" />

O Concello presenta a programación de actividades para o verán

O Concello de Lugo ofrece un verán cheo de actividades culturais, deportivas e delecer medioambiental, segundo informou este xoves a concelleira Carmen Basadre. A programación, dirixida a todos os públicos, arrancou esta mesma semana e  desenvolveranse ata finais de setembro.

Durante o mes de xullo, o servizo de prevención de drogodependencias organiza dous cursos: un de microespazos audiovisuais, de luns a venres, do 1 ao 21 de xullo, dende as 10:00 ás 14:00 horas, e outro de operacións básicas de manexo de ordenadores e móbiles, do 6 ao 28 de xullo, nese mesmo horario. Estas actividades formativas impártense na Casa de Xuventude, lugar que tamén acolle a celebración de obradoiros creativos de modelado con pasta sculpey, de fofuchas e deseños con goma eva, de serpentina, figuras e obxectos con papel, e de scrapbooking, do 1 ao 15 e do 17 ao 31 de xullo.

O programa +xTi ofrece no Castiñeiro traballos manuais creativos e retos científicos, en horario de 19:00 a 20:30 horas o 7, 8, 9, 14, 15, 16, 28, 29 e 30 de xullo. Entre as actividades elaborarán tarxetas de felicitación, realizarán marionetas articuladas e aprenderán como traballa o muíño de vento.

A equitación tamén terá un oco neste. Todos os martes e xoves, de 12:00 a 13:00 e de 19:00 a 20:00 horas, nas instalacións de Hípica Equs Cavalleti, terán lugar clases de iniciación á equitación, dirixidas a rapaces de 10 a 18 anos. A primeira das excursións terá lugar este domingo, 5 de xullo. Será unha andaina guiada pola Ruta dos Bestilleiros de Romeán a Adai, de 10 quilómetros de distancia, que partirá da porta de Bispo Aguirre e terá lugar de 10:30 a 19:00 horas.

O sábado, 11 de xullo, os terreos municipais anexos á Casa da Xuventude acollerán unha xornada de paintball para a mocidade dende a mañá á tarde. O domingo, 12 de xullo, de 09:00 a 20:00 horas, celebrarase o 15º Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre “Cidade de Lugo”. A Praza Maior e o casco histórico encheranse de pinceis con esta actividade, que reparte máis de 4.500 euros en premios.

O xoves, 16 de xullo, a partires das 21:00 horas, a Praza de Augas Férreas soará a ritmo de jazz co concerto de David Regueiro Swingtet, enmarcado dentro do programa Cultura no Camiño.

A Ruta dos Ríos de Lugo será a seguinte actividade. Esta andaina, de 16 quilómetros, terá lugar o domingo, 19 de xullo, de 10:30 a 19:00 horas. Os participantes recorrerán O Piago, a insua de Seivane, a ribeira alta do Miño, o río Mera e o monte Segade. A  excursión contempla un xantar de campo.

Un periplo urbano polos cruceiros da cidade e tamén por algúns da zona rural de Lugo, é a actividade fixada para o domingo, 26 de xullo. A Ruta dos Cruceiros desenvolverase de 10:30 a 19:00 horas e contará cunha charla informativa de Fernando Arrivas, historiador especializado en cruceiros. Ao igual que a Ruta dos Ríos, esta andaina tamén contempla un xantar de campo, onde cada participante levará comida e bebidas propias.

A programación de agosto comezará coa coñecida Ruta das Insuas do Miño (Rábade e Outeiro de Rei) e a visita á Lagoa de Cospeito. Serán 11 quilómetros de andaina, que terán lugar o domingo, 2 de agosto, de 10:30 a 19:00 horas. O domingo, 9 de agosto, neste mesmo horario, os participantes coñecerán, a través dunha ruta de 7 quilómetros, a arquitectura e a identidade territorial de Rábade e Pena de Rodas.

O 16 de agosto será un día musical. A orquestra Os Modernos actuará ás 13:00 horas no entorno da Capela de San Bartolomeu do Burgo e ás 20:00 horas será a quenda de Cé Orquestra Pantasma, que ofrecerá un concerto de música popular no barrio da Ponte. Estes espectáculos tamén están enmarcados no programa Cultura no Camiño.

Unha ruta de 12 quilómetros polo Corgo, Guimarás, a lagoa de Gomeán, O Val, a ponte de Aldegunde, Santalla do Alto e Vigo, así como unha andaina de 10 quilómetros polos muíños do río Mera, o monte Segade, Lugo e Orbazai serán as actividades do domingo 23 e 30 de agosto, respectivamente.

O broche de ouro a este mes pono o dúo Comisa Bal, que co son do violín e do acordeón alegrarán a aula da natureza do Veral.

As actividades do mes de agosto, enmarcadas no programa +xTi desenvolveranse os días 4, 5, 6, 18, 19, 20, 25, 26 e 27. Na programación contémplase a elaboración de marcapáxinas e de punto de cruz, así como a creación de ilusións ópticas 3D.

O mes de setembro arrincará a ritmo dos Festicultores Troupe. O venres día 4, a partires das 19:00 horas, “os máis experimentados cultivadores de festas de Galicia”, como eles se definen, mesturarán humor e música festeira polas rúas do recinto histórico de Lugo.

O domingo 6, 13, 20 e 27 de setembro, de 10:30 a 19:00 horas, terán lugar catro excursións: un percorrido de 17 quilómetros á beira do río Miño dende Sisoi ata Ombreiro, unha andaina de 5 quilómetros por Nadela e O Corgo, unha ruta de 14 quilómetros polos ríos Parga e Ladra, nos Concellos de Guitiriz e Begonte; e unha percorrido de 15 quilómetros polo coñecido Monte Máxico (Rábade, Penas de Castro e Penas de Rodas), respectivamente.

O martes, mércores e xoves, 1, 2 e 3 de setembro, o programa +xTi organiza actividades de creación de pinzas con mensaxe, o estudo do volcán químico e a realización dun tambor chinés. As persoas interesadas poden obter máis información a través do teléfono de atención cidadá 010.

Xunto a esta serie de actividades, tamén están programadas para os meses de xullo e agosto excursións ás praias subvencionadas polo Concello para que persoas que non teñen a oportunidade de viaxar á costa o poidan facer dunha maneira máis económica. Están previstas viaxes a Ribadeo, Betanzos e Ferrol, Cariño, Viveiro e Foz. A inscrición nas excursións, cun prezo de 4,12 euros, poderá facerse ata o 7 de xullo no Centro de Convivencia de Fingoi, de 10.00 a 13.00 horas.

Doutra banda, a concelleira sinalou que están en marcha os preparativos das festas de San Froilán. Está previsto que os pregos que rexerán a adxudicación das casetas do polbo se aproben na vindeira Xunta de Goberno, sinalou Basadre, quen asegurou que nesta edición volverá a celebrarse Gastroarte, no mesmo lugar e formato. Tamén se introducirán novidades, como un espazo xunto ao Vello Cárcere dedicado a diversas disciplinas artísticas, como pintura, música ou literatura.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo