" />
Antonio Ameijide Antonio Ameijide

O GMPP afirma que a Universidade de Vigo sitúa o transporte urbano de Lugo entre os peores de Galicia

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular Antonio Ameijide afirma que a Universidade de Vigo sitúa o transporte público urbano de Lugo entre os peores de toda Galicia dacordo con varios dos ítems que analizou o grupo de investigación GEN e que foi presentado onte baixo o título Informe sobre o transporte público urbano en Galicia.

Nesta liña, Ameijide destaca que “temos os autobuses urbanos menos competitivos, fundamentalmente por tres razóns: son os que contan con menos usuarios por quilómetro percorrido, dos que cobren menos superficie municipal malia a que Lugo é a cidade de maior extensión de todas as galegas e tamén o que lle resulta máis caro ás arcas municipais”.

Deste xeito, o popular asegura que na ratio entre viaxeiros e quilómetros percorridos en 2014 (ano de referencia para todos os valores analizados), o de Lugo sitúase como “o menos rendible con moita diferenza”, posto que o nivel de ocupación en Lugo é de 1,5 usuarios por quilómetro, “por debaixo da metade da media galega”, que chega aos 3,3 viaxeiros; “e moi lonxe de A Coruña, con 4,2; ou Vigo, con 3,7.

Para Antonio Ameijide, este dato é “revelador” por canto pon de manifesto que “non se considera unha alternativa de desprazamento por parte da sociedade lucense”. Este mesmo estudo tamén reflicte que o de Lugo é o transporte urbano que menos distancia municipal cobre, “só por diante de Ferrol”, dado que en 2014 os autobuses da capital lucense fixeron 1,4 millóns de quilómetros, o que representa a metade de urbes como Santiago (2,8 millóns) ou Ourense (2,6 millóns).

Para o edil popular esta situación demostra que non se están a facer ben as cousas por parte do goberno municipal, e isto incide en que sendo o transporte que menos distancia percorre é o máis caro, en comparanza con outras cidades semellantes a Lugo.

Así mesmo, para o popular tamén resulta chamativo que, dacordo con este informe, Lugo fracase ademais no número de usuarios dos autobuses urbanos, dado que na capital lucense empregan este sistema pouco máis de 2,1 millóns de persoas, fronte aos 7,7 millóns de Ourense ou os 7,2 millóns de Santiago, “dúas cidades cun perfil poboacional moi similar pero nas que o transporte público si é concibido como unha alternativa polos seus veciños, como revelan estas estatísticas”.

Ante este informe, “totalmente independente e feito co rigor que se caracteriza a un grupo universitario”, o popular considera que “vén a ratificar o que tantos lucenses pensan e o que tantas veces dixemos dende o Grupo Municipal do Partido Popular: que urxe unha reforma integral do sistema do transporte público.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo