O Concello detecta e actúa contra novos durmideiros de estorniños na cidade grazas á colaboración cidadá

A colaboración cidadá permitiu detectar novos durmideiros de estorniños en Lugo.

As comunicacións realizadas pola veciñanza ao respecto, a través das canles habilitadas – App Liña Verde e 010 entre outras – alertando da súa proliferación en localizacións moi concretas da capital, posibilitou o descubrimento de novos asentamentos dos que, ata a data, non se tiña constancia.

É o caso das rúas Betanzos, Río Támega, Ángelo Colocci e o Ceip Luis Pimentel onde, este mes de xaneiro, grupos de entre 1.000 e 2.000 exemplares se acubillaron nun intento de burlar os labores de escorrentamento para quedarse na cidade. Colonias que foron neutralizadas cun traballo intensivo posto en marcha dende a área de Medio Ambiente co fin – como sinala o seu edil – de “diminuír os prexuízos que a súa presenza ocasiona cando esta é masiva”.

Álvaro Santos quixo agradecer a implicación das e dos lucenses, que instou a manter, ao trasladar este tipo de avisos, “xa que nos permitiu poder actuar con inmediatez para atallar a problemática” e explicou que nos últimos días se realizaron 7 xornadas ininterrompidas de control nas que os técnicos especialistas utilizaron un sistema de sons de alarma, fixos e móbiles, voos de intimidación de aves rapaces adestradas e outras técnicas complementarias, co fin de espantar e propiciar o desprazamento dos chirlomirlos.

O concelleiro deu conta igualmente de que, na actualidade, a poboación de estúrnidos en Lugo é de 1.300 exemplares que se concentran en ao redor de 26 enclaves catalogados, fundamentalmente zonas axardinadas que os paxaros utilizan como lugar de descanso nocturno.

“Son valores poboacionais, segundo nos indica a empresa concesionaria que se encarga deste cometido, moi similares, ou mesmo menores, que os habituais no concello no momento do ano en que nos atopamos xa que cómpre subliñar que entre os meses de decembro e xaneiro é o momento no que se adoita producir o pico invernal cando se pode chegar até os 21.000 espécimes”, abondou Santos Ramos.

A presenza masiva dos estorniños nas nosas latitudes vén motivada polos seus movementos migratorios naturais, logo da época reprodutora, e modulada tamén por factores climatolóxicos. A súa concentración en zonas urbanas obedece ás condicións que estas contornas ofrecen, con temperaturas máis altas, ausencia case total de depredadores e a existencia de amplos espazos arborizados que manteñen a súa cobertura vexetal ao longo de todo o ano.

Xa para rematar, Santos Ramos avanzou que se traballa coa previsión de que a situación se normalice entre febreiro e marzo, “aínda que as actuacións de vixilancia continuarán até abril debido á posibilidade dun reagrupamento destas aves previo á migración cara os seus lugares de cría no centro e norte de Europa”, concluíu.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Oscar Poy Franco
    Feb 09, 2021 - 08:43 AM

    Traducción: La cacareada gran estrategia de don @alvaro_santos_r para controlar zonas fijas es igual… https://t.co/6yyFxqFtAF

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com