Lugo acollerá do 18 ao 22 de agosto a quinta edición do Lugo Music Festival, no que participarán arredor de 150 músicos, na súa maioría lucenses. A programación abrangue estilos que van da música clásica e tradicional ao jazz e á música popular urbana.
O festival abrirase este martes, ás 20.00 horas, por primeira vez na Praza Maior, cun concerto da Banda Sinfónica. As restantes actuacións celebraranse neste espazo e no Círculo das Artes.
A edición estará dirixida por Cristóbal Soler, antigo director do Teatro Real de Madrid e actual responsable da Banda Municipal de Valencia. O programa inclúe tamén o V Curso-concurso de Dirección Musical, con participantes de España, Bélxica, Ucraína e Londres.
Entre as actuacións previstas figuran un recital de solistas con Gerald Vázquez e Iria Estévez, o Ensemble Xuvenil de Ventos, Tabea Graser e o Grupo de Corda e Piano.
A clausura será o sábado 22 no Círculo das Artes e incluirá a final do concurso de dirección, unha mostra de Nati & Jose Swing e a actuación do saxofonista Kike López. Ademais, de mércores a venres celebraranse ensaios abertos ao público.






