O BNG-AA propón un ciclo de teatro en pequeno formato no edificio do Antigo Cárcere

A edil do BNG-AA no concello de Lugo, Maite Ferreiro, propuxo no día internacional do teatro que, dende o goberno municipal, se poña en marcha un ciclo de teatro para estrear o Edificio do Antigo Cárcere que se inaugurará este xoves.

A edil do BNG-AA enlazou esta proposta coa que fixo a semana pasada da creación dunha Escola Municipal de Teatro, para a cal se podería aproveitar este novo edificio municipal. Ferreiro dixo que o seu partido ve “a grande acollida que ten o teatro en Lugo, o éxito da mostra de Teatro Clásico, e gran número de iniciativas que se están a poñer en marcha dende diferentes grupos e colectivos” e insistiu na necesidade de apoiar as artes escénicas na cidade.

Ferreiro afirmou que a Área de Cultura aínda ten fondos sen executar do orzamento do 2016 e que se poderían utilizar para estrear o novo edificio cun ciclo de teatro de pequeno formato.

Ademais dos ciclos habituais de Teatro Clásico e Teatro Universitario, o BNG-AA aposta por fomentar as agrupacións e colectivos que fan teatro en pequenos formatos e que “terían un espazo excepcional dentro do edificio do Antigo Cárcere”.

Para Maite Ferreiro “o concello ten que preocuparse por dar espazos de participación aos grupos e artistas locais e entendemos que a nosa proposta pode ser ben acollida tanto polo público como polos propios grupos”.

Ademais, Maite Ferreiro insistiu na “necesidade de que, de cara a este ano 2017, se empece a traballar na posta en marcha dunha Escola Municipal de Teatro“, proposta que xa figuraba no programa de goberno co que o BNG-AA se presentou ás eleccións municipais. Maite Ferreiro destacou tamen o incremento da actividade vencellada ao teatro no concello de Lugo e a implicación e traballo de todos os colectivos e persoas que traballan neste eido.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com