O Concello de Lugo nomeada Mellor Entidade Pública na xestión de proxectos deportivos

A Alcaldesa de Lugo e o edil de Deportes recollerán en Vigo o premio que a Sociedade Galega de Xestores Deportivos (Agaxede) outorga ao Concello de Lugo na categoría de Mellor entidade pública galega. Este galardón entrégase a municipios de máis de 15.000 habitantes ou outras institucións públicas “pola xestión de plans ou proxectos de actividades, espazos ou infraestruturas e calquera outro recurso que contribúa á mellora e desenvolvemento da deporte no ámbito territorial da súa competencia”.

O galardón vén de recoñecer o traballo que ven desenvolvendo o Goberno local ao longo dos últimos anos, “no relativo á promoción, desenvolvemento e difusión do Deporte como eixo vertebral do modelo de cidade. Impulsando a práctica do deporte como recreación, divertimento e complemento fundamental da formación integral durante todo o ano, tanto en períodos lectivos, como en fins de semana e épocas vacacionais”, incidiu a rexedora.

Lugo, pode presumir, apuntou o edil titular da área, de ser “a cidade galega que dispón de máis e mellores instalacións públicas para todo tipo de prácticas deportivas, o que é realmente importante para potenciar o deporte base”.

Entre os méritos, o xurado valorou a ampliación da dotación de espazos deportivos ao longo do municipio, así como a promoción da práctica deportiva como un instrumento para a adquisición de valores tales como a solidariedade, a colaboración, o diálogo, a tolerancia, a non discriminación, a igualdade entre sexos, a deportividade e o xogo limpo, promovendo a implicación e a activa participación das familias para o desenvolvemento das diferentes actividades, a través das asociacións ou clubes.

Así mesmo, se tiveron en conta os programas deportivos con gran impronta na poboación, como o popular circuíto de carreiras populares ‘Corre con Nós’ que, desde hai máis de 20 anos, saca á rúa a grandes e pequenos levando o deporte popular polos barrios de Lugo; os proxectos de formación e sensibilización dunha vida saudable para a poboación e o apoio aos clubs deportivos da cidade, incrementando anualmente as axudas económicas que se achegan coas subvencións municipais, e o apoio aos talentos deportivos que xorden cada ano para que poidan compaxinar estudos e adestramento.

A Asociación Galega de Xestión Deportiva (AGAXEDE), entre as súas actividades, convoca anualmente os Premios Galicia á Xestión Deportiva para distinguir a persoas e entidades que destacan pola súa contribución ao desenvolvemento e excelencia da xestión deportiva do sector público e privado en Galicia.

Os galardóns serán entregados ás 20.00 horas do venres, 4 de marzo, na sede de AFUNDACION de Vigo, no transcurso dunha Gala organizada polo Concello de Vigo co apoio de AGAXEDE (Asociación Galega de Xestión Deportiva).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com