O Incio aproba uns Orzamentos para 2020 que ascenden a 1.811.000 euros

O Concello do Incio aprobou no Pleno ordinario celebrado hoxe os Orzamentos municipais para o ano 2020 que ascenden a 1.811.000 euros, preto de 400.000 euros máis que os do ano anterior, ou o que é o mesmo, un 29% máis. As contas cumpren coa regra de gasto e coa estabilidade orzamentaria e foron informadas de xeito favorable polo Servizo de Intervención Municipal.

O incremento nas contas vén motivado esencialmente, tal e como explica o rexedor, Héctor Corujo, polo incremento dos ingresos reais respecto ao previsto no exercicio de 2019, e a previsión do incremento nas transferencias correntes por mor do crecemento económico. En concreto, vanse destinar 356.776,06 euros a investimentos reais.

Mantéñense os servizos públicos básicos, onde atopamos, entre outros, unha serie de servizos imprescindibles para a cidadanía, tales como, a recollida e tratamento de residuos, a iluminación pública, tentando garantir un servizo eficiente e a redución ao máximo dos custos; e o mantemento das zonas axardinadas, cun persoal adecuado e eficiente.

Mantéñense tamén os servizos sociais, que se verán reforzados, xa que o Goberno local considera que nestes momentos, os nosos maiores, así como os dependentes, son os que máis nos necesitan. Así, o Concello do Incio acometerá unha aposta clara por este servizos.

Tamén se atenderá de xeito decidido o ámbito cultural e deportivo, tentando manter todos os servizos, e mesmo atendendo ás necesidades cidadás, así como ás demandas sociais. Inclúese neste apartado unha subvención nominativa co fin de promover o deporte entre os nenos e as nenas do Concello.

Ao mesmo tempo, vaise seguir apoiando ás asociacións para que poidan realizar as súas actividades dotándoas das cantidades suficientes para elo. Vanse reforzar os investimentos realizados polo propio Concello, garantindo ao máximo o mantemento das vías públicas coa consignación de aplicacións destinadas ao subministro de materiais para o servizo de obras.

Ademais, tamén se procurarán novas axudas económicas doutras administracións públicas, o que vai permitir incrementar a realización de obras para toda a cidadanía. Entre estas, a achega do IDAE para a renovación da iluminación pública de todo o termo municipal, que ascende a 417.982,40 euros.

As contas recibiron o voto favorable do Grupo Municipal do PP e o voto en contra do Grupo Municipal do PSOE.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com