O Goberno da Deputación revogará os acordos plenarios rexeitados onte polo PP e Martínez

O Vicepresidente e voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, xunto aos Deputados de Cultura e Deportes, Pilar García Porto e Pablo Rivera Capón, respectivamente, adiantou este mércores que o Executivo Provincial iniciou a revogación dos acordos plenarios contrarios ao pago do Premio Otero Pedrayo e da subvención de 100.000 euros ao Club Kayak de Foz para o proxecto de construción dun novo hangar de piraguas.

Santos Ramos explicou que deste xeito “tentamos arranxar a desfeita do Partido Popular, que onte votou en contra de todas as propostas feitas ao Pleno polo capricho e obsesión de Elena Candia, atacada polo síndrome presidencialista, por que este Goberno non poida cumprir os seus retos para a provincia. Candia demostrou, unha vez máis, que non pensa nos veciños e que non quere nada para esta provincia. Os seus únicos obxectivos son que o Executivo da Deputación non poida sacar nada adiante e exhibir unha maioría que de nada beneficia aos veciños”.

O pago de 2.000 euros a Arcadio José María López Casanova, gañador do Premio Otero Pedrayo e de 100.000 euros ao Club Kayak de Foz son os únicos asuntos rexeitados onte no Pleno para os que hai unha solución administrativa ao tratárense de propostas do Goberno da Deputación. Esta pasa por un proceso de revogación, que hoxe mesmo iniciaron os Deputados de Cultura e Deportes, como responsables dos departamentos que tramitan as propostas. Logo deben ir de novo ao Pleno. Santos Ramos apuntou que a intención do Executivo Provincial é que isto se fixese de xeito inmediato a través dun Pleno Extraordinario, no que “dar unha segunda oportunidade ao PP para sacar adiante estas dúas propostas”. Con todo, esta sesión non se pode convocar porque só debe existir unha sesión de carácter extraordinario, que onte xa solicitou formalmente o PP.

“En caso de que quixese que as propostas ao Pleno de onte fosen aprobadas, Candia e os seus compañeiros do PP puideron terse abstido. Tamén puideron presentar a súa moción de novo por urxencia, porque neste caso si habería debate, se este fose o problema; ou solicitar un Pleno Extraordinario con este punto como único na orde do día. Pero non quixo optar por ningunha destas posibilidades porque non quería apoiar as propostas do Pleno. E agora pide un Pleno Extraordinario, que por riba está mal solicitado, e que nada resolve, pois xa hai acordos Plenarios sobre propostas políticas adoptados, como a modernización dos servizos ferroviarios, o Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando ou a mellora salarial dos bombeiros do Consorcio. No Pleno da Deputación xa quedou manifestado o voto de cada grupo político. Candia agora con esta convocatoria de Pleno Extraordinario só pretende enganar aos afectados”, apuntou.

Resposta do PP

A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, esíxelle ao presidente da institución que asuma as rendas da institución “dunha vez por todas” e non siga vendido a un sector besteirista que volve ensinar a pezoña cada vez que hai que conculcar os dereitos dos veciños e veciñas da provincia.

“Queren pasar por alto que onte conculcaron os dereitos máis básicos deste grupo ao prohibir que se sometera a debate e a votación a moción relativa á construción de tres residencias para esta provincia, un atropelo ao funcionamento da institución e unha falta de respecto absoluto a este grupo e a todos os veciños e veciñas”, explica.

Elena Candia explica que o seu partido garantirá que os acordos que onte se sometían a votación volvan ao Pleno, unha sesión que se vai celebrar e que “vai velar, de novo, porque Darío Campos non siga apartándose do acordo que fixo posible que a institución conte co Orzamentos este ano, posible grazas ao traballo e á insistencia do Grupo Provincial do PP e pese á obsesión dos besteiristas porque non se cumpra”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com