O BNG atopa unha vía para recuperar o pavillón situado xunto á Deputación

O BNG vén de descubrir unha vía para poder recuperar para o uso público o pavillón situado xunto ao Pazo de San Marcos, dado que a día de hoxe, despois das debidas comprobacións, pódese ver que o pago íntegro do Imposto de Bens e Inmobles deste edifico está a ser levado a cabo única e exclusivamente pola Xunta de Galicia.

“Esta situación amosa que os diferentes propietarios, dos que se ten falado que hai desta instalación, non están a pagar os impostos correspondentes, polo que vendo outros antecedentes semellantes, como foi o caso do edificio numero 4 da rúa Tinería, o Concello podería iniciar os trámites de adquisición do inmoble”, afirmou Rubén Arroxo.

Dende o BNG, puxeron de exemplo o precedente existente con dita casa da rúa Tinería, na que ante a desaparición dos propietarios, e tras anos sen estar ao corrente do pago de impostos polo inmoble, o edificio foi adquirido polo propio Concello, sen ter que facer ningún tipo de abono económico, fórmula que dende o grupo nacionalista entenden que se podería levar adiante tamén neste caso.

Varios mandatos municipais atrás intentouse recuperar este pavillón, pero a situación de existencia dun múltiple número de propietarios, algúns deles en paradoiro descoñecido, dificultou o proceso, facendo que o goberno daquel momento desistise. Dende o BNG cren que unha vez atopado este dato, existe unha fórmula moito máis sinxela para podelo recuperar.

Nesta liña Rubén Arroxo volveu sinalar a escaseza de instalacións deportivas cubertas, sobre todo no centro da cidade, e apuntou os enormes beneficios para a cidade de recuperar este pavillón que leva varias décadas pechado.O BNG anunciaba hai uns días que iniciaría as xestións para aclarar a titularidade do edificio de cara a poder levar adiante a súa recuperación e apertura para a súa posta en funcionamento como instalación deportiva aproveitando a súa privilexiada situación.

O pavillón foi construído durante a ditadura sobre o terreo que formaba parte do patio do palacete construído nos anos 20 para un Gran Hotel na praza de Santo Domingo. Nos anos 40 a Falanxe, sen pedir permiso aos propietarios, construíu este pavillón sobre os terreos privados e terreos que agora son propiedade da Xunta de Galicia. Este pavillón leva décadas pechado e esta situado en pleno centro da cidade onde non existe ningunha outra instalación deportiva cuberta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo