O GMPP agradece a Fomento “o desbloqueo” dos accesos da nova ponte

O voceiro popular Jaime Castiñeira agradeceu esta mañá en rolda de prensa ao Ministerio de Fomento “o desbloqueo” dos accesos da nova ponte logo de que hai uns días o departamento de Ana Pastor remitise ao Concello os planos relativos a esta intervención, que conta cun orzamento estimado duns catro millóns de euros.

Tal e como explicou durante a súa comparecencia, a proposta que vén de trasladar o Ministerio de Fomento inclúe tres actuacións, xa que ademais do vial de conexión da nova ponte coa rúa Santiago, a través da Volta da Viña, tamén prevé a conversión en glorieta da intersección existente entre a N-VI e a rúa Alfonso X O Sabio, “unha solución aos problemas de conxestión de tráfico que se rexistra neste punto e do que en tantas ocasións temos advertido”, agregou o popular.

Asemade, o proxecto tamén contempla a ampliación nun carril da calzada desta estrada N-VI en sentido Madrid, no treito comprendido entre a nova ponte e a citada nova glorieta á altura de Alfonso X O Sabio. Á vista da entrada desta documentación, Castiñeira instou ao Concello de Lugo á dar “á maior brevidade posible” a súa conformidade e aprobación co obxectivo de que “canto antes” se poida comezar a traballar nesta infraestrutura.

Nesa liña, o voceiro popular subliñou que “depende da axilidade do goberno municipal o feito de que poidamos ter unha triple mellora no ámbito do tráfico e a mobilidade”, polo que pediu aos socialistas que “non boicoteen esta iniciativa, aínda que sempre se opuxeron a ela, e que lle dean a maior axilidade”.

Polo demais, o voceiro popular destacou que “o proxecto elaborado polo Ministerio de Fomento demostra que existía unha alternativa clara é viable á vontade decidida do PSOE lugués, que era realizar esta conexión atravesando o parque Marcos Cela, tal como era a pretensión do ex Ministro de Fomento, José Blanco, do ex alcalde, José López Orozco, e do ex concelleiro de Urbanismo, José Ramón Gómez Besteiro”.

Nese senso, o popular lembrou que o propio López Orozco, apuntara que a súa intención era facer este enlace a través do parque Marcos Cela para conectalo directamente con Pintor Corredoira. “Ata que chegou o PP ao goberno central, non se aparcou definitivamente ese proxecto”, indicou o popular.

Por último, Jaime Castiñeira puxo en valor que o departamento de Ana Pastor teña atendido “a vontade maioritaria da corporación” xa que na súa proposta recollen as solucións que o PP de Lugo trasladou ao pleno municipal de abril de 2011, na que ademais se reiteraban acordos previos,  tamén a instancias deste partido, en maio de 2010 e xuño de 2009.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com