Novas

O controvertido Leos Carax regresa ao cinema con Annette

Cunha carreira de case trinta anos, o galo Leos Carax está considerado un dos enfants terribles do cinema mundial. Os seus filmes tratan sempre temas polémicos e subversivos, construídos de forma ambiciosa a través de arquitecturas narrativas difíciles de desentrañar, mais sempre dominados pola intensa emoción dos seus dramas e a espectacularidade das súas imaxes.

Annette, a súa última obra é posiblemente a súa película máis ambiciosa. Un proxecto longamente agardado no que colabora co dúo musical Sparks, autores do guión e con papeis protagonistas no filme. A reputación de Carax no cinema é comparable á de Sparks na música. Pioneiros do pop desde inicios dos anos 70 con discos de gran éxito comercial e crítico como Kimono My House, Hippopotamus ou o recente A Steady Drip, Drip, Drip, a banda sempre tivo un gran interese no cinema e nas artes visuais, que sempre utilizan nos seus ambiciosos directos. En Annette, se encargan da música, do guión e de interpretarse a si mesmos nunha opera audiovisual, chea de ambiciosos números musicais que sobrepasan a idea que temos deste xénero cinematográfico.

Ademais deste mítico dúo musical, os protagonistas do filme son dous intérpretes tan prestixiosos como Adam Driver e Marion Cotillard.

O primeiro, famoso pola súa participación na nova saga de A guerra das galaxias, labrou paralelamente unha carreira no cinema independente, traballando con importantes cineastas americanos como Jim Jarmusch, Spike Lee ou Martin Scorsese, pero que con este filme debuta ao outro lado do Atlántico nun filme que ten moito de homenaxe aos xéneros clásicos do cinema americano, mais desde o punto de vista persoal de Carax e Sparks. En canto a Cotillard, gañadora do Óscar por interpretar á mítica Edith Piaf, é unha icona mundial do cinema e únese ao grupo de grandes actrices que xa colaboraron con Carax, como Juliette Binoche (Os amantes de Pont-Neuf) ou Catherine Deneuve (Pola X).

Un reparto estelar para unha película única que chega a Codex Cinema como gran festa de fin do verán. Carax, á maneira de Kubrick ou Malick, é un cineasta obsesivo que traballa durante anos en segredo nos seus proxectos. Xa pasaron nove anos desde Holy Motors, o seu último filme, e a estrea de Annette no Festival de Cannes foi o acontecemento do certame francés, que volveu por todo o alto este pasado mes de maio tras non celebrarse en 2020 por culpa da pandemia da Covid-19. Alí gañou o premio a mellor director e agora chega por fin a Codex para ser desfrutada polos espectadores lucenses.

O PP lamenta “o desmantelamento” da Fábrica da Luz e esixe que os responsables “paguen do seu peto”

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, lamentou profundamente a situación na que se atopa a Fábrica da Luz de Lugo: “totalmente desmantelada despois de moitos anos nos que o PSOE, coa complicidade do BNG, optou por mirar cara outro lado mentres esta dotación esmorecía pouco a pouco”.

A imaxe do interior desta dotación “é desoladora”, xa que está, segundo os populares, totalmente baleira de contidos, equipos ou calquera tipo de instalación que debería de haber nun edificio destinado á producción de enerxía eléctrica a través da corrente da auga. “Agora entendemos o veto que a alcaldesa sempre nos puxo aos concelleiros do PP para  entrar neste edificio, quixo demorar ao máximo que a cidadanía soubese a realidade desta instalación, que lonxe de ser un atractivo turístico e unha fonte xeradora de riqueza converteuse nun reclamo para os vándalos e unha mostra máis do abandono das propiedades municipais polo bigoberno”, lamentou.

Unha situación derivada, opinan os populares, “das cacicadas do PSOE e da incompetencia e falta de rigor e de traballo” dos anteriores  Gobernos socialistas, “que contaron coa imprescindible complicidade do BNG”, que provocou que a empresa que tiña a concesión para a explotación da Fábrica da Luz solicitase a rescisión do contrato debido aos incumprimentos do goberno de Lara Méndez.

Recorda o concelleiro popular que “a obra da Fábrica da Luz naceu condenada a fracasar”. Iniciouse en 2008 cunha concesión que estivo baixo investigación xudicial, e “se xa naceu viciada esta obra, despois foi boicoteada desde dentro do goberno socialista”, criticou.

A realidade é que o concelleiro do PSOE con responsabilidades directas e exclusivas na xestión do medio ambiente na cidade e da Fábrica da Luz, Daniel Piñeiro, está vinculado a asociación que denunciou esta obra. “Un complot político no que tamén tiveron que ver cargos nacionalistas, como o vicealcalde, a concelleira de Cultura e un asesor político do BNG no Concello de Lugo, que estiveron nas protestas contra a Fábrica da Luz”, din dende o PP.

“A propia alcaldesa desatendeu ata 5 requerimentos, tanto da empresa como da confederación hidrográfica, que a instaban a solicitar a prórroga da concesión, algo que fixo fora de prazo e provocou a sentenza millonaria que condena a pagar aos lucenses 2,5M€ de indemnización á empresa adxudicataria”, explican.

Unha situación que propiciou que os populares defendesen no pleno, en xuño de 2020, que sexan os políticos responsables do fracaso do proxecto da Fábrica da Luz os que paguen a indemnización que provocaron e que ascende a 2.434.332,16€, un expediente que a día de hoxe non se iniciou polo que todo apunta a que Lara Méndez segue a protexer os seus intereses persoais e os dos seus compañeiros de partido.

Antonio Ameijide explica que nada máis se sabe deste expediente polo que advirte tanto a Lara Méndez como a Rubén Arroxo que ao PP “non lle vai tremer o pulso” para estudar todas as vías legais dispoñibles para que sexan os políticos responsables os que paguen a indemnización e se tanto a alcaldesa como o vicealcalde poñen barreiras a esta saída tamén “pediremos responsabilidades a ambos e terán que explicar aos lucenses que intereses defenden, os dos lucenses ou os dos seus amigos políticos”.

Correos ofrece xa en Lugo un selo especial para a Credencial dixital do peregrino

Correos conta na súa Oficina Principal de Lugo cun selo específico para a Credencial dixital do peregrino. Este novo selo pode conseguirse a través da lectura dun código QR. Correos súmase así á aposta pola dixitalización e a seguridade no Camiño de Santiago, ofrecendo ao peregrino a posibilidade de selar a súa Credencial dixital.

Esta opción púxose en marcha este mes de xuño con motivo do Xacobeo 21- 22, cando a Catedral de Santiago lanzou unha aplicación móbil para que o peregrino poida recompilar os selos necesarios para conseguir a Compostela de forma dixital.

Os selos dixitais obtéñense a través dos códigos QR dispoñibles en diferentes puntos do Camiño de Santiago. Ademais da de Oficina Principal de Lugo, un total de 25 oficinas de Correos repartidas nos diferentes Roteiros  Xacobeos dispoñerán do seu selo dixital para que os peregrinos poidan selar a súa Credencial.

Os peregrinos que, pola súa banda, queiran selar a súa Credencial tamén poderán conseguir o selo tradicional nas oficinas de Correos do Camiño de Santiago.

Á venda dende mañá as entradas para o Caudal Fest

Mañá, mércores, ás 12:00 do mediodía, sairán á venda as entradas para o Caudal Fest 2021, que regresa en setembro ao entorno do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, con todas as medidas de seguridade e prevención, seguindo a normativa vixente con motivo da Covid-19. Deste xeito, contará cun formato terraza, é dicir, os asistentes gozarán do espectáculo sentados e con mesas, e o aforo estará limitado a 2.500 persoas por día.

A alcaldesa, Lara Méndez, explicou que “esta nova edición do festival terá lugar o 16, 17 e 18 de setembro e contará cunha ampla programación de calidade, con tres días completos de concertos de artistas nacionais e internacionais”.

Deste xeito, o recinto estará dividido en varios sectores para garantir a seguridade dos asistentes, tendo cada zona os seus propios accesos, baños, barras, foodtrucks, etc. e sendo independentes entre si. A circulación estará organizada e sinalizada con carrís separados de acceso e saída, control da distancia de seguridade, e instalaranse puntos de desinfección de mans con dispensadores de xel hidroalcohólico.

O uso da máscara será obrigatorio en todo momento, salvo para o consumo de comida ou bebida, haberá asistentes para a organización do público e a acomodación realizarase de forma graduada para facilitar accesos e desaloxos. Debido ás restricións derivadas da Covid, nesta edición non haberá zona de descanso ou acampada.

O Concello de Lugo segue, así mesmo, a dinámica doutros concellos galegos e da administración autonómica de retomar a organización de concertos e actuacións musicais seguras, co obxectivo de impulsar o sector cultural  e do ocio.

As entradas estarán dispoñibles a través da páxina web do evento www.caludalfest.esOs prezos dos tickets serán os seguintes:

  • Xoves 16: dende 29 euros + gastos de xestión
  • Venres 17: dende 22 euros + gastos de xestión
  • Sábado 18: dende 29 euros + gastos de xestión

Poñeranse á venda entradas para cada día de forma individual, non existen abonos para varias noites. Poderanse adquirir ata un máximo de 8 entradas nunha mesma compra e será necesario introducir todos os datos (nome, apelidos, DNI, teléfono). 

As portas abriranse ás 18:00 horas o xoves e ás 17:00 horas o venres e sábado. Haberá concertos ata as 00:00 horas, suxeito aos posibles cambios que se debesen a futuras restricións. Para poder acomodarse grupos de conviventes xuntos, haberá que chegar ao mesmo tempo para ser asignados in situ.

Unha trintena de entidades sociais recibirán subvencións nominativas do Concello

A área de Benestar trasladará mañá á Xunta de Goberno local a concesión directa das subvencións nominativas, así como a aprobación dos convenios que o Concello de Lugo mantén coas entidades que desenvolven a súa actividade no eido dos Servizos Sociais.

“Unha partida que alcanza os 270.491 euros e que resulta tan significativa como a relevancia dos proxectos que se levan a cabo ao amparo destas achegas”, salientou Olga López Racamonde.

A edil destacou a valía do traballo realizado pola asociacións locais ao que definiu como “o complemento indispensable ás prestacións públicas das diferentes administracións no que ten que ver coa atención primaria no municipio”.

Así, subliñou a importante tarefa que desempeñan estes colectivos en cuestións tan transcendentais como pode ser a eliminación de barreiras e a promoción da autonomía persoal e a inserción laboral dos colectivos máis vulnerables, o desenvolvemento de programas vinculados á xestión do piso destinado á acollida temporal de persoas sen fogar, a estimulación cognitiva para doentes de alzhéimer, párkinson ou cancro de mama, o servizo de intérprete en lingua de signos, o acollemento estival de menores afectados pola radiación de Chernobyl ou mesmo a atención dietética a persoas con enfermidade de ril, etc.

“En total, preto dunha trintena de entidades que realizan un labor fundamental en beneficio do conxunto da poboación lucense e que, dende a área de Benestar, animamos a continuar”, referiu Olga Racamonde.

Outros asuntos da Orde do Día

Noutra orde de asuntos, na sesión desta semana o executivo aprobará tamén dúas licenzas urbanísticas para a reforma e ampliación dun inmoble sito na Ronda da Muralla (121.910 €) e para a rehabilitación dunha edificación tradicional no núcleo rural de Castro (115.386 €).


Imaxe de arquivo da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e a edil de Benestar, Olga López

O virus segue en descenso na provincia cun lixeiro aumento dos contaxios

1330 casos activos. Ese é o balance que arroxa hoxe o informe do SERGAS, con datos recabados ata as 6 da tarde de onte e que supón unha nova xornada de descenso de casos. En total, 31 menos que na xornada do domingo. 

E é que, malia o aumento de positivos detectados nas últimas horas, en parte polas 49 infeccións localizadas no cribado da residencia das Gándaras (Lugo), o virus continúa remitindo e, as cifras, mellorando. 

Así, e máis en concreto, nas últimas horas os servizos sanitarios detectaron un total de 72 positivos covid en probas diagnósticas, por riba dos 50 informados onte. Pola contra 104 persoas recibían onte a alta. Así, son xa 16.239 as persoas que poden dicir que superaron o virus. 

No tocante á presión asistencial as unidades convencionais amosan unha lixeira mellora; ao rexistrar 30 pacientes ingresados fronte aos 34 contabilizados onte. Dos mesmos, 22 están no HULA (3 menos), 3 no Hospital da Mariña (1 menos), 4 no de Monforte e 1 no Polusa. Pola contra, a unidade de coidados intensivos do HULA suma hoxe un paciente e chega ata os 8 contaxiados Covid. 

Para rematar, na xornada de hoxe, de novo, non hai que lamentar ningún falecemento. En total, dende o inicio da pandemia, a provincia de Lugo sumou 225 vítimas do virus.

O SERGAS detecta un gromo de Covid na residencia da terceira idade das Gándaras

O SERGAS vén de informar dun novo gromo detectado na residencia da terceira idade das Gándaras, sita na capital. O gromo, segundo explican dende o centro, suma xa preto de medio centenar de positivos entre os usuarios. 

O SERGAS foi coñecedor da situación logo de que durante a fin de semana un usuario fose diagnosticado coa infección, trala PCR rutinaria que se fai aos pacientes que van ingresar nos Hospitais. 

Despois deste descubrimento, realizouse un cribado no centro aos 180 residentes, que arroxou un total de 49 positivos; todos eles, segundo explica o centro, sen síntomas ou cunha sintomatoloxía leve.

É esta a primeira vez que se rexistra un gromo entre os usuarios da residencia, malia que, nalgún momento, xa houbera algún traballador infectado por Covid nunca chegara aos residentes. 

Na provincia, outros dous centros de atención a maiores contan hoxe con casos Covid entre os usuarios. Trátase da Vivenda Comunitaria de Alfoz que suma 6 pacientes covid e a residencia de maiores de Ribadeo, que rexistra 7 persoas infectadas.

Arroxo recibirá no concello a Jesús Vázquez tras solicitar a xuntanza de xeito formal

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, informou hoxe que nas vindeiras semanas recibirá no concello a Jesús Vázquez, presidente da Federación de Asociacións Veciñais de Lugo, ‘Lucus Augusti’, para tratar a situación do transporte público na cidade, unha vez recibida a solicitude de reunión. 

Logo de varias xornadas de tiras e afrouxas entre o mandatario local e a propia Federación, a través dos medios de comunicación, Rubén Arroxo lembrou que “durante o proceso de elaboración das novas liñas de transporte público tivéronse en conta centos de peticións veciñais achegadas ao concello por distintas vías, dentro do contrato xa asinado polo anterior goberno coa empresa concesionaria”, e engadiu, “o novo modelo foi aprobado co apoio de todos os grupos da corporación municipal na Mesa de Transporte Público”. 

O Tenente Alcalde pediu “rigorosidade” para a xuntanza, “desde a nosa chegada ao goberno, a maneira de actuar de Jesús Vázquez coas áreas de goberno do BNG foi co obxectivo de facer política”, denunciou Rubén Arroxo, que engadiu “desde as distintas áreas de goberno non imos ter en conta estas prácticas que veñen doutros tempos, mais si cremos que Jesús Vázquez ten que pedir desculpas ás veciñas e veciños de Lugo por mentirlles sobre o bus urbano”.

O dispositivo integral de limpeza do Concello, chega mañá ao barrio de Galegos

O plan de concentración de dispositivos municipais de limpeza, posto en marcha pola alcaldesa, Lara Méndez, chegará este martes, 17 de agosto, ao barrio de Galegos, logo de concluír as tarefas previstas no Castiñeiro, Casás, Abella, A Residencia, as Gándaras e no Sagrado Corazón.

 O obxectivo desta iniciativa, desenvolvida pola área de Medio Ambiente, é unificar os esforzos por contornas e mellorar, así, o acondicionamento da cidade, sen descoidar os labores ordinarios. Para iso, se está a actuar de forma integral en cada barrio cun amplo operativo integrado polas empresas encargadas da limpeza urbana, do mantemento das zonas verdes e de revisión dos parques infantís, contando co apoio das brigadas municipais.

 Neste senso, o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández explicou que “este martes o operativo desprazarase a Galegos onde se executarán labores de roza, tanto de vías como de parcelas municipais, co obxectivo de mellorar a estética e a imaxe da zona e o confort dos veciños e veciñas deste barrio da cidade”.

 Cómpre subliñar que dende o 2020, o Concello de Lugo leva tramitados un total de 341 expedientes por acumulación de maleza en predios particulares, instando aos seus propietarios a corrixir esta situación; 6 deles precisamente no barrio de Galegos.

 Tras rematar nesta contorna, os traballos continuarán en Aceña de Olga, Fingoi, Augas Férreas, A Milagrosa, A Cheda, o centro da cidade, Fontiñas, Castelo – A Chanca, Barrio da Estación, Barrio Feijoo, Paradai, Frigsa, San Lázaro – A Ponte, A Louzaneta, Inmediacións do HULA e Montirón – San Fiz.


Imaxe de Arquivo: Limpeza integral Abella

As comunidades de augas aínda poden solicitar as axudas para mellorar as instalacións ata o xoves

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén aberto ata este xoves, día 19, o prazo para que as comunidades de augas poidan solicitar axudas para mellorar o estado das instalacións de captación, potabilización e almacenamento que utilizan.

O obxectivo deste programa de achegas é que as comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano realicen actuacións que melloren a prestación do servizo e a calidade de auga, fomentando o emprego eficiente dos recursos hídricos.

Na provincia de Lugo hai 33 comunidades deste tipo constituídas, en distintas parroquias dos concellos de Palas de Rei, Ribadeo, Muras, Antas de Ulla, Mondoñedo, Guitiriz, Viveiro, Monterroso, Lourenzá, Alfoz, Abadín, O Valadouro e Barreiros. Ademais, están en tramitación dúas máis en Viveiro en outras tantas en Mondoñedo.

Segundo establece a convocatoria, son subvencionables obras de mellora do pozo de captación, nos sistemas de filtración e decantación ou desinfección e recirculación, mellora da eficiencia enerxética no tratamento da auga, instalación ou mellora dos respiradoiros ou os rexistros de distribución, ou impermeabilización de depósitos, entre outras actuacións.

A Xunta destina 500.000 euros a este programa. O importe das axudas será, como máximo, do 80 % do investimento da actuación proposta, co límite de 15.000 euros por solicitude. O 20 % restante do investimento total será financiado directamente pola comunidade de usuarios; en todo caso, as subvencións son compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com