Novas

Judo Club Lugokan colleita 5 metais no Campionato Galego Escolar

O pasado sábado, 18 de setembro, disputouse o Campionato Galego en idade escolar no Polideportivo Municipal de Lugo. O Judo Club Lugokan presentaba a 11 deportistas dos 13 que tiña rexistrados, tras as baixas de última hora por lesión de Manuel Villaravid e Marian Alexandru Neblea.

En categoría sub15, presentamos un novo pero duro equipo, obtendo Lida Trabado a prata en 44 Kg; Laura Montaña a prata e Clara López o bronce en 48 Kg; Luna López o bronce en 57 Kg; e Samuel Miñambres o bronce en 60 Kg. Tamén participaron sen coarse en posicións de podio Eduardo Vila e César Castedo en 66 Kg, e Diego Pagán e Enrique Rodríguez en +66 Kg.
Pola súa banda, en categoría sub18 participaron Aarón Pérez en 66 Kg e Alejandra Orozco en 70 Kg, obtendo esta última un meritorio 5º lugar nunha dura categoría.

Cabe destacar que para a realización da competición realizáronse test de Covid-19 a todos os participantes e adestradores, e cumpríronse todas as medidas de prevención decretadas polas autoridades sanitarias, como a ausencia de público nas bancadas.
Desde o club lucense valóranse moi positivamente estes resultados, xa que foi a primeira competición oficial para estas categorías desde o inicio da pandemia e a primeira competición na categoría para moitos dos seus deportistas. A próxima cita para o equipo lucense será o próximo 9 de Outubro na Copa de España de Vigo, de onde sairá o equipo que representará a Galicia no Campionato de España en Madrid a principios de Decembro.

Zahara repetirá directo na Sala Tebras o vindeiro mes de febreiro

A Xira Vibra Mahou de Zahara está de volta e pasará finalmente por un total de 16 cidades españolas, entre elas Lugo, que se suma agora á lista de paradas confirmadas, entre as que figuraban xa Vigo e Santiago. A plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas, que xera encontros en torno ao directo, acompañará ao longo deste ano e de 2022 á artista nun circuíto que arrincou con dous concertos na Riviera de Madrid o pasado mes de xuño e que chegará a Galicia en novembro.

O circuíto, que incorpora cinco paradas máis ás xa comunicadas, suma un directo na sala Tebras de Lugo o 11 de febreiro de 2022.

A xira presenta ‘Puta’, o último álbum da cantante, e falo coa incorporación de cinco novas cidades e anunciando novas datas. Ás paradas xa comunicadas incorpóranse, ademais de Lugo, Santander, Murcia, Elxe e dous concertos en Valencia. O circuíto percorrerá ao longo dos últimos meses de 2021 e inicios de 2022 diferentes localidades españolas e galegas para achegar o directo de Zahara, que está a cultivar unha abafadora acollida entre a crítica e os amantes da música.

Zahara, un dos principais referentes femininos da música no noso país, incorpórase así á historia da Xira Vibra Mahou, todo un clásico para a marca, que vai evolucionando coa actualidade musical e que noutras ocasións apoiou o directo de artistas de primeira liña como Los Secretps, Leiva, Loquillo, MClan, Iván Ferreiro, Sidecars ou Miss Caffeina.

A cantante conta cun vínculo histórico con Mahou grazas a experiencias musicais como Cómplices de Vibra Mahou, ciclo no que é a única artista que participou en todas as súas edicións.

O PP cre que o BNG non quere as barracas porque a obra inacabada da Ronda da Muralla colapsaría o tráfico

Os populares lamentan a “comedia que están interpretando o PSOE e o BNG de Lugo e se preguntan como é posible que “a decisión de que non haxa barracas a argumenten como unha proposta de goberno e logo o PSOE pida ao seu socio o BNG alternativas para os feirantes”.

Ramón Carballo cre que un dos motivos polos que os nacionalistas non queren montar as barracas é “o fracaso do plan de tráfico que hai no entorno do Parque de Rosalía polas obras da Ronda da Muralla”. Rubén Arroxo comprometeuse a ter lista esta actuación ao inicio do curso escolar e “non cumpriu o prometido” co que sería imposible montar as atraccións xa que non terían por onde canalizar o tráfico rodado.

Para os populares a estratexia da táctica da avestruz que utiliza a alcaldesa é impropia do seu cargo xa que “o de escudarse en que é un área do seu socio de goberno resulta unha irresponsabilidade xa que estamos a falar de persoas que precisan traballar para manter as súas familias”.

O PP mantén “o seu apoio aos empresarios e feirantes que reclaman traballar en Lugo como tamén apoian a todos os lucenses aos que o concello cobrou de máis nos últimos meses os recibos de auga así como aos veciños de Magoi que reclaman a apertura do novo auditorio ou calquera outra cuestión que sexa útil ou que redunde na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas de Lugo: “nós somos coherentes e non estamos sometidos, nin tutelados por ninguén”.

Ramón Carballo di que a “organización das Patronais deste ano é unha cascada de despropósitos” o último o sorpresivo cambio do pregoeiro “hoxe coñecemos polos medios de comunicación a nova proposta” o que pon en evidencia “que nin son capaces de cumprir co que anuncian”.

O voceiro popular aludía deste xeito a nova pregoeira que se vén de coñecer indicando como na acta da última Comisión de Festas a proposta do goberno foi doutra persoa sen que se admitisen os nomes que o PP puxo sobre a mesa. Esta manobra avala o que vimos denunciado sobre a “participación ficticia que se ofrece e que a alcaldesa permite”.

Lugo convértese na capital do Jazz esta fin de semana grazas a Caldiae Factoría Cultural

O espazo cultural Caldiae acollerá esta fin de semana o primeiro Festival Músicas Diversas Semana SantJazz. Así, entre este venres 24 e o domingo 26, Lugo converterase na capital do Jazz un programa que transcorrerá íntegramente no espazo Caldiae.

Foolmakers, Baldo Martínez e Nani García serán os encargados de encher de música venres e sábado os diversos espazos da Factoría cultural ata que chegue o gran concerto do domingo a cargo do gañador de dous Grammys, Ariel Bringuez, que estará acompañado do seu grupo Nostalgia Cubana.

Ademáis a programación dará comezo o venres co coloquio O jazz do século XXI: tradición en transición a cargo do crítico musical Mario Benso no Auditorio Caldiae a partires das 20.30 horas, con entrada gratuita pero aforo limitado. Ese mesmo día, Mario Benso compartirá cos asistentes unha cea coloquio, ás 22 horas, no Vexetarian Restaurante.

Baldo Martínez Triskel Trio serán os encargados de poñer o broche de ouro á primeira xornada da Semana SantJazz.

O sábado abrirá as portas a este festival o Vexetarian, onde a exquisita comida estará acompañada do concerto dos lugueses Foolmakers, a partir da 22h. Para finalizar a xornada,  Nani García Trío serán os encargados de encher de jazz a Sala Tebras desde as 00.30 horas.

Por último, o domingo será o turno do cubano Ariel Bringuez que trae a Lugo o seu Nostalgia Cubana. O saxofonista, profesor, compositor e arranxista, graduado na Universidade das Artes da Habana (Cuba), misturará os ritmos antillanos coa tradición afrocubana.

A Xunta reitera que o protocolo si permite a instalación de barracas no San Froilán

A Xunta de Galicia reitera que o actual protocolo si permite a instalación de atraccións de feira nos concellos en nivel medio ou baixo, como é o caso de Lugo, sempre que se dean certas medidas de seguridade, ao igual que se fixo noutras cidades galegas.

Así o explicou o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, quen sinalou que “O protocolo da Xunta deixa marxe para a actividade dos feirantes, como se ten demostrado este mesmo verán noutras cidades galegas, como poden ser Ferrol, Ribeira ou localidades mais pequenas como Sada, todas na provincia da Coruña, concellos que si traballaron para buscar solucións, e nos que houbo vontade política para facelo”.

Se ben, insistiu en que permitir a súa instalación “esixe da posta en marcha de medidas que garantan a seguridade e tamén a implicación do Concello, que é a autoridade que debe verificar, por exemplo, a capacidade nos espazos comúns”.

Cs aposta por abrir a xestión dos fondos para a reconstrución aos axentes sociais

O concelleiro de Cs Lugo Juan Vidal-Pardo informou esta mañá que o seu grupo propoñerá no próximo pleno crear unha Mesa de Avaliación Local dos proxectos municipais que vaian ser xestionados polo Concello a través dos denominados Fondos europeos para a reconstrución. Vidal-Pardo ve necesario tamén realizar un seguimento da implantación e unha avaliación do impacto para asegurar a rendibilidade social e económica das futuras iniciativas.

“Esta importantísima inxección económica destinada a mitigar o impacto económico e social da pandemia sen dúbida constitúe unha oportunidade histórica para a nosa cidade. Con todo non significa un cheque en branco para gastar sen control por parte dos diferentes niveis institucionais”, asegurou.

Vidal-Pardo explicou que a única forma de asegurar de forma efectiva este diñeiro reverta na sociedade é establecer un procedemento regrado para a súa adxudicación no que participen os principais axentes sociais. “Debido á cantidade de fondos que debemos absorber, é máis importante que nunca facelo de forma racional e desde a máis estrita obxectividade, sen que os intereses políticos ou partidistas sexan os criterios prioritarios. Por iso, é necesaria a creación dunha Mesa de Avaliación Local, para asegurar a eficiencia dos proxectos e que ver por unha execución transparente, equilibrada e despolitizada dos recursos procedentes da Unión Europea e que sexan xestionados polo noso municipio”, asegurou.

Ferramenta de prevención contra o malgasto
“Por iso, deberían formar parte da Mesa aqueles membros do goberno municipal con responsabilidades na xestión dos fondos europeos, así como representantes dos distintos grupos municipais da oposición, acompañados por profesionais destacados da sociedade civil, os axentes sociais e empresariais do municipio, co obxectivo de buscar o máximo consenso, unha participación activa e vinculante que asegurarán a sustentabilidade no tempo destes proxectos e plans de investimento, mellorando os sistemas de control co máximo compromiso coa negociación e a saúde democrática”, dixo. “A constitución desta mesa é unha ferramenta de prevención contra o malgasto que estamos a ver en Lugo con fondos de procedencia europea como a nefasta xestión dos DUSI. Temos que conseguir que o que está a pasar agora non se repita no futuro, goberne quen goberne”, concluíu.

Os grandes dramas da Europa do século XXI protagonizan a semana en Codex

Preparativos para estar xuntos por un período de tempo descoñecido de Lili Horvát e Non odiarás de Mauro Mancini mostran un continente unido por devastadores dramas existenciais, a pegada do pasado e o medo ao futuro.

A pesar do seu longo título Preparativos para estar xuntos por un período de tempo descoñecido é un filme minimalista e conciso sobre unha muller que deixa un futuro brillante no campo da cirurxía por amor. Entón viaxa a Budapest triste e melancólico onde os seus soños entran en conflito cos seus medos.

Unha película tan fermosa como meditativa marcada polo rostro da súa actriz principal Natasa Stork. Este filme húngaro sorprendeu na última edición da Seminci de Valladolid, un dos festivais máis importantes de España, onde conseguiu a Espiga de Ouro a mellor película. Un galardón moi importante que no pasado levaron directores tan recoñecidos como Ingmar Bergman, Robert Bresson, François Truffaut ou Luchino Visconti.

O filme de Lili Horvát inscríbese nunha gran tradición de filmes sobre os dramas contemporáneos dos homes e mulleres comúns, a dificultade da vida nas cidades e as esperanzas rotas dunha xeración que confiou no soño europeo.

Curiosamente, o protagonista de Non odiarás tamén e cirurxián e tamén leva unha vida sen obxectivos e esperanzas máis alá da materialismo superficial. Marcado pola historia do seu recentemente finado pai, que sobreviviu aos campos de concentración nazis, ten que facer fronte a un xigantesco dilema moral: decidir se salvar a vida a un rapaz neonazi que sufriu un accidente. A reflexión sobre o pasado e a súa influencia subterránea nos nosos días marca esta película tan emocionante como desencantada que conta cunha gran actuación do actor italiano Alessandro Gassmann.

A película presentouse na Semana da Crítica do Festival de Venecia, onde levou o premio a mellor interpretación masculina.

As dúas películas inciden na aposta de Codex Cinema polo mellor cinema de autor europeo, o máis premiado nos festivais internacionais, achegando aos lucenses as novidades máis recentes dos circuítos alternativos. Estas dúas películas, de cinematografías tan tradicionais como a húngara e a italiana confirman a liña de programación dos cines dentro do programa de Europa Cinemas.

“Queremos traballar!”: os feirantes toman o Concello

O Concello de Lugo celebraba hoxe unha nova reunión da Comisión de Festas para continuar coa programación do San Froilán que debería arrancar nuns 15  días.

A poucos minutos do comezo da Comisión, e logo de que o Partido Popular anunciara a súa ausencia na reunión, medio centenar de barraquistas e feirantes manifestábanse ás portas da Casa Consistorial esixindo que o Goberno local lles permita montar os seus postos no San Froilán.

Ante pitos e berridos, a edil titular da área de cultura presentouse ás portas do Concello, diante dos manifestantes para explicarlles as limitacións impostas pola Xunta de Galicia e que, segundo dixo a concelleira, non lles permitía montar barracas.

Cando a edil se dispoñía a entrar no Concello xunto ao seu equipo, os manifestantes empuxaron as portas do Consistorio onde se meteron para continuar coa súa protesta. Alí, entre berros de “Queremos traballar!”, aplausos e pitos, impediron a celebración da Comisión de Festas na que se ía dar o visto e prace á celebración dun San Froilán sen barracas.

Finalmente, 4 patrullas da Policía Local e outras catro da Nacional tiveron que facer acto de presencia no Concello lucense para desaloxar a feirantes e barraquistas, que baseaban as súas protestas no bo funcionamento dos seus postos noutras festas galegas como as de Lalín.

Continúa a baixada de casos Covid na provincia

Lugo continúa mellorando as súas cifras relativas á Covid, consolidando así o fin da quinta vaga. Así, nos últimos datos recollidos polo SERGAS, a provincia rexistra un total de 418 casos activos, 14 menos que na xornada anterior.

Segundo o último informe do SERGAS, con datos recabados ata as 6 da tarde de onte, Lugo sumou 16 casos novos, detectados nalgunhas das probas diagnósticas dispoñibles. Moi na liña da xornada anterior.

No tocante á presión asistencial, logo da suba rexistrada o sábado, Lugo recupera as cifras da semana pasada, con 16 ingresados en planta, e 4 na UCI. Por hospitais, o HULA suma 6 pacientes covid en unidades convencionais, mentres que o Hospital da Costa conta cun paciente e o de Monforte rexistra 9 ingresados covid nas últimas horas.

Vilalba Aberta presenta as súas liñas de actuación para o novo curso político no Concello

Os concelleiros de Vilalba Aberta, Modesto Renda e Mª Xosé Fernández, avanzaron este luns as liñas de traballo que levarán adiante no comezo do novo curso político. Así, acompañados por varios membros da formación municipalista, os edís explicaron polo miúdo os eixos de actuación a través dos que pretenden contribuír, dende o exercicio dunha oposición “seria, rigorosa e en positivo”, a “dar solución aos problemas da veciñanza” e “desbloquear os temas pendentes da lexislatura”.

“O traballo de Vilalba Aberta no Concello é sinónimo de responsabilidade, fiscalización e consensos en beneficio da veciñanza”, apuntou un Modesto Renda, que definiu o acordo programático ao que a súa formación chegou no pasado mes de Agosto co PSOE como “o máis claro exemplo” de que a estabilidade e o desbloqueo da parálise municipal “só vira da presenza de Vilalba Aberta na mesa de negociacións”.

“Grazas ao acordo que arrincamos do PSOE, desbloqueáronse as axudas a autónomos e deuse luz verde a un investimento nas parroquias de preto de 800.000€. Agora toca sacar adiante uns orzamentos e o goberno sabe que a nosa man está tendida”, apuntou.

“Non podemos entender que o PSOE siga gobernando por decreto co presuposto do PP e non pode haber descanso para Vilalba Aberta namentres as necesidades das parroquias, dos autónomos e das familias traballadoras non estean blindadas nunhas novas contas municipais”, declarou a este respecto Renda.

A formación municipalista ofreceulle ao PSOE pactar as de 2020 e as de 2021. É por isto que seguirán traballando dende o mesmo comezo deste novo curso político, a fin de que o Concello de Vilalba deixe de ser o único da Provincia sen presuposto dende 2019. “Que Vilalba siga a ser unha negativa excepción en materia de contratación e réxime interno, en base á incapacidade do goberno para sacar adiante a R.P.T (Relación de Postos de Traballo) é unha cuestión central para o noso Grupo Municipal”, explicou Renda. O voceiro, que definiu a problemática como “a base da lentitude e a improvisación coa que o goberno xestiona as diferentes áreas”, avanzou que volverán interpelar á edil delegada en materia de persoal, Marta Rouco, co fin de que dea conta da inexplicable parálise, toda vez que o “convenio colectivo xa quedou aprobado na anterior lexislatura”.

Igualmente críticos son dende a formación municipalista, co feito de que un servizo público “fundamental para a veciñanza de vila e parroquias”, como é o de recollida de lixo e limpeza viaria sume practicamente un ano fóra de contrato. Renda, que tachou de “irresponsable e alegal” a actual prestación do servizo pola aplicación da doutrina “da vía de feito”, sen prórroga nin licitación, urxirá á Alcaldesa a facer público o estado do proceso de renovación dunha contrata, que “non contempla prórroga e que calquera goberno responsable e previsor tería xa hai meses listo en tempo e forma”, censurou.

Así mesmo, Vilalba Aberta seguirá a traballar da procura dunha solución para as traballadoras do servizo de limpeza nos colexios e instalacións. Unha problemática que, tal e como recordou Mª Xosé Fernández, foi denunciada diante do goberno polas mesmas traballadoras e por Vilalba Aberta en decembro do pasado ano.

O compromiso coa ampliación do chan industrial, en base ao interese de varias empresas por asentarse no Concello e ao afán por conseguir que outras dean ese paso, representou o primeiro punto do Programa Electoral co que Vilalba Aberta concorreu ás Eleccións Municipais do pasado 26 de Maio.

Noutro senso, tanto na anualidade 2020 como na de 2021, Vilalba Aberta ofreceulle ao PSOE pactar que os arredor de 200.000€ do Fondo de Compensación Ambiental – que financia o Canon Eólico – reverteran directamente nas parroquias. Lamentablemente, e do mesmo xeito que acontecía nas lexislaturas do PP, o seu destino segue a ser o casco urbano e neste senso, dende a formación, definiron esta proposta como “unha verdadeira liña vermella en calquera negociación dos Orzamentos”.

Os Fondos Europeos de Recuperación son, para Vilalba Aberta, unha oportunidade que o Concello non pode deixar pasar de cara a cumprir cunha demanda histórica. E nese senso, a iniciativa que formación conseguiu sacar adiante, a fin de que goberno local e Xunta elaboraran un proxecto que sitúe ao Concello de Vilalba en disposición de optar ao financiamento do Centro de Día.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com