O Concello asegura que o subministro eléctrico nas piscinas de Frigsa está garantido despois do corte de luz deste mediodía

O Concello de Lugo asegurou hoxe que o corte no subministro eléctrico vivido hoxe nas piscinas de Frigsa durante dúas horas é “moi grave” xa que segundo explican “a empresa dispón dun informe asinado por técnicos municipais que acredita que estas instalacións prestan un servizo esencial aos cidadáns e que sen enerxía non poden funcionar”.

A interrupción do subministro prolongouse durante dúas horas, entre as 12:30 e as 14:30 h., tempo no que as piscinas seguiron funcionando aínda que con menos potencia grazas ao grupo electróxeno de emerxencia, tal e como explican dende o goberno local. O Concello matiza que en canto tiveron constancia do corte, tomáronse “de inmediato as medidas necesarias para repoñer o servizo”.

Dende o goberno municipal explican que a eléctrica é coñecedora de que o Concello “ten liquidez suficiente para facer fronte á todas as facturas e provedores” e engade que no que vai de ano “ingresóuselle a esta empresa máis de un millón de euros polo servizo”.

Deste xeito, o Goberno local pregúntase: “Se Endesa lle fai isto a un Concello saneado, que lle pagou e sabe perfectamente que lle vai a pagar ¿que non lles fará ás familias deste país que desgraciadamente non poden pagar a luz por falta de recursos privándoas dun dereito fundamental?”.

O Concello recoñece que “está levando tempo comprobar que os datos que inclúe Endesa nas facturas son reais, unha obriga de toda administración pública porque xestiona cartos de todos os cidadáns”. Ademais, o grupo de goberno explica que ten adoptado medidas para garantir que non se produzan retrasos nas revisións de facturas. Para iso, o Concello contratou un auxiliar administrativo para os Servizos Electromecánicos que xa está a traballar e tamén aprobou un convenio coa Deputación de Lugo para que dúas persoas se ocupen da revisión de facturas, labor que comezará a primeiros de ano.

Da mesma maneira, o goberno local quere enviar unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía asegurando que “o subministro eléctrico das piscinas de Frigsa foi restablecido e está garantido e o Concello ten liquidez suficiente para facer fronte a todas as facturas e provedores”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com