O GPPP demanda á Xunta que axilice os procesos para a corta de madeira

O voceiro de Montes do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, presentou esta mañá unha iniciativa parlamentaria a través do que o PPdeG demanda á Xunta que estude o xeito de simplificar e axilizar o sistema actual de autorizacións e permisos para a corta de madeira nos montes galegos.

O Grupo Popular pedirá no Parlamento de Galicia que o Goberno autonómico leve a cabo cantas medidas se establezan nese estudo para afondar na coordinación entre os distintos departamentos da administración, xa sexa autonómica ou estatal, con competencias no ámbito forestal.

Balseiro manifestou que axilizar todo este proceso sería unha medida moi positiva para favorecer “un mellor e un maior” aproveitamento madeireiro dos montes galegos, pero tamén para facerse eco dunha demanda recorrente dos propietarios forestais e das propias empresas do sector que, dun xeito construtivo, veñen realizando esta demanda.

O voceiro popular lembra que ata o de agora é preciso superar un proceso burocrático en moitos casos farragoso que responde “á natureza territorial complexa do monte galego”. Na superficie forestal se solapan competencias de moi diversas administracións, intereses distintos en función do aproveitamento que se trate ou, incluso, a necesidade de protexer recursos ambientais, hidrolóxicos ou culturais.

“A xestión forestal convive cos máis diversos aproveitamentos agro-gandeiros, mineiros, enerxéticos. Hai tamén intereses económicos, ambientais e culturais relevantes. Os montes desempeñan un papel esencial na protección dos sistemas hidrolóxicos: ríos, regatos, acuíferos, e acollen numerosas e senlleiras mostras do noso patrimonio arqueolóxico ou cultural. Todo isto se materializa na necesidade de solicitar múltiples permisos e autorizacións”, explicou Balseiro.

O Grupo Popular de Galicia considera unha necesidade analizar como simplificar todo este “entramado burocrático complexo”, buscando fórmulas, mecanismos legais, xurídicos, burocráticos para que, coas máximas garantías económicas, administrativas, de respecto ambiental, dea como resultado a axilización práctica os trámites de corta.

Balseiro lembrou que Galicia é a primeira potencia forestal de España. De feito, calcúlase que hai 672.000 propietarios forestais na Comunidade galega, que promoven cada ano entorno a 117.000 expedientes de cortas en montes particulares.

Ademais, as estatísticas demostran que unha de cada dez familias recibiron ingresos procedentes de corta no monte cifras que dan imaxe da capacidade de xeración económica, e do sustento social do sector forestal en Galicia. “As cortas dos propietarios particulares, sen ser, polo xeral, a súa actividade económica principal, xogan un papel básico de aforro das economías familiares de moitas áreas de Galicia”, lembro Balseiro.

Dentro da Comunidade galega, Lugo é a provincia con maior superficie forestal arborada, con 488.681 hectáreas, o 34,31 por cento do total, motivo polo que o Grupo Popular escolleu esta provincia para presentar unha iniciativa de ámbito autonómico.

En Lugo moi en particular, nos últimos anos as cortas de madeira de eucalipto situáronse establemente por riba do 50 por cento do total de aproveitamentos de uso industrial.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com