O BNG aplicará a partir do 5 de abril novas Políticas Activas de Emprego

A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil, deu conta das políticas que o BNG aplicará no goberno da Xunta de Galicia a partir do 5 de abril. “A Xunta de Galicia debe traballar activamente en loitar contra o desemprego, que afecta na Galiza a máis de 148.000 persoas”. Segundo Olalla Rodil “débense aplicar políticas que xeren emprego de calidade para loitar contra a precariedade na que se atopa actualmente o mercado laboral”.

Neste sentido, Olalla Rodil afirmou que “o Estado debe proporcionar á Xunta máis fondos para fomentar as políticas activas de emprego que permitan atopar traballo ás paradas de longa duración”. “Galicia debe ser un referente na creación de postos de traballo de calidade”, afirmou a candidata do BNG. “A Xunta debe deixar de ser unha fábrica de precariedade a través das súas contratacións”, declarou Olalla Rodil ao respecto dos servizos de Axuda no Fogar ou Dependencia, xestionados pola Xunta de Galiza. Olalla Rodil afirmou que “introduciremos cláusulas sociais en todas as contratacións e prestacións de servizos públicos por parte da Xunta de Galicia para garantir os dereitos das traballadoras”. 

“A Xunta a partir do 5 de abril poñerá en marcha políticas para crear emprego de calidade, favorecendo que volvan á casa as miles de mozas e mozos galegos emigrados”, declarou Olalla Rodil, que engadiu “desde o BNG temos o compromiso de darlle un xiro de 180 graos ás políticas de precariedade que aplicou o Partido Popular na Xunta de Galiza nesta década”. 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com