O grupo municipal do BNG en Baleira presentará no vindeiro pleno unha iniciativa para reclamar a rehabilitación do pavillón polideportivo municipal, unha infraestrutura empregada habitualmente polo alumnado do CEIP Plurilingüe Concepción López Rey para o desenvolvemento das actividades deportivas.
Segundo explicou o portavoz nacionalista, Tino Díaz, a proposta responde ao estado de conservación que presenta a instalación, na que, segundo sinala a formación, existen problemas como filtracións na cuberta, goteiras, humidades e a necesidade de renovar os vestiarios e os baños.
“As nenas e nenos de Baleira teñen dereito a realizar as actividades deportivas nunhas instalacións seguras, dignas e ben mantidas”, afirmou Díaz, quen considera prioritario actuar antes de que o deterioro avance e incremente o custo das futuras intervencións.
A iniciativa propón que o Concello encargue unha memoria ou informe técnico que avalíe de forma integral o estado do pavillón, identifique as deficiencias existentes e estableza unha estimación económica das actuacións necesarias para a súa rehabilitación. O obxectivo, segundo o BNG, é dispoñer dunha planificación que permita abordar as obras con coñecemento das necesidades reais da instalación.
Un corredor cuberto para o transporte escolar
A moción incorpora tamén unha segunda proposta relacionada coas condicións nas que o alumnado agarda polo transporte escolar ao remate da xornada lectiva. O grupo municipal solicita que a memoria técnica analice a viabilidade de construír un corredor cuberto anexo á fachada do CEIP, de maneira que as nenas e nenos dispoñan dun espazo protexido da chuvia mentres esperan polo autobús.
O portavoz do BNG considera que esta actuación podería mellorar o día a día do alumnado, tendo en conta as condicións climatolóxicas habituais do municipio, e defende que o seu estudo se realice de forma conxunta coa rehabilitación do pavillón.
Busca de financiamento
A formación nacionalista propón igualmente que, unha vez definidas as actuacións necesarias e o seu custo, o Concello solicite apoio económico á Xunta de Galicia, á Deputación de Lugo e a outras administracións co fin de facer viable a execución das obras.
Para o BNG, estas actuacións suporían un investimento destinado á mellora dos servizos públicos e das condicións nas que o alumnado do municipio desenvolve a actividade física e deportiva.
A proposta será debatida na próxima sesión plenaria, onde o resto da corporación municipal deberá pronunciarse sobre as medidas formuladas polo grupo nacionalista.






