Novas

O Festival Atlántica enche de historias a fortaleza de San Paio de Narla en Friol

Na súa novena edición, o festival Atlántica recalará por primeira vez no concello de Friol cun espectáculo de Ramiro Neira que se desenvolverá este mércores, 7de xullo, a partir das 18 horas. A entrada será libre ata completar o aforo permitido. A actividade é posible grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, a Rede Museística Provincial de Lugo e a Deputación de Lugo.

O espectáculo de Neira titúlase ‘Vouche contar’ e está concibido para público infantil e familiar. Trátase dunha escolma de contos da tradición oral de diferentes países que poñen o valor a sabedoría popular e a eterna e imprescindible transmisión da experiencia de xeración en xeración.

Ramiro Neira conta con experiencia como actor, director, docente, produtor e distribuidor teatral. Como actor traballou e traballa con diferentes compañías: Artestudio Teatro, Sardiña, Tea, Estragón, Grupo Institucional da Universidade da Coruña, Teatro da Bufarda, Espello Cóncavo, Teatro da Lúa, Casa Hamlet, Patatín e Patatán, entre outras.

Como docente e director coordinou grupos en diferentes espazos. Na súa faciana de produtor e distribuidor traballou con Teatro da Bufarda, Hac Luce Universidade da Coruña, Teatro da Lúa, UVG Teatro, Galileo Teatro, Ballet Studio, Paparota Teatro. Actualmente compaxina o seu labor como docente, actor e director coa coordinación de diferentes proxectos do Concello da Coruña e do Forum Metropolitano, como son o programa Horas Punta, Mostra de Teatro Escolar e os Encontros de Teatro Independente da Coruña.

Atlántica segue

As actividades de Atlántica continuarán ata o vindeiro 11 de xullo e vanse desenvolver por toda Galicia. O programa completo do festival e mais a información sobre os artistas, espectáculos e a reserva de entradas pódese consultar na web do festival. Por mor das cambiantes restricións sanitarias, cómpre consultar a web para coñecer a información máis actualizada sobre reservas e accesos aos espectáculos.

O torneado da madeira regresará a Xermade co XXI Encontro Internacional de Torneiros

A localidade de Xermade converterase de novo este ano no centro da tornería europea grazas á celebración presencial do XXI Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, que terá lugar entre os días 17 e 19 de setembro. Como xa é habitual, a Xunta colabora a través da Fundación Artesanía de Galicia neste evento de divulgación do oficio tradicional da tornería, que está organizado polo Concello de Xermade. Así se explicou esta mañá nunha rolda de prensa na que participou a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro.

Despois dunha edición exclusivamente en liña no 2020, nesta edición vólvese ao formato presencial no que se inclúen demostracións de profesionais de recoñecido prestixio internacional coma o francés Romuald Clemenceau, o oscense Fran Ferrer e os galegos Adrián Pena, do obradoiro Xar Arte en Madera (Vigo), e Manuel “Lolo” Castro, Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2018.

Durante tres días, Xermade volverase converter no centro do torneado artesanal da madeira, onde cada ano acoden profesionais non só de toda Galicia senón tamén do resto de España e de Europa, e recupérase un espazo de intercambio e aprendizaxe para profesionais e afeccionados.

Tamén a Deputación participa neste evento do que o Presidente do Executivo Provincial, José Tomé, destacou a súa importancia. “Colaboramos dende a Deputación de Lugo pola proxección nacional e internacional que supón para Xermade e para toda a provincia de Lugo, e porque pon en valor unha materia prima como a madeira, na que a nosa provincia é unha potencia”.

“Despois de dúas décadas, este Encontro de Torneiros converteu ó concello de Xermade nun referente internacional desta modalidade de traballo da madeira. Por aquí teñen pasado especialistas, homes e mulleres, de Galicia e de toda España, pero tamén de todo o mundo” para mostrar “traballos que oscilan entre as pezas tradicionais da artesanía e as obras de deseño vangardista, unha variedade que supón un dos grandes acertos desta cita”, asegurou o mandatario provincial.

Méndez defende incluír no 2023 a liña ferroviaria A Coruña-Lugo no corredor Atlántico

Lara Méndez, a alcaldesa lucense e vicepresidenta do Eixo Atlántico, participou hoxe na presentación do mapa ferroviario de Galicia elaborado polo organismo transfronterizo ao presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, e aos representantes dos sindicatos, UGT, CCOO e CIG, na que tamén estiveron o secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, o alcalde de Santiago, Xosé Bugallo, e o presidente do CES de Galicia, Agustín Hernández.

Este mapa de propostas do noroeste peninsular para a modernización da rede ferroviaria conlevaría un investimento de 3.000 millóns de euros, dos cales o 50% encaixaría nos parámetros do cofinanciamento europeo, e desenvolveríanse nun prazo de 10 anos, “o que suporía un investimento de 150 millóns anuais, o que en termos do orzamento do estado é unha cantidade perfectamente asumible”, sostivo a rexedora.

A proposta do Eixo inclúe actuacións na liña Ferrol-Coruña, na saída sur de Vigo, no tramo Coruña-Santiago do Corredor Atlántico, no acceso de Punta Langosteira e o tramo Santiago- Redondela, o tramo Vigo-Guixar-Redondela-Guillarei, Guillarei-Ourense, Ourense-Monforte e Monforte-Covas.

Esta mapa tamén incluiría as melloras das liñas A Coruña-Lugo e Lugo-Ourense, “esta última na que o Goberno central está xa inxectando recursos por valor de máis de 500 millóns, aínda que se necesita un maior impulso aproveitando os fondos europeos”. “Na crise anterior abordouse desde a austeridade, pero a actual se afronta desde os investimentos de recuperación, é dicir, todo o contrario, polo que se nos presenta unha ocasión única que non debemos deixar pasar para conseguir que Galicia sexa por fin competitiva. Debemos ser ambiciosos e esta é unha ocasión magnífica que temos afrontar desde a unidade de todos os axentes políticos, sociais, económicos e sindicais galegos para que Galicia teña unha voz única e, polo tanto, máis forza”, incidiu.

Respecto a Lugo, Lara Méndez tamén defendeu a inclusión no ano 2023 da liña ferroviaria de mercancías A Coruña-Lugo no Corredor Atlántico, aproveitando que é a data na que se abrirá o período de modificación e ampliación dos corredores ferroviarios europeos.

“Para Lugo, onde estamos a realizar o maior investimento municipal da historia para a captación de empresas de alto impacto social e ambiental co fin de crear emprego sostible a través da Estratexia Lugo Transforma, que conta cun fondo inversor de 12 millóns de euros, é fundamental e urxente dispor das infraestruturas adecuadas que nos permitan acompañar este crecemento”, sostivo.

A rexedora lucense e vicepresidenta do Eixo Atlántico agradeceu a boa receptividade por parte do presidente da patronal e dos representantes sindicais a fixar una folla de ruta común co mapa ferroviario para poder avanzar “cunha única voz por unha Galicia competitiva”.

Detidos os presuntos autores de numerosas estafas na provincia en relación coa venda de alarmas

A Garda Civil, no marco da operación ANSEDY, detén na provincia a tres veciños das localidades de Rábade, Baamonde e Lugo, de 46, 36 e 34 anos de idade como presuntos autores dos delitos de pertenza a grupo criminal, estafa, usurpación de estado civil e falsificación de documento mercantil.

A banda actuaba realizando contratacións fraudulentas de sistemas de alarma en vivendas e locais comerciais da provincia, amparándose no marco da actividade laboral que desenvolvían para unha empresa do sector da seguridade. Os concellos afectados, segundo explica a Garda Civil, son os de  Lugo, Sarria, Meira, Guitiriz, Baamonde, Vilalba, Monforte de Lemos, Pol, Guntín, Boveda, Begonte e Outeiro de Rei.

Os feitos foron acometidos ente outubro de 2016 e xaneiro de 2018; período no que se detectaron multitude de perxudicados, que, en ocasións enterábanse tras denegarselles a concesión dalgún crédito por estar inscritos na ASNEF polo impago de cuotas dun servizo de alarma que nunca contrataran.

A investigación dos Ilícitos penais, conduciu aos axentes ata os presuntos autores, os cales valéndose da súa condición de operarios e comerciais de empresa de seguridade, e actuando coordinadamente e mediante distribución de tarefas, obtiñan datos de supostos clientes, para realizar contratacións ficticias, coa finalidade de acceder a distintas bonificacións coas que a empresa de seguridade compensaba aos seus empregados, chegando a obter entre os integrantes do grupo criminal unha elevada contía económica.

Estas persoas xa foron postas a disposición do Xulgado de Instrución número 3 de Lugo.

Continúan á alza os casos activos de covid19 nunha xornada na que descenden lixeiramente os contaxios

A covid non da tregua na provincia e achégase perigosamente ás 300 infeccións activas, unha cifra que non se daba na provincia dende o mes de marzo, cando se saía da terceira vaga. E malia que nas últimas horas detectaronse menos positivos que na xornada anterior o certo é que as altas médicas chegan aos seus mínimos co que non axudan a baixar a incidencia do virus. 

En cifras, e segundo o último informe do SERGAS con datos recollidos ata as 6 da tarde de onte, son en total 284 os casos activos na provincia, unha cifra que, como diciamos, non se daba en Lugo dende o 8 de marzo, cando estaba remitindo esa terceira vaga. 

Pola contra descende o ritmo de contaxios, eso si, moi levemente. Onte o SERGAS rexistrou un total de 27 positivos detectados, fronte aos 34 que se rexistraran o domingo. Pero, contra estes positivos, non loitan as altas médicas das últimas horas. E é que a provincia tan só rexistrou 7 altas. 

No tocante á presión asistencial, a área de Lugo, cervo e Monforte, continúa amosando os mesmos datos. En total 4 ingresados por covid, un deles na UCI do HULA, e os outros tres en unidades convencionais de hospitalización, 2 no Hospital Lucense e un en Monforte de Lemos. 

E esta importante incidencia afecta case na súa totalidade ás cidades de Lugo e Sarria, onde os contaxios non deixan de subir. Na capital da provincia, que suma 88 casos activos, rexistráronse un total de 93 positivos novos nos últimos 14 días, dos que algúns xa se recuperaron; mentres que a incidencia a sete días mantense, todavía, moi alta, en 57 casos. Máis da metade da incidencia a dúas semanas o que podería prever un novo aumento de positivos. 

O mesmo pasa en Sarria, o concello que, porcentualmente, está a arroxar os peores datos, e onde nos últimos 7 días rexistráronse 37 casos novos, máis da metade dos 68 que se rexistran a 14 días. En total, Sarria contaba onte con 64 casos activos.

Pola súa banda, Castroverde, o Concello que segue en nivel medio de restricións podería quedar libre de limitacións esta semana, dado que a súa incidencia, que superaba os 250 casos por cada cen mil habitantes a pasada semana, está xa por baixo dos 50 casos por cada cen mil habitantes a 7 días, co que o Comité Clínico que asesora á Xunta e que se reunirá hoxe, podería aliviar as medidas restritivas neste concello.

Un catálogo interactivo amosará aos peregrinos os produtos e servizos de Ribadeo

O parque de San Francisco acolleu esta mañá a presentación de Ribadeo, prepara o teu camiño, un catálogo interactivo de produtos e servizos para o peregrino no que participan medio cento de empresas locais. No acto compareceron o alcalde, Fernando Suárez, e o concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso. E asistiron representantes das firmas adheridas, que se converten en Establecementos amigables co peregrino.

Grazas ás novas tecnoloxías os camiñantes poderán selar as súas credenciais cos seus dispositivos móbiles. Vizoso Galdo explicou que “este proxecto, que naceu hai uns meses promovido polo Concello e que lle puxemos como denominación Ribadeo, prepara o teu Camiño, hoxe ve oficialmente a luz, despois de moitas horas de traballo, vicisitudes e as complicacións dos últimos meses, que todos coñecedes”.

O edil ribadense lembrou que “forma parte doutro proxecto tamén desenvolto polo Concello, o obradoiro Ribadeo Alén do Camiño, e nace cando nos paramos na Concellería de Turismo a analizar o que podemos considerar unhas evidencias: en primeiro lugar que o Xacobeo 2021, ampliado ao 2022, ía constituír unha oportunidade marabillosa e excepcional, de gran repercusión internacional, para poñer en valor as nosas costumes, a nosa forma de ser, a nosa paisaxe, pero tamén o noso bo saber e o noso oficio; a segunda evidencia era que o Camiño Norte a Santiago, que foi declarado pola Unesco Patrimonio da Humanidade hai uns anos, ten en Ribadeo un dos puntos significativos do seu percorrido porque Ribadeo é a porta norte desde camiño, é a entrada en Galicia do Camiño do Norte cara a Compostela; a terceira evidencia é que se trata dun camiño en crecemento constante porque esta ruta é a terceira en importancia, tanto só por detrás do Camiño Francés e do Camiño Portugués; e a cuarta evidencia é que o perfil do peregrino actual correspóndese co dunha persoa que cada utiliza máis internet, as novas tecnoloxías, para consultar e buscar datos sobre o Camiño e para preparar e organizar o seu itinerario. Por iso sabíamos que había que estar nese ámbito, en internet e nas novas tecnoloxías, dar a información directa e especial que busca o peregrino nunha web ben posicionada”.

O concelleiro de Turismo dixo: “e todo isto había que facelo dunha maneira singular, dunha forma diferente, situando como protagonista principal ao peregrino, que o é, pero tamén contando con que cada un dos vosos establecementos, no número maior posible, sexades tamén os protagonistas deste proxecto. E isto ten unha tripla finalidade: en primeiro lugar desenvolver unha serie de produtos e servizos pensados especificamente para o peregrino; potenciar a imaxe de Ribadeo como punto de inicio do Camiño; e a terceira, desenvolver un modelo de xestión sostible cos valores do Camiño de Santiago e da figura do peregrino e que iso funcionase todo como un eixo vertebrador, como núcleo central, de todo ese proceso de deseño e de concentración dos produtos especiais”.

Pablo Vizoso subliñou que “con ese fin creamos un catálogo denominado Ribadeo prepara o teu Camiño, que é interactivo, accesible a través dun sistema web, onde aparece información detallada de cada un dos establecementos, os datos de contacto, os produtos que ofrecen e tamén información moi particularizada desa gama de produtos específicos e pensados especialmente para o peregrino. En definitiva o que lles estamos transmitindo aos peregrinos que escollen o Camiño Norte é que aquí, en Ribadeo, van poder atopar todo canto necesitan, ou ben para iniciar o camiño e tamén para aqueles que non nos escollen como inicio, pero estamos convidándoos dalgunha maneira para que
pasen e prolonguen a súa estadía en Ribadeo e que desfruten dunha gama completísima de servizos que entre todos lles ides ofrecer. E iso complementado por unha oferta gastronómica de enorme calidade e unha importantísima infraestrutura de aloxamentos de diferente tipo”.

O alcalde, Fernando Súarez, manifestou que “estamos afanados en seguir dando a coñecer o noso concello e a nosa comarca, loxicamente. Pretendemos vender o mellor de nós, que temos moito. Hoxe estamos aquí polo Camiño de Santiago, mañá estaremos por outras cousas porque Ribadeo ten moito que vender e é un punto obrigado de chegada, de partida, de paso e de encontro, iso por riba de todo”.

Con Lupa organiza unha manifestación en Lugo en protesta contra o incremento do prezo da luz

A Asociación Cidadá Contra a Letra Pequena – CON LUPA convoca unha manifestación en Lugo para denunciar e protestar contra o incremento do prezo do quilovatio (kWh), impulsado polas compañías eléctricas para manter os seus millonarios beneficios, e que, xunto co novo sistema de tarifas, representa unha nova e abusiva suba da factura da luz para as familias, as explotacións agrarias, as pequenas e medianas empresas, o comercio e a hostalería, os e as traballadoras autónomas…, de Galicia.

“A luz eléctrica é un ben de primeira necesidade, imprescindible para desenvolver calquera actividade, por iso, de ter que pagar un imposto indirecto como o IVE, este ten que ser do tipo superreducido do 4%”, explican dende o colectivo.

Por outro lado, explican, “Galicia produce electricidade a esgalla, exportando máis do 30 %, sen que isto repercuta nun menor custe do recibo da luz para nós. Aquí asumimos os custes económicos, sociais e ambientais de producila sen recibir nada a cambio. E máis, o ser unha tarifa única, temos que compensar no noso recibo, entre outros, parte dos custes que supón o transporte e a perda de enerxía que se produce no traslado da electricidade a outros territorios do Estado”.

Por todo iso, CON LUPA, convocou unha manifestación que se vai celebrar o xoves, día 8 de xullo, ás 6 da tarde, con saída da praza Mártires de Carral (fronte ao Parque de San Roque), para esixir unha enerxía xusta e sostible e unha tarifa eléctrica galega que abarate a factura da luz para todos os galegos e galegas.

CON LUPA convida á veciñanza de Lugo e provincia a participar e manifestarse en contra do abuso das eléctricas e a favor dunha rebaixa inmediata da factura da luz.

A Deputación colabora con 23.000€ coa Asociación de Persoas Xordas para contratar a un intérprete

A Deputación de Lugo apoia á Asociación de Persoas Xordas de Lugo (ASORLU) para a contratación dun intérprete de lingua de signos. O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, asinou co presidente de ASORLU, Daniel Lourés Ferro, o convenio de colaboración a través do que a Deputación lle achega 23.000 euros para que os usuarios e usuarias deste servizo consigan eliminar barreiras de comunicación.

Tomé Roca puxo en valor a importancia desta colaboración, que pretende mellorar a calidade de vida das persoas xordas da provincia e das súas familias, evitando situacións de illamento. “Este servizo de intérpretes permite superar as barreiras de comunicación e axudar á igualdade de oportunidades das persoas xordas, fomentando a súa participación social”, apuntou o Presidente.

A achega da Deputación de Lugo permite a ASORLU a contratación dunha intérprete de lingua de signos a xornada completa -40 horas semanais- durante o ano 2021.

Gracias a este servizo, as persoas xordas da provincia de Lugo son capaces de realizar xestións da vida diaria e poden ser totalmente independentes, acceder en igualdade de condicións a actos, actividades e servizos imprescindibles como a sanidade, os servizos sociais, a educación, o traballo ou a cultura.

ASORLU naceu no ano 1975 co fin de mellorar a calidade de vida das persoas xordas e reivindicar os seus dereitos sendo partícipes na sociedade en igualdade de condicións que o resto de persoas. Esta é a única entidade da provincia que presta servizos integrais de atención social e orientación laboral ás persoas xordas de maneira individual e persoal.

A Valedora do Pobo da a razón aos populares que insisten en pedir o expediente do Plan Impulsa Lugo

O grupo provincial do PP non está disposto a tolerar “os exercicios de opacidade” nos que “con frecuencia incorre o bigoberno (PSOE-BNG)”, segundo os populares. Por iso acudiu á Valedora do Pobo en relación co Plan Impulsa Lugo. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “O grupo provincial do PP volve pedir o expediente do Plan Impulsa Lugo, logo de que a Valedora do Pobo lle dera a razón na súa queixa. Naquel momento o bipartito presentou un Plan Impulsa de reactivación no que anunciaba sete millóns de euros en diferentes accións, pero non foi capaz de presentar á oposición que o solicitou formalmente”.

Castiñeira declara: “Di a Valedora do Pobo que a Deputación debe dar o acceso que pide o PP ao plan. Expón que ademais debe ter obxectivos concretos, actividades, medios e tempos para a súa consecución; o seu grado de cumprimento e resultado deben ser obxectivo de avaliación periódica, xunto cunha valoración”.

O portavoz popular explica: “Todo isto, segundo comunicou inicialmente o bipartito ao Partido Popular non existía, non había plan e só eran medidas políticas; medidas, hai que dicir, con altas doses de propaganda despois terse demostrada a nula xestión do goberno provincial para a reactivación económica da provincia”. Os populares destacan que o bipartito “non foi capaz nin de elaborar un plan de axudas, como pedía o PP, para pemes e autónomos afectados; ao contrario, despois de moitas presións, prometeron o 1% dos orzamentos, que a día de hoxe, aínda non cumpriron”.

Castiñeira manifesta: “Imos ver agora como se amaña o bipartito para entregar á oposición un plan que aseguraron non ter. Ao final acabarán dando a razón ao PP, que os tachou de improvisadores políticos. En todo caso, sería un plan engordado con accións xa existentes antes da crise, como era o Lugo termal, as viaxes en catamarán e mesmo as subvencións a colectivos e asociacións, que son o que conforman o groso dos sete millóns de euros anunciados polo bipartito”.

A Audiencia de Lugo absolve a un acusado de agredir sexualmente a unha veciña nun alpendre

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo absolveu a un acusado de agredir sexualmente en novembro de 2016 a unha veciña de 18 anos que padece unha limitación intelectual leve. O tribunal considera acreditado que mantiveron relacións sexuais, pero alberga dúbidas sobre o desenvolvemento dos feitos, o que determina a absolución do sospeitoso. Así, os maxistrados indican que, fronte ao relato da denunciante, se opón unha carta que escribiu na que “non reflicte a crueza que relata dunha agresión, senón que refire que foi cousa dos dous, pero tamén sinala que se arrepentiu”.

Ademais, indican que o recoñecemento médico que lle realizaron á denunciante “non presenta signos externos compatibles cunha relación violenta”, así como que un amigo de ambos testificou que viu á moza o día dos feitos ante o alpendre e que “non estaba alterada ou chorando”. A testemuña, segundo consta na sentenza, “gozaba da confianza absoluta da denunciante” e declarou que non a atopou “preocupada, angustiada ou chorosa”, senón que estaba “normal, como sempre” ata que xurdiu o tema “dun posible embarazo ou unha enfermidade de transmisión sexual”, que foi cando “a preocupación foi evidente”. Esa conduta, segundo a Audiencia, “parece excluír o acto violento ou intimidatorio que esixe a agresión”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com