O cinema de autor máis premiado ten nome de muller

A semana pasada Codex Cinema foi a sede do primeiro festival de cinema de mulleres de Lugo, FILMU, unha iniciativa pioneira en Galicia que viña a facer visible o traballo de grandes cineastas que moitas veces non contan coa atención mediática que requiren. Desde a apertura de Codex esta foi unha causa que quixemos defender e se cadra non o fixemos coa suficiente contundencia, por iso quedamos moi ledos de poder colaborar con este certame histórico no que se proxectaron películas de grandes referentes como Agnès Varda e Lucrecia Martel, cineastas galegas como Anxos Fazáns e Ana Domínguez, ademais de contar coa visita de activistas da importancia como Beatriz Carretero e Mabel Lozano, que convocaron o interese da sociedade lucense.

Consideramos que esta loita non debe quedar nun fin de semana conmemorativo cada ano, senón que estas accións teñan efecto na nosa forma de pensar e sentir o cinema, que haxa unha continuidade na nosa programación. Non só porque é de xustiza, senón que pola experiencia que temos e polo que coñecemos de outros proxectos similares a Codex, a maioría do público de cinema de autor é feminino. Sería paradoxal que as nosas espectadoras só tiveran ao seu alcance filmes feitos por homes, en lugar dunha oferta que reflectise mellor a diversidade da nosa sociedade. Por esta razón, esta semana temos o privilexio de presentar dous novos filmes dirixidos por mulleres e que teñen á feminidade como un os temas centrais da súa razón de ser.

Beginning de Dea Kulumbegashvili pode ser considerada a película de autor do ano, a gran revelación nun circuíto de festivais moi tradicionalista e inmobilista. O filme tiña previsto o seu debut no Festival de Cinema de Cannes, o máis importante do mundo, pero a cancelación do evento debido á crise da COVID- 19 fixo que finalmente tivese a súa estrea mundial no festival de Donostia, onde arrasou como poucas veces se ten visto. Levou catro premios, incluíndo a Cuncha de Ouro á mellor película, así como os galardóns á mellor actriz, mellor dirección e mellor guión. Ademais levantou gran controversia entre a crítica internacional, xerando grandes defensas que celebraban a súa beleza plástica e inventiva visual e aqueles que a consideraban un filme excesivamente críptico e psicolóxico.

O debut cinematográfico desta cineasta xeorxiana segue a vida de Yana, unha moza que vive una existencia completamente afastada da normalidade dentro dunha marxinal comunidade de testemuñas de Xehová. Unha sucesión de momentos traumáticos fará que a súa estabilidade emocional e as súas conviccións relixiosas se poñan en cuestión. A película, a través de un seguimento minucioso e obsesivo á vida piadosa de Yana, consegue mostrar como a natureza pode ser tanto unha manifestación case divina da existencia coma un mundo perigoso, terrible, salvaxe. Unha película que dará moito que falar nos próximos anos e que xa se celebra como un antes e un despois na historia do cinema europeo.

Respecto a Para Sama, falamos dun dos documentais máis recoñecidos dos últimos anos. Un filme en primeira persoa que segue o activismo de Waad Al-Kateab, directora e protagonista do filme nos  momentos máis cruentos da guerra de Siria, en medio do sanguento asedio de Alepo, onde as forzas do goberno e a resistencia libraban unha guerra sen cuartel onde as vidas humanas dos cidadáns medios eran o menos importante. A película é un rexistro espectacular e de enorme intensidade do conflito entre o persoal e o político, entre os coidados á filla que acaba de dar a luz e o seu compromiso na loita pola liberdade.

Waad Al-Kateab estudaba publicidade na universidade de Alepo cando comezaron as manifestacións e revoltas contra o presidente Al-Asad. Ela decidiu aprender por si mesma a manexar unha cámara para rexistrar en primeira persoa o que se estaba a vivir, a documentar en forma de noticiario de urxencia a xestación dunha revolución que finalmente non foi. A película é un documento imprescindible, urxente e enormemente divulgativo sobre un dos conflitos máis terribles do século XXI. Abalada por decenas de premios internacionais, incluído un BAFTA, un Emmy e incluso unha candidatura aos Óscar de Hollywood na categoría de mellor documental.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com