O GMPP pide ao goberno campañas de control de microchip dos animais para evitar abandonos

A concelleira popular Ana López Pombo reclamou esta mañá en rolda de prensa ao goberno municipal que adopte unha batería de medidas para combater o abandono de animais en Lugo.

En primeiro lugar, a edil propuxo que a Policía Local realice campañas de control do obrigatorio microchip dos cans, xa que “é unha das maneiras para desincentivar que as mascotas se deixen tiradas, dado que ese dispositivo permite coñecer a identidade do seu propietario”.

López Pombo tamén suxiriu aos socialistas que promovan campañas de castración, en colaboración coas clínicas e hospitais veterinarios da cidade, debido a que “neste momento un dos maiores problemas é a existencia de grandes camadas que rematan abandonadas”. “O importante é que o Concello de Lugo fomente esta alternativa, incluso estudando a posibilidade de asumir parte do custe da operación cun convenio con eses centros médicos”, indicou a popular.

En terceiro lugar, López Pombo instou aos socialistas a colaborar coas residencias caninas do municipio mediante a bonificación dos prezos para diminuír os abandonos de mascotas nas etapas anteriores ás vacacións. Segundo explicou, “trátase de favorecer que os veciños do municipio poidan recorrer a elas durante os seus períodos vacacionais e, deste xeito, contribuír a concienciar que existen moitas alternativas e posibilidades antes do abandono, que nunca é unha alternativa nin moito menos ningunha solución”.

Ademais, propuxo que o Concello de Lugo promova a creación de residencias deste tipo, facilitando e axilizando as súas tramitacións e estudando a posibilidade de bonificalas, de xeito que “ademais de contribuír a evitar abandonos animais se poida estimular a creación de emprego”.

A edil popular instou ao goberno municipal á realización de campañas de concienciación para mentalizar aos veciños de Lugo da tenza responsable de animais, xa que “estamos diante dunha cuestión fundamentalmente de educación e que só se pode combater coa ferramenta da concienciación e a sensibilización”. López Pombo indicou que no marco destas campañas se debe concienciar aos lucenses “de todo canto nos aportan estes animais e de que non se poden abandonar, e moito menos cunha disculpa tan fácil como é a das vacacións”.

“Estamos a falar de seres vivos e non de mobles que se poidan deixar apartados porque estamos fóra uns días”, sinalou a edil popular, ao tempo que tamén reclamou “maior control e vixiancia sobre os criadores de animais, posto que a maioría deles son ilegais, algo que se pode comprobar con algo tan sinxelo como reclamarlles unha factura logo dunha adquisición”.

Por último, a concelleira popular animou ao equipo de goberno a continuar apoiando a actividade da Sociedade Protectora de Animais de Lugo e alertou de que “se esta entidade deixa de funcionar ou perde parte das súas capacidades, estaremos diante dun problema de saúde pública para Lugo”. “Se os animais quedan sen recoller, que ninguén dubide de que estaremos deixando sen protección a animais e persoas por igual”, concluíu López.

(Fotografía: Jesús Silvosa)

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com