O Lugo volve a empatar no seu terceiro partido de Liga

O CD Lugo empatou ante o Córdoba CF nun partido no que os de Luis César se mostraron moi activos, controlando a posesión e portando a iniciativa, fronte a un Córdoba que non perdía, nin moito menos, a cara ao partido, mantendo o seu debuxo habitual de dúas liñas con dobre punta en ataque e buscando os espazos ás costas de zaga.

A pesar das boas sensacións iniciais, serían os locais os que se adiantaban no marcador, nun envío longo que Marcelo non acertaba a despexar, e que Rodri aproveitaba para facer o primeiro da noite de potente zurdazo. Inmediatamente o Lugo reaccionaba, adiantando liñas en ataque, e Joselu probaba fortuna nunha magnífica ocasión, man a man con Kieszek, que o gardameta abortaba con reflexos.

Os de Luís César mandaban neste tramo final da primeira parte e conseguian a súa recompensa cun duro disparo de Campillo dende a frontal, que batía ao gardameta local, logrando un xusto empate no electrónico.

A segunda metade tería no seu arranque un dos momentos clave do choque. Campillo volvía gozar dunha magnífica ocasión ao rematar de cabeza un gran centro de Caveira que Kieszek sacaba de maneira milagrosa evitando o gol visitante. A sorte era esquiva para os lucenses, xa que, a continuación, o colexiado decretaba penalti na área do CD Lugo, por un contacto entre Marcelo e Deivid e era Rodri quen executaba a pena máxima e conseguía a vantaxe para os andaluces.

O Lugo non se rendía e buscaba con afán un gol que devolvese á vida as súas opcións no choque. Un premio que chegaría en forma de remate intuitivo e veloz de Joselu, tras rexeite na área verdibranca, que batía de zurda ao gardameta contrario, conseguindo unha xusta recompensa ao esforzo e a valentía demostrada.

O crecemento do Lugo era claro e notable, tanto no xogo, como na cantidade de chegadas á área rival. Así, a falta de quince minutos para a conclusión, chegaba o golpe case definitivo dos albivermellos. Córner dende a dereita, e remate imperial de Ignasi Miquel, que colaba o balón nas mallas, e daba ao Lugo unha vantaxe que parecía definitiva.

Pero sería unha nova polémica decisión a que ía privar ao CD Lugo dos tres puntos, xa que, ao borde da conclusión, unha xogada con aparente falta sobre Ignasi Miquel en balón colgado sobre a área, terminaba en pena máxima cometida por Leuko, dando a opción do empate ao Córdoba CF e provocando a expulsión do camerunés. Juli non fallaba e colocaba o definitivo empate a tres, nun final polémico, que impedía aos lucenses levar a casa o premio dos tres puntos

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo