O Concello aproba as bases para as axudas a deportistas e asociacións veciñais

A Xunta de Goberno local aprobou hoxe tres liñas de axuda duns 216.500 euros, dúas delas ao deporte, que suman 171.000 euros, co fin de promover e fomentar a práctica deportiva no termo municipal, e outras a asociacións de caracter veciñal, educativo, profesional e de medio ambiente, para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral, por 45.500 euros. Así o informou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen indicou que se trata das subvencións para clubs, entidades deportivas, axudas económicas individuais para persoas con talento deportivo e subvencións para colectivos sen ánimo de lucro.

Tal e como explicou Fernández, o Concello destina 145.000 euros para os clubs, entidades deportivas e asociacións sen ánimo de lucro. Poderán optar a estas axudas todos os clubs e asociacións legalmente constituídos e domiciliados no Concello, que deben estar inscritos no Rexistro Municipal de asociacións e ter tramitadas e en vigor ante a Federación correspondente un mínimo de 10 licenzas. A concesión das axudas, así como a súa cuantificación económica, dun máximo de 7.500 euros, efectuarase tendo en conta o número de deportistas federados, o número de deportistas femininas federadas e a traxectoria de coordinación e colaboración nas súas actuacións co Concello.

Así mesmo, autorizouse a convocatoria de axudas económicas individuais para persoas con talento deportivo. Para iso, o Concello destina 26.000 euros. Terase en conta o talento deportivo ao longo do ano anterior á publicación destas bases, que destacaran pola súa participación en eventos deportivos con resultados relevantes, tanto a nivel autonómico como deportivo. Os solicitantes deberán ser deportistas afeccionados nados entre 1997 e 2002, estar federados nun club do concello e estar empadroados no municipio.

No que se refire ás de caracter veciñal, valorarase, por exemplo, a porcentaxe de mulleres na directiva como mínimo ao 50% e que a entidade conte cunha vogalía ou departamento de muller ou igualdade, así como que desenvolvan actividades coa finalidade de promoción e fomento do Camiño Primitivo, dinamizar a Praza e o Mercado de Abastos, fomentar a educación cívica e o voluntariado, ademais de celebrar proxectos na zona rural do Concello. O importe máximo por colectivo é de 3.000 euros.

Todas as persoas interesadas en calquera destas tres liñas de axuda poderán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello no prazo de quince días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no boletín oficial correspondente, que é remitido pola Base Nacional de Subvencións.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com