O BNG analizará en dúas xornadas a necesidade do feminismo na actualidade

A edil do BNG-AA no concello de Lugo, Maite Ferreiro, presentou esta mañá a serie de encontros sobre o feminismo que se iniciará mañá martes baixo o título Por que é necesario o feminismo?. Neste primeiro encontro que terá lugar mañá 7 de marzo, no centro Social Uxio Novo Neyra, participarán Olalla Rodil, Deputada do BNG no Parlamento Galego, e  Teresa González Piñeiroá, mestra e activista do feminismo.

“Con este acto queremos abrir unha reflexión conxunta sobre a necesidade do feminismo neste século XXI” dixo Maite Ferreiro. O seguinte encontro celebrarase o vindeiro 19 de abril para falar sobre Patriarcado e Capitalismo. No segundo dos encontros participarán a Doutora en Ciencias Económicas e Empresariais, Mª Carme García Negro, e a Deputada do BNG no Parlamento, Noa Presas.

Os actos programados para Lugo están enmarcados nunha campaña promovida polo BNG baixo o lema O acoso laboral é desigualdade, é violencia: Erradiquémolo.  O BNG pon en marcha esta campaña con motivo do 8M centrada na loita contra o acoso laboral e da man de mulleres que sufriron esta forma de violencia e tiveron a coraxe de denunciar e defender os seus dereitos.  Maite Ferreiro puxo sobre a mesa a escalada de asasinatos de mulleres, -16 en dous meses-, a causa da violencia machista como expresión extrema de desigualdade e criticou a falta de implicación da Administración pública que non ve nestes crimes un problema de Estado. 

Ferreiro salientou que a crise agudizou a discriminación e a desigualdade laboral das mulleres. “Coa crise medrou a desprotección das mulleres no ámbito laboral,  agora máis vulnerables, e o Estado en vez de amparalas o que fixo foi aprobar normas que nos restan mecanismos para defender os nosos dereitos”, indicou, citando o informe 2016 do Fondo Mundial Económico, que establece que ao ritmo actual precísanse 170 anos para acadar a igualdade económica entre homes e mulleres.

 A edil nacionalista explicou as medidas do Bloque para combater o acoso sexual no traballo e o acoso laboral por razón de sexo, en particular as que poden implementarse na Administración pública, “para dar exemplo”. Así, o BNG propón que as administracións rescindan as contratacións con empresas que teñan condenas por acoso sexual e moral e incluír nos pregos de contratación penalizacións e rescisión de contratos por causa de discriminación por xénero ou orientación sexual. O Bloque tamén pide que se faga un estudo de avaliación da Lei galega de igualdade, tras doce anos de funcionamento e unha revisión dos protocolos de actuación e protección das mulleres que sofren acoso laboral.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo