" />

O alcade de Ribadeo pide unha xuntanza técnica para solucionar os problemas co Centro de Saúde

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, remitiulle unha carta ao conselleiro de Sanidade, Julio García, referente ao centro de saúde de Ribadeo. O rexedor asegura que o Concello na actualidade non posúe unha parcela en solo urbano de cando menos 2.565 metros cadrados para levantar unha nova instalación.

E subliña que “iso non significa que non asumamos ese compromiso recíproco de estar á vosa disposición para  cumprir coa vosa petición, sempre que sexa economicamente viable e tecnicamente posible”.

Suárez Barcia demanda reforzos de persoal para o centro de saúde de Ribadeo, que ten menos profesionais agora que hai dez anos, e tamén que se valore redeseñar o edificio actual, xa que conta con amplos espazos baleiros e mal aproveitados.

O alcalde dixo que “nesta sincera e honesta resposta que lle demos ao conselleiro indicámoslle que levamos tempo demandándolles formalmente a reversión dos recortes que desde esa Consellería viñeron facendo nestes últimos anos en materia de persoal sanitario porque, de feito, no Centro de Saúde ribadense sorprendentemente hai menos profesionais agora dos que había hai dez anos, quedando reducido nun 50 por cento o cadro do persoal médico, que pasou de 6 a 3 facultativos actualmente, os cales de xeito puntual son reforzados con outra profesional do PAC. Ademais destas carencias na estrutura do persoal, vemos tamén como non se dá a necesaria cobertura das baixas, permisos, licencias, vacacións, etcétera, dos traballadores e  traballadoras do Centro de Saúde, o cal xera un estrés moi grande tanto nos profesionais como no conxunto da cidadanía, que se queixan, día si e día tamén, deste funcionamento en precario”.

Suárez Barcia sinalou que “no tocante á propia infraestrutura do edificio actual evidentemente, como todo nesta vida, ten as súas vantaxes e os seus inconvenientes. En canto ás primeiras, desde logo hai que destacar a inmellorable situación, no corazón da vila, que é facilmente accesible a pé e máis en coche, xa que a 40 metros escasos temos desde hai varios anos un estacionamento regulado con zona ORA, polo que é difícil que non haxa sitio
cerca para que os usuarios deixen os seus vehículos para iren ás consultas. Pola contra, tamén ten deficiencias e están á vista, pois é un edificio que necesita un novo deseño xa que ten amplos espazos baleiros e mal aproveitados, ademais de adoecer de algo fundamental nestes tempos: accesos independentes ás consultas e ao Punto de Atención Continuada (PAC). Estamos seguros de que si se lle fixera a este inmoble actual unha inversión económica ben planificada podería ser unha óptima solución, aínda que parece que polo seu escrito a intención é a de facer un novo centro, para o cal pídennos unha parcela cunha edificabilidade de máis de 2.500 metros cadrados”.

Na carta dirixida ao conselleiro de Sanidade Fernando Suárez indicou que “o Concello de Ribadeo actualmente non posúe unha parcela en solo urbano con estas características. Pero, con todo, iso non significa que non asumamos o compromiso recíproco de intentar cumprir coa petición que eles nos fan, sempre que sexa economicamente viable e tecnicamente posible. E digo isto porque é moi importante que sexa tecnicamente posible pois quizais poidamos ter parcelas que aínda non son nosas pero estean en polígonos urbanísticos, xa que temos afortunadamente un Plan Xeral moderno aprobado, pero iso require unha xestión urbanística que se demora anos. E ao mesmo tempo quizais a situación non vai ser tan céntrica como a do actual edificio”.

E engadiu: “pero en todo caso o que plantexamos é ter unha xuntanza cos técnicos da Consellería de Sanidade xunto cos técnicos municipais para avanzar no diálogo e no compromiso noso, desde logo, de buscar unha solución satisfactoria para a mellora do Centro de Saúde de Ribadeo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo