O Concello de Lugo avanza no proceso de entrega á veciñanza da Croa as escrituras das súas vivendas

O Concello de Lugo segue a avanzar no procedemento para entregar ás familias que ocupan as 15 vivendas da Croa as escrituras das mesmas. Esta mañá, a Xunta de Goberno Local autorizaba a apertura do proceso de contratación para demoler varias edificacións antigas existentes no ámbito de actuación do proxecto, que dará como resultado unha zona libre dunha extensión aproximada de 1.900 m², entre áreas verdes e dotacionais.

“Trátase dunha decena de pequenas construcións, a maioría en estado ruinoso e deshabitadas dende hai décadas, que se manteñen nos terreos, e que resulta preciso derribar para proceder ao parcelamento definitivo dos mesmos. A intervención terá un custo de 55.090 euros e un prazo de execución dun mes”, indicou a alcaldesa, que esta mañá se trasladaba á zona para manter un encontro coa veciñanza.

A rexedora deu conta de que, logo da encomenda de xestión que o Consello de Administración de Evislusa aceptou en xuño de 2020 para redactar o proxecto de parcelación dos predios municipais, foron levadas a cabo, entre outras tarefas asociadas necesarias, o estudo topográfico, a validación catastral e a prospección arqueolóxica da superficie afectada, debido á súa proximidade ao xacemento do Castro de A Croa.

Lara Méndez expuxo que, “debido a que o proxecto de parcelamento xa está rematado, o único que resta é aprobalo definitivamente, antes de rexistrar as novas parcelas resultantes e adxudicarllelas aos seus propietarios. Unha tramitación que prevemos breve e que agardamos concluír nos vindeiros meses”, subliñou a alcaldesa.

“O noso empeño é desbloquear unha xestión que durante moito tempo quedou nunha sorte de limbo administrativo, e que dilatou o que este goberno considera unha prioridade: dar cumprimento a unha débeda institucional para coas persoas titulares destes inmobles”, continuou a rexedora.

O núcleo residencial de A Croa ten a súa orixe no ano 1992, na etapa de Goberno do PP no Concello, como un proxecto de construción de vivendas no marco dun plan para a erradicación do chabolismo. Nese ano asinouse o acordo de cooperación entre o Concello e o Instituto Galego de Vivenda e Solo para sacar adiante a iniciativa e, en 1995, concedeuse a licenza de construción. No 2008, o Concello solicitou a inscrición da parcela na que se sitúan os inmobles no Rexistro da Propiedade, e foi no ano 2016 cando se formalizou a inscrición dos mesmos no Rexistro, que este organismo remitiu á entidade local en xuño de 2017.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com