" />
Antonio Ameijide Antonio Ameijide

O Grupo Municipal do Partido Popular critica que as multas en zona ORA se duplicasen en 2014

O concelleiro popular Antonio Ameijide criticou esta mañá en rolda de prensa que as multas impostas na zona ORA polos controladores de Vendex se duplicasen en 2014, en comparación ás cifras do 2013.

En concreto, ao longo do ano pasado impuxéronse nas rúas lucenses con zona azul case 3.000 sancións (2.988), o que supón máis do dobre que as de 2013, cando os controladores multaron en 1.440 ocasións. “Non se trata só do número de multas, senón evidentemente da coacción á que se ven sometidos os lucenses e das ganancias económicas que leva aparellado”, subliñou Ameijide, quen expuxo que, fronte aos 65.665 euros que se recadaron en 2013, a razón duns 5.472 euros mensuais, en 2014 a cifra tamén se duplicou ao chegar aos 125.610 euros en todo ano e a uns 10.467 euros mensuais.

Segundo explicou o popular, “non só o goberno municipal lle consinte a esta empresa, que leva co contrato anulado pola xustiza dende maio de 2011, recadar en torno a un millón de euros ao ano “senón que ademais a incita a sancionar de xeito indiscriminado”.

En opinión de Ameijide, “o que está claro é que estas estatísticas poñen de manifesto o absoluto afán recadatorio e a persecución da que están a ser vítimas os lucenses”, polo que “non é de estrañar que a ORA se atope entre as cuestións que máis queixas xeran entre os veciños do municipio”.

“E se chegamos a este punto é pola complicidade do goberno municipal, que nin atalla a situación alegal na que se atopa Vendex nin dá unhas instrucións claras menos abusivas aos controladores, cun código de boas prácticas, como se comprometera López Orozco”, incidiu o popular, quen criticou que “o único código que implantou foi a da sanción e a persecución implacable aos lucenses”.

Para o popular, “é evidente que se produciu unha escalada na presión de Vendex, eixe da trama Pokemon, como reflicten os datos das sancións”. Así, fronte ás catro interpostas en 2010 (primeiro ano completo no que prestou servizo esta empresa), en 2011 foron 337 sancións, en 2012 a cifra ascendeu a 1.281, fronte ás 1.440 de 2013 e ás 2.988 do 2014.

“Polo tanto, existe unha progresión clara que, de continuar a tendencia actual, tamén se manterá este ano”, apuntou, dado que nos primeiros dous meses de 2015 (os últimos datos que lle facilitou o goberno ao GMPP) se aumentaron as estatísticas de 2014: das 104 sancións de xaneiro de 2014 ás 137 do mesmo mes de 2015; e das 206 ás 210 multas en febreiro.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo