O Grupo Provincial do PP sopesa aprobar os orzamentos da Deputación

A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, compareceu esta tarde en rolda de prensa acompañada polos deputados do seu grupo para explicar “a transparencia” co que ten actuado o PP e reivindicar a necesidade de que os concellos conten con apoio económico para levar a cabo os seus proxectos para este ano. A popular aclarou que se pediu que no Pleno de mañá se inverta a orde dos puntos do día de maneira que a incorporación dos remanentes se vote antes que os Presupostos de 2016. Elena Candia precisa que é nese remanente no que se tiveron en conta peticións dos populares como o incremento destinado ao servizo de axuda no fogar por importe de 300.000 euros ou obras demandadas polos concellos, polo que sería máis lóxico que se vote en primeiro lugar.

Un Presuposto mellor grazas ás achegas do PP

Os populares indicaron que non son os Orzamentos “que nos teríamos presentado” e, pese a valorar as modificacións que se foron facendo grazas ás achegas do PP, a vontade construtiva e colaboradora levou a este grupo a presentar unha serie de emendas que melloren o resultado final. Así, Candia referiuse á petición de que as modificacións de crédito sexan aprobadas polo Pleno, o mesmo que as subvencións e que se garanta a execución dos compromisos de gasto adquiridos mediante a subscrición de convenios cos concellos.

Os populares solicitan tamén que se respecte a autonomía local e que a maior parte dos fondos para emprego se destinen a colaborar cos concellos. “Cremos que estas emendas son fundamentais e servirían para que dunha vez por todas se desbloquee a situación que vive a institución”, engadiu. A voceira valorou o incremento da axuda no fogar, así como o aumento dos fondos destinados ao POS e esixiu que se respecten tamén os compromisos acordados cando gobernou o PP ou aqueles aos que se chegou mediante acordos do Pleno.

Sobre os convenios asinados coas entidades locais, Elena Candia esgrimiu que a finais do mes de marzo hai concellos que fixeron obras e aínda non lles foi aboada unha soa factura, pese a ter preguntado ata tres veces por eses pagamentos. “Isto é o que nos obriga a demandar mecanismos que garantan o cumprimento deses convenios ou ben no anexo de investimentos ou coa aprobación da emenda que presentamos”, expuxo.

O Grupo Provincial do PP quere, ademais, facilitar no Pleno de maña que “os concellos e o tecido asociativo da provincia conte con financiamento da Deputación de Lugo, polo que manterá a súa vontade de diálogo e negociadora para aprobar os Orzamentos do ano 2016 ata o comezo da sesión. Os populares asumen case responsabilidades de Goberno para que as contas saían adiante a través de numerosas melloras solicitadas, aínda que dependerá do bipartito a súa aprobación”, concluíu.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo