O Concello defende habilitar a praia fluvial entre a pasarela da N-VI e o Caneiro do Valiño

O Concello defende habilitar a futura praia fluvial no Río Miño entre a pasarela da N-VI e o Caneiro do Valiño. Trátase do emprazamento “máis idóneo”, segundo o voceiro do Goberno local, Miguel Fernández; logo das medicións técnicas realizadas nos últimos días. Ditos informes determinaron que este lugar conta coa profundidade adecuada, non así outras como a da desembocadura do Rato, “de escasa profundidade”. Tamén foi descartada a zona das Illas, ao tratarse dun espazo protexido e outros emprazamentos por estar en zonas de dificil acceso.

Segundo Fernández, a zona do Caneiro do Valiño conta con facilidades como un parque infantil nas proximidades e mesmo se podería aproveitar o aparcadoiro do Pazo Universitario. “Os estudos demostran que hai suficiente profundidade e é unha zona dotacional, onde hai arborado, un parque infantil e a pasarela permitiría usar a explanada do Pazo como aparcadoiro”, explicou.

Críticas desde o PP

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, pídelle ao Goberno local que facilite copia dos informes técnicos en relación ás posibilidades de ubicación da praia fluvial.

A este respecto, apunta que “os estudos dos expertos avalan a proposta que tantas veces temos trasladado dende o noso grupo político”, en referencia á alternativa de que a zona de baño se localice fronte ao Pazo Universitario no entorno da pasarela de Afonso X. “Temos dito moitas veces que o noso proxecto era ubicar nese entorno a dotación, apoiándonos en moitos argumentos, sobradamente coñecidos, como a existencia dunha importante zona de aparcamento nas inmediacións e dunha pasarela sobre a N-VI para a conexión coa cidade”, destaca Jaime Castiñeira.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com