" />

O maior espectáculo do San Froilán por Xulio Xiz

Dicir que estamos vivindo o San Froilán é unha obviedade, pero non podemos eludir aquí e agora que o martes Lugo se mergullou nas festas patronais, e que todos os que puidemos nos mesturamos por milleiros no ambiente festeiro do centro da capital.

O Pregón de Paco Nieto deixounos aos espectadores un excelente sabor de boca, porque falou do San Froilán de sempre que perdura na memoria das xentes a través de persoeiros e historias, lembrando cronistas e actuantes, personaxes populares e meretrices famosas, destacando o carácter multitudinario e xeral dunhas festas para o pobo, rematando con peticións que todos subscribiríamos como a institución dun premio de teatro en memoria de Rafael Villanueva, que se mime á Banda municipal de música, se teña un recoñecemento a persoas como Jesús Pérez Regueiro-Jesús de Sargadelos, ou se lle dea a unha rúa o nome de “Fuxan os ventos”. Peticións que cabe supoñer non caeron en saco roto xa que estaba rodeado de autoridades, e un día así o Pregoeiro ten suprema autoridade festeira. A ver se lle fan caso.

A sesión de fogos de artificio que houbo a continuación, desde a casa do concello, foi de auténtica antoloxía, superando con moito a calquera das que eu teña visto nos anos anteriores, e incluír unha queima da fachada do concello encheu de ledicia e sorpresa ao moi numeroso público asistente.

Atrás queda o día do patrón, que se mantivo nunha posición intermedia en canto a rigores climatolóxicos, contribuíndo así a unha xornada máis familiar ca a que se espera o próximo domingo por ser o mércores laborable no resto de Galicia. E se hoxe toca lembrar xa con nostalxia o vivido, quédanos a ledicia expectante polo tempo que nos queda para troulear ata o próximo día doce.

Como canta Serrat en “Fiesta”, por unhas horas esquecemos a política, os problemas económicos, as precariedades laborais ou o fondo pozo do paro, para mergullarnos nun ambiente festeiro, que é un espectáculo en sí mesmo porque camiñando cara as barracas ou desde elas, vemos pasar o noso mundo festeiro á vez que formamos parte del.

O maior espectáculo do San Froilán, e o máis barato para a organización, somos nós mesmos, os festeiros, arte e parte en facer de Lugo unha “barahunda” festiva que se retroalimenta  para ser cada vez máis dinámica e máis viva.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo