O BNG reclama o arranxo da estrada N-640

Cargos orgánicos e institucionais do BNG, xunto coa candidata ao Congreso, fixeron un acto de protesta tras a retirada dos carteis instalados onte na N-640 para denunciar o estado da estrada. Para o BNG “o PP, a través subdelegado do goberno, censura ao BNG cando evidencia as realidades das infraestruturas desta provincia”. O BNG instalou, no día de onte, dúas ducias de carteis co texto “N-640, Arranxo Xa !!!”

“Máis de 10 anos para arranxar a N-640 e menos de 2 horas para censurar a denuncia do BNG” afirmou Olalla Rodil e lembrou que “onte o BNG puxo carteis nas inmediacións da estrada N-640 respectando os 3 metros de servidume da estrada mais o goberno do estado actuou de inmediato para retiralos”.

Con este acto reivindicativo os nacionalistas denunciaron o mal estado da N-640 no tramo que une Lugo e Meira. A candidata por Lugo do BNG-NÓS Candidatura Galega, Olalla Rodil, dixo que “A N-640 é o claro exemplo do abandono de Lugo por parte do goberno do estado”. “Estamos a falar dunha estrada que é a principal comunicación entre Lugo, a Terra Chá, a Mariña e Asturias, que é responsabilidade do Ministerio de Fomento e que está totalmente abandonada” lembrou Olalla Rodil e comprometeuse a trasladar ao Congreso en Madrid as iniciativas necesarias para que o goberno do estado se faga cargo dos arranxo do firme da estrada N-640 (Lugo-Meira).

Rodil lamentou tamén o continuo abandono que o goberno do estado fai da provincia de Lugo e asegurou que existen serias dúbidas de que o propio Ministerio sexa coñecedor do estado real no que se atopa este vía a pesares “de que xa anunciaron proxectos, orzamentos, licitacións e todo tipo de tramites menos a efectivización do arranxo da estrada”.

Acto aberto en Viveiro

Olalla Rodil participou nun acto informativo en Viveiro no que o BNG – Nós Candidatura Galega reclamou o dereito da comarca a contar cunhas infraestruturas de comunicación acordes coa poboación e a capacidade produtiva e económica da Mariña. A cabeza de lista pola circunscrición de Lugo da candidatura nacionalista cualificou de insulto á intelixencia o atraso de mais de 10 anos na autovía entre Barreiros e San Cibrao e a súa conexión con Ferrol. No caso das liñas ferroviarias, practicamente inexistentes e totalmente ineficientes na comarca para a poboación e mercadorías. O BNG ven defendendo practicamente en solitario entre a s forzas políticas, a necesidade estratéxica de abrir o dique norte de Morás ao tráfico comercial. Nun acto informativo no que participaron as candidatas un e tres da candidatura do BNG – NÓS ao congreso, Olalla Rodil e Montse Porteiro, mais a responsábel comarcal do BNG, Ana Ermida, no mercado dominical de Viveiro, as candidatas volveron incidir na necesidade do desbloqueo das infraestruturas de comunicación na comarca.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com