao sector primario, e para favorecer deste xeito o desenvolvemento social e económico sostible do territorio, xerar riqueza e emprego, ordenar o territorio e fixar poboación”.

Agora, a Deputación, como gañadora da Copa España Creativa, será a encargada de organizar o vindeiro ano este evento, que reunirá a colectivos e institucións de toda España. “Sen dúbida, ser a sede deste certame no 2022 contribuirá de maneira moi importante á promoción de Lugo a nivel nacional e mesmo internacional, da nosa riqueza patrimonial, medioambiental, cultural ou gastronómica, o que terá un impacto positivo na actividade do turismo e da hostalería durante a celebración do congreso e tamén a medio e longo prazo”, destacou o Presidente.

A Xunta colaborará con programas de entidades sociais para axudar a mulleres vulnerables e loitar contra a violencia de xénero

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para que entidades sociais axuden a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e desenvolvan programas de liderado feminino e loita contra a violencia de xénero. Para elo, a Xunta dispórá inicialmente de cerca de 450.000 euros procedentes do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) correspondente á comunidade. A contía a percibir por cada organización beneficiaria irá dos 5.000 euros aos 75.000.

A Xunta fixa como requisito necesario que os programas que reciban achega estean dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade: vítimas da violencia de xénero ou de outras violencias, mulleres en situación de explotación sexual-laboral ou de trata de persoas, inmigrantes, refuxiadas, reclusas, mulleres de minorías étnicas, etc.

Entre outros programas, poderán recibir axudas as accións de aloxamento, acollemento, atención e asesoramento. A Xunta desexa tamén contribuír con iniciativas que faciliten formación e información para o reforzo do liderado da muller ou coas propostas de conciliación e de apoio e tratamento integral de vítimas da violencia de xénero, así como con iniciativas que incidan na seguridade destas persoas e as súas familias e de tratamento integral da súa saúde.

As entidades que resulten beneficiarias recibirán os cartos mediante anticipos este 2021, aínda que o período para desenvolver os seus programas irá do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2022.

A convocatoria está financiada con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF dos orzamentos do Estado que corresponden á comunidade galega. Ao igual que en anteriores ocasións, prevese a súa ampliación desde os 443.397 euros aos 755.617 o que suporía o maior importe destinado a estas axudas ata o momento.

Nos últimos tres anos (2018, 2019 e 2020) a Xunta destinou máis de 1,6 millóns de euros no marco desta convocatoria a financiar un total de 87 programas de interese xeral das entidades. O ano pasado, os cartos chegaron a 31 iniciativas que recibiron ata 56.000 euros, con especial presenza das propostas de capacitación laboral e participación activa de mulleres no ámbito rural, programas de saúde e centrados na discapacidade, na prevención da violencia de xénero e da trata.

Concerto do saxofonista cubano Ariel Brínguez esta tarde na sala Tebras

Este domingo ás 20:30h terá lugar na sala Tebras de Lugo o concerto do artista cubano Ariel Brínguez que será o encargado de por o broche de ouro ao Festival Semana Santjazz que se celebra esta fin de semana en Lugo.

Ariel Brínguez, saxofonista, profesor, compositor e arranxista, graduado na Universidade das Artes da Habana (Cuba), misturará os ritmos antillanos coa tradición afrocubana, no seu novo traballo Nostalgia Cubana que presenta esta tarde de domingo na sala Tebras de Lugo dentro do Festival Semana Santjazz que se está a celebrar esta fin de semana en Caldiae Factoria Cultural.

Baldo Martínez Triskel Trio foron os encargados de abrir o festival cunha grande actuación o pasado vernes 24 de setembro. Onte sábado, dende o restaurante Vexetarian, o público puido degustar a exquisita comida vexetariana e gozar do directo dos lucenses Foolmakers. Para logo deleitarse coa magnifica actuación de Nani García Trío na sala Tebras.

 

Só tres novos contaxios por Covid  na provincia de Lugo

Unha nova baixada nos casos activos por Coronaviru na área de Lugo, sutúa a cifra en 241, 27 menos  ca onte. Os novos contaxios  foron tres.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 1.310 deles 312 son da área da Coruña,  198 da de Ourense, 92 da de Pontevedra, 261 da área de Vigo, 175 da de Santiago e 31 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 17 están en UCI, 41 en unidades de hospitalización e 1.252 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 178.203 persoas curadas, rexistrándose 2.629 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.825.746, onúmero de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 4.359.203.

Seguen a baixar os casos activos e os contaxios en Lugo

A área sanitaria de Lugo segue rexistrando  baixadas diarias, tanto de nos casos activos por Covid-19, así como polos novos casos detectados. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 1.443 deles 340 son da área da Coruña, 268 da de Lugo, 201 da de Ourense, 101 da de Pontevedra, 287 da área de Vigo, 208 da de Santiago e 38 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 18 están en UCI, 41 en unidades de hospitalización e 1.384 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 178.040 persoas curadas, rexistrándose 2.628 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.823.400 e o número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 4.352.730.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com