Antonio Ameijide Antonio Ameijide

O GMPP critica “o bloqueo” de numerosos investimentos municipais

O concelleiro do GMPP Antonio Ameijide criticou hoxe “o total bloqueo” de numerosos investimentos municipais, que atribúe “á parálise e á desgana dun goberno local, provocada, entre outras razóns, porque Lugo ten unha alcaldesa que non o quería ser”.

Ameijide afirma que “unha das obras paradigmáticas” desta situación é a do saneamento de Monte Adairo e Pía Páxaro, nas Gándaras, “unha intervención moi sinxela que debería durar un máximo de tres meses pero que en realidade, leva máis dun ano iniciada e agora máis dun mes completamente paralizada, sen ningún operario que se ocupe delas”.

Nesa liña, o responsable de Infraestruturas do GMPP acusa aos socialistas “non só de estar a cuadriplicar o prazo previsto senón tamén de causar moitas molestias aos veciños,  xa que neste momento provoca serias dificultades para transitar en cadeira de rodas, cunha cadeira para bebés e mesmo tamén para a circulación dos vehículos; e incluso afecta aos residentes de rúas adxacentes como Bolboreta”.

“Estamos falando de que unha intervención á que apenas lle poden quedar uns días de traballo leva xerando queixas que eran perfectamente evitables dende hai meses”, resume o popular, para quen “os veciños pasaron de ter unha rúa a ter un completo barrizal”, ao tempo que indica que está pendente de certificar o 25,76% da obra (uns 21.500 euros).

Ante esta situación, Ameijide reclama ao goberno local “que inmediatamente envíe á brigada municipal para rematar unha obra que debería estar finalizada dende hai moitos meses e que tantas molestias e queixas está provocando na que, ademais, é unha das rúas principais de As Gándaras”. Deste xeito, os populares solicitan que “se busque solución o antes posible”, unha vez que se acordou rescindir o contrato, tras dúas recomendacións –o 1 de xullo e o 3 de agosto- dos técnicos (a primeira delas desatendida polo goberno, que preferiu por terceira vez o prazo de execución das obras), á empresa que se ocupaba destes traballos.

“Pero o certo é que neste mes e medio non se avanzou absolutamente nada”, incide Ameijide, ao tempo que acusa aos socialistas de “excesiva permisividade” coa empresa adxudicataria, “porque esta firma asturiana leva meses facendo todo o posible para a resolución do contrato” ao incumprir o prazo de execución, a obstrución e falta de colaboración da administración e o impago a provedores”, con débedas que ascenden a 7.500 euros e das que o Concello é coñecedor”.

Por outra banda, o popular insiste en que “o goberno local é o único responsable da baixísima execución das obras aprobadas por PP e PSOE en xuño de 2014 para destinar remanentes de tesourería derivados dos investimentos que os socialistas deixaron de realizar anos precedentes”.

Por último, afirma que “tamén o grao de execución dos orzamentos de 2015 demostran esa parálise e esa tendencia manifesta á inacción”, xa que, segundo lembra, durante os primeiros seis meses deste ano só se acadou a cifra de 1,9 millóns de euros de obrigas recoñecidas netas sobre un total previsto de 23,4 millóns de euros, o que supón un “exiguo 8,25%”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com