Novas

O TSXG rexeita a obriga do certificado COVID para acceder á hostalería porque considera que a medida “non é idónea nin necesaria”

A Sala de Vacacións do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia notificou hoxe o auto no que argumenta o fallo adiantado o pasado sábado, polo que se rexeitou a petición da Xunta de autorizar xudicialmente que certos establecementos tivesen a obriga de pedir aos clientes o certificado COVID. A Sala conclúe que medida non é idónea, xa que non impide o contaxio, nin necesaria, polo menos, “no grao que resultaría esixible”.

Sobre a idoneidade da medida, afirman os maxistrados que “se as persoas que foron vacinadas ou padeceron a enfermidade, a pesar de desenvolver inmunidade fronte ao virus, poden ser potenciais transmisores do mesmo”, por parte da Xunta “non se explicou como se evitará o posible contaxio de quen accedese ao local amparados na presentación dun xustificante pola realización dunha PCR ou un test de antíxeno, que só acredita que no momento da súa realización non eran portadores do virus activo, pero non que gocen de inmunización algunha fronte a este”.

Lembra así mesmo a Sala que conforme aos datos do Ministerio de Sanidade sobre as distintas comunidades autónomas, “na evolución dos últimos catorce días non hai datos significativos que indiquen unha eficacia da medida adoptada en Galicia, única comunidade na que se veu esixindo o denominado pasaporte COVID”.

Ademais, os maxistrados fan seu un argumento para o xuízo de idoneidade xa exposto polo TSJ de Andalucía/Granada: “a medida controvertida establece un deber exclusivamente a cargo do cliente, consumidor ou usuario, pero non pesa na mesma medida sobre quen se atope desenvolvendo a súa prestación laboral neses mesmos establecementos, de maneira que a medida non permite alcanzar o obxectivo de preservar do virus determinados espazos, pois podería darse o caso de que cumprindo todos os clientes dun local coa esixencia, con todo ningún dos empregados estivese en condicións de cumprila, de maneira que a restrición de dereitos da clientela sería en balde”.

Sobre a necesidade da medida, indica a Sala que se se parte da premisa de que, segundo as previsións de vacinación, o seu avance supoñerá un importante freo a expansión do virus, “non ten moita xustificación que se implante unha medida como a que se examina”, e conclúe que por parte da Consellería de Sanidade deberíase “ acreditar con rotundidade que o maior número de contaxios da chamada quinta onda ten a súa orixe, precisamente, nos establecementos de hostalería e restauración, en bares, cafeterías e restaurantes”.

Resaltan os maxistrados na súa resolución que non lles parece “ecuánime demonizar ao sector de servizos de hostalería establecendo agravios comparativos con outras actividades mercantís que se desenvolven en lugares pechados, como son os establecementos comerciais ou grandes superficies nos que, a pesar do seu uso  masificado, non se esixe para o seu acceso a exhibición de ningún documento de carácter médico”.

En relación á postura da Administración, que defende que a medida non afecta os dereitos fundamentais relacionados coa intimidade e a protección de datos de carácter reservado, porque a esixencia do pasaporte imponse para o exercicio de actividades que son voluntarias e porque os datos non quedan rexistrados, nin se arquivan, senón que unicamente exhíbese un documento ante outra persoa, o tribunal esgrime que “precisamente o exercicio voluntario é o propio de todo dereito”. “Tamén deambular pola vía pública durante a noite é unha actividade voluntaria e non por iso aceptouse que os toques de queda nocturnos non afecten ao dereito fundamental á liberdade”, engaden.

En canto á non afección do dereito á protección de datos reservados, porque non se prevé que unha determinada información concernente á saúde sexa nin rexistrada, nin arquivada, senón que só esíxase a exhibición dun documento, “este argumento en ningún caso evitaría -defende a Sala- o risco de afección ao dereito da intimidade, que é máis amplo que o de protección de datos persoais, pois o certo é que se tome ou non se tome nota diso, o cliente tivo que desvelar a un terceiro unha información concernente á súa saúde que tiña dereito a manter reservada para si e o seu círculo íntimo”.

Vázquez: “O que están facendo é unha cortina de fume para tapar a súa incompetencia”

A cidade de Lugo amencía esta mañá cun novo tira e afrouxa ente o Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, e o presidente da Federación de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez. E é que o mandatario lugués acusaba a través das redes sociais a Vázquez de “cacique”, logo de asegurar, tanto Arroxo como o seu edil de Infraestruturas, Alexandre Penas, que o propio presidente da Federación pedíralles, ao inicio do mandato, poder xestionar el mesmo unha parte do orzamento da área dirixida por Penas.

Ante estas duras acusacións, dende Xornal de Lugo, puxémonos en contacto co presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo quen asegurou que as acusacións de Arroxo e Penas son “mentira” e aclarou que tan só lles pediu uns orzamentos participativos, como os que xa houbo nalgunha ocasión no propio Concello de Lugo ” e que imos seguir pedindo”.

Vázquez asegura que o que están a facer dende a tenencia de alcaldía é pasar unha “cortina de fume para tapar a súa incompetencia”. “O que fan é a técnica do calamar, botan tinta, cortina de fume; ¿a ver como tapamos isto?“, explicou Vázquez quen asegurou que non se trata dun tema persoal senón que todo vén dado polos problemas co  transporte urbano “o bus é desastre, bueno, pois terán que solucionalo que para eso cobran a fin de mes”.

O presidente da Federación de AAVV Lucus Augusti, pediu a Arroxo e o seu equipo que “afronten os problemas” e desligouse de “levar as cousas a un tema persoal que eu non entendo”. Asemade, Vázquez informou, de que ao longo do día de hoxe remitirá un comunicado aos medios para facer chegar, en profundidade a súa opinión ao respecto destas acusacións.

Baixan os casos activos malia un gran repunte no ritmo de contaxios

Un día máis a tendencia do virus na provincia de Lugo é á estabilidade. Con todo, o ritmo de contaxios deu un novo paso atrás tras detectarse un gromo en Monforte que se achega ao medio cento de positivos.

Así o revela o último informe do SERGAS con datos recabados ata as 6 da tarde de onte e que cifra en 1282 o número de casos activos, 5 menos que os rexistrados na xornada anterior. Con todo, o ritmo de contaxios non axuda, pois nas últimas horas volveu a aumentar pasando dos 60 positivos rexistrados o mércores aos 97 de onte. Unha cifra que vén dada logo de se detectar un gromo en Monforte de Lemos que xa suma 50 positivos e outro en Barreiros que se salda con 16 positivos detectados e 2 mozos hospitalizados.

Con todo, as cifras de presión asistencial continúan á baixa. Na xornada de onte o SERGAS contabilizou 2 casos menos en plantas de hospitalización dos centros da provincia. Así, o HULA restaba 3 pacientes en unidades convencionais quedando con 22 infectados por covid en planta e 6 na UCI. Doutra banda, o Hospital da Costa sumaba nas últimas horas un paciente, contando con 2 casos covid en planta. Polo demáis, tanto o Hospital de Monforte como o Polusa continúan sen cambios, con 2 e 1 caso respectivamente.

Ribeira Sacra Cañóns

A Xunta advirte de que a situación dos encoros na conca do Miño-Sil é preocupante

A Xunta de Galicia vixiará estreitamente a evolución dos niveis de ocupación dos encoros de As Portas, Cenza, Salas e Belesar, na conca hidrográfica do Miño-Sil, ao considerar que a súa situación actual é moi preocupante e que un posible escenario de seca en Galicia durante os vindeiros meses podería agravala aínda máis.

Segundo as comprobacións feitas nas últimas horas por técnicos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, organismo responsable do establecemento e control do caudal ecolóxico na Comunidade, cómpre subliñar que os datos de ocupación nestes catro encoros non son os esperados nin os habituais para esta época do ano.
De feito, no caso do encoro de Belesar, en Lugo, os informes da Xunta indican que o seu actual nivel de ocupación —30,1% e non se alcanzou o ano pasado ata finais do mes de outubro.

Neste sentido, cómpre subliñar que o outono adoita ser a época de maior seca en Galicia, de xeito que os encoros alcanzan os seus niveis máis baixos cara a finais de outubro. Pero tendo en conta a actual ocupación de Belesar, Salas e sobre todo, As Portas e Cenza, se non chove nos vindeiros meses a situación podería complicarse moito.

Obras de reforzo da seguridade nas rutas xacobeas en Triacastela e A Fonsagrada

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a traballar durante esta quincena no reforzo da seguridade de dous puntos do Camiño de Santiago en Triacastela e A Fonsagrada, obras ás que destina un investimento de 27.200 euros.

Ambas actuacións forman parte dun plan posto en marcha no mes de xullo e que contempla ata 36 intervencións na provincia de Lugo para mellorar a seguridade en cruces e treitos das rutas xacobeas que conflúen con estradas autonómicas; conta cun orzamento global de 466.800 euros.

As obras en Triacastela realízanse no tramo do Camiño Francés que discorre paralelo a vía LU-637 en Filloval. Os traballos inclúen a apertura dunha senda de 40 metros de lonxitude, o afirmado do chan e a instalación dunha barreira de seguridade e unha varanda -nas respectivas marxes- para protexer aos peóns. Ademais, vaise reforzar a sinalización.

Na Fonsagrada paviméntase con pedra o tramo do Camiño Primitivo que desemboca na estrada LU-530, nun cruce en curva nas inmediacións do núcleo da Calzada. Instalarase unha barreira de seguridade e, como no conxunto das actuacións, farase un esforzo especial na sinalización, con balizas verticais cilíndricas que enmarcan a saída do Camiño á vía, sinais que advirten da presenza de peóns, o panel que identifica o Camiño ou o pintado de bandas transversais de alerta.

A Xunta axusta os aforos da hostalería e lecer nocturno

​O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou está mañá o comezo da vacinación, a vindeira semana, do grupo de persoas con idades comprendidas entre os 14 e o 16 anos.

Acompañado polo xerente do Sergas, José Flores; a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o membro do comité clínico, Pedro Rascado; o titular de Sanidade adiantou que esta mesma semana se comezarán a enviar as mensaxes de citación aos mozos e mozas galegas desta franxa de idade.
Na rolda de prensa posterior á xuntanza do comité clínico, o responsable de Sanidade subliñou que a situación epidemiolóxica de Galicia “é estable e con tendencia descendente”, de acordo á baixa rexistrada nos datos de incidencia acumulada en todas as áreas sanitarias galegas. Con todo, convidou á poboación a “non baixar a garda, nin confiarse” pois “o virus segue activo e contaxiando”.
Axustes dos aforos nos locais de hostalaría e lecer nocturno
Respecto dos aforos nos establecementos de hostalería e lecer nocturno, o conselleiro de Sanidade precisou que trala decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia “foi necesario realizar axustes”, polo que o comité clínico decidíu establecer unhas normas transitorias para seguir protexendo á poboación.
Neste sentido, nos concellos en nivel máximo os establecementos hostaleiros continuarán pechados nos seu interior,  cun límite de aforo do 50% do seu exterior; no caso dos concellos en nivel alto establécese o 30% de ocupación no interior e o 75% nas terrazas; no nivel medio fíxase o 50% no interior e o 100% no exterior e, finalmente, nos locais emprazados en concellos con nivel medio baixo de restricións, o aforo fixase no 75% no interior e o 100% nas súas terrazas.
En canto aos locais de lecer nocturno, nos niveis máximo e alto permanecerá pechado o seu interior, permitíndose un aforo do 75% no exterior. Así mesmo, no nivel medio poderase ocupar o 50% da capacidad edos locais no seu interior e o 75% nas terrazas. Por último, no nivel medio baixo, o interior dos establecementos quedará límitado ao 50%, permitíndose o 100% nos seu exterior.
García Comesaña salientou que é preciso continuar a cumprir a medidas hixiénico sanitarias establecidas -uso da mascarilla e distancia de seguridade-, co ánimo de garantir unha hostalería segura. Ademais, lembrou que os grupo de persoas no interior limítase a un máximo de 6, e a un total de 10 persoas no seu exterior.
Vacinación
Sobre o proceso de vacinación, detallou que a Xunta de Galicia leva administradas xa un total de 3.802.444 dosis, coas que 1.859.569 de galegos e galegas xa contan coa pauta completa e, 259.341 persoas xa teñen a primeira dose.
Neste sentido, apuntou que na presente semana a Xunta de Galicia vacinará con primeiras dosis a persoas menores de 20 anos, ademais de realizar repescas entre a poboación maior de 40 anos. Sobre este último grupo, salientou que as persoas que así o desexen poderán solicitar a súa cita de vacinación a través do teléfono 981 215 930. Ademais, avanzou que tamén se levará a cabo a vacinación de embarazadas e de persoas en situación de risco de exclusión social.
Niveis de restricións por concellos na provincia
Durante a xuntaza que mantivo esta mañá o comité clínico, e tras avaliar a situación epidemiolóxica do conxunto de concellos galegos, o grupo de expertos que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia, acordou, para a provincia establecer o nivel alto de restricións no municipio de Rábade.
Ademais, as medidas do nivel medio serán de obrigado cumprimento nos seguintes  concellos: Outeiro de Rei, Chantada, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Sarria, Monterroso, Barreiros e Ribadeo.
Os restantes concellos lugueses permanecerán no nivel medio baixo.
Todas estas medidas entrarán en vigor a partir das 00:00 horas do sábado 21 de agosto.

Antonio de Telelugo

O empresario Antonio Gómez Pérez deixounos físicamente o pasado xullo, deixando en todos nós impresa a imaxe de seriedade, intelixencia e traballo que o caracterizaron sempre.

Cando hai máis de medio século empecei o meu tempo de radio, xa tiña Antonio a sona de ser especialmente receptivo ás ofertas radiofónicas que implicasen a difusión de temas de Galicia e en galego, e comprobeino moi axiña cando patrocinou con entusiasmo os meus primeiros traballos no noso idioma en Radio Popular.

Era daquela o titular da empresa Telelugo, en Bolaño Ribadeneira, de electrodomésticos, bombas de auga e motores, onde acudía asiduamente José Domínguez, creador do Belén de Begonte, conxeniando ambos de tal xeito que desde que naceu o Belén foi un dos seus máis importantes apoios e con Pilar, a súa dona, dos máis asiduos participantes nas actividades do Nadal begontino durante o case medio século de vida desta iniciativa relixioso-cultural, que os dous aspectos mereceron sempre o seu interese.

No momento de despedilo destacouse que fora o primeiro secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, da que foi promotor, asinando no nome da CEL a acta fundacional da CEOE nos tempos en que sindicalismo e empresariado establecían canles de diálogo e reglas de xogo.

Cando no ano noventa e catro Carlos Rodríguez e máis eu creamos Televisión Lugo, tivemos que compaxinar a nivel popular ese nome co de “Telelugo”, co que os lucenses non dubidaron en rebautizarnos. Téñoo comentando con el, poñendo de relevo que algo terían que ver no tema a súa seriedade empresarial, a súa bonhomía, e o seu lucensismo e galeguismo. 

Lugo Monumental amosa a súa satisfacción polo respaldo da sua postura polo Supremo

A Asociación de empresarios do centro da capital, Lugo Monumental, amosou esta mañá a súa satisfacción polo respaldo do Tribunal Supremo á postura do colectivo e que tomba a obrigatoriedade de amosar o certificado Covid para acceder ao interior dos locais de hostalería.

“A decisión da máis alta instancia xudicial do Estado, pon punto e final a unha discusión estéril en que sería absurdo seguir perdendo o tempo”, explican dende a asociación, que aseguran tamén que “non é momento de triunfalismos, senón de mirar ao futuro con prudencia pero cun moderao optimismo e sentido común”.

Doutra banda, Lugo Monumental valora moi positivamente a ampliación dos aforos anunciada pola Xunta de Galicia e que mellora a situación en xeral, “non só en relación ao decreto publicado o pasado venres, senón incluso ás medidas que estiveron vixentes durante o pasaporte Covid“.

O colectivo entende, así mesmo, que a administración reflexionou sobre as “duras restriccións” que se publicaron en previsión da anulación da esixencia do certificado de vacinación.

O PP insta á Deputación a dotar de aseos, duchas e vestiarios ao anexo do Pazo dos Deportes

O fomento do deporte de base debe ser tarefa fundamental para as institucións, sinaladamente para aquelas que están máis próximas ao cidadán. Así o considerou esta mañá o deputado provincial popular, Oscar Poy, quen sinalou que fomentar o deporte dende a infancia “esixe dispoñer de instalacións coas infraestruturas necesarias”.

Neste senso, Poy explica que a Deputación “precisa traballar máis e con maior eficicencia en moitos aspectos da atención a esta parte da xestión”. Un dos aspectos aos que fai referencia o popular ten que ver coas condicións do pavillón anexo ao Pazo dos Deportes, “cuxas carencias é preciso solucionar canto antes, tal como reclaman moitos pais dos nenos que adestran nestas instalacións”.

Poy explica: “O pavillón anexo ao Pazo do Deportes carece de aseos, duchas e vestiarios. Esta falta de servizos e ben coñecida polos xoves usuarios destas instalacións e tamén polos seus país, pero, cando se comenta con outros lucenses, alleos ao uso do pavillón, quedan tremendamente sorprendidos de que, a estas alturas do século XXI, se dea un caso así na capital da provincia”.

O mesmo deputado popular manifesta: “Os rapaces que adestran e compiten neste pavillón teñen que ducharse e cambiarse no propio Pazo dos Deportes, é dicir, noutro edificio; debido a elo, son moitos os que optan por marchar sen ducharse. Chegou o momento de poñer remedio a esta situación. Ao goberno provincial, e sinaladamente ao delegado de Deportes, Efrén Castro (BNG), tócalle buscar a maneira de resolver o problema; é unha cuestión que, de ser un xestor competente, xa tería solucionada”.

Os populares supoñen que, pasada a metade do mandato, “o señor Castro algo terá pensando para dotar de duchas e vestiarios ao pavillón anexo ao Pazo dos Deportes”, e confían en que na próxima sesión plenaria explique que fixo e que está a facer para resolver as deficiencias sinaladas. Lembran que, nalgunha ocasión, Castro apuntou que para facer as construcións precisas sería necesario modificar as condicións urbanísticas. De ser así, esperan que teña falado co goberno municipal, das mesmas cores política que o provincial, e teñan encamiñada xa a solución do problema.

4 empresas optan a xestionar as Casas das Linguas municipais

O Concello de Lugo vén de informar sobre a renovación da concesión das Casas das Linguas municipais, da Estrada da Granxa e María Balteira; dúas instalacións onde os lucenses poden levar adiante actividades “para mellorar a súa formación en distintos idiomas”.

O persoal técnico do concello de Lugo comezou hoxe a revisión da documentación presentada polas 4 empresas que optan a xestionar este servizo. O contrato terá unha duración dun ano, prorrogable ata un total de 5, e saíu a licitación cun orzamento base de 105.420,10€.

A edil responsable da área de lembrou que “as casas das linguas ofertan actividades durante todo o curso, dirixidas por persoal formador con especialidades en distintos idiomas”, entre as que destacou “os campamentos de nadal e verán, unha alternativa para a conciliación que mellora as competencias lingüísticas das nenas e nenos”.

Curso 2021-22

A edil de Cultura informou que as bases de admisión para o curso 2021-22 publicaranse o vindeiro 30 de agosto. O período de inscricións e probas de nivel durará entre o 1 e o 14 de setembro, e as listas publicaranse durante o 15 de setembro. Entre o 16 e o 24 abrirase o proceso de matrícula, e as clases darán comezo o luns 27 de setembro.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com