Unha trintena de entidades sociais recibirán subvencións nominativas do Concello

A área de Benestar trasladará mañá á Xunta de Goberno local a concesión directa das subvencións nominativas, así como a aprobación dos convenios que o Concello de Lugo mantén coas entidades que desenvolven a súa actividade no eido dos Servizos Sociais.

“Unha partida que alcanza os 270.491 euros e que resulta tan significativa como a relevancia dos proxectos que se levan a cabo ao amparo destas achegas”, salientou Olga López Racamonde.

A edil destacou a valía do traballo realizado pola asociacións locais ao que definiu como “o complemento indispensable ás prestacións públicas das diferentes administracións no que ten que ver coa atención primaria no municipio”.

Así, subliñou a importante tarefa que desempeñan estes colectivos en cuestións tan transcendentais como pode ser a eliminación de barreiras e a promoción da autonomía persoal e a inserción laboral dos colectivos máis vulnerables, o desenvolvemento de programas vinculados á xestión do piso destinado á acollida temporal de persoas sen fogar, a estimulación cognitiva para doentes de alzhéimer, párkinson ou cancro de mama, o servizo de intérprete en lingua de signos, o acollemento estival de menores afectados pola radiación de Chernobyl ou mesmo a atención dietética a persoas con enfermidade de ril, etc.

“En total, preto dunha trintena de entidades que realizan un labor fundamental en beneficio do conxunto da poboación lucense e que, dende a área de Benestar, animamos a continuar”, referiu Olga Racamonde.

Outros asuntos da Orde do Día

Noutra orde de asuntos, na sesión desta semana o executivo aprobará tamén dúas licenzas urbanísticas para a reforma e ampliación dun inmoble sito na Ronda da Muralla (121.910 €) e para a rehabilitación dunha edificación tradicional no núcleo rural de Castro (115.386 €).


Imaxe de arquivo da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e a edil de Benestar, Olga López

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com