" />

O Concello presenta a programación do Lvcvs Cvltvral

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este vernes no Salón de Plenos a nova programación aberta e gratuíta previa ao Arde Lvcvs, o Lvcvs Cvltvral. Trátase de medio cento de actividades que terán lugar dende o 7 de abril ao 19 de xuño, que contemplan cine, encontros de moda, rutas, xogos romanos, peregrinacións, teatro, degustacións, obradoiros e conferencias, entre outros.

Durante a presentación Basadre deu a coñecer as novidades desta nova edición do Lvcvs Cvltvral, a Ruta Vía XX desde Conturiz á Ponte Romana, a busca do tesouro polos tres Patrimonios da Humanidade de Lugo, o Haspartum -un xogo de pelota-, unha peregrinación polo Camiño Primitivo,  teatro nas escaleiras da Praza de Santa María, obradoiros de olaría no museo Porta Miñá, unha viaxe polo Arde Lvcvs así como novas rutas de xeoloxía e novas rutas polas Termas Romanas.

O Lugo máis romano e máis cultural

O Lvcvs Cvltvral arrincará co ciclo de cine arqueolóxico no Museo Interactivo da Historia de Lugo, os días 7, 21 e 28 de abril, ás 21:00 horas. Esta programación tamén acollerá o III Encontro de moda, vestimenta, artesanía e produtos da época romana, dende o 15 ao 17 de abril, co que colabora a asociación Lugo Monumental, e polo que desfilarán as tropas da Cohors III Lucensium, Senatus, Vestais de Lucus Augusti, Caetra Lucensium, Trebas Galaicas, Guardia Pretoriana e Salesiani Luci Augusti.

Segundo anunciou Carmen Basadre, nesta edición terán lugar varias rutas, unha dende Conturiz á Ponte Romana o 23 de abril, ás 11:00 horas dende diante do Hotel Torre de Núñez, outra polo Camiño Primitivo, o 13 de maio, ás 16:00 horas dende a Porta de San Pedro, polo acueducto e As Termas, os días 14 e 21 de maio, con saída dende o Centro de Interpretación da Muralla; polo Arde Lucus, o 28 de maio, dende o Miliario lucense e polo Lugo romano, o 4 de xuño, ás 17:30 dende o Parque de Rosalía de Castro. A programación tamén inclúe unha busca do tesouro polos tres Patrimonios da Humanidade da cidade, o 30 de abril, a partir das 10:00 horas.

Enmarcado dentro da programción do Lvcvs Cvltvral atópase o Haspartum, un xogo de pelota que practicaban as lexións de Roma, na Praza Maior, o 30 de abril, ás 17:00 horas, os II Xogos Romanos de Taboleiro das Cidades Augústeas da Gallaecia nos Colexios, obradoiros de cociña no Mercado Municipal o 6 e 7 de maio, teatro nas escaleiras da praza de Santa María o 16 de maio, ás 20:30 horas, degustación e venda de pan romano a cargo da Asociación de Panadeiros e Panadeiras, e un obradoiro de olería no museo de Porta Miñá, do 14 ao 21 de maio.

Visitas aos museos para os colexios, conferencias na Casa do Saber, un concurso de escaparates de temática romana, obradoiros nas prazas da Milagrosa, Castiñeiro, Montirón, Sagrado Corazón, Fonte dos Ranchos, na Praza de Augas Férreas, na Ponte Romana, na praza Viana do Castelo e en Campo Castelo son outras das actividades do Lvcvs Cvltvral do 2016.

Para aqueles veciños e veciñas que queiran preparar a súa vestimenta para esta festa de recreación histórica, poderán facelo nos obradoiros da Casa da Xuventude, todos os mércores de 18:00 a 21:00 horas e sábados, de 11:00 a 14:00 horas.

Máis información en www.lugo.gal, no teléfono de atención cidadá 010 e nas redes sociais oficias do Arde Lvcvs.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo