O Goberno da Deputación impulsa o turismo na ponte coas festas da Troita, Filloa, Tenreira e do Queixo da Ulloa

O Goberno da Deputación impulsa o turismo durante a ponte do primeiro de maio, colaborando coas festas da Troita da Pontenova, da Filloa de Muimenta, da Tenreira de Láncara e do Queixo da Ulloa.

O Executivo Provincial achega 9.000 euros ás citas da Pontenova, Láncara e Cospeito (3.000 para cada unha delas), mentres que o Concello de Monterroso poderá destinar ata 6.000 euros do Plan Único.

Dende hoxe sábado, 29 de abril, e ata o luns, 1 de maio; terá lugar a XIX edición da Feira Degustación da Tenreira Galega, que se celebrará no Campo da Feira da Pobra de San Xiao, no Concello de Láncara. O Goberno da Deputación é a única administración, xunto co Concello, que colabora co municipio lancarés na celebración desta cita gastronómica a través do Plan Único, do que o municipio decidiu destinar 3.000 euros.

Ademais o organismo provincial, doa unha tenreira a través da Granxa Gayoso Castro para sortear entre os asistentes e sufraga parte da actuación do grupo Xílgaros de Lugo co Musiqueando. Durante a celebración, degustaranse máis de 1.500 quilos de tenreira galega que se servirán ao caldeiro ou á grela, a 13 euros por ración, acompañadas de queixos feitos con leite do municipio, pan e bebidas.

Tamén os tres días da ponte do traballo,  A Pontenova será o escenario da XXXIX Festa da Troita. O Goberno da Deputación colabora co municipio na celebración desta cita gastronómica a través do Plan Único, do que o Concello decidiu destinar 3.000 euros. O evento, declarado Festa de Interese Turístico Galego e Interese Turístico Deportivo  Nacional, reunirá ao longo dos tres días milleiros de persoas que poderán gozar dunha ampla programación, coa degustación de troitas nas casetas, acompañadas con pan e viño, a un prezo de 5 euros. “Esta cita é un obrigado encontro gastronómico á par que un evento deportivo de repercusión nacional, posto que xa está confirmada a participación de 120 pescadores nos diferentes concursos”, explicou Darío Campos na súa presentación.

Feira do Queixo da Ulloa, que conmemora este ano as súas vodas de prata, celébrase hoxe e mañá no concello de Monterroso, co que colabora o de Palas de Rei. A Deputación achegou na pasada anualidade 3.000 euros a esta cita gastronómica. Este ano, son os propios Concellos quen pode realizar unha aportación económica de ata 6.000 euros a través do Plan Único da Deputación.

Para rematar a oferta gastronómica da provincia durante esta ponte, o vindeiro luns día 1, o municipio de Cospeito en Muimenta acollerá a XXVI edición da Festa da Filloa, no recinto feiral Manuel Vila López. O Executivo Provincial colabora cunha achega económica de 3.000 euros con esta cita gastronómica que organiza a comisión MOEXMU, composta por empresarios de Muimenta.

Esta festa, declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2008, reúne a máis de 50 filloeiras, coas que se poderán degustar máis de 17.000 filloas, que se servirán a 3 euros a ración, ademais de churrasco, pan e bebidas. A programación do evento inclúe actuacións de grupos de baile e música; exhibicións de xogos tradicionais; obradoiros de construcións de xoguetes e instrumentos musicais; a entrega de premios da XVIII edición do Concurso de relato e de debuxo da filloa, que conta con máis de 150 traballos presentados.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com